|
A Eurocidade Tui-Valença organiza unha andaina en 5 etapa polo Camiño Portugués de Porto a Tui
Este domingo celébrase a Andaina de San Telmo que abre o circuíto de camiñas saudables
A Eurocidade Tui-Valença organiza unha andaina en 5 etapa polo Camiño Portugués de Porto a Tui
A Eurocidade Tui-Valença promociona o Camiño Portugués da Costa dende Porto ata Tui cunha camiñada en 5 etapas que se van realizar entre etapas dende Porto a Tui, entre o 21 de maio e o 9 de xullo. Esta actividade forma parte das Andainas da Eurocidade Tui-Valença que comezan esta fin de semana
A participación está limitada a 50 persoas e ten un prezo de 12 euros por etapa, incluíndo o transporte até o punto de partida, seguro, auga e froita.
A primeira etapa realizarase o sábado 21 de maio percorrendo os 27 quilómetros dende a Sé de Porto até Vila do Conde. A fin de semana seguinte, o sábado 28 de maio, percorreranse 28 quilómetros dende Vila do Conce a Marinhas.
O Camiño continuará o 18 de xuño coa etapa entre Marinhas e Viana do Castelo de 26 quilómetros. Xa o 2 de xullo realizarase o percorrido entre Viana do Castelo e Caminha cun total de 27 quilómetros. Por último o 9 de xullo realizarase a derradeira etapa, de 25 quilómetros dende Caminha, pasando por Vila Nova de Cerveira, Valença e chegando a Tui.
A inscrición está limitada a 50 persoas podendo realizarse neste enlace Inscrición
As persoas interesadas poden ampliar esta información en caminhadas.andainas@gmail.com, ou nos teléfonos 607 785 601 e 00351 934 440 770.
Precisamente o circuíto de andainas e camiñadas da Eurocidade Tui-Valença comezan este domingo, 24 de abril, coa Andaina de San Telmo cun percorrido de 7 quilómetros e guiada polo club AndaTui Rego da Pedra. Sairá da praza da Inmaculada, para continuar até a praza de San Fernando para percorrer dende aí un tramo do Camiño Portugués, o camiño de Sierpes, San Bartolomeu, a Virxe do Camiño, se visitará o muiño de Lavandeira, que ten a particularidade de ser o único muíño de cubo da zona, continuando por Pazos de Reis e regresando ao punto de partida. A inscrición, cun prezo de 6€ e inclúe auga, froita, seguro e un aperitivo no remate, pode facerse en www.andatui.es
Aberto o prazo de solicitude de participación na XXIV Feira de Artesanía que se vai celebrar do 14 ao 17 de maio
As persoas interesadas teñen até ás 23.59 do 1 de maio para inscribirse
Hoxe vén de abrir o prazo para solicitar a participación na XXIV Feira de Artesanía que se vai celebrar do sábado 14 ao martes 17 de maio, na rúa Ordóñez, e nas prazas do Concello e San Fernando.
A Feira está organizada polo Concello de Tui, contado coa colaboración coa Asociación Galega de Artesáns. Tras o parón motivado pola pandemia, retómase esta tradicional cita coa artesanía, coa que se busca impulsar a promoción comercial do sector artesán galego e apoiar a divulgación da artesanía.
As persoas interesadas en participar, sexan persoas físicas ou sociedades, legalmente constituídos ou regularizados no réxime de traballadores por conta propia, segundo o caso, deberán estar en posesión da carta de artesá/artesáns. A inscrición está aberta até as 23.59 h do 1 de maio a través do formulario dispoñible en www.tui.gal. Ademais, as persoas solicitantes deberán remitir á organización fotografías representativas dos seus produtos ao correo comercio@tui.gal. Está terminantemente prohibida a exposición ou venda de pezas non artesanais.
Na selección dos expositores terán prioridade as persoas artesáns solicitantes con razón social no Concello de Tui e comarca e as persoas artesáns tradicionais populares. Valorarase tamén a calidade, singularidade e carácter diferencial da produción, a variedade de oficios representados na feira, que o obradoiro este radicado en Galicia e a presenza dos titulares ao fronte do posto durante a feira, e o ofrecemento do realización de obradoiros para o público.
O Concello disporá ata un total de 40 postos de venda que serán distribuídos entre a rúa Ordóñez, a praza de San Fernando e praza do Concello. A Feira será inaugurada o sábado 14 de maio ás 12 h e abrirá cada xornada de 12 a 21 h. De forma paralela á actividade de exposición e venda a organización está a deseñar un programa que incluirá actividades musicais, obradoiros, demostracións en directo, e actividades infantís. Amais a celebración deste evento coincidirá coa celebración do Día das Letras Galegas e a Feira do Libro Galego en Tui.
Os viños da raia conquistaron a tudenses e visitantes na fin de semana
Balanzo positivo do I Encontro de Viños da Raia celebrado esta pasada fin de semana na praza da Inmaculada en Tui dentro da programación das Festas de San Telmo.
Centos de persoas achegáronse tanto o sábado coma o domingo a este evento que buscaba pór en valor os viños locais dunha e doutra beira da raia elaborados por pequenos produtores , con edicións limitadas, de xeito artesanal e con moito mimo, buscando a esencia da terra. Grazas a este evento dez pequenos produtores puideron achegar e dar a coñecer os seus viños brancos, tintos e espumosos ao público.
As dez adegas participantes Adega Corisca de Tui, Adega do Vimbio de Tomiño, Adega Edmun Do Val de Valença, Sergio Álvarez do Rosal, Lagar Pedregales de Tomiño, Adega do Ricón de Arbo, Adega Pateira do Rosal, Adegas Xangall de Arbo, Aquí Começa Portugal de Cevide, e Adega María Bargiela de Salvaterra de Miño, puideron compartir experiencias coas persoas que se achegaron a este encontro, valorando de xeito moi positivo esta iniciativa.
Amais as dúas catas comentadas pola sumiller tudense Marina Cruces permitiron as persoas participantes coñecer máis polo miúdo as características de cada un destes viños.
Dende o Concello de Tui valórase positivamente a primeira edición deste encontro que aposta polos produtos máis cercanos, comezando xa a traballar para darlle continuidade no tempo. Salientase amais a boa acollida do público que tanto o sábado coma o domingo se achegou a compartir un viño na praza da Inmaculada.
Máis de 1.400 visitantes foron atendidos na Oficina Municipal de Turismo na Semana Santa
Son números similares aos de 2019, o que evidencia a recuperación do sector
A Oficina de Turismo de Tui ten rexistrado na Semana Santa, entre o venres 8 e o domingo 17 de abril, un total de 1.436 consultas de usuarios que demandaban información na súa visita e estadía na nosa cidade.
En concreto, o total de turistas atendidos acadou a cifra de 1.045 do que 37 eran visitantes internacionais e 1.008 turistas españois. Mentres o número de peregrinos atendidos foi de 391 persoas, das que 147 eran estranxeiras e 244 españolas.
Durante esta Semana Santa foron moi numerosos os peregrinos que partiron de Tui para realizar o Camiño de Santiago, ou que chegaron á cidade tras iniciar o camiño en terras portuguesas coma se puido constatar por todo o tramo desta vía xacobea durante os últimos días coa presenza de peregrinos e peregrinos tanto nacionais coma internacionais. Parte deles, en concreto 391 se achegaron á Oficina de Turismo para solicitar información, deles 147 procedían doutros países e 244 de España.
En canto á procedencia dos e das visitantes que esta Semana Santa se achegaron até Tui salienta Madrid con 226 persoas, seguida de Bizkaia con 42, Valladolid con 22, Salamanca con 17 ou Burgos con 16 e, claro está tamén visitantes procedentes de Galicia con 194 da provincia de Pontevedra, 106 de A Coruña, 30 de Ourense ou 22 de Lugo. No que atinxe aos internacionais proceden maioritariamente de Portugal.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que tanto os datos da Oficina Municipal de Turismo, coma os proprocionados polos establecementos do sector, son altamentre satisfactorios pois permiten afirmar unha recuperación das dinámicas turísticas na nosa cidade, con altos niveis de ocupación e visitantes. Así as cifras deste ano son próximas as rexistardas en 2019, ano de cifras records, xa que hai tres anos se rexistraron 1.211 turistas e esta Semana Santa se acadaron 1.045.
A Oficina Municipal de Turismo está situada, dende o pasado mes de febreiro no céntrico Paseo da Corredoira e conta cunhas novas instalacións que permiten ofrecer un servizo de atención aos visitantes de maior calidade.
A exposición "Artistas Tudenses" presenta a obra de trinta creadores artísticos
Pódese visitar até o 17 de maio na Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez
Dende o pasado sábado pódese visitar na Sala Municipal de Exposición, no edificio Francisco Sánchez, a mostra "Artistas Tudenses". A exposición, organizada polo Concello de Tui, con motivo das festas de san Telmo, recolle unha escolma da obra dunha trintena de artistas tudenses de diversas disciplinas artísticas.
Na mesma expóñense obras dende o século XVIII ata a actualidade. A máis antiga é unha pintura titulada "Pentecostés", de Benito Antonio Silva y Ruibal, datada en 1783. Esta obra na actualidade é propiedade do Concello de Tui, e procede dalgún convento tudense desamortizado, posiblemente o convento franciscano de San Antonio. Expóñense tamén obras de Ricardo Padín e o seu fillo Eduardo, de Benito Prieto Coussent, dos irmáns Gonzalo e Jaime González Besada, ou da pintora e escritora Gloria Pereira García "María Tydeska".
Están presentes tamén os nomes máis referenciais como Silverio Rivas ou Xosé Luís de Dios, que testemuñan un alto nivel de calidade nesta mostra representativa da arte tudense.
As esculturas de Moise Dikoff, Rai, Juan Vázquez, Romer ou Andrés Lamas, forman parte da mostra xunto ás obras pictóricas de Clara Torres, Luis Coello, Escuder, Martín Rodríguez, Rosa Vila, Nuria Buján, Beatriz Iglesias Almeida, Juan Valcárcel, etc
Complétase a exposición cunha escolma de fotógrafos, que se inicia coa figura de Santos Salvado, que nas últimas décadas do século XIX, fotografía a misión beneditina de Nova Nursia, en Australia, fundada polo seu irmán Frei Rosendo Salvado. Xunto a el nomes como Pedro Varela, Rosendo Bugarín, Gonzalo Gutiérrez, Juan Vila ou Gus Abreu.
Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, a mostra recolle nomes tudenses vinculados ás diversas expresións e modalidades artísticas, que expresan coas súas obras a súa capacidade creativa e de comunicación. Engade a concelleira "unhas obras que nos enriquecen como sociedade, que nos axudan a ollar de novos, e ás veces alternativos, xeitos a nosa realidade, a ter a capacidade de sumar á nosa mirada á diversa percepción que estes artistas expresan coa súa creatividade....".
|