|
Catro estreas na XII Semana do Teatro Amador, un clásico nas festas de San Telmo
Celébrase do martes 19 ao venres 22 ás 21 h no Teatro Municipal de Tui
Os grupos de teatro San Fins de Rebordáns, Aloia de Pazos de Reis, Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui, e Chirlomirlo de Randufe serán este ano os protagonistas da XII Semana do Teatro Amador que se vai celebrar do martes 19 ao venres 22 de abril no Teatro Municipal de Tui.
Tras dous anos do parón, debido á pandemia, este ano volve esta actividade que pon en valor o traballo dos grupos de teatro afeccionado que hai no municipio e faino con catro estreas. As entradas poden mercarse xa en www.tui.gal ao prezo de 2€, tamén cada xornada ás 20 h no despacho de billetes, poranse á venda 100 entradas para a función do día.
Esta mañá na presentación desta actividade o alcalde, Enrique Cabaleiro, amosouse "inmensamente feliz por poder volver presentar esta Semana de Teatro Amador" destacando coma esta proposta de teatro amador forma parte da axenda cultural tudense e é "unha icona da programación das propias festas, que dificilmente se entenderían sen este elemento, que é un expoñente da nosa cultura, da cultura que se fai no rural, e que ten moitísimo valor non so no ámbito cultural senón tamén no social".
Enrique Cabaleiro transmitiu ao grupos participantes "a gratitude desta institución porque se noutras circunstancias é difícil facer teatro, e facer cultura no mundo rural, o é moito máis nestes momentos". Engadía que é "moi meritorio que despois de dous anos tremendamente complicados tiverades a valentía de sacar adiante unha obra, e trasladala agora para que todos poidamos disfrutar dela". E conclúa indicando que esta é "unha magnífica oportunidade para achegarse ao teatro".
Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicaba que "é un pracer volver a ter ao teatro amador dentro das festas de San Telmo" xa que a programación non se entendería sen este evento que representan tanto estes festexos como "as orquestras, as bandas de música e a nosa cultura e a nosa tradición", recoñecemento "inmenso traballo que fan estes centros culturais". Engadía que "para nós é un orgullo nas nosas festas telos no Teatro Municipal e que poidamos disfrutar desa aficción inmensa que teñen polo teatro"
Na presentación participaban Juana Dávila e Conchi Pereira do grupos de teatro San Fins de Rebordáns; Yeray Vergara e Secundino Domíguez de Aloia de Pazos de Reis; Maximino Fernández e Miguez Pérez de Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui; e Carlos Alfaya e Alberto Sánchez de Chirlomirlo de Randufe.
Os encargados de abrir esta programación teatral, o martes 19 ás 21 h, serán os integrantes do grupo de teatro San Fins da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns coa estrea de "Milagre no convento de Santa María Juana" de Jean Pierre Martínez. Baixo a dirección de Laura Villaverde dez actores e actrices porán en escena esta comedia que transcorre "nun convento orixinal" no que "ocorren cousas raras e divertidas" coma explicaban hoxe.
O mércores 20, tamén ás 21 h, será a quenda do grupo de teatro Aloia da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis que estreará "Spot", unha comedia que recolle unha serie de sketches cómicos e satíricos sobre a influencia da publicidade nas nosas vidas. Once actores e actrices dan a vida a esta obra de Carles Alberola e Roberto García dirixida por Bego Míguez.
"As vacacións da duquesa" é o título da obra que estreará o xoves 21, ás 21 h, o grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui. O elenco, dirixido por Miguel Ángel Pérez Blanco está formado por oito persoas. Este sainete escrito por Raimundo Francés comeza cando a duquesa plantexa a súa familia onde ir de vacacións, e os problemas que xorden xa que non ten cartos.
Os encargados de pechar esta XII Semana de Teatro Afeccionado será o grupo de teatro Chrilomirlo da Asociación Cultural Xuntanza o venres, 22 de abril, ás 21 h. Baixo a dirección de Areta Bolado van estrear "O enfermo imaxinario" de Moliere. Doces actores e actrices darán vida a esta comedia "levada ao noso terreo" coma indicaban esta mañá dende o grupo de teatro Chirlomirlo que destacaban coma levan 65 anos facendo teatro en Randufe.
Todos os grupos presentes recoñecían as dificultades derivadas da pandemia para seguir coa actividade do grupo de teatro e poder montar as obras que agora estrearan con toda ilusión.
A visita aos Monumentos e as procesións dos Pasos e do Santo Enterro actos centrais da Semana Santa en Tui
O "Monumento da Semana Santa" da Catedral é único en España
Relixiosidade, tradición e patrimonio van da man esta Semana Santa en Tui coa recuperación dos actos procesionais e da Visita aos Monumentos que marcan o programa destes días baixo a organización da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, a Catedral e o Concello de Tui.
Na Capela da Misericordia volve realizarse este ano a recreación do Horto das Oliveiras, que se realiza dende 1818. Este é precisamente un dos monumentos que visitan no Xoves Santo, a partir das 19 h. Un percorrido polo patrimonio relixioso do conxunto histórico de Tui dende a Catedral, á igrexa das Clarisas, San Telmo, a capela da Residencia San Telmo, e as igrexas de San Domingos e San Bartolomeu, que conta con gran tradición entre a poboación tudense.
Cómpre salientar tamén como na Catedral, no lado norte da nave central do cruceiro, atopamos unha peza de mobiliario litúrxico único en España coma é o "Monumento de Santa Santa" realizado no século XVIII por Juan Luís Pereira.
O Venres Santo celebrarase o Sermón do Encontro, cunha recreación parateatral, con saída, ás 11 h, dos pasos dende a Capela da Misericordia até a praza de San Fernando, onde D. Ángel Carnicero, reitor do Seminario Maior San Xosé será o orador. A continuación terá lugar a procesión dos Pasos polas rúas do conxunto histórico, coa participación da agrupación de exvoluntarios de Protección Civil portando a imaxe do Santo Cristo da Agonía, coma levan facendo dende hai 29 anos.
Ás 20 h na igrexa de San Domingos terá lugar o Sermón do Desencravo con D. Samuel Montes, formador do Seminario Maior San Xosé coma orador. A continuación comezará a procesión do Santo Enterro irá dende esta igrexa polas rúas do conxunto histórico até a igrexa parroquial de San Francisco.
O Sábado Santo ás 8 h celebrarse a procesión de Nosa Señora da Soidade, só para mulleres, dende a igrexa de San Francisco á Catedral, con posterior sermón a cargo de D. Ángel Carnicero. A partir das 21.3 h celebrarse a Solemne Vixilia Pascual.
Os actos pecharanse o domingo 17, Domingo de Pascua de Resurrección coa Misa Pascual presidida polo bispo da Diocese, ás 12 h na Catedral.
Programa Semana Santa - Tui 2022
Mércores 13 de abril. Mércores Santo
" 12:00 h. Misa Crismal na S. I. Catedral
" Presidida polo Bispo da diocese e concelebrada polo presbiterio diocesano. Bendición dos óleos que se empregan na administración dos sacramentos nas parroquias durante o ano e renovación polos presbíteros das súas promesas sacerdotais.
Xoves 14 de abril, Xoves Santo
" 19:30 h. Misa Vespertina da cea do Señor na S. I. Catedral
" 19:00 a 23:00 h. Visita aos Monumentos
" Tradicional percorrido polos seguintes lugares: S. I. Catedral, Igrexas das Monxas Clarisas, Igrexa de San Telmo, Capela da Residencia San Telmo, Igrexa de San Domingos e igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia visítase a representación do Horto das Oliveiras.
" 23:00 h. Hora Santa na S. I. Catedral
Venres 15 de abril, Venres Santo
" 11:00 h. Sermón do Encontro e procesión dos pasos
o Saída dos pasos dende a Capela da Misericordia até a Praza de San Fernando onde terá lugar o Sermón do Encontro.
o Orador: D. Angel Carnicero Carrera, Reitor do Seminario Maior "San Xosé".
o A continuación procesión polas rúas da cidade.
o Organiza: Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia. Colabora: Asociación de antigos voluntarios de Protección Civil de Tui.
" 18.00 h. Celebración da Paixón do Señor na S. I. Catedral
" 20:00 h. Sermón do Desencravo e procesión do Santo Enterro
o Na igrexa de San Domingos Sermón do Desencravo.
o Orador: D. Samuel Montes Costas, Formador do Seminario Maior "San Xosé". A continuación Procesión do Santo Enterro polas rúas da cidade ata a igrexa parroquial de San Francisco.
Sábado 16 de abril, Sábado Santo
" 08:00 h. Procesión de Nosa Señora da Soidade
o Saída dende a Igrexa de San Francisco ata a S. I. Catedral.
o A continuación sermón a cargo de D. Ángel Carnicero Carrera, Reitor do Seminario Maior "San Xosé".
" 21:30 h. Solemne Vixilia Pascual na igrexa parroquial de San Francisco
Domingo 17 de abril, Domingo de Pascua de Resurrección
" 12:00 h. Misa Pascual na S. I. Catedral
" Presidida polo Bispo da diocese.
Dez adegas participan esta fin de semana no I Encontro de viños da Raia
Reivindicar o potencial dos viños elaborados dunha e doutra beira do Miño é o obxectivo do I Encontro de Viños da Raia que esta fin de semana se vai celebrar en Tui. Esta iniciativa, organizada polo Concello, é unha das novidades que incorpora este ano a programación das Festas de San Telmo.
A cita desenvolverase na praza da Inmaculada, a carón do céntrico Paseo da Corredoira, coa participación de Adega Corisca de Tui, Adega do Vimbio de Tomiño, Adega Edmundo Val de Valença, Sergio Álvarez do Rosal, Lagar Pedregales de Tomiño, Adega do Ricón de Arbo, Adega Pateira do Rosal, Adegas Xangall de Arbo, Aquí Começa Portugal de Cevide, e Adega María Bargiela de Salvaterra de Miño. Os seus viños brancos, tintos e espumosos, por copa ou botella, poderán degustarse tanto o sábado coma o domingo de 12 a 15 h e de 18 a 21h.
Este I Encontro de Viños da Raia contará cunha coidada decoración que converterá a praza da Inmaculada nunha terraza ao aire libre na que gozar de viños de autor, con personalidade propia e froito do mimo e coidado dos seus produtores, que non deixan de formarse e innovar para sorprender cos seus cos seus produtos.
Para este encontro editouse unha copa conmemorativa serigrafiada coa imaxe deste evento, que se poderá adquirir ao prezo de 2,5€, no posto da organización na propia praza da Inmaculada. Unha vez degustado o viño se o consumidor o desexa pode devolvela e recuperar o prezo aboado. O viño das adegas participantes poderá consumirse a prezos populares dende 2€ a copa e 10€ a botella.
Tanto o sábado coma o domingo a partir das 19 h no interior dos antigos xulgados a destacada sumiller tudense Marina Cruces, guiará ás persoas presentes a través dos viños das adegas participantes nunha maridaxe de música e viño. Para participar será preciso inscrición previa de entrada, cun prezo de 2€, no posto da organización, na mesma praza da Inmaculada, o mesmo día en que se desexa asistir.
Ao longo da fin de semana na mesma praza da Inmaculada poderanse gozar de distintas actividades ao aire libre, dentro da programación das Festas de San Telmo.
O pregón popular de Luís Zahera abrirá este sábado as Festas de San Telmo 2022
A entrega dos premios Cidade de Tui, música e gastronomía centran a primeira fin de semana festiva
Tui celebrará dende este sábado, 16 de abril, e até o luns 25 as festas patronais na honra a San Telmo, declaradas de interese turístico galego.
O inicio da festa virá marcado polo pregón popular da man do actor galego Luís Zahera. O gañador dun premio Goya por "El Reino" abrirá as festas dende o balcón do edificio dos antigos xulgados na praza da Inmaculada ás 12.45 h.
O acto institucional terá lugar ás 19.30 h no Teatro Municipal coa gala de entrega dos "Premios Cidade de Tui". Ao igual que o ano pasado neste evento recoñecerase a unha persoa e un colectivo pola a súa achega ao desenvolvemento social dende o seu ámbito profesional ou por calquera acción de relevancia que teña contribuído ao engrandecemento e difusión de Tui e os seus cidadáns. O premio individual será entregado a Alberto Romero Rodríguez "Romer" polo seu destacado traballo na promoción dos muiños do río Tripes, impulsor da romaría "Os nosos fariñeiros, burros e muíños" e promotor da Asociación de Muiñeiros do río Tripes. Tamén se recoñecerá o seu labor de investigación do noso patrimonio etnográfico e inmaterial relacionado co río Tripes e o Parque Natural do Monte Aloia.
Na categoría colectiva o galardón é concedido á Asociación Asistencial Sos Tomiño - Baixo Miño que desenvolve o seu labor dende hai 13 no Baixo Miño. Este colectivo é un exemplo sobranceiro de compromiso social a prol dos máis desfavorecidos de Tui, de Tomiño, O Rosal e Oia. O xurado valorou o traballo xeneroso e altruísta dos numerosos voluntarios que integran esta Asociación, a colaboración interxeracional que promoven nas súas actividades, o amplo programa asistencial e a excelente organización á hora da recollida e distribución das axudas e a alta efectividade coa que desenvolven o seu labor.
O acto contará coas intervencións do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente. Actuará a Big Band do Conservatorio Profesional de Música de Tui.
Ao remate da Gala será inaugurada, na Sala Municipal a exposición "Artistas Tudenses".
A música será un dos pratos fortes desta fin de semana coa actuación do grupo canario "Efecto Pasillo" o sábado ás 23 h no recinto feiral. Os grupos locais estarán tamén en concerto, neste caso na carpa instalada no Paseo da Corredoira, onde o sábado ás 21.30 h actuará Micalip's e o domingo, á mesma hora, No All Kansas. A charanga tudense Cantos Somos actuará o sábado (12 h) na praza da Inmaculada e o domingo (19.30 h) polas rúas do centro urbano.
O domingo na carpa da Corredoira actuarán ás 12.30 h a Banda de Música Popular de Tui, e ás 18 h a Banda de Música de Salvaterra. A primeira verbena das festas, na rúa Compostela, estará a cargo da Orquestra Satélites o domingo dende ás 18.30 h.
Non faltará a cita coa música tradicional no Festival Folclórico Festas de San Telmo que se vai celebrar o domingo, ás 17.30 h, no Teatro Municipal coa participación dos grupos do Traxe Tradicional (Tui), Seixos Albos (Areas), Lembranzas da Terra (Guillarei), Inquedanzas (Pazos de Reis), O Mosteiro (Pexegueiro), Xuntanza (Randufe), San Fins (Rebordáns), Santa Columba (Ribadelouro) e San Telmo(Tui).
Nas festas de San Telmo a gastronomía tamén esta presente. En cinco restaurantes tudenses Asador Paulo, El Molino, La de Manu, O Novo Cabalo Furado e Parador de Tui, pódese degustar o meixón, previa reserva, a un prezo de 69 € a ración.
E tanto o sábado coma o domingo na praza da Inmaculada celébrase a de 12 a 15 h e de 18 a 21 h o I Encontro de Viños da Raia. A prezos populares, dende 2€ a copa e dende 10€ a botella, poderanse degustar os viños brancos, tintos e espumosos de Adega Corisca de Tui, Adega do Vimbio de Tomiño, Adega Edmundo Val de Valença, Sergio Álvarez do Rosal, Lagar Pedregales de Tomiño, Adega do Ricón de Arbo, Adega Pateira do Rosal, Adegas Xangall de Arbo, Aquí Começa Portugal de Cevide, e Adega María Bargiela de Salvaterra de Miño. A copa conmemorativa terá un prezo de 2,5 €. Amais tanto o sábado coma o domingo, ás 19 h no interior dos antigos xulgados, a sumiller tudense Marina Cruces, guiará ás persoas presentes a través dos viños das adegas participantes nunha maridaxe de música e viño. Para participar será preciso inscrición previa de entrada, cun prezo de 2€, no posto da organización, na mesma praza da Inmaculada, o mesmo día en que se desexa asistir.
Sábado 16
" 12.00h - 14.00 h Na praza da Inmaculada, Xigantes e Cabezudos na compaña da Charanga Cantos Somos..
" De 12 a 15 h e de 18 a 21 h na praza da Inmaculada, I Encontro de Viños da Raia coa participación de Adega Corisca de Tui, Adega do Vimbio de Tomiño, Adega Edmundo Val de Valença, Sergio Álvarez do Rosal, Lagar Pedregales de Tomiño, Adega do Ricón de Arbo, Adega Pateira do Rosal, Adegas Xangall de Arbo, Aquí Começa Portugal de Cevide, e Adega María Bargiela de Salvaterra de Miño
" 12.45h - 13.15 h Na praza da Inmaculada, lectura do Pregón a cargo de Luis Zahera. En caso de choiva na carpa da Corredoira.
" 19.30h - 20.30 h No Teatro Municipal, Gala "Premios Cidade de Tui". Entrada libre até completar capacidade.
" 20.30h - 21.30 h Na Sala de Exposicións, inauguración da exposición "Artistas Tudenses".
" 21.30h - 23.00h Na carpa da Corredoira, actuación do grupo Micalip's.
" 23.00h - 01.00h Na no espazo feiral (explanada do antigo Cam-Fran) actuación do grupo Efecto Pasillo.
Domingo 17
" De 12 a 15 h e de 18 a 21 h na praza da Inmaculada, I Encontro de Viños da Raia coa participación de Adega Corisca de Tui, Adega do Vimbio de Tomiño, Adega Edmundo Val de Valença, Sergio Álvarez do Rosal, Lagar Pedregales de Tomiño, Adega do Ricón de Arbo, Adega Pateira do Rosal, Adegas Xangall de Arbo, Aquí Começa Portugal de Cevide, e Adega María Bargiela de Salvaterra de Miño
" 12.30h - 13.30 h Na carpa da Corredoira, actuación da Banda de Musica Popular de Tui
" 17.30h - 20.30 h No Teatro Municipal, Festival Folclórico. *Entrada libre até completar capacidade. Traxe Tradicional (Tui), Seixos Albos (Areas), Lembranzas da Terra (Guillarei), Inquedanzas (Pazos de Reis), O Mosteiro (Pexegueiro), Xuntanza (Randufe), San Fins (Rebordáns), Santa Columba (Ribadelouro) e San Telmo(Tui),
" 18.00h - 19.00 h Na carpa da Corredoira, actuación da Banda de Música de Salvaterra.
" 18.30h - 21.30 h Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Satélites.
" 19.30h - 21.30 h Nas rúas de Tui, actuación da Charanga Cantos Somos.
" 21.30h - 23.00 h Na carpa da Corredoira, actuación do grupo No All Kansas.
|