|
Máis de 200 nenos e nenas participan no X Torneo de Fútbol Infantil OROSALCUP
O 15 de abril clubs da comarca disputarán a fase preliminar, mentres que o día 16 celebrarase a final con equipos da máxima categoría galega
Semana Santa enche de deporte O Rosal. Máis de 200 nenos e nenas participarán esta semana na décima edición do Torneo de Fútbol Infantil OROSALCUP, un evento deportivo organizado polo UD. Ribera en colaboración con Concello e que xa está consolidado como competición de referencia do fútbol base infantil no Baixo Miño e a nivel galego. "Dende o Concello queremos poñer en valor todo o traballo realizado no deporte base, tanto no fútbol como noutras actividades, porque cando os nosos nenos e nenas e a nosa mocidade practican deporte aprenden a traballar en equipo, disciplina ou a respectar as regras e aos seus compañeiros e compañeiras", destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Os xogadores e xogadoras, nados en 2008 e 2009, van desfrutar desta cita tan sinalada que se disputará en dous días. Por unha banda, o venres 15 de abril celebrarase a fase preliminar, na que os clubs da zona intentarán facerse un sitio na final. Nestes encontros participarán o UD Ribera B, o Sporting Guardés, o Goián CF e o AD Tomiño.
Por outro lado, o sábado 16 de abril o gañador da fase preliminar enfrontarase aos equipos da máxima categoría galega que visitarán O Rosal para disputar un apaixonante torneo. Esta xornada contará coa participación do UD Ribera do Rosal, o Portero 2000 de Pontevedra, o Vila do Corpus de Ponteareas, o Bertamiráns CF coruñés, o Cidade de Ribeira CF da Coruña, o Pabellón de Ourense CF e o UD Ourense.
A entrega de premios será a cargo das destacadas deportistas rosaleiras Lucía Ameal, Sara Álvarez, Noa Macías e Verónica Pérez.
Concello de O Rosal
Toda a información sobre a tarifa eléctrica e a factura da luz, nunha charla no Rosal o 19 de abril
Ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente ao abeiro do programa Consumo Responde do Instituto Galego de Consumo
Tras a gran subida do prezo da luz e da enerxía, o Concello decidiu achegar á veciñanza información da man dunha persoa especialista "sobre un tema que tanto preocupa a todos os rosaleiros e rosaleiras nun momento no que estar informado é de vital importancia", como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Por este motivo, o Concello colaborará co Instituto Galego de Consumo para que o programa Consumo Responde se traslade a vindeira semana ao Rosal para ofrecer unha interesante charla en formato presencial.
Será o martes 19 de abril cunha charla formativa sobre a tarifa eléctrica e a factura da luz, na que o xefe do servizo de Consumo de Vigo-Pontevedra da Xunta de Galicia, Alfonso Diéguez, afondará ante as persoas asistentes en diferentes medidas a aplicar para abaratar o consumo, explicará a diferenza entre mercado libre ou regulado ou explicará como reclamar, entre outros aspectos.
A cita será no Centro Social Polivalente con entrada de balde.
Concello de O Rosal
Esta Semana Santa, 'Ponlles nome'
O Centro Cultural das Eiras acolle unha exposición de fotografía antiga os días 15, 16 e 17 de abril de 10.00 a 14.00 horas
O Rosal viaxa ao pasado esta Semana Santa. O Centro Cultural das Eiras acolle os días 15, 16 e 17 de abril a exposición de fotografías antigas 'Ponlles nome', unha mostra organizada pola asociación Ghorghalado Cultura e Patrimonio en colaboración co Concello do Rosal que permitirá aos veciños e veciñas coñecer como era o municipio hai décadas.
"Son instantes para o recordo doutras épocas do Rosal que a xente poderá visitar durante tres días e desfrutar identificando lugares e persoas, facendo un percorrido visual único pola nosa historia", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Unha mostra retrospectiva do Rosal que brindará a oportunidade a todas e todos os visitantes de coñecer un pouco máis o concello e de xogar a recoñecer a todas as persoas que aparecen nas imaxes e a poñerlle nome e apelidos.
A exposición estará aberta ao público de 10.00 a 14.00 horas con entrada libre.
Concello de O Rosal
Música, danza e teatro con 'Lara Hierro' esta fin de semana no Rosal
A obra de Constance Hurlé chega o domingo 17 ás 19.30 horas ao auditorio municipal con entrada de balde
Esta fin de semana O Rosal ten unha cita coa música, a danza e o teatro. Será o vindeiro domingo 17 de abril coa representación no auditorio municipal de 'Lara Hierro', un espectáculo multidisciplinar da compañía Constance Hurlé protagonizado por tres mulleres da xeración milenial que poñen voz, movemento e música á fráxil situación do sector cultural e á crise emocional, social e medioambiental da sociedade actual.
As tres figuras que compoñen a peza navegan entre o mundo cotiá e un plano de ensoño no que os seus corpos e discursos se atopan. 'Lara Hierro' é unha chamada ao recoñecemento dos sentimentos de frustración, parálise e esgotamento provocados pola pandemia e a precariedade inherente ás xeracións actuais, un espectáculo de carácter poliédrico onde as ferramentas empregadas para chegar ás espectadoras e espectadores son a danza, a palabra a música e a imaxe audiovisual.
A representación, dirixida a público adulto, será ás 19.30 horas no auditorio municipal con entrada de balde e libre ata completar aforo.
Concello de O Rosal
O Rosal homenaxea a Daniel Fornos e Generoso Pérez pola súa loita contra as velutinas
Os dous apicultores recibiron unha placa polo seu labor durante o Concerto de primavera da Agrupación Musical do Rosal
A vespa velutina vai conquistando pouco a pouco máis terreo en Galicia e convértese nun problema cada vez maior non só para a apicultura, senón para todo o medio ambiente. Na loita contra esta especie invasora asiática no Rosal os apicultores Daniel Fornos Castro e Generoso Pérez Correa teñen desempeñado un importante labor nos últimos anos, tanto polo seu traballo de protección das abellas autóctonas, como polo de detección e retirada de niños de velutinas ou pola súa implicación en todas as campañas municipais contra esta especie.
Por todo este traballo, o Concello do Rosal rendeu esta fin de semana homenaxe a Daniel e Generoso nun acto celebrado durante o Concerto de Primavera da Agrupación Musical do Rosal no auditorio municipal, actuación que tivo grande éxito e esgotou todas as entradas.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, fíxolles entrega dunha placa "nun acto moi emotivo para dúas persoas que dedicaron tantos ano ao grupo de apicultores voluntarios para mellorar a nosa contorna e para loitar cada ano contra esta especie invasora colocando trampas e retirando niños". A rexedora quixo destacar que Daniel despois de ser carteiro e voluntario agora pasa a ser lutier da Agrupación Musical do Rosal facendo as canas de fagot, instrumento que toca o seu neto na Escola de Música.
Unha das últimas campañas levadas a cabo polo Concello coa colaboración dos apicultores foi a posta en marcha dun vídeo titorial que se distribuíu nos centros educativos do Rosal, a través da web e das redes sociais municipais para explicar como crear de xeito fácil e sinxelo unha trampa coa que atrapar estas vespas, ademais de facilitar os materiais máis difíciles de preparar para que as familias rosaleiras puideran crealas nas súas casas.
A vespa velutina supón unha seria ameaza para a biodiversidade en Galicia, xa que as abellas melíferas son o principal alimento para este depredador. Só durante o ano pasado, no marco do plan de loita contra esta especie retiráronse máis de 10.000 niños, especialmente nas provincias de Pontevedra e A Coruña, as máis afectadas pola invasora.
Concello de O Rosal
|