|
A Guarda da a benvida a abril cunha ampla programación polo mes do libro
" Contacontos, exposicións, presentacións de libros e actividades de rúa para fomentar a lectura neste mes de abril.
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, ven de presentar as actividades e a programación para o mes do libro 2022 que arrancou xa na xornada deste venres día 1 de abril coa inauguración da Exposición de libros "O Principiño".
A Casa dos Alonso foi o escenario elixido para presentar toda a programación a cargo do Alcalde da vila, Antonio Lomba e da Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes. A este acto acudiron tamén representantes das librarías da vila e demais convidados, que puideron participar tamén na inauguración da Exposición de libros "O Principiño", unha exposición que recolle máis de 250 exemplares de diversas edicións sobre unha das novelas curtas mais importante e a obra mais famosa do escritor e aviador francés Antoine de Saint-Exupéry.
Os exemplares expostos do Principiño son propiedade de Chelo Vicente Rodríguez, unha veciña da Guarda que comezou fai xa uns dez anos a coleccionar libros desta obra, a máis traducida do mundo, contando na actualidade con tradución a máis de cincocentos idiomas e 12 dialectos da xeografía española. Chelo comezou esta interesante colección a raíz das viaxes que foi realizando polo mundo, mercando exemplares en diferentes idiomas grazas tamén a formar parte dun grupo de coleccionistas, mercando libros tamén ilustrativos, que poderán contemplar os visitantes que se acheguen á Casa dos Alonso, na primeira exposición pública na que se vai poder ver esta interesante e asombrosa colección de libros do Principiño.
Sobre o autor falou Paco Vidal, un gran apaixonado da literatura e gran coleccionista tamén de libros, que non desaproveitou esta oportunidade para falar da historia de Antoine de Saint-Exupéry e o que significou e significa para moitas xeracións a obra do Principiño.
Montserrat Magallanes, Concelleira de Cultura, quixo agradecer no acto de inauguración a Chelo Vicente, que dende o primeiro momento se amosou moi receptiva a realizar esta exposición de libros do Principiño e colaborou de xeito moi activo para que a mesma fose unha realidade en moi pouco tempo. Engadiu a Concelleira de Cultura que "é todo un luxo para a cidadanía guardesa, para tod@s, pequenos e maiores poder desfrutar desta exposición na Casa dos Alonso e poder coñecer un pouco máis dun dos libros máis traducidos en todo o mundo. O Principiño sitúase nun lugar destacado nesta programación do Mes do Libro, onde queremos que tod@s se aproximen á lectura coma un elemento de busca da liberdade, do coñecemento, do espírito crítico e tamén "deses breves e incandescentes momentos de felicidade" como soñaba Jorge Luis Borges.
Para Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, "O pobo da Guarda, dende sempre, deu moita importancia aos libros, isto explica a gran produción e colaboración editorial que se fai dende o concello. Este ano, poder comezar o mes do libro coa exposición sobre O Principiño, é un luxo. Espero que desfrutemos dela grandes e pequenos. E que para elo, nós, os grandes, aceptemos a suxerencia do Principiño e nos acordemos de cando eramos cativos."
PROGRAMACIÓN MES DO LIBRO
O Mes do Libro 2022 na Guarda comeza coa Exposición de libros "O Principiño", que estará na Casa dos Alonso do 1 ao 10 de abril en horario de 9:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h de luns a venres e en horario de 10:00h a 13:00h os sábados.
A programación continúa este sábado día 2 de abril co Contacontos polo día do libro infantil con "DEDAS" ás 12:00h na Biblioteca Municipal da Guarda(Centro Cultural). DEDAS é un conto ilustrado de 64 páxinas onde agroma a poesía en cada liña. Un libro evolutivo para nenos e nenas de 1 a 6 anos.
O Contacontos do día 2 estará impartido polas autoras do libro : Soledad García nos textos, Laine Villero a cargo das ilustracións e Natalia Guisande como deseñadora. As tres artistas conforman o proxecto Solaina, unha fusión de arte: palabras, pintura e deseño.
Para acudir á esta actividade é preciso anotarse previamente no Centro Cultural ou no teléfono 986 61 1850, en horario de 16:00h a 21:00h.
Este ano decidiuse realizar a II Ruta do Libro, unha actividade na que participan as 4 librarías da vila e na que entregarase un agasallo na Biblioteca Municipal da Guarda a todas as persoas que consuman 30€ nestes establecementos.
O 9 de abril ás 12:00h a Biblioteca Municipal da Guarda acolle o contacontos "O Principiño en figuras de Luz", é preciso anotarse previamente no Centro Cultural ou no teléfono 986 61 1850, en horario de 16:00h a 21:00h.
Xa para rematar a programación do mes do libro 2022, o 23 de abril celebraremos o Día do Libro con descontos especiais nas librarías da Guarda e obsequiarase cunha flor(ata fin de existencias) ás persoas que realicen compras neste día. Ademais contarase de 10:30h a 13:00h cun emblema clásico dos cómics de España, "Mortadelo e Filemón", que visitarán A Guarda para conmemorar este día facendo un percorrido pola Biblioteca Municipal, as Librarías e as principais rúas da vila.
Recorda que na Biblioteca Municipal da Guarda habilitarase un mural no que poder deixar a túa pegada con mensaxes ao longo de todo o mes de abril.
O Concello da Guarda ilumínase de cor azul polo Día do Autismo
O Concello da Guarda únese ao Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, que se conmemora cada 2 de abril, iluminando a fachada do consistorio municipal de cor azul.
Baixo o lema "Unha feliz viaxe pola vida" queremos facer comprender á cidadanía o dereito das persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e as súas familias a vivir unha vida feliz.
Para garantir a súa calidade de vida, as persoas con TEA, especialmente aquelas con mais necesidades de apoio, necesitan acceder a unha serie de servizos individualizados, específicos e especializados que deben ir adaptándose en función da etapa do desenrolo na que se atopen, así como das experiencias que haxan ido adquirindo ao longo da súa vida.
Ademais, debemos ter en conta que o TEA non impacta só en quen o presenta, senón tamén na súa familia. Sendo a familia a fonte de apoio principal para as persoas con autismo, é indispensable tamén atender as súas necesidades, contribuíndo así a garantir o seu benestar emocional e a súa calidade de vida.
A Guarda aposta polo emprego coa contratación de 14 desempregados ao abeiro do Plan Concellos
" En total, a Deputación de Pontevedra realizou unha achega de 130.917,22€ a través da Liña 3 de emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais 2022.
Na mañá de 1 de abril de 2022 o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Persoal, Montserrat Magallanes e o Concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español; deron a benvida aos 14 novos traballadores que se veñen de incorporar recentemente grazas á Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
Nesta benvida, o Alcalde da Guarda, recordoulles que están ao servizo da cidadanía da Guarda, polo que deben de esmerarse nas súas tarefas e realizalas dun xeito correcto para que o conxunto da cidadanía da vila aprecie e poña en valor os seus respectivos traballos.
O Concelleiro de Vías e Obras fixo especial fincapé naquelas habilidades especiais que teñen algún deles, como son os coñecementos en soldadura, pintura, carpintería, albañilería… para tentar optimizar ao máximo e organizar axeitadamente os seus traballos.
Pola súa banda, a Concelleira de Persoal, puxo en valor esta aposta polo emprego de persoas desempregadas que se fai dende o Concello, dando unha oportunidade a moitas persoas para mellorar a súa situación laboral e persoal, agradecendo tamén a achega da Deputación de Pontevedra para este fin.
En total A Guarda conta con 14 novos traballadores que prestarán servizos na recollida de residuos urbanos, limpeza, conserxería e animador sociocultural, con contratos de 6 meses de duración a xornada completa.
O concello da Guarda saca a licitación o mantemento das illas ecolóxicas e a reforma do Obradoiro de Emprego
O Concello da Guarda saca a licitación pública dous novos contratos, por unha banda o do Servizo de mantemento das illas ecolóxicas de contedores soterrados e, pola outra, a reforma do Obradoiro de Emprego Manuel Benito Portela
O Servizo de mantemento das illas ecolóxicas de contedores soterrados sae a licitación pública por un importe da licitación de 24.200 euros por dous anos, prorrogable dous anos máis.
A reforma do Obradoiro de Emprego Manuel Benito Portela sae a licitación pública por un importe da licitación de 43.913,83 máis IVE e o prazo de execución é de 90 días.
A data límite de presentación de ofertas en ambos casos é o 11 de abril de 2022.
Toda a información destas licitacións está no Perfil do Contratante da Sede Electrónica do Concello da Guarda
A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 8 e sábado 9 de abril
" O venres 8 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00h e o sábado 9 de 10:15h ás 15:00h.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 8 en horario de 10:15 ás 14:00 horas e de 16:30h a 21:00h e o sábado 9 de 10:15h ás 15:00h.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.
O Concello da Guarda organiza o Obradoiro de Canto "Con Voz Propia"
O Concello da Guarda, organiza no mes de abril o Obradoiro de Canto "con Voz Propia".
Esta actividade, que será impartida por Cristal Méndez de Maga de Voz, realizarase todos os xoves en horario de 10:00h a 12:30h dende o 21 de abril ata o 23 de xuño, cun total de 25h.
Trátase dun Obradoiro de canto para mulleres no que se busca o empoderamento das participantes a través da voz e do canto.
As inscricións están xa abertas no Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda, na Praza de San Marcos(ao lado do Xulgado de Paz), no teléfono 986 61 4648 e no enderezo electrónico muller@aguarda.es
Esta actividade conta co financiamento e apoio do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero.
Presentación da programación do Mes do Libro e Inauguración da Exposición de libros do Principiño
O vindeiro venres día 1 de abril ás 19:00h realizarase na Casa dos Alonso a Presentación da programación do Mes do Libro e Inauguración da Exposición de libros do Principiño.
Arranca o plan de formación impulsado por Orpagu e o Concello da Guarda
Na xornada deste mércores día 30 de marzo de 2022 o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Formación, Fátima Rodríguez, deron a benvida na sede de Orpagu xunto coa súa xerente, Juana Parada e profesorado, ao primeiro grupo de alumnos e alumnas que participarán na formación dun plan que refrenda o compromiso da Organización de Palangreros Guardeses coa súa localidade, promovendo a formación específica necesaria para xerar emprego estable e de calidade.
Antonio Lomba, alcalde da Guarda, valora moi positivamente esta iniciativa de Orpagu, que ofrecerá oportunidades a quen poida acceder á formación, facendo especial fincapé en que é unha excelente oportunidade de inserción laboral para veciños da localidade.
Fátima Rodríguez, concelleira de Formación, animou aos asistentes e participantes nesta formación, para que aproveiten esta oportunidade de enriquecer coñecementos e formarse de cara a unha futura incorporación ao mercado laboral.
Juana Parada, xerente de Orpagu, agradeceu a colaboración amosada dende o comezo desta iniciativa por parte do concello da Guarda, para que esta formación sexa hoxe unha realidade.
Os participantes nestes cursos de formación gratuítos entrarán a formar parte dunha bolsa de traballo, da que se nutrirá a organización para os empregos que xere a súa planta de Tui.
Fieis ao compromiso social adquirido coa súa localidade, a Organización de Palangreros Guardeses impulsou sete cursos dentro dun plan de formación específico aberto a todas e todos os guardeses para o que conta coa colaboración económica do Concello da Guarda. Precisamente, o Concello da Guarda empregará a Líña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para financiar este proxecto coa cantidade de 6.000 euros, "para que a poboación guardesa teña unha opción real de acceso ao emprego", sinalan dende a Alcaldía.
Unha aportación que dende a organización de palangreros valoran de forma significativa ao tempo que destacan a inestimable colaboración do Concello con esta iniciativa. Unha cooperación que, en palabras do presidente da organización, Joaquín Cadilla, "foi exemplar dende o primeiro día".
Os cursos de "Almacenaxe en frío", "Manipulador de alimentos e APPCC", "Carretilleiro", "Prevención de riscos en cámaras frigoríficas", "Seguridade Alimentaria e alérxenos", "Limpeza e Desinfección" e "Boas prácticas de manipulación" desenrolaranse entre as 9:00 e as 14:00 horas e terán lugar, en diferentes datas, entre o 30 de marzo e o 20 de xuño. Todos os cursos serán impartidos na sede da Organización de Palangreros de A Guarda (Manuel Álvarez, 16 baixo), a excepción do curso de carretilleiro, que impartirase en formato on-line a parte teórica e nas instalacións de Herrajes Martínez, a parte práctica.
As persoas que conclúan con éxito os cursos formarán parte da bolsa de traballo da que Orpagu nutrirase para conformar a plantilla da planta frigorífica que está construíndo en Tui. A planta estará plenamente operativa en 2022 e creará ao redor de 30 postos de traballo. Os inscritos nos cursos de formación que queden fora dos postos ofertados por Orpagu gozarán desa formación gratuíta, que lles permitirá acceder a empregos noutras empresas do sector, cuxa demanda de traballadores ten aumentado nos últimos anos.
Aínda que este plan formativo estivo aberto para todas as persoas interesadas, nos criterios de selección priorizouse que fosen naturais da Guarda, cumprindo desta forma cun dos preceptos da FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) que apoia os proxectos que creen emprego e melloren a calidade de vida da poboación no litoral.
A nova planta, infraestrutura necesaria para seguir crecendo
Cunha inversión de seis millóns de euros, a planta e centro de I+D está emprazada no parque empresarial de Areas, cunha estratéxica situación polo seu acceso directo á A55 e á Vía Tui-A Guarda. A nave albergará un almacén frigorífico con capacidade para 3.000 toneladas de pescado e unha aula de experimentación para traballar en novos produtos e formatos coa intención de chegar ao maior número de consumidores posible.
Este proxecto da Organización de Palangreros Guardeses ten coincidido no tempo con seu 25 aniversario e dado o seu custe e obxectivos conta con financiación europea e do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.
O Consello Climático organiza unha Xincana na Guarda o 9 de abril
" O inicio da proba será o sábado 9 de Abril ás 11:00 na praza do Concello de A Guarda.
A proba consiste na realización dun percorrido polo centro urbano de A Guarda con diferentes paradas para realizar retos e probas cos que os participantes obterán unha puntuación e unha pista para unha proba final.
A participación está recomendada para maiores de 12 anos polos coñecementos e habilidades necesarias para superar as probas. Existen dúas categorías: xeral (grupos de máximo 3 persoas maiores de 12 anos) e familiar (familias de ata 5 membros nos que pode haber menores de 12 anos).
Como mínimo unha persoa de cada equipo participante deberá inscribirse no seguinte formulario e ler as bases de participación da actividade.
Os participantes deben acudir con roupa e calzado cómodos para poder realizar os desprazamentos a pé. Non se permite o uso de patinetes, bicicletas nin ningún outro tipo de vehículos para a realización da proba.
Entregaráselle a cada equipo un mapa cos puntos aos que teñen que acudir para superar as diferentes probas. Pódense empregar móbiles e outros dispositivos para os desprazamentos. En cada proba, a persoa encargada da explicación e realización da mesma indicará aos participantes as normas para levala a cabo e o material que poden empregar.
A proba ten unha duración máxima de 2horas e 30 minutos.
|