|
A Aula CeMit de Tomiño imparte este verán cursos de balde para mozas e mozos de entre 8 e 15 anos
Ademais, volven os obradoiros Steam da man do aliado dixital Agasol e no marco do convenio de colaboración asinado coa Amtega
Este verán a Aula ceMit de Tomiño impartirá cursos de balde para estudantes de entre 8 e 15 anos, que poderán escoller entre retoque fotográfico e uso do procesador de texto, ámbolos dous de acceso gratuíto.
Para máis información ou para a inscrición chamar ao 986623304 ou mandar un correo electrónico a cemit.tomino@xunta.gal
Por outra banda, durante este verán volven os obradoiros Steam de balde para a rapazada de 8 a 15 anos da man do aliado dixital Agasol e no marco do convenio de colaboración asinado coa Amtega. Os contidos formativos serán os que siguen:
Tarxeta micro: bit para aprender a programar de xeito fácil e divertido.
Maching learning for kids: ferramenta para achegarnos á Intelixencia Artificial.
Makey Makey: kit de creación interactivo para experimentar, investigar e practicar nunha contorna real a programación con Scratch.
Circuítos en papel: circuíto eléctrico que ten como obxectivo facer brillar un LED nun papel ou tela, tamén poderanse incluír diferentes sensores e actuadores e facer cómics, postales pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva…
Pola súa parte, o monitorado de Agasol encargarase de adaptar os contidos ás características de cada grupo, introducindo conceptos como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía, o seu uso creativo, o traballo en equipo ou a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.
No caso da aula de Tomiño, as datas e horarios serán os seguintes:
De 8 a 11 anos, o 6 de xullo de 10:30 a 13:30
De 12 a 15 anos, o 7 de xullo de 10:30 a 13:30
Inscricións e información no número de teléfono 986 62 33 03; a través do correo electrónico cemit.tomino@xunta.gal ou na propia aula do Campo da Feira (O Seixo).
Tomiño remata o seu percorrido polas parroquias cun balance positivo e novas ideas
Máis de 450 persoas participaron nunha nova edición do programa 'O Concello escoita', que busca implicar á poboación na gobernanza do municipio
Grande acollida da nova edición do programa 'O Concello escoita', unha iniciativa que regresou ás parroquias tomiñesas tras o parón obrigado pola pandemia. O Concello de Tomiño retomaba así o seu percorrido polo municipio con 15 encontros celebrados nas últimas tres semanas nos que se xeraron espazos de conversa entre o goberno local e a poboación nos que a veciñanza achegou as súas inquedanzas e ideas, propuxo melloras ou compartiu opinións en positivo que axuden a deseñar un futuro mellor para Tomiño.
Máis de 450 persoas participaron nestas citas que comezaron o pasado 30 de xuño en Santa María de Tebra e Vilameán para percorrer despois Taborda, San Salvador, Amorín, Currás, Figueiró, Estás, Piñeiro, Sobrada, Pinzás, Barrantes, Forcadela e rematar a mediados de xullo en Tomiño e Goián. "O balance non pode ser máis positivo. Gobernamos sempre cunha escoita activa e moi preto dos nosos veciños e veciñas, pero todas e todos botabamos en falta esa interlocución directa e aberta para poñer en común os pasos que estamos dando cara o futuro e poder pensar xuntos e xuntas no Tomiño que queremos", explica a alcaldesa, Sandra González.
Durante estes encontros, rexedora e equipo de Goberno debullaron á veciñanza os proxectos máis importantes que se levaron a cabo ou que están en marcha no municipio nun ambiente distendido, cómodo e agradable, propicio para a conversa. "Despois de dous anos sen poder celebrar un dos nosos programas máis emblemáticos, a xente tiña moitas gañas de participar", asegura Agustín González, concelleiro de Participación Veciñal e Lecer.
O concelleiro destaca "a gran cantidade de ideas e de novas iniciativas propostas polas persoas participantes e que sen dúbida permitirannos seguir camiñando cara un futuro no que todas as nosas parroquias seguirán mellorando". "Rematamos estas tres semanas de encontros moi contentos e orgullosos de todo o que levamos feito e convencidos de que é a liña a seguir", salienta.
Dende o Concello quérese agradecer o seu tempo, o seu interese e as súas achegas a todas as persoas que participaron no 'Concello escoita', un programa que continuará celebrándose en vindeiras ocasións para deseñar entre todos e todas o Tomiño do futuro.
A alcaldesa de Tomiño reclama en París maior atención aos territorios transfronteirizos
A nacionalista participou no 'Borders Forum' xunto a representantes gubernamentais de primeiro nivel de diferentes países europeos
Sumouse ás voces que piden máis fondos e a eliminación de obstáculos legais para facilitar a vida da veciñanza das fronteiras interiores, un terzo da poboación da Unión Europea
A alcaldesa de Tomiño Sandra González defendeu onte en París a cooperación e a gobernanza transfronteirizas co máximo grao de participación pública. Fíxoo na segunda xornada do foro sobre fronteiras 'Borders Forum' organizado no marco da presidencia francesa do Consello da UE que está a reunir na capital parisina a representantes do máis alto nivel de entidades e administracións de rexións transfronteirizas da Unión.
A nacionalista participou nunha mesa redonda sobre o papel que debe xogar a mocidade e a sociedade civil na construción dos territorios transfronteirizos ao lado da presidenta da Comisión Nacional Francesa para o Debate Público Chantal Jouanno, dunha representante da Secretaría comunitaria para a Conferencia sobre o Futuro de Europa, Gaëtane Ricard-Nihoul, así como de varias persoas representantes de voluntariado cidadá en Francia, Alemaña, Bélxica e España.
Para a rexedora galega "a vida transfronteiriza é o mellor exemplo da cidadanía europea e precisa dunha maior atención por parte da Comisión e os estados da Unión". Lembrou que o 30% das e dos habitantes da UE (150 millóns de persoas) viven próximas ás súas fronteiras interiores, o que esixe que os gobernos democráticos garantan os dereitos e faciliten a vida desa veciñanza "removendo obstáculos legais e priorizando que os fondos dedicados á cooperación cheguen directamente aos territorios e municipios das fronteiras".
A alcaldesa de Tomiño referiuse á traxectoria de cooperación da Eurocidade Cerveira-Tomiño e a algúns dos seus proxectos estratéxicos como o Parque transfronteirizo da Amizade, subliñando a importancia estratéxica das actividades de mobilidade e intercambio da mocidade. Lembrou, neste sentido, os traballos de preparación da Axenda Urbana 2030 con participación de mocidade de entre 12 e 25 anos, o importante papel de "Voces Novas", o Consello da Infancia e a Adolescencia de Tomiño, e os traballos da Oficina de Información Xuvenil OMIX como integrante da rede EURODESK.
No seu discurso xeral Sandra González coincidiu con moitas das manifestacións expresadas polas diferentes entidades e as case 50 persoas relatoras que tomaron parte nas sesións celebradas no 'Borders Forum' os días 21 e 22 de xuño na Cidade Internacional Universitaria de París, baixo a organización da Mission Opérationnelle Transfrontalière, coa colaboración da Comisión Europea, o Comité Europeo das Rexións e ESPON.
Subliñou que "as cuestións relacionadas coas fronteiras deben estar no centro das axendas políticas europeas e dos distintos estados, especialmente agora que se aplican os plans de recuperación e se inician os novos programas Interreg ou a revisión do Código de Fronteiras de Schengen".
Fontes da DG Rexio da Comisión Europea estiman que a eliminación de 1/3 dos obstáculos que dificultan a vida transfronteiriza provocaría a suba dun 2% do PIB nestes territorios e a creación de 1 millón de postos de traballo. Neste sentido, a alcaldesa de Tomiño urxiu ou recoñecemento legal e normativo das áreas funcionais que transcenden as antigas fronteiras interestatais na Unión Europea. "Son territorios que xa existen, que son totalmente recoñecibles pola xente e que posúen instrumentos de cogobernanza e servizos compartidos", afirmou.
Nas diferentes mesas de traballo do 'Borders Forum' abordouse o debate sobre se os territorios transfronteirizos deben resignarse a unha situación na que os países "se repregan sobre si mesmos e as fronteiras se reducen a meras liñas divisorias ou hai capacidade colectiva de demostrar resiliencia e de respectar as fronteiras como territorios compartidos que son fontes de progreso".
|