|
Tomiño busca un deseño atractivo para a camiseta das Lestras Galegas 2022
A OMIX organiza un novo concurso no que premiará o enxeño, a creatividade e a promoción do idioma galego
Un ano máis a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño quere conmemorar o 17 de maio con enxeño e creatividade arredor da lingua e literatura galega.
Por este motivo convoca unha nova edición do CONCURSO DE DESEÑO DA CAMISETA do Día das Letras Galegas 2022. O devandito deseño será libre e aberto e valorarase que sexa atractivo, inspirado e que busque a promoción do uso e a normalización do idioma galego.
A OMIX aclara que o deseño estará pensado para colocarse unicamente na parte dianteira da camiseta e terá que ser dunha soa cor a estampar sobre fondo branco.
Como vén sendo habitual, todas as persoas que participen e envíen as súas creación, serán agasalladas cunha camiseta co modelo gañador serigrafiado. Ademais, a persoa autora da camiseta contará coa difusión da súa creación, tanto nas redes sociais, como nos diferentes medios de comunicación.
"A nosa intención é plasmar nunha frase ou nun deseño gráfico/debuxo algo que defenda ou poña en valor a nosa lingua", explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez.
A frase ou deseño gañador será serigrafado en 800 camisetas que serán repartidas, de balde, entre as persoas que participen nas actividades organizadas con motivo do Día das Letras GALEGAS.
A data tope para enviar os deseños (ao correo electrónico omix@tomino.gal) é o domingo 8 de maio.
A persoa gañadora poderá escoller entre tres agasallos: TABLET LENOVO Tab M10HD con 2/32 e Android; AIRPODS DE APPLE, ou ALTAVOZ MUSE M1915DJ party box troley.
Aberto o prazo para o Programa Depotermal 2022, da Deputación de Pontevedra
O prazo de presentación de solicitudes (preferiblemente por vía electrónica) remata o día 3 de maio
O Departamento de Benestar Social do Concello de Tomiño informa que xa está aberto prazo de solicitude do Programa Depotermal 2022, da Deputación de Pontevedra.
O prazo de presentación de solicitudes remata o día 3 de maio de 2022. As mesmas presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible en https://sede.depo.gal.
Opcionalmente poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra.
Poderán anotarse no programa aquelas persoas empadroadas na provincia de Pontevedra que no padezan ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade e que cumpran algún dos seguintes requisitos:
- Nacer antes do 1 de xaneiro de 1972.
- En caso de nacer o 1 de xaneiro de 1972 ou nunha data posterior, ter a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións, para o que deberán entregar unha fotocopia do certificado correspondente.
- En caso de nacer o 1 de xaneiro de 1972 ou nunha data posterior, ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, o que acreditarán co cartón ou o certificado de recoñecemento do grao de discapacidade.
- Non padecer alteracións de comportamento que poidan perturbar a normal convivencia nos establecementos nin enfermidades con risco de contaxio.
- Poder valerse de maneira autónoma para as actividades da vida diaria.
- En caso de persoas con discapacidade, non ter recoñecida a necesidade de asistencia dunha terceira persoa.
As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
Réxime xeral:
" Informe da traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios básicos para xustificar a condición de persoa beneficiaria do respiro familiar.
Réxime especial:
" Informe da traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios básicos para xustificar a condición de persoa beneficiaria do respiro familiar.
" Valoración social, nos termos establecidos nesta convocatoria, no caso das prazas reservadas subvencionadas.
Para máis información, pódese chamar ao Departamento de Benestar Social do Concello de Tomiño (teléfono 986623211), ou consultar as bases completas no seguinte enlace: https://sede.depo.gal/web/public/catalog-detail/49715637
O pop rock de Acevedos Delgados ameniza unha nova sesión vermú no Mercado
Será este domingo 10 de abril a partir 12.30 horas, ao abeiro da campaña de dinamización e reactivación 'Vive!' do Concello de Tomiño
Tomiño quenta motores para unha nova xornada esta fin de semana dos seus domingos de sesión vermú, unha das accións programadas dentro de 'Vive!', unha campaña posta en marcha polo Concello coa que se busca reactivar a actividade económica e social do municipio.
Este domingo 10 o público poderá desfrutar dun rato de boa música a cargo do grupo tomiñés Acevedos Delgados, pop rock de versións e temas propios cos que amenizarán o ambiente mentres o público desfruta tomando algo no primeiro andar do Mercado Municipal de Tomiño. A música en directo comezará ás 12.30 horas. A actividade será de balde ata completar aforo.
O Concello salienta a grande acollida que está a ter o programa de actividades da campaña 'Vive!', que nas dúas primeiras citas dos 'Sábados con sabor' e 'Domingos de sesión vermú' encheron o mercado e as rúas de animación.
Tomiño contrata a 30 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos 2022
No proceso de contratación investiuse un total de 289.930,26 euros, dos cales 275.763,84 están subvencionados pola Deputación de Pontevedra, e o resto (14.166,42€) polo propio Concello
O Concello de Tomiño vén de realizar un proceso de contratación de persoal municipal ao abeiro da subvención concedida pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos 2022, liña 3, destinada ao "emprego para a conservación de bens e servizos municipais".
En total foron contratadas 30 persoas desempregadas con contratos de 6 meses de duración, que se foron incorporando ao seu posto de traballo no mes de marzo, unha vez concluídos os procesos de selección.
Concretamente, foron contratados dous soldadores de estruturas metálicas lixeiras; unha educadora social; unha bióloga; un oficial albanel e dous peóns albaneis; dezaseis peóns de xardinería; un condutor-operador de retroescavadora oficial de segunda; dous electricistas oficiais de primeira; un mecánico de mantemento e reparación de automoción xeral oficial de segunda e tres técnicos administrativos.
No proceso de contratación foi investido un total de 289.930,26 euros, dos cales 275.763,84 están subvencionados pola Deputación de Pontevedra, achegando o Concello os 14.166,42 euros restantes.
A XUNTA ACTIVA EN TOMIÑO A UNIDADE MÓBIL DE COIDADOS SOCIOSANITARIOS, QUE VISITARÁ TODOS OS CONCELLOS DO SUR DA PROVINCIA ATA FINAIS DE MAIO
O delegado territorial, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asistiu, neste municipio do Baixo Miño, á estrea na provincia de Pontevedra deste servizo, enmarcado no programa Coidados Porta a Porta da Consellería de Política Social
Esta iniciativa itinerante, que pretende evitar os desprazamentos dos usuarios, ofrece consultas gratuítas de audioloxía, podoloxía, estimulación da memoria e prevención de enfermidades cognitivas para persoas maiores de 55 anos a través de cita previa
"Os servizos de mobilidade son unha gran solución para achegar a atención aos galegos coa máxima cercanía, tendo en conta a dispersión poboacional que hai en Galicia e a elevada cifra de núcleos, coa metade dos que existen en toda España", explicou o representante autonómico
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, activou hoxe no Concello de Tomiño a posta en servizo na provincia de Pontevedra da unidade móbil de coidados sociosanitarios enmarcada no programa Coidados Porta a Porta, que visitará os 14 municipios do sur pertencentes ás bisbarras do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta ata finais do presente mes de maio.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou este mediodía o autobús habilitado para a prestación destas atencións gratuítas para persoas maiores de 55 anos na estrea desta iniciativa para a provincia de Pontevedra.
"Estes servizos de mobilidade prestados con sofisticadas unidades móbiles, nas que a Xunta investirá 10 millóns de euros entre este ano e 2023, son unha gran solución para achegar a atención sociosanitaria; ou doutra índole aos galegos coa máxima cercanía, tendo en conta a dispersión poboacional que hai en Galicia e a elevada cifra de núcleos residenciais, xa que temos a metade de todos os que existen en España. Por elo, cremos que é unha magnífica alternativa para evitar desprazamentos e levarlle os servizos públicos á porta da casa dos cidadáns", explicou o representante autonómico.
As consultas ofertadas consisten en revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.
Tras o arranque en Tomiño, onde permanecerá tamén as xornadas de mañá e do mércores 6 en horario de mañá e tarde, a unidade móbil achegarase ao Rosal (11-13 de abril), Tui (18-19 de abril), A Guarda (25-27 de abril), Oia (25-28 de abril), Salvaterra (2-3 de maio), As Neves (4-6 de maio), Arbo (9-12 de maio), Crecente (16 e 18 de maio), Ponteareas (16, 18 e 19 de maio), A Cañiza (19, 20, 23 e 24 de maio), Mondariz-Balneario (20, 23 e 24 de maio), Covelo (25-27 de maio) e Mondariz (25, 26, 27 e 30 de maio). Ao longo do ano está previsto que este servizo, prestado na provincia a través de dúas unidades denominadas Mega e Rías Baixas, regrese a atender novas citas nestes 14 municipios do sur da provincia.
Luis López tamén destacou que estes autobuses de atención sociosanitaria chegarán a todos os municipios de Pontevedra, agás as dúas cidades, e permanecerán nos mesmos entre dous e catro días con atención a xornada completa para achegar coidados especializados ás persoas maiores no seu propio concello. Ademais, informou que, tras percorrer as tres bisbarras do sur, as unidades móbiles desprazaranse a Terras de Pontevedra, onde comezarán o seu traballo, a partires do 8 de xuño, no municipio de Ponte Caldelas.
As persoas interesadas en solicitar cita previa para estes servizos ou en pedir información poden chamar ao número de teléfono 622 748 283 ou contactar a través do enderezo de correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.
O programa "Coidados Porta a porta" arranca en Tomiño coa axenda completa para os tres días que estará na vila
A alcaldesa visitou a unidade móbil en compañía do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López
O programa "Coidados Porta a Porta" Concello de Tomiño elixiu Tomiño para estrear a ruta que o levará por toda a provincia de Pontevedra.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra Gonzalez, visitou a unidade móbil instalada no torreiro de festas do Alivio, acompañada polo xefe territorial Luis López e outras autoridades provinciais e locais.
Durante a visita, a alcaldesa e a concelleira de Benestar Social (Cristina Martínez) puideron interiorizarse dos aspectos técnicos do programa, da man dos profesionais que atenden ás persoas apuntadas á iniciativa e, ao mesmo tempo, realizar suxestións para optimizar o servizo.
O coordinador do programa, Valentín Cavín, informou que xa están cubertas todas as citas dispoñibles para os tres días que a unidade móbil permanecerá en Tomiño, pero advertiu que en breve haberá outras dúas visitas ao municipio, de tres días cada unha.
Sandra González anima á poboación maior de 55 anos do municipio a participar neste programa, destinado a efectuar revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, e tratamento das principais patoloxías; e realización de probas de valoración cognitiva para a prevención de doenzas como o Alzhéimer ou demencias neurodexenerativas.
|