O Concello de Oia comeza esta primavera unha nova campaña de reparto gratuíto de trampas para combater a invasión de avespa velutina. A iniciativa incrementa este ano a cantidade de material posto a disposición da veciñanza, cun total de 350 unidades a entregar entre apilcutores.
A campaña de trampeo realízase aproveitando a chegada da primavera. Esta estación é un dos períodos máis importantes a ter en conta para o control da especie, pois é nese momento no que as raíñas da avespa asiática comezan a formar os seus niños primarios.
O Concello leva varios anos desenvolvendo estas campañas de reparto de trampas para axudar e evitar os danos que provoca a presenza da vespa velutina, a cal supón unha ameaza a especies que cumpren un importante labor polinizador como é o caso das abellas.
Os apicultores interesados en recibir unha trampa poden contactar co Concello nos números de teléfono 986.36.21.25 e 639.32.94.93.
En caso de localización dun niño de velutina, a Administración local lembra que os veciños e veciñas poden dar aviso para a súa retirada no teléfono do Concello de Oia (986.36.21.25) ou ben a través da aplicación Línea Verde (dispoñible para teléfono móbil e tablet).
Recomendacións no uso de trampas
A cantidade de trampas a colocar nun apiario varía segundo o número de colmeas que se posúan. Por iso recoméndase seguir as seguintes proporcións:
• 1 trampa en colmeares de ata 10 colmeas.
• 2 trampas en colmeares de ata 25 colmeas.
• 3 trampas en colmeares de ata 50 colmeas.
• 4 trampas en colmeares de máis de 50 colmeas.
Estas trampas deberán colocarse soamente en zonas onde se teña detectado presenza de velutinas. O ideal é situalas a unha altura de 1,50 metros e nun radio de 100 metros arredor dos apiarios, en puntos soleados e protexidos do vento.
A unidade móbil do programa "Coidados porta a porta" que a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha visitará Oia este mes de abril, ofrecendo consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación de memoria. O vehículo situarase na explanada do campo de fútbol de Oia os días 25, 26, 27 e 28 deste mes.
Este servizo gratuíto está dirixido a persoas maiores de 55 anos. Funciona con cita previa, que pode solicitarse chamando ao teléfono 622.748.283 ou ben a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. A inscrición previa tamén pode facerse no teléfono do Concello de Oia: 986.36.21.25.
Ademais, o día 25 ás 12.30 horas haberá unha charla na Casa Consistorial na que se explicará en que consiste a iniciativa e se poderán consultar dúbidas.
O programa "Coidados porta a porta" inclúe tres tipos diferentes de servizos: podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Cada sesión concertada pode ter unha duración de ata 45 minutos. Segundo a especializade, as actuacións serán as seguintes:
-Servizo de podoloxía con consulta básica, onde se fará unha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas e se procederá a eliminación de durezas, calos e helomas.
-Servizo de audioloxía, no que se fará unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva.
-Servizo de estimulación da memoria, cun profesional que realizará una valoración cognitiva e proporcionará pautas para previr e minorar posibles deterioros.
Este programa sociosanitario achega servizos asistenciais a maiores que viven no rural co obxectivo de previr a dependencia e percorre os distintos concellos de Galicia para que as persoas usuarias poidan permanecer coidadas na súa contorna. En total, 8 autobuses visitarán máis de 300 localidades e permanecerán entre 3 e 4 días en cada municipio, atendendo con cita previa.