|
A UVigo e o sector da hortofloricultura do Baixo Miño inician unha senda de colaboración
O obxectivo das xornadas que se celebraron hoxe en Tomiño é transferir coñecemento que dea resposta ás necesidades das empresas da comarca
A iniciativa congregou a 14 grupos de investigación e arrancou cunha visita a Flores Toxal (A Guarda) e Viveiros Río Tollo (Goián) para, posteriormente, trasladarse ao salón de plenos do Concello de Tomiño
Tender pontes entre a academia e a sociedade e achegar o coñecemento científico que se xera nos laboratorios universitarios ao tecido empresarial, tratando de dar respostas ás necesidades e demandas das empresas. Ese é o obxectivo do encontro de transferencia que este venres tivo lugar no Concello de Tomiño entre a Universidade de Vigo e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño, acuBam.
A iniciativa congregou a 14 grupos de investigación xunto cos representantes das empresas do sector da hortofloricultura. A xornada arrancou cunha visita a Flores Toxal, na Guarda, e a Viveiros Río Tollo, en Goián para, posteriormente, trasladarse ao salón de plenos do Concello, onde se desenvolveu unha sesión de traballo na que as empresas do agro do Baixo Miño explicaron a situación actual do sector e os principais retos que teñen por diante, mentres que o persoal científico da Universidade lles presentou as liñas de investigación que se están desenvolvendo en eidos que poden de ser de interese para estas compañías. Por exemplo, abordáronse temas como a reutilización das augas sobrantes da rega, a xestión dos residuos orgánicos, a viabilidade de diferentes alternativas enerxéticas, as técnicas de loita BIO contra as pragas, o uso de drones para facer inventarios de campo, a mellora da conectividade das explotacións, a mecanización e robotización ou a optimización da cadea de loxística. Tamén se presentaron liñas de investigación relacionadas coa metodoloxía LEAN, a situación laboral do sector a e posibilidade de elaborar un convenio colectivo sectorial ou unha campaña de promoción do sector.
Como explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, este encontro naceu do propio interese das empresas que conforman acuBam que, nunha xuntanza co reitor, solicitaron a posibilidade de abrir unha liña de cooperación que permitise exportar á contorna o coñecemento que se xera na UVigo, achegando así solucións a problemas reais das empresas, como os relacionados coa conectividade, precaria nesta zona da provincia, ou os relacionados coa automatización de procesos, entre outros.
Achegar riqueza ao territorio
Na inauguración do evento, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que para o Concello é unha honra acoller estas xornadas de transferencia e agradeceu que "a Universidade saia da Universidade, que pise territorio e traslade o seu coñecemento ao sector empresarial de todo o Baixo Miño". González lembrou que Tomiño é "un concello verde, que aposta pola industria de futuro, por unha agricultura moderna e sostible, para o que é imprescindible a innovación, a tecnoloxía e o coñecemento que tedes na Universidade e que é tan valioso, por iso nos encanta que hoxe esteades aquí".
Pola súa banda, o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, agradeceu a acuBam a súa iniciativa poñéndose en contacto coa Universidade e, ao Concello de Tomiño, a súa disposición. "Estamos hoxe plantando unha semente que esperemos que agrome no futuro", destacaba Reigosa, ato tempo que recalcaba que "como Universidade pública e galega apostamos porque o noso territorio sexa máis rico e, para iso, temos que formar os mellores egresados e egresadas, facer investigación de primeiro nivel e apostar polo traballo público-privado en todos os sectores".
Finalmente, no acto de apertura interveu a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, que puxo en valor o sector de cultivos de planta ornamental, flor cortada e horta, un sector que "representa o esforzo de persoas comprometidas co desenvolvemento sostible do Baixo Miño, persoas para as que esta xornada é unha recompensa e unha porta para reforzar o noso crecemento". Neste sentido, subliñou que "a innovación é unha da claves para o cambio cara a sostibilidade, solo se apostamos por ela nos produtos, nos procesos e nas accións seremos capaces de crecer e ser unha referencia a nivel nacional e internacional". Respecto ao sector da hortofloricultura na comarca, Álvarez destacou que contan "cun clima inmellorable, unha experiencia e un coñecemento indiscutible, pero son moitos retos os que afrontamos e algúns deles, como o cambio climático, a dixitalización, a captación de talento ou a profesionalización, sabemos que só podemos afrontalos reforzando os nosos lazos con outros actores do coñecemento, como é a Universidade de Vigo".
O acto deste venres, ao que tamén asistiu a alcaldesa do Rosal, será o primeiro dunha liña de colaboración que se prevé máis ampla e que permitirá que os representantes das empresas poidan coñecer os laboratorios e liñas de investigación dos grupos que consideren que poden achegarlles respostas ás súas demandas. A medio prazo isto permitirá establecer proxectos conxuntos que se traduzan na transferencia do coñecemento universitario cara o tecido empresarial.
O programa "Coidados porta a porta" chega a Tomiño os días 4, 5 e 6 de abril
Nunha unidade móbil, que se instalará no torreiro do Alivio, prestaranse, de balde, servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria, a persoas maiores de 55 anos
Chega a Tomiño a vindeira semana (4, 5 e 6 de abril)
o programa "Coidados Porta a Porta", posto en marcha pola Xunta de Galicia e financiado pola Unión Europea. Nunha unidade móbil, que se instalará no torreiro do Alivio, prestaranse, de forma gratuíta , servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria, a persoas maiores de 55 anos residentes en Tomiño, que desexen participar.
A unidade móbil dispón de acceso para persoas con mobilidade reducida (conta con plataforma elevadora). Para poder ser atendidas, as persoas interesadas deben solicitar cita previa chamando ao número de teléfono 622 748 283.
A Consellería de Política Social organiza o programa, a través do cal, 8 vehículos, 2 por cada provincia galega, percorrerán todos os concellos da Comunidade (agás as sete grandes cidades), levando, de balde, os servizos antes mencionados para persoas do rural maiores de 55 anos.
O programa "Coidados Porta a Porta" estenderase ao longo de 2022 e 2023, visitando cada concello en 3 ocasións, cunha duración de entre 3 e 4 días cada vez.
O Departamento de Benestar que dirixe Cristina Martínez, informa que as persoas interesadas poderán acudir o luns 4 de abril de 10 a 11 horas, ao Salón de Plenos do Concello, onde o psicólogo do programa informará polo miúdo a todas as persoas que se acheguen, sobre os servizos prestados.
Os mercados de Tomiño estrean páxina web
Recolle a información sobre os postos das prazas de Tomiño e Goián, así como horarios ou novidades
Tomiño pode presumir de mercados municipais do século XXI, tamén na súa forma de comunicarse coa veciñanza. As prazas de abastos do concello estrean páxina web cun deseño moderno, atractivo, limpo e intuitivo que permitirá á veciñanza estar informada de todo o que acontece tanto no mercado de Tomiño como no de Goián. "Os nosos mercados tamén teñen que emprender o camiño da dixitalización porque veñen novos tempos con novos consumidores e consumidoras para os que a vida dixital é importante", explica a alcaldesa, Sandra González.
Trátase dunha web visual na que teñen cabida as renovadas instalacións das dúas prazas de abastos e a todos os postos que nestes intres están a desenvolver a súa actividade económica en ambos os dous recintos.
A veciñanza poderá atopar información sobre a actualidade dos mercados, os obxectivos, horarios, servizos con información particular de cada un e mesmo modos de contacto tanto coas propias prazas como con cada un dos postos. A web compleméntase co acceso a novas canles de comunicación dos praceiros e praceiras de Tomiño coa veciñanza, como a súa canle de Youtube ou a súa páxina de Facebook, na que van informando aos veciños e veciñas das diferentes novidades.
Son "novas canles de comunicación para dar a coñecer todo o que se está a facer en instalacións que mesturan de forma perfecta tradición e modernidade, espazos vivos no que continuar fomentando a compra de produto local e dinamizando económica e socialmente os núcleos urbanos de Tomiño".
A nova web dos mercados forma parte do programa de acción de 'Vive!', unha campaña posta en marcha polo Concello de Tomiño coa que se busca reactivar a actividade económica e social do municipio.
Tomiño entrega as primeiras plantas frondosas dentro da campaña "Enche o teu monte de vida autóctona"
O obxectivo da campaña é contribuír a repoboar zonas de franxas secundarias nas que se require unha correcta xestión da biomasa para previr incendios forestais
Dentro da campaña "Enche o teu monte de vida autóctona"; que leva adiante o Concello de Tomiño para conmemorar os días dos bosques e da árbore, a Concellalía de Medio Rural, que dirixe Ana Belén Casaleiro, fixo entrega hoxe do primeiro lote de plantas forestais frondosas e autóctonas co fin de contribuír a repoboar zonas de franxas secundarias nas que se requiriu á veciñanza, unha xestión correcta da biomasa e onde se prohiben árbores como pino, eucalipto e acacia, seguindo as indicacións da Lei de prevención de incendios forestais.
Así, varias persoas titulares de parcelas en franxa secundaria ben xestionadas, e que tiñan solicitado vales, dende o día 21 de marzo (Día dos Bosques), no departamento de Medio Rural, recolleron esta mañá nada menos que 563 árbores de especies como castiñeiro, carballo, sobreira, loureiro, cerdeira, nogueira, aciñeira, acivro, érbedo e bidueiro.
"Do que se trata é de concienciar á cidadanía sobre os beneficios de plantar especies frondosas autóctonas e, dado que en moitos casos se lle obriga a cortar as que tiña, valore a opción de plantar árbores permitidas nestas franxas", comenta a concelleira da área.
A veciñanza, pola súa banda, valorou positivamente a acción. "Está ben esta campaña para poder repoboar ás fincas, xa que tivemos que cortar moitas árbores" explicaban as primeiras persoas que se achegaron a recoller as plantas esta mañá.
O Concello de Tomiño, cunha superficie total de faixa secundaria de 797,51 hectáreas, investiu uns 3.000 euros na compra de 1.600 unidades das 10 especies autóctonas. Até o momento son 781 as plantas solicitadas e concedidas, polo que nos vindeiros días, realizaranse unha nova entrega.
As persoas propietarias que teñan limpado as súas parcelas conforme á lei; especialmente nas dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño), teñen de prazo para recoller os vales até o día 28 de xuño (Día da Árbore) na oficina de Medio Ambiente do Concello (1º andar).
A técnica do departamento entregará os vales para ir recoller as plantas logo de comprobar, a través de fotografías, a limpeza realizada previamente.
O número de árbores entregadas a cada titular dependerá do tamaño da parcela, contando unha árbore por cada 25 metros cadrados (cun límite de 100 exemplares) ata esgotar existencias.
Dende o departamento de Medio Rural lembran que as novas especies frondosas deberán plantarse a máis de 15 metros das vivendas; a 2m dos lindeiros e camiños públicos, e a 4m de estradas de máis de 5m de ancho.
"LIXO" da compañía "O baúl da tía tola", proposta lúdico cultural para este domingo en Tomiño
A obra, para todos os públicos, terá lugar ás cinco e media da tarde no Auditorio de Goián
"Lixo", un orixinal espectáculo teatral e de danza para público infantil e familiar, chega o domingo 3 de abril a Tomiño, dentro do ciclo Primavera Activa.
Unha escenografía creada a partir de material plástico reciclado como bolsas de lixo, cubertas e esqueletos de tendas de campaña, permite ás integrantes da compañía teatral "O baúl da tía tola" xogar con obxectos que poderían ser simples desperdicios.
As dúas protagonistas (Anna Cañadillas e Soraya Paradela), unas bailarinas moi peculiares, mergúllanse nun mundo de plásticos, luces, sonoridade e movemento, para vivir unha aventura na que teñen que crear "cultura a través da varredura".
Dúas bailarinas que se comunican con pareados, que se moven con pasos de ballet inventados por elas mesmas, axudándose das luces para crear diferentes atmosferas ao longo de todo o espectáculo, dando así ritmo e rima a toda a obra.
O espectáculo é para desfrute familiar, aínda que pensado especialmente para nenos e nenas a partir de 2 anos.
Data: Domingo 3 de abril
Horario: 17.30h
Idade: público infantil e familiar
Lugar: Auditorio de Goián
Prezo: 3€ persoas adultas, menores de 12 anos 1,5€
O Mercado de Tomiño recupera os seus sábados con sabor
A primeira cita será este sábado 2 de abril. Para participar será necesario mercar os tickets nos postos do mercado ao longo desta semana
Tomiño continúa esta fin de semana coa súa programación de actividades para a reactivación económica e a dinamización do comercio local. Será coa recuperación e posta en marcha de novo do programa 'Sábados con sabor' no Mercado Municipal de Tomiño, "un formato que tivo moito éxito e co que queremos animar á veciñanza a que desfrute de tempo de lecer no noso mercado mentres degusta novidosos pinchos e bebidas, como acostumaba a facer antes da pandemia", explica a alcaldesa, Sandra González.
A actividade estrearase este sábado 2 de abril, no que de 13.00 a 15.00 horas as persoas poderán desfrutar de dúas bebidas e de dous pinchos de autor ideados e creados para cada sesión, que namorarán aos padais máis esixentes. Esta fin de semana o menú estará composto por un pincho de rulo de salmón ao aneto con queixo fresco en pan de sementes e unha mini hamburguesa de vaca vella en niño de pataca con ali oli de guacamole.
As persoas interesadas en participar poderán comprar os seus tickets en calquera dos postos do Mercado Municipal de Tomiño ao longo da semana. O prezo de cada entrada será de seis euros e haberá un aforo máximo de 60 persoas.
Estes 'Sábados con sabor' forman parte das accións programadas dentro de 'Vive!', unha campaña posta en marcha polo Concello de Tomiño durante os meses de marzo, abril e maio para reactivar a actividade económica e social do municipio. "Queremos que as fins de semana sexan animadas, que sempre haxa actividades para facer e que tomemos de novo as rúas, favorecendo a hostalaría e o comercio local", destaca a rexedora.
Parabéns ao atleta do club Trega Álex Sierpes polo seu bronce no Campionato de España Indoor sub16
Acadou o metal na proba dos 3.000 metros de pista cuberta na competición celebrada esta fin de semana en Sabadell
Gran debut para o deportista do Club Atletismo Trega de Tomiño Álex Sierpes Pereira, que conseguiu a medalla de bronce no Campionato de España Indoor sub16 na proba dos 3.000 metros de pista cuberta celebrado a pasada fin de semana na cidade catalá de Sabadell.
O novo atleta estreábase en probas individuais nun campionato estatal de pista cuberta, no que se enfrontou aos 21 mellores especialistas de toda España por orde de marcas do ranking nacional. E facíao acadando un inmellorable resultado, facendo un rexistro de 9'01'38'', quedando a tan só 21 centésimas da prata e a pouco máis dun segundo do ouro, afrontando toda a carreira nos postos dianteiros e cedendo metros só na parte final da proba a pesar de levar máis dun mes con molestias físicas a causa dun fallo biomecánico da pisada que non lle deixou afrontar con plenitude o último tramo da súa preparación.
Dende o Concello de Tomiño queremos transmitir os parabéns a Álex Sierpes por ese debut impecable na categoría e desexarlle unha pronta recuperación total para afrontar o último tramo da tempada nas probas de aire libre.
Sete medallas para os Teixugos na 3ª Copa Galega de Slálom
O club participou cun total de oito deportistas
Fin de semana de éxito para o Club Deportivo Miño-Teixugos, que participou con oito deportistas na 3ª Copa Galega de Slálom e no Campionato Galego de Novas Promesas, nos que remataron cun total de sete medallas. Dobre competición a celebrada en augas do río Coura, en Covas, en Vila Nova de Cerveira no que houbo ademais unha demostración amigable de caiac extremo, que será a nova modalidade dos Xogos Olímpicos de París en 2024.
Ao campionato de novas promesas, no que participan os deportistas máis novos de cada club, os Teixugos acudiron tan só con dous piragüistas. En K1 cadete, Adrián Lluch, que logrou o terceiro mellor tempo da categoría e a medalla de bronce, e o seu compañeiro, Rui Malheiro, que rematou noveno na mesma categoría.
Pola súa banda, na 3º Copa Galega de Slálom a participación foi máis numerosa, cun total de oito deportistas. Nas categorías masculinas, en K1 veterano, Emilio Rodríguez foi o gañador da proba, mentres que en K1 sénior Brais Castro rematou cuarto, a décimas de segundo do podio Ademais, en K1 júnior, Alexis Segadaes, gañou a medalla de prata e, na mesma categoría, Adrián Lluch foi sétimo e Rui Malheiro décimo cuarto. En C1 sénior, Luís Fernández gañou a proba, e o seu compañeiro Brais Castro foi terceiro.
Nas categorías femininas, Laura Alonso rematou terceira en K1 sénior e Ainhoa Barreiro foi segunda en K1 e primeira en C1.
Moitos parabéns por esas tres medallas de ouro para Luís, Emilio e Ainhoa; dúas de prata para Ainhoa e Alexis; e dúas de bronce para Brais e Laura, que fan un gran balance final para o Club Deportivo Miño-Teixugos na xornada. Na clasificación por equipos acadaron o segundo lugar cun total de 145 puntos, compartindo podio co Montaña Quixós de Monforte con 149 e o Club Penedo de Tui con 142.
A Eurocidade Cerveira Tomiño presenta en Hungría a evolución das súa cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal
A concelleira Fátima Rodríguez asistiu a un encontro celebrado ao abeiro do proxecto BRIDGE, que busca crear unha rede de cidades trasfronteirizas no que participan socios de 10 países europeos
A Eurocidade Cerveira-Tomiño continúa tecendo redes de colaboración e levando o seu modelo de cooperación transfronteiriza por Europa. A concelleira da Eurocidade e Mocidade de Tomiño, Fátima Rodríguez, e o técnico de proxectos europeos Xabier Macías participaron a pasada semana en Hungría nun encontro do proxecto BRIDGE, que busca crear unha rede de cidades e entidades transfronteirizas no que participan ademais de Tomiño e Cerveira entidades de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Serbia, Italia, Chipre, Lituania e Letonia. A delegación da Eurocidade estivo tamén integrada por técnicas da Cámara de Cerveira implicadas na xestión cultural e na cooperación transfronteiriza.
Durante este encontro celebrado nas cidades de Bükkábrány e Miskolk, edil e técnicos presentaron aos representantes dos 11 socios do proxecto a evolución da cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal. "Explicamos como foron cambiando as relacións entre os concellos das dúas beiras do Miño co paso dos anos, como fomos afianzando a nosa relación e todos os proxectos e accións comúns que temos en marcha", sinalou a concelleira.
Foron tres días de intercambio de experiencias nos que as e os participantes tamén visitaron Roznava, en Eslovaquia e o condado de Borsod-Abaúj-Zemplen, no nordés da Hungría, onde a Eurocidade presentou ante o público dous vídeos sobre o impacto do peche da fronteira pola COVID-19 na percepción das institucións europeas que incluíu opinións da veciñanza de Tomiño e Cerveira, moi afectada pola imposibilidade de cruzar ao outro lado do Miño.
O obxectivo do proxecto BRIDGE é promover a cidadanía transfronteiriza e a cohesión social alén das fronteiras. Ata outubro de 2022 as 11 entidades socias analizarán as causas que alimentan a xenofobia e o euroescepticismo en moitos países, presentando posibles solucións para garantir que as rexións tranfronteirizas da Unión Europea poidan, a través dos seus propios medios, mellorar a cidadanía europea con experiencias compartidas como a da Eurocidade Cerveira-Tomiño.
Ao longo do proxecto abordaranse temas como os programas de financiamento e oportunidades para promover a cooperación transfronteiriza e europea; os problemas causados pola suspensión do Tratado de Schengen durante a pandemia; as iniciativas de cooperación transfronteiriza nas áreas social, cultural, ambiental e de cidadanía ou as dificultades legais na cooperación transfronteiriza.
Trátase dun dos cinco encontros internacionais que arrancaron o pasado 2021 en Cerveira e Tomiño e que se prevé que se prolonguen ata finais deste 2022 nas zonas tranfronteirizas de Bulgaria e Serbia, Italia e Eslovenia e Lituania e Letonia, ademais da de Hungría e Eslovaquia desta ocasión.
O proxecto, coordinado pola Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, conta coa financiación do programa Europa para os Cidadáns, que ten como obxectivo contribuír ao coñecemento da historia e a diversidade da Unión Europea, ademais de promover a cidadanía europea mellorando as condicións de participación cívica e democrática.
|