|
A Guarda peregrina a Santiago para presentar unha renovada "Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira"
" A vila do Baixo Miño, engalanada para a ocasión, acollerá do 1 ao 3 de xullo a trixésima edición dun evento que supera o carácter gastronómico ao implicar a toda a sociedade guardesa.
" Antonio Lomba propón aos peregrinos un "camiño á inversa" desde Santiago para potenciar os dous sentidos do Camiño Portugués pola costa.
" Sánchez Bugallo resalta a beleza da localidade e felicítase por colaborar en dar a coñecer o patrimonio de A Guarda, "un orgullo para toda Galicia"
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022. Os alcaldes da Guarda, Antonio Lomba, e de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, protagonizaron esta mañá no Mercado de Abastos santiagués unha "irmandade" cultural e gastronómica co gallo da presentación da trixésima edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, que se celebrará do 1 ao 3 de xullo na localidade guardesa. É a primeira vez que o evento gastronómico preséntase na capital, debido, entre outras boas razóns, ao interese da Guarda por fomentar o Camiño Xacobeo portugués pola costa.
Nas súas intervencións, ambos dirixentes coincidiron na importancia desta celebración e na marabillosa contorna guardesa. Neste sentido, Antonio Lomba apostou por un "camiño á inversa" e que os visitantes que cheguen a Santiago volvan despois pola Guarda, unha suxerencia que foi moi ben recibida por Xosé Sánchez Bugallo, quen comentou, entre risas, que "xa sabemos que ao final todos os camiños conducen a Santiago". Bugallo non dubidou en resaltar a excepcional paisaxe da localidade pontevedresa, á vez que mostrou a súa satisfacción por "poder colaborar en dar a coñecer un patrimonio como o da Guarda, que é un orgullo para toda Galicia". Antonio Lomba, pola súa banda, destacou no seu discurso que o número de visitantes que chega á vila do Baixo Miño xa está como en 2019, antes da pandemia: "Estamos a só cinco visitantes de alcanzar as cifras dos turistas prepandémicos".
A boa sintonía dos dous alcaldes quedou de manifesto neste evento, no que exerceu de presentador o concelleiro de Turismo da Guarda, Rafael Álvarez, ante a atenta mirada dunha nutrida representación dos hostaleiros que participarán na Festa, da concelleira de Educación, da directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, do director do Museo de Pobo Galego e do presidente da Asociación Piueiro, entre outros asistentes.
A Aula de Cociña do Mercado de Abastos vestiuse de gala para esta presentación, que incluíu un showkooking en directo e a posterior degustación dos produtos que se poderán gozar na festa guardesa: a langosta, por suposto, pero tamén percebes, lagostinos, camaróns o chocos, entre outros manxares.
Unha programación para todas as idades
O vindeiro venres 1 de xullo, ás 20:00 horas, dará comezo a XXX Festa dá Lagosta e dá Cociña Mariñeira, tras dous anos de parón pola pandemia. A lectura do pregón a cargo da televisiva Eva Iglesias, a intervención do alcalde da localidade e a entrega da Lagosta de Ouro 2022, un galardón que se quere revalorizar, marcarán o inicio dunha das celebracións gastronómicas galegas máis populares.
Esa mesma noite, procederase á apertura da carpa e o grupo "Do Lusco ó Fusco" encargarase de amenizar as rúas, previamente engalanadas con motivos mariñeiros grazas á iniciativa da Asociación Piueiro que secundaron os guardeses e as guardesas, apoiados polo propio Concello. Esa colaboración directa de todo o pobo pretende ser un dos piares dunha celebración que parte do gastronómico para chegar a todos os ámbitos.
A xornada inaugural concluirá cunha das actuacións enmarcadas no Festival "Mar de Blues", que conta con invitados de talla internacional: "Will Jacobs & Marcos Coll Band", unha formación liderada polo guitarrista de Chicago Will Jacobs; Javier Turnes, de Bakin Blues Band, e Remi Bankyln, unha nova promesa do blues tradicional. Un programa de luxo que xa se converteu nun dos grandes atractivos do evento gastronómico.
O sábado, día 2, as actividades festivas darán comezo ás 11 da mañá e sucederanse ao longo do día con gastronomía, a inauguración da Exposición Etnográfica Mariñeira da Asociación Piueiro, viaxes no volanteiro, unha feira de artesanía na rúa do Porto e varios pasacalles. A Lagosta castrexa, a mascota deseñada con motivo do trinta aniversario da festa, ocupará boa parte das actividades destinadas aos máis pequenos. Mentres que os máis maiores gozarán, sen dúbida, coa actuacións en directo do programa "Mar de Blues".
O domingo, os visitantes poderán participar no roteiro das cetarias e do Museo do Mar, reservando previamente as súas prazas no correo festadalangosta@gmail.com ou no punto de información situado na carpa instalada no porto da Guarda. Os pasacalles a cargo de grupos locais animarán o vermú mariñeiro, que se poderá degustar nun gran número de establecementos hostaleiros da Guarda. A música neste terceiro día de festa poñeraa Erea Castro, cunha actuación na Praza de San Benito, mentres que o grupo "A Boalleira" encargarase de amenizar musicalmente a despedida entre o porto e a carpa.
A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 8 e sábado 9 de xullo
" O venres 8 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00h e o sábado 9 de 10:15h ás 15:00h.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 8 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00h e o sábado 9 de 10:15h ás 15:00h.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.
Gran broche final ao obradoiro de canto "Con voz propia" organizado polo CIM da Guarda
No día de onte o Alcalde, a Concelleira de Igualdade e a Directora do CIM puideron asistir e participar activamente na obra final na que actuaron xuntas as alumnas do obradoiro da Guarda e o de Baiona.
Este proxecto, dirixido exclusivamente a mulleres e executado por Maga de Voz, partía do suposto de que a aprendizaxe do canto, como conxunto de técnicas e habilidades vocais e musicais unidas á expresión de emocións auténticas, pode incrementar a seguridade e a confianza, axudando na descuberta e valorización de sí e da/s outra/s, favorecendo a inclusión e mellorando a propia estima e realización.
Durante a actuación, da que incluso puido ser partícipe o público asistente, resonaron no Mosteiro de Oia palabras como liberdade, amizade, compromiso ou empatía. Unha vez finalizado tivemos a oportunidade de escoitar as súas opinións e de xeito unánime expresaron unha profunda satisfacción por teren participado no obradoiro e incluso solicitaron poder continuar co mesmo.
Esta actividade está subvencionada con cargo aos Fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
A Guarda programa "Miúdo Verán", actividades para os máis pequenos da casa
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, programa "Miúdo Verán", con actividades que terán lugar entre o 7 de xullo e o 11 de agosto, pensadas para os máis pequenos da casa e que contan con cinema, maxia, danza, humor, música e moito máis.
A programación de actividades de "Miúdo Verán" arranca na xornada do xoves día 7 de xullo ás 22:30h coa proxección da película de animación infantil "El Principito" cinema de rúa na Praza do Reló.
Nesta sesión de cinema de rúa, unha nena pequena vive nun mundo de adultos xunto a súa nai, quen intenta preparala para a dura realidade, esperando que a súa filla creza rápido. Pero, grazas ao excéntrico e amable aviador que ten como veciño, a xoven descubrirá que existe outro mundo onde todo é posible. Así, escoitará fascinada as interesantes historias sobre o Principiño, á vez que comprende a importancia de prestar atención as cousas realmente importantes.
*
Para continuar coa programación de "Miúdo Verán", na xornada do xoves día 14 de xullo ás 20:30h o Auditorio de San Benito será o escenario para a realización do espectáculo de danza e humor "Sofá".
Nesta actividade dirixida a público infantil, xuvenil e adulto atopamos a unha parella e o seu sofá. A parella son Marta e Pablo, dúas persoas normais. O sofá é o lugar no que descansan e esquecen o que está fóra. O mundo: traballo mal remunerado, guerra, ameazas nucleares, catástrofes ecolóxicas, virus asasinos invisibles, normas arbitrarias, pobreza, esgotamento. Pablo e Marta están enfermos. Enfermos de cansazo e aburrimento. Pero téñense a unha ó outro, teñen un sofá, e saben bailar. Non todo está perdido.
* En caso de choiva cambiaría de data a comunicar nos días previos
Para o xoves día 21 de xullo regresa o cinema de rúa coa proxección da película de animación infantil "Bella y el circo mágico" ás 22:30h na Praza do Reló.
Bela está a organizar un circo para o seu mellor amigo, Henry. Está moi emocionada e espera ser a atracción principal cun fantástico truco de maxia. Pero o mesmo día do circo, un mozo molón, se muda á veciñanza. Ten unha idea espléndida para o espectáculo: quere facer un truco en bicicleta. Henry está asombrado polo mozo novo, mentres que ela sente que está a perder ao seu mellor amigo. Non pode soportalo máis e obriga a Henry a elixir entre o novo mozo ou ela. Henry non quere magoar a ninguén, sae correndo e desaparece. É cando ela ten que ir buscar ao seu inimigo, para que lle axude a atopar a Henry. Ten que salvar o circo, pero sobre todo a súa amizade.
*
O xoves día 28 de xullo chega a música a "Miúdo Verán" co concerto de Pakolas "Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo", ás 20:30h na Praza do Reló.
En "Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo" Pakolas preséntanos o seu último libro disco, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (Agosto-2020)
Neste novo traballo contaremos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel, que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.
*
Xa no mes de agosto, o xoves día 4 terá lugar ás 20:30h no Auditorio de San Benito "Carman", un espectáculo de humor, malabares, equilibrio e clown.
"Carman" de Javier Ariza, é unha comedia de rúa para un excéntrico showman e un Seat 600, un divertido espectáculo para todos os públicos no que un coche icónico cobra vida e terminará por moverse sen condutor nunha rutina musical e circense que pode levarlles incluso a eurovisión.
*
O xoves 11 de agosto ás 20:30h o Auditorio de San Benito da Guarda acolle o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia "Galicia Ilusiona", un espectáculo de maxia para público familiar e amantes da maxia e ilusionismo
Galicia Ilusiona é un Festival de Ilusionismo que pretende levar maxia e ilusión por toda Galicia entre os meses de Agosto a Outubro. O Festival preve á realización de espectáculos de gran calidade para todos os públicos que se levarán a cabo en máis de 100 concellos repartidos polas 4 provincias galegas.
*
A asistencia aos eventos de "Miúdo Verán" é de balde ate completar o aforo dispoñible en cada caso, a alternativa no posible caso de choiva comunicarase nos días previos a cada evento.
O Concello da Guarda convida a toda a veciñanza, especialmente aos máis cativos, a gozar desta programación especialmente dedicada para eles. A programación da axenda de verán 2022 será comunicada nos vindeiros días.
* En caso de choiva o espectáculo trasladaríase ao Centro Cultural.
O concello da Guarda súmase ao Día Mundial da ELA
" A fachada do consistorio municipal permanecerá iluminada de cor verde en sinal de apoio aos enfermos e aos familiares de pacientes afectados por esta doenza.
O Concello súmase este ano á chamada realizada dende a Asociación Galega de Afectados de Esclerosis Lateral Amiotrófica - AGAELA, en nome da Confederación Nacional de Entidades de ELA - ConELA, para que as entidades locais se sumen de xeito solidario ao Día Mundial da ELA.
A ELA (Esclerosis Lateral Amiotrófica) probablemente sexa unha das enfermidades máis devastadoras ás que se pode enfrontar calquera persoa e calquera familia. Por iso, é fundamental darlle visibilidade e que a sociedade comprenda a que se enfrontan os enfermos e as súas familias ante este fatal diagnóstico.
Deste xeito o vindeiro día 21 de xuño e coincidindo co Día Mundial da ELA ponse en marcha #LuzporlaELA, una acción de visibilidade na que o Concello da Guarda participa iluminando de cor verde a fachada do consistorio municipal en apoio e solidariedade coas persoas afectadas pola ELA e deixar constancia de que "A ELA existe".
En 2021, 250 municipios das 17 Comunidades Autónomas participaron iluminando de verde máis de 400 monumentos de toda España. Todo un logro de participación e colaboración conxunta de todos e todas.
As Alfombras Florais voltaron a encher de cor as rúas guardesas
" A Guarda recupera unha das festas tradicionais da vila despois da pandemia da COVID-19 e, malia as previsións desfavorables, a choiva deu tregua para gozar deste espectáculo floral
Esta fin de semana celebrouse a festividade do Corpus na vila da Guarda, unha festividade que se retoma despois da parada por mor da pandemia da COVId-19. Dende fai semanas moitas persoas traballaron con moito esforzo e dedicación na preparación dos diferentes materiais que se empregaron dende a tardiña do pasado sábado para a confección das Alfombras Florais.
A choiva fixo acto de presencia na tarde do sábado, polo que se optou por retrasar a procesión para as 19:00h, algo que axudou á confección das diferentes alfombras e motivou unha ampla e numerosa participación de veciños e visitantes que ateigaron as rúas da guarda para presenciar os tapetes florais.
En total realizáronse uns 2300 metros cadrados de superficie en tapices florais que luciron, no seu máximo esplendor, na tarde do domingo cando remataron os traballos dos centos de alfombristas das 10 rúas que se engalanaron para esta ocasión.
Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na Guarda xa dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e do Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas do pobo da Guarda.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus na Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.
Dende o Concello da Guarda se quere agradecer o labor de todas as persoas que traballaron para que esta celebración continúe e para que visitantes e locais gocer das mesmas, un enorme esforzo que se ve recompensado polos espectaculares resultados, sendo auténticas obras de arte en flor.
|