JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O martes inaugúrase a exposición "Lebres coma gacelas" que mestura palabras e imaxe, poesía e fotografía

A mostra, que abre a programación "Tui en letras" poderá visitarse en Tui até o 11 de xuño.

O próximo martes, 3 de maio, ás 20 h, na zona anexa da Sala Municipal de Exposicións inaugurarase a exposición "Lebres coma gacelas" promovida pola Deputación de Pontevedra. No acto inaugural haberá un recital poético a cargo de dúas voces da poética feminina de Galicia, Lorenza Conde e Miriam Ferradás, xunto a interpretación de varias pezas musicais a cargo de instrumentistas do Conservatorio Profesional de Música de Tui.

Xela Arias foi a autora conmemorada nas Letras Galegas 2021, muller inconformista e intempestiva que deixou un importantísimo legado poético referente para presentes e futuras xeracións. Tomando como inspiración a súa obra "Tigres coma cabalos" (1990), na que cada poema da escritora se confronta cunha imaxe do fotógrafo Xulio Gil, naceu este proxecto multidisciplinar que mestura palabra e imaxe, poesía e fotografía en perfecta simbiose.

"Lebres coma gacelas" establece unha analoxía con ese curioso título, pero escolle dous nomes de animais en feminino cunha clara declaración de intencións, reforzada ademais pola asociación simbólica que estes teñen coa intelixencia, coa axilidade e coa liberdade.

Esta mostra presenta poemas de autoras referentes na escrita galega, que crearon un diálogo ex professo para a fotografía contemporánea de dous artistas con estilos diferenciados, que retratan o corpo e o contorno cunha ollada poética fixa na realidade máis inmediata. As poetas participantes crearon as súas pezas para a mostra (tres cada unha) inspiradas polas imaxes de Eva Díez e Fran Herbello, que retratan o corpo e a contorna cunha ollada fixa na realidade máis inmediata. Temas como a arquitectura, especialmente relacionada coa paisaxe, están moi presentes nas distintas obras presentadas na mostra, así como a pegada do corpo humano na vivenda e nas citadas paisaxes. A mostra, comisariada e coordinada polo Servizo de Cultura da institución provincial, poderá visitarse ata o 11 de xuño.

Con estra exposición a concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui inicia o seu programa de actividades, que baixo a denominación de "Tui en letras", comprende diversas actuacións ao longo dos meses de maio e xuño, centrándose especialmente na celebración do "Día das Letras Galegas" o vindeiro 17 de maio.

Concello Tui


Dez catas de viños promocionarán a hostalería local entre maio e decembro

Até o 6 de maio pódense inscribir os establecementos interesados en acoller esta actividade

Un total de dez catas para promocionar o sector hostaleiro local e potenciar a cultura do viño se van realizar entre os meses de maio e decembro en establecementos tudenses. Trátase dunha iniciativa promovida conxuntamente por Empretui e A Emoción dos Viños co apoio do Concello de Tui.

Aqueles establecementos interesados en acoller unha cata no seu local teñen até o próximo venres, 6 de maio, para inscribirse no da asociación info@empretui.com. Cada cata estará limitada a un máximo de 16 persoas polo que deben dispor do espazo preciso no local para o evento. A inscrición, organización e selección dos viños de cada cata corre por conta da organización sen que supoña custe algún para o establecemento.

Esta primeira edición de catas pola hostalería local, comentadas por sumilleres, enólogos e enólogas e viticultores e viticultoras, comezará o xoves 19 de maio e rematará en decembro. Realizaranse os xoves alternos de maio, xuño, outubro, novembro e decembro, de 20 a 22 h, e incluirán tamén visita ás adegas. Cada cata, que terá un prezo de 17 euros, incluirá unha degustación de 6 viños.

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse unha vez se dea a coñecer o programa completo así como os locais onde se realizará cada cata.

Concello Tui


Tui celebrará este sábado o XII Enduro Cidade de Tui Trofeo Ibérico Eurocidade con 160 participantes do máis alto nivel

Destaca a presenza de Steve Holcombe sete veces campión do Mundo. A saída volverá estar no Paseo da Corredoira.

Este sábado, 30 de abril, celébrase o XII Enduro Cidade de Tui Trofeo Ibérico Eurocidade en memoria de Moncho Martínez. Unha proba deportiva espectacular que reunirá en Tui a 160 pilotos de alto nivel entre os que estará Steve Holcombe, sete veces campión do Mundo, xunto a outros destacados pilotos nacionais e internacionais que unha semana despois competirán no Mundial de Enduro en Lalín. Non faltarán á cita os galegos Pedro Gonzalo, Román Pérez ou Abel Carballés.

Unha das novidades desta edición será a saída dende o céntrico Paseo da Corredoira a partir das 14 h, e onde dende ás 9.00 h estará situado o aparcamento pechado. Así o explicaron esta mañá na presentación o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o presidente e o vocal do Motoclub Randufe, Adolfo Pereira e Iago Araujo, respectivamente, e o director técnico da proba e representante da Liga Galega de Moto de Campo, Javier Quintas.

Así o alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalaba que Tui xunto á promoción cultural "outro dos grandes valores engadidos que ten é a práctica de moitísimas modalidades deportivas". Nese senso indicaba que "estamos enlazando case todas as fins de semana eventos de tipo cultural con eventos de tipo deportivo" o que concluía "fala moito e ben das potencialidades deste concello. Amosaba o rexedor a gratitude e o recoñecemento ao traballo que levan feito dende o Moto Club Randufe "para que Tui sexa un dos referentes nun ámbito dunha práctica deportiva que ten moitísimos seguidores". Remataba cunha invitación a presenciar a proba, amosando o seu convencemento en que traerá de novo moitos visitantes a Tui.

Pola súa parte o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, destacaba esta mañá na presentación que "esta é unha proba moi ben organizada, segura e cunha participación alta e de calidade". Salientaba tamén o edil que será unha edición moi especial ao ser memorial Moncho Martínez, e amosaba a súa gratitude ao Moto Club Randufe por apostar por este tipo de probas. Lembraba que o Enduro forma parte do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença, e destacaba coma tamén o sábado se celebra dentro deste calendario o RAID TT de Jeeps da Eurocidade en Valença.

Dende o club organizador, o Moto Club Randufe, o seu presidente Adolfo Pereira salientaba coma esta "é unha proba moi lonxeva que forma parte do Campionato Galego" engadindo que "estamos moi comprometidos con esta proba que é moi valorada e querida polos pilotos e pola afección". Iago Araujo, vocal do club detallaba os case 100 quilómetros de percorrido que terán que realizar os e as pilotos cunha especial "Catro Camiños" e outra "Arquipedra" xunto a dúas trialeiras "Rocky Road" e "Gr" e avanzaba coma no tríptico editado recollen códigos coas localizacións para que o público poida disfrutar dos distintos tramos. A entrega de premios realizarase ás 21.30 h en Chan do Carrasco, onde estarán tamén as asistencias.

Javier Quintas, o director técnico da proba e representante da Liga Galega de Moto de Campo, destacou que este é un eduro "impactante pola alta calidade dos pilotos" coa presenza dun referente internacional e lenda do deporte coma Steve Holcombe, pero tamén con outros destacados pilotos nacionais e internacionais, xunto aos galegos. Afirmaba que "están todos os condicionantes para ter unha proba de moi alto nivel" e destacaba a Especial do aserradoiro coma espectacular.

O XII Enduro Cidade de Tui Trofeo Ibérico Eurocidade está organizado polo Motoclub Randufe e a Liga Galega de Moto de Campo, en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Motociclismo. Este evento forma parte do Calendario Deportivo da Eurocidade e está confinanciado polo programa operativo Interreg Valença-Tui.

Concello Tui


Novo horario de atención á cidadanía da Oficina de Biorresiduos e compostaxe en maio

Tamén comezan as reunións sobre o Plan Municipal de Compostaxe e entrega de composteiros individuais nas parroquias

A Oficina de Biorresiduos e compostaxe do Concello de Tui, situada no Centro Municipal de Formación en Guillarei, terá a partir do 5 maio horario de atención á cidadanía os xoves 10 a 14 h.

Deste xeito, con este horario fixo semanal, búscase prestar unha atención máis personalizada e mellorar o servizo non tendo que concertar cita previa para realizar calquera das xestións nesta oficina de compostaxe municipal. Así as persoas interesadas poderán achegarse os xoves á oficina a solicitar un composteiro individual ou aireadores, así coma caldeiros para a compostaxe comunitaria, recoller material estruturante e resolver as dúbidas sobre a xestión de residuos e o proceso de compostaxe.

Por outra parte, tamén no mes de maio, comezarán as charlas informativas nas parroquias tudenses para explicar o Plan Municipal de Compostaxe. Nas mesmas as persoas interesadas poderán obter un composteiro individual complementando no momento o impreso de solicitude. As primeiras charlas terá lugar o venres, 6 de maio, ás 20 h no Centro Cultural de Pexegueiro, e ás 21.30 h no Centro Cultural de Areas.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais