Despois de dous anos se poderse celebrar por mor da Covid, este ano volven as tradicionais festas de Santa Calumbra en Santa Comba, na parroquia oiense de Loureza. As celebracións terán lugar esta fin de semana e, para elo, a comisión de festas presenta unha programación na que destaca a tradicional Subida así como diversas actuacións musicais, especialmente a do recoñecido grupo folk Pelepau.
Os actos festivos comezarán o venres 29 de abril coa Subida de Santa Calumbra, desde a igrexa de Loureza (20.00 horas) ata a ermida, a cal estará amenizada polo grupo Tralo Mosteiro de Oia.
O domingo 1 de maio ás 11.00 horas fará a entrada a Banda de Música Xuvenil de Barro e ás 12.30 será a misa solemne, con sermón e procesión. A parte festiva desta xornada chegará a partir das 15.30 horas, coa música dos grupos Extra e Azar, e como peche estelar, a actuación de Pelepau. O recinto estará cuberto por unha carpa.
Pelepau é un grupo recoñecido na escena folk-trad galega composto por 11 percursionistas, todos eles profesores en escolas e agrupacións de música e danza tradicional galega. Este conxunto musical naceu en Vigo no ano 2010 co obxectivo de adaptar cancións tradicionais e populares desta terra con voces e percusións varias. A súa proposta tenta transmitir e conservar a cultura galega mediante un espectáculo interactivo, cunha posta en escena dinámica e en constante interacción co público. O concerto desta formación musical conta coa colaboración do Concello de Oia e máis da Xunta de Galicia.
A Asociación Galicia Ambiental e o Concello de Oia traballan conxuntamente para concienciar á poboación sobre os problemas que están a provocar as especies invasoras como a herba da pampa (Cortaderia selloana), presente en amplas zonas do país. Así, levarán a cabo diversas actividades durante a Semana Ibérica sobre Especies Invasoras (SIEI) que España e Portugal organizan do 21 ao 29 de maio co obxectivo de sensibilizar sobre este problema ambiental e económico.
As especies invasoras son unha das principais ameazas para a biodiversidade a nivel global e causan outros impactos significativos a nivel ambiental e socioeconómico. Porén, estas cuestións aínda son descoñecidas para a maior parte da cidadanía, polo que cómpre levar a cabo accións non só de control e erradicación, senón tamén de concienciación.
Neste contexto, a SIEI 2022 pretende contribuír a aumentar o coñecemento e a sensibilización sobre estas especies. Trátase dunha iniciativa promovida pola Rede Portuguesa de Estudo e Gestão de Espécies Invasoras - Rede InvECO, pola plataforma Invasoras.pt e polos proxectos LIFE Stop Cortaderia e LIFE INVASAQUA. Ademais, realízase en estreita colaboración con diversas entidades, asociacións e grupos informais.
Programación de actividades
Durante a SIEI organizaranse charlas nos centros escolares e asociacións de Oia, unhas actividades de sensibilización que culminarán cunha acción de voluntariado de extracción xeneralizada de plumeiros, cartografado de plantas e extracción dunha área de afectación na contorna urbana.
Un técnico forestal do Concello de Oia e o responsable de divulgación da asociación serán os encargados de trasladar aos distintos colectivos do concello información sobre os riscos ambientais e de saúde desta especie invasora, ademais de indicar a importancia de afrontar accións preventivas para evitar o seu rebrote.
A acción de voluntariado está prevista para o 29 de maio e consistirá en percorrer, por equipos, o termo municipal cun dobre obxectivo: extraer semente e cartografar a presenza da planta a través da plataforma habilitada polo proxecto LIFE Stop Cortaderia. Nela xa figura unha boa parte das plantas tras unha intensa actividade identificadora desenvolvida dende o municipio, un dos máis activos nesta materia de Galicia.
Esta xornada de voluntariado rematará coa entrega, para a súa destrución, de plumeiro novo, co que se evitará que millóns de sementes se estendan este ano por Oia e a súa contorna. A destrución terá lugar nunha zona urbana do municipio onde se consolidaron varias plantas, converténdose nun espazo "liberado" de Cortaderia selloana e restaurado mediante a plantación de vexetación e árbores autóctonas.
Programa "piloto" en Oia
Despois do parón obrigado polas medidas preventivas para o control da pandemia, a Asociación Galicia Ambiental retoma as súas actividades con voluntariado e os seus programas de educación e sensibilización ambiental. Esta primeira acción faise en colaboración co Concello de Oia, pois ambas entidades están adheridas ao proxecto LIFE Stop Cortaderia (actualmente en desenvolvemento e que finaliza este mesmo ano). Ademais, Galicia Ambiental é "socia rexional" na candidatura para optar a un novo proxecto STOP Cortaderia (sería a segunda parte do que este ano chega ao seu fin), presentado ao novo LIFE e que comezaría a executarse en 2023.
Durante 2022, Galicia Ambiental desenvolve diversas accións de voluntariado para a extracción de especies invasoras, nomeadamente cortaderia selloana, dentro do seu programa SIN INVASORAS. Neste contexto, a acción de Oia considérase un "programa piloto" das intervencións locais que se desenvolverán, no caso de ser aprobado, no marco do II Programa Stop Cortaderia, do cal formará parte en representación de Galicia. Este programa agrupa a comunidades de Portugal, España (todas as comunidades cantábricas) e Francia.