|
O Rosal súmase á declaración institucional da FEMP condenando a agresión a Ucraína
O Concello aprobou en pleno a adhesión, así como a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre os terreos urbanos
O Concello do Rosal aprobou por unanimidade este xoves en pleno sumarse á declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) coa que se condena de forma enérxica e rotunda os ataques perpetrados en diversas cidades ucraínas, así como o despregamento militar desencadeado polo goberno ruso e as súas consecuencias.
Deste xeito, O Rosal transmite así o seu apoio á poboación de Ucraína e súmase "a todas as iniciativas encamiñadas á restitución do dereito internacional vulnerado unilateralmente, así como a súa defensa e fortalecemento como elemento central da orde mundial acordada polos principais organismo europeos e internacionais".
A moción recolle tamén o "apoio a calquera actuación encamiñada ao restablecemento da paz e da convivencia democrática e ao respecto á legalidade e aos dereitos humanos". O Rosal, a través da FEMP, ponse a disposición do Goberno de España con todos os medios dos que dispón para colaborar con calquera tipo de actuación humanitaria e coa acollida da cidadanía de Ucraína que está a abandonar o país.
Por outra banda, o goberno municipal tamén deu luz verde en pleno á ordenanza que regulará as axudas de emerxencia social, coa que se "busca establecer unha serie de criterios obxectivos para a concesión de prestacións municipais para persoas ou unidades familiares en risco de exclusión no noso concello", como salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Nesta sesión plenaria tamén se aprobou a modificación da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IIVTNU) para adaptala aos novos requirimentos establecidos recentemente pola lei reguladora a nivel estatal. O goberno municipal recolle nesta nova ordenanza bonificacións do 95% das taxas en caso da transmisión de vivenda habitual e terreos urbanos.
Concello de O Rosal
Casa do Concello e Escola Unitaria de Pancenteo súmanse ás enerxías renovables
O Concello saca a licitación en breve a instalación de dúas caldeiras de biomasa coas que se reducirá o impacto ambiental. Estarán cofinanciadas polo Instituto Enerxético de Galicia e fondos propios
O Rosal continúa dando pasos en firme para converterse nun municipio cada día máis sostible. O Concello sacará a licitación en breve a subministración e instalación de dúas caldeiras de biomasa para a produción de calefacción mediante combustible de pellet de madeira na Casa do Concello e na Escola Unitaria de Pancenteo. "No noso compromiso pola sostibilidade buscamos as alternativas máis viables para facer destes dous edificios catalogados por Patrimonio instalacións máis respectuosas co medio ambiente", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que destacou a importancia de ir transformando o sistema de calefacción dos edificios públicos dende o emprego de combustibles fósiles cara a outras fontes de enerxía renovables.
O uso desta fonte de enerxía na Casa do Concello e na Escola Unitaria de Pancenteo permitirá reducir as emisións de CO2 a atmosfera, ademais de favorecer a eliminación de materiais residuais debido ao tipo de biomasa empregada. O Concello decidiu cambiar estas dúas caldeiras despois de que un estudo de todas as instalacións de edificios públicos constatara que se trataba das caldeiras máis obsoletas e que se atopaban ao final da súa vida útil.
As obras de instalación, que contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, saen a licitación por un orzamento total de máis de 140.000 euros. Este investimento estará cofinanciado con fondos propios do Concello e polo Instituto Enerxético de Galicia dependente da Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.
"Con estas novas instalacións en edificios públicos melloramos a eficiencia enerxética, diminuímos o consumo e apostamos por unha enerxía limpa, convertendo pouco a pouco ao Rosal nun referente no emprego de enerxías renovables", explica a alcaldesa.
Concello de O Rosal
O Rosal revive o universo de Vicente Risco con 'O porco de pé'
A obra, dirixida por Quico Cadaval e estreada esta mesma semana, chega o domingo 3 (19.30 horas) ao auditorio municipal
O triunfo dos cartos, o ascenso do autoritarismo e a perda de valores na sociedade podería ser o resumo de 'O porco de pé', a novela de Vicente Risco que a compañía Producións Teatrais Excéntricas estrea esta mesma semana e que chegará ao Rosal o vindeiro domingo 3 de abril.
Baixo a dirección de Quico Cadaval e con Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo no elenco, a obra está dirixida a público adulto e traerá ao escenario do auditorio municipal un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón. A representación será ás 19.30 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.
Hai cen anos que Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses. A divertidísima sátira do escritor ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaré, cobra agora máis vixencia que nunca. Unha viaxe fascinante á década dos anos 20 do século XX pola que pasarán como nunha lanterna máxica anarquistas, esportistas, agraristas, golpistas, vangardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.
Concello de O Rosal
Tesouros doutros tempos con 'Olivia e o clarinete máxico' na biblioteca municipal
Contacontos para público infantil este venres 1 de abril ás 17.00 h co libro do escritor guardés Francisco Álvarez
A programación do mes do libro arranca no Rosal cunha actividade para achegar ao máis cativos e cativas da casa ao mundo da literatura. Este venres 1 de abril a biblioteca municipal acolle o contacontos 'Olivia e o clarinete máxico', unha obra do escritor guardés Francisco Álvarez, Koki. A actividade, de balde e con entrada libre, comezará ás 17.00 horas e contará coa colaboración da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal.
Será unha tarde acompañando a Olivia na súa procura de tesouros doutros tempos no faiado da casa dos seus avós, un recuncho case máxico no que atopa o clarinete do seu bisavó Pepe. Un instrumento moi especial que tocaba cando ela estaba aínda no ventre da súa nai e que cambiará a vida da pequena para sempre. Unha fantástica historia sobre o valor das tradicións familiares e o amor pola música que namorará a nenos e nenas.
Francisco Álvarez, Koki, é escritor e animador cultural residente en Nova York dende 1984, onde fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro para espallar a cultura galega. Escritor tanto en galego como en castelán, ten unha longa traxectoria como autor con libros de poesía, narrativa, infanto-xuvenil ou obras colectivas e numerosos premios ás súas costas.
Concello de O Rosal
Abril será o mes do libro no Rosal
O Concello preparou unha programación especial que incluirá vídeos, premios e recomendacións lectoras, pero tamén contacontos, música, teatro, presentacións, cine ou danza
Abril será o mes do libro no Rosal. O Concello ten xa preparada unha programación especial coa que convidar a toda a veciñanza a conmemorar o Día do Libro e a gozar da literatura, da cultura e do lecer para toda a familia. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca que este mes poderase desfrutar dunha ampla axenda "coa que seguir enchendo o noso concello dunha programación diversa, na que todas as persoas poderán atopar actividades coas que pasar un bo rato, nesta ocasión coa literatura como gran protagonista".
As actividades comezarán este mesmo venres 1 de abril na Biblioteca municipal co contacontos do libro de Francisco Álvarez, Koki, de 'Olivia e o clarinete máxico' (17.00 h), un evento dirixido a público infantil no que colabora a Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal. A programación continuará o mesmo sábado 2 no auditorio municipal a partir das 19.30 horas coas audicións do alumnado da propia Escola de Música. O domingo 3 de abril a actividade volve de novo ao auditorio con 'O porco de pé', de Producións Teatrais Excéntricas, unha obra teatral para público adulto da que se poderá desfrutar a partir das 19.30 horas.
A vindeira semana a programación cultural continuará o xoves 7 na biblioteca municipal coa presentación do libro 'Versiones de mi que desconozco', de Vanesa Rodríguez ás 19.00 horas. O sábado 9 a Agrupación Musical do Rosal volve ser a protagonista co seu Festival de Primavera para público familiar ás 20.00 horas no auditorio. O 10 de abril será domingo de sesión de cine e risas con 'A herdanza', a película do Grupo San Roquiño, unha actividade para todos os públicos ás 19.30 horas no auditorio municipal.
O domingo 17 a veciñanza poderá gozar do teatro, a danza e a música para público adulto con 'Lara Hierro', da compañía de Constance Hurlé no auditorio (19.30 h) e o venres 29 coa presentación do libro de poemas 'Círculos concéntricos' de Iria Supertramp na Biblioteca municipal ás 19.00 horas.
Xunto con toda esta programación cultural, O Rosal contará este mes de abril con moitas actividades centradas na literatura na que os rosaleiros e rosaleiras serán os protagonistas. Así, durante este mes realizaranse e publicaranse vídeos do alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier lendo un conto, dun vídeo promocional da biblioteca municipal, doutro da libraría co que poder coñecer as últimas novidades lectoras, pezas con recomentacións de libros feitas polas persoas que participan no Club de Lectura ou vídeos da veciñanza lendo unha pequena historia.
Ademais, o Concello colaborará co CRA María Zambrano na edición de marcapáxinas feitos polos nenos e nenas cun código QR que leva información relacionada con diferentes libros. E, como é habitual, co gallo da conmemoración do Día Internacional do Libro a biblioteca entregará os premios ao bo lector nas categorías de infantil, xuvenil e adulto.
Concello de O Rosal
O Rosal debate sobre a vespa velutina da man da investigadora Sandra Rojas Nossa
A doutora en Ecoloxía da Universidade de Vigo e apicultora dará unha charla o martes 5 de abril ás 19.00 h no Espazo de Autoarranxo
No ano 2012 detectáronse por primeira vez en Galicia dous niños de vespa velutina, unha especie exótica invasora procedente de Asia da que en 2017 xa se rexistraban máis de 21.000 niños en toda a comunidade autónoma. Para falar do impacto e dos métodos de control desta especie estará no Rosal Sandra Rojas Nossa, investigadora da Universidade de Vigo, doutora en Ecoloxía, apicultora e coautora dun estudo que constata o impacto negativo da vespa velutina no comportamento dos insectos polinizadores e na reprodución das plantas.
Rojas Nossa visitará o Espazo de Autoarranxo o vindeiro martes 5 de abril para dar unha charla no que afondar no tema a partir das 19.00 horas, con entrada de balde e libre ata completar aforo. Nela a investigadora falará da capacidade das velutinas para adaptarse a novas contornas e de cambiar dende unha parte do seu ciclo anual ao tipo de especies das que se alimenta, dos seus aspectos biolóxicos e dos problemas que causa por exemplo na apicultura, así como dos diferentes métodos para combatela.
Concello de O Rosal
Unha unidade móbil de doazón de sangue visita O Rosal o vindeiro 4 de abril
Estará situada diante da Cámara Agraria de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 h. Pódese pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828
O Rosal recibe este mes de marzo unha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro luns 4 de abril para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade. O autobús estará situado diante da Cámara Agraria e os rosaleiros e rosaleiras poderán doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
Para ADOS a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que continúa extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue poderán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir unha afluencia gradual e ordenada de doantes.
Aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.
Cada día ADOS despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...
Concello de O Rosal
|