|
Volven celebrarse os actos da Semana Santa tudense con tradicións seculares
A visita aos Monumentos, onde destaca o Horto das Oliveiras na capela da Misericordia, a procesión dos Pasos ou a do Santo Enterro forman parte do programa previsto
As celebracións da Semana Santa volven este ano a Tui tras dous anos de ausencia debido á pandemia coa organización da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, a Catedral e o Concello de Tui. Entre o 3 e o 17 de abril desenvolverase en Tui o programa da Semana Santa que foi presentado onte na casa do concello por Enrique Cabaleiro González, alcalde; Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino e Cultura; Santiago Freire Comesaña, párroco de Tui e coengo; Jorge Gonçalves Murta, da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia; Juan José Sío Castro, da agrupación de exvoluntarios de Protección Civil, e Eduardo Cadenas, da Asociación Amigos da Catedral.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, indicaba que "o concello é a primeira institución que está interesada na promoción das celebracións da Semana Santa na nosa cidade, obviamente polo que significa esta celebración, principalmente dende o punto de vista relixioso pero non podemos esquecer que as celebracións da Semana Santa acaban transcendendo ao que é puramente relixioso e pasan e transfírense ao ámbito cultural, e sobre todo turístico". Por iso dicía "son tamén un elemento de dinamización socioeconómica".
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou a singularidade da Semana Santa tudense que "conserva unha tradición secular centrada nas representacións para-teatrais" aludindo así ao Horto das Oliveiras que se representa na Capela da Misericordia, ou aos sermóns do Encontro e o Desencravo coas súas escenografías. Por todo iso indicaba que "debemos traballar para pola en valor".
Durante a Semana Santa o Concello de Tui promove tamén outros recursos turísticos da cidade. Así avanzou Enrique Cabaleiro que volverá abrir o Museo Diocesano. Coñecer Tui será posible a través de visitas autoguiadas cos folletos informativos dispoñibles na Oficina de Turismo ou cos códigos QR da sinalización da cidade histórica, pero tamén coas visitas guiadas que ofertan distintos profesionais tanto no centro urbano coma no Parque Natural do Monte Aloia. Sen esquecer a nova oferta turística que brinda o proxecto Río Miño, Destino Navegable. Incidiu tamén o rexedor que todos aqueles que visiten Tui estes días de Semana Santa poderán gozar da ampla oferta de establecementos de aloxamento e restauración. E por último lembraba coma xa nestes días a cidade comeza a prepararse para as festas de San Telmo.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, destacou na súa intervención coma dende o Concello "estamos colaborando para que a Semana Santa sexa coñecida, non só na comarca, senón en toda Galicia, e se podemos saír fóra das nosas fronteiras moito mellor para todos nós". Agradecía a colaboración a todas as entidades implicadas na organización dos distintos actos, e tamén a Chico Bugarín polas fotografías aportadas para realizar o folleto da Semana Santa e o cartel co que se promocionarán os distintos actos.
Os actos comezarán o domingo 3 de abril, ás 18 h, na Catedral coa lectura do pregón da Semana Santa a cargo de D. Santiago Vega, cóengo e director do Museo Catedralicio. Un acto, que coma explicaba Eduardo Cadenas, presidente da Asociación Amigos da Catedral, contará amais cun pequeno concerto a cargo do dúo de guitarras do Conservatorio Profesional de Música de Tui formado por Pablo Ameijeiras e Gabriel Silvera.
Juan José Sío Castro, presidente da agrupación de exvoluntarios de Protección, detallou coma unha trintena de voluntarios volverán levar na procesión ao Santo Cristo da Agonía, un acto procesional no que este ano suman a súa participación número 29.
O párroco de Tui, Santiago Freire, indicaba coma tras as restricións dos dous últimos anos "énchenos de esperanza" poder volver á "normalidade".
Jorge Gonçalves Murta, presidente da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, lembraba coma hai máis de 40 anos que levan adiante os actos da Semana Santa en Tui, agradecendo a colaboración do concello nesta celebración.
O pregón da Semana Santa a cargo de D. Santiago Vera, cóengo e director do Museo Catedralicio, abrirá o domingo 3 de abril, ás 18 h, na capela das Reliquias na Catedral o programa da Semana Santa en Tui. O domingo 10, ás 11 h na praza de San Fernando terá lugar a beizón de ramos, con procesión e misa na catedral. O templo catedralicio acollerá o mércores, 13 de abril, ás 12 h a misa crismal presidida polo bispo da Diocese.
O Xoves Santo, 14 de abril, a partir das 20 h terá lugar a tradicional visita aos monumentos cun percorrido polas distintas igrexas e capelas do conxunto histórico de Tui dende a Catedral, á igrexa das Clarisas, San Telmo, a capela da Residencia San Telmo, e as igrexas de San Domingos e San Bartolomeu. A capela da Misericordia volverá converterse no Horto das Oliveiras, que xa se realizaba en 1818. Previamente celebrarase na catedral a misa vespertina da cea do Señor e ás 23 h a Hora Santa.
O sermón do Encontro, con D. Ángel Carnicero, reitor do Seminario Maior San Xosé coma orador, abrirá o programa do Venres Santo ás 11 h, para celebrarse a continuación á procesión dos Pasos. Á tarde, terá lugar a celebración da paixón do Señor e o Sermón do Desencravo na igrexa de San Domingo con D. Samuel Montes, formador do Seminario Maior San Xosé coma orador. A procesión do Santo Enterro irá dende esta igrexa polas rúas do conxunto histórico até a igrexa parroquial de San Francisco.
O Sábado Santo ás 8 h celebrarse a procesión de Nosa Señora da Soidade, só para mulleres, dende a igrexa de San Francisco á Catedral, con posterior sermón a cargo de D. Ángel Carnicero. A partir das 21.3 h celebrarse a Solemne Vixilia Pascual.
Os actos pecharanse o domingo 17, Domingo de Pascua de Resurrección coa Misa Pascual presidida polo bispo da Diocese, ás 12 h na Catedral.
Programa Semana Santa - Tui 2022
Domingo 3 de abril
" 18:00 horas. Pregón da Semana Santa. Capela das Reliquias da S. I. Catedral A cargo de D. Santiago Vega López, cóengo e director do Museo Catedralicio.
" Pequeno concerto polo dúo de guitarras formado por Pablo Ameijeiras López e Gabriel Silvera Marcoff.
" Organiza: Asociación de Amigos da Catedral de Tui. Colabora: Cabido Catedral de Tui e Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia.
Domingo 10 de abril. Domingo de Ramos
" 11:00 h. Bendición de ramos. Praza de San Fernando
" A continuación procesión e Santa Misa na S. I. Catedral.
Mércores 13 de abril. Mércores Santo
" 12:00 h. Misa Crismal na S. I. Catedral
" Presidida polo Bispo da diocese e concelebrada polo presbiterio diocesano. Bendición dos óleos que se empregan na administración dos sacramentos nas parroquias durante o ano e renovación polos presbíteros das súas promesas sacerdotais.
Xoves 14 de abril, Xoves Santo
" 19:30 h. Misa Vespertina da cea do Señor na S. I. Catedral
" 19:00 a 23:00 h. Visita aos Monumentos
" Tradicional percorrido polos seguintes lugares: S. I. Catedral, Igrexas das Monxas Clarisas, Igrexa de San Telmo, Capela da Residencia San Telmo, Igrexa de San Domingos e igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia visítase a representación do Horto das Oliveiras.
" 23:00 h. Hora Santa na S. I. Catedral
Venres 15 de abril, Venres Santo
" 11:00 h. Sermón do Encontro e procesión dos pasos
o Saída dos pasos dende a Capela da Misericordia até a Praza de San Fernando onde terá lugar o Sermón do Encontro.
o Orador: D. Angel Carnicero Carrera, Reitor do Seminario Maior "San Xosé".
o A continuación procesión polas rúas da cidade.
o Organiza: Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia. Colabora: Asociación de antigos voluntarios de Protección Civil de Tui.
" 18.00 h. Celebración da Paixón do Señor na S. I. Catedral
" 20:00 h. Sermón do Desencravo e procesión do Santo Enterro
o Na igrexa de San Domingos Sermón do Desencravo.
o Orador: D. Samuel Montes Costas, Formador do Seminario Maior "San Xosé". A continuación Procesión do Santo Enterro polas rúas da cidade ata a igrexa parroquial de San Francisco.
Sábado 16 de abril, Sábado Santo
" 08:00 h. Procesión de Nosa Señora da Soidade
o Saída dende a Igrexa de San Francisco ata a S. I. Catedral.
o A continuación sermón a cargo de D. Ángel Carnicero Carrera, Reitor do Seminario Maior "San Xosé".
" 21:30 h. Solemne Vixilia Pascual na igrexa parroquial de San Francisco
Domingo 17 de abril, Domingo de Pascua de Resurrección
" 12:00 h. Misa Pascual na S. I. Catedral
" Presidida polo Bispo da diocese.
Tui recoñece mañá sábado a cinco mulleres tudenses destacadas e homenaxea á muller na música
Será na Gala da Muller 2022 "Mulleres de onte, hoxe e mañá" no Teatro Municipal
O Concello de Tui vai render sábado, 26 de marzo, homenaxe a cinco mulleres tudenses. Será na Gala da Muller 2022 "Mulleres de onte, hoxe e mañá" que se vai celebrar ás 20 h no Teatro Municipal de Tui presentada por Mónica Sueiro.
Nesta gala recoñecerase a mulleres de distintas idades e profesións dando visibilidade deste xeito ao seu labor e contribución á sociedade. Serán Pilar Blanco, cociñeira do Restaurante El Molino de Tui; Chelo Domínguez , directora xeral de GKN; Carmen Rodríguez Cerdeira, médica dermatóloga, Emilia Rosende poeta e unha quinta protagonista que será unha lembranza a dez mulleres destacadas na historia tudense, nun audiovisual co retrato delas realizado pola artista Gemma Marqués xunto a un breve resumo da súa vida.
No transcurso da gala as homenaxeadas serán agasalladas cun obsequio en lembranza deste recoñecemento.
Con esta gala o Concello tudense quere recoñecer os méritos destas mulleres que, desde distintos ámbitos tanto laborais como sociais e culturais, son un claro exemplo da calidade, importancia e relevancia do traballo feminino.
Nesta Gala da Muller amais recoñecerase tamén a presenza da muller na música a través do concerto que ofrecerán alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui e da Escola de Música interpretando pezas musicais de compositoras femininas. Así ao longo da gala actuarán en solidario ou formando dúos Sara Quesado, María Fernández, Valeria López, Iria Roca, Cintia Baz, Vania Fernández, Lía Santamaría, Débora Baz, Clara Canosa, Tseday Fernández e Érika e Carla Solleiro. Tamén se contará coa participación do coro infantil de 40 voces femininas pertencentes ao conservatorio tudense.
A entrada a esta Gala da Muller é libre até completar o aforo do Teatro Municipal.
Esta Gala da Muller forma parte do programa que se está a desenvolver dende comezos deste mes de marzo con motivo do Día Internacional da Muller.
O obradoiro de emprego Revaloriza Tui remata a restauración do Lavadoiro de Laxes en Randufe
O alumnado do obradoiro "Revaloriza Tui 2021" vén de rematar hai uns días a primeira das obras incluídas no proxecto de restauración de elementos patrimoniais municipais. Trátase do lavadoiro de Laxes en Randufe. O alumnado dos módulos de cantería e carpinteiría comezou en xaneiro estes traballos que veñen de concluír. O lavadoiro que estaba nun estado deplorable recuperou grazas a esta intervención todo o seu esplendor. O alumnado continuará agora, seguindo o proxecto establecido, coa restauración do lavadoiro de Souto.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, visitaron as obras realizadas e felicitaron ao alumnado e profesorado polo traballo realizado, no que queda patente os coñecementos adquiridos grazas a esta acción formativa.
O obradoiro de emprego Revaloriza Tui 2021 está financiado pola Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello de Tui.
Juan Diego Ingelmo gaña, por segunda vez, o concurso do cartel anunciador das Festas de San Telmo
As 22 obras presentadas exporanse a partir do luns na zona Anexo da Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez
O concurso de carteis convocado polo Concello de Tui para a elección da imaxe anunciadora das festas patronais de San Telmo 2022 contou coa participación de 22 carteis, unha elevada cifra de participantes pola que a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Sola, amosa a súa satisfacción.
Tras a deliberación do xurado a proposta gañadora foi a presentada polo deseñador Juan Diego Ingelmo Benavente, de Burriana - Castellón. O xurado valorou a calidade técnica e conceptual da proposta gañadora, o seu carácter orixinal e innovador, así coma o feito de recoller no deseño os valores e significado das festas, reflectindo o carácter festivo. A obra gañadora recibirá un premio de 700 euros.
Dende o vindeiro luns 28 de marzo poderá visitarse unha exposición na zona "Anexo" da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (Edificio "Francisco Sánchez" - Antiga Área Panorámica, rúa Colón, 2) na que os interesados poderán contemplar as 22 propostas enviadas para participar neste certame. A mostra permanecerá estará aberta ata o 9 de abril.
O pavillón Gustavo Rodríguez acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Patinaxe Grupos Show
Máis de 300 patinadoras e patinadores competirán nesta cita destacada na que buscarán praza para o Campionato de España
O pavillón municipal Gustavo Rodríguez acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Patinaxe Grupos Show organizado polo Club de Patinaxe Artístico Ribex en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Patinaxe. A proba presentouse esta mañá na casa do concello por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, o presidente do comité de patinaxe artístico da Federación Galega de Patinaxe, Alberto Covelo, o presidente e adestrador do CPA Ribex, Santiago Alonso, a secretaria e adestradora do CPA Ribex, Carolina Figueroa
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a intensísima axenda deportiva de Tui indicando que "é un privilexio" poder acoller este campionato, ao tempo que salientou que Tui é "o lugar ideal pola súa riqueza patrimonial e pola súa ubicación transfronteiriza". Ao tempo o rexedor tudense destacou que "o deporte é tamén un elemento de dinamización económica". Agradeceu ao CPA Ribex o seu importante traballo que pon ao patinaxe no mapa, así coma á Xunta de Galicia a colaboración no ámbito deportivo.
O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, comezou manifestando que "Tui está co deporte" e lembrou a espectacular regata Miño Internacional e a vistosa BTT Eurocidade, celebradas na fin de semana así coma o terceiro posto logrado polo Kaiak Tudense no Campionato de España Piragüismo e o título de Campión de España do tudense Manuel Garrido en C1 senior. Unha axenda deportiva que prosegue esta fin de semana coa Andaina de Fortaleza a Fortaleza, co RAID TT da Eurocidade e con este campionato galego salientando que aquí se xogarán "as prazas para o Campionato de España", desexando moita sorte ao CPA Ribex.
Dende o club organizador o seu presidente e adestrador Santiago Álvarez agradecía á Federación Galega de Patinaxe "concedernos este campionato" e ao Concello de Tui "por todos os medios facilitados". Explicou que a competición comezará o sábado ás 18 h para grupos grandes con 9 grupos, e o domingo dende ás 17.30 para grupos pequenos con 12 grupos. A secretaria e adestradora do CPA Ribex, Carolina Figueroa, recoñeceu que para o club "é un reto importante organizar un campionato destas características" que traerá até Tui a máis de 300 patinadoras e patinadores e as súas familias.
Dende a Federación Galega de Patinaxe o presidente do Comité de Patinaxe Artístico, Alberto Covelo, indicou que "é un pracer poder celebrar esta competición en Tui, onde o patinaxe artístico é moi importante co club Ribex". Salientaba que "unha competición das máis importantes, dentro da Federación Galega de Patinaxe, é unha competición moi vistosa, na que hai preto de 300 participantes cos seus respectivos adestradores e equipos técnicos, co que estamos falando de case 400 persoas máis todo o público que se vai achegar a Tui".
O xefe do servizo de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, amosou o seu agradecemento á Federación por traer esta competición á provincia de Pontevedra e en concreto até Tui. Destacaba que "a xente que vai vir aquí dende outras latitudes de Galicia pode ter a ocasión de perderse en Tui e coñecer o patrimonio cultural, a hospitalidade da xente de Tui…" indicando que "neste caso o deporte e a activación económica nestes momentos é moi importante".
O Campionato Galego de Patinaxe de Grupos Show celebrarase o sábado dende ás 18 h coa competición grupos grandes formados entre 16 a 30 patinadores e patinadoras e o domingo dende ás 17.30 h cos grupos pequenos que terán entre 6 e 12 integrantes. As entradas, cun prezo de 6€, poderanse mercar, para o propio día, o sábado dende ás 15 h e o domingo dende ás 14.30 h. O aforo é limitado.
O Club de Patinaxe Artístico Ribex competirá en grupos grandes con 17 persoas presentando a coreografía "Obsesións".
Tui busca nomes de mulleres para as rúas e espazos públicos
Ábrese un proceso de participación no que a cidadanía pode realizar as súas propostas
Actualizar o nome das rúas e dos espazos municipais de Tui incorporando nomes de mulleres destacadas na historia, economía, movementos sociais, ciencia, cultura, é o obxectivo do traballo que está a desenvolver o concello de Tui, dando así cumprimento á medida 7.3 do III Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes de Tui 2020-2024 . Nesta cambio "preciso e relevante" para a cidade, dende o concello quérese facer partícipe á cidadanía polo que se inicia un proceso de participación pública para recoller propostas sobre mulleres destacadas para dar nome a rúas e espazos públicos, contribuíndo deste xeito á visibilización das mulleres na cidade.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, convida a "toda a cidadanía a participar deste proceso para enriquecer as rúas da nosa cidade cos nomes das mulleres da nosa historia, unha historia na que as mulleres tamén estivemos presentes e continuamos estando porque sen nós a historia está incompleta".
A igualdade de xénero é, sen ningunha dúbida, un principio transversal dentro de todas e cada unha das políticas municipais do concello de Tui.
Neste momento a presenza de nomes femininos é absolutamente minoritaria en relación cos nomes de homes nas vías e noutros espazos públicos do Concello de aí, que continuación coa aplicación do III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, o Concello continúa coa súa loita para converter a cidade nun espazo igualitario no que as mulleres tamén estean representadas.
Precisamente con motivo do 8 de marzo, Día da Muller, iniciouse no Concello este camiño coa presentación da actividade "Camiñando con elas". É Un roteiro turístico ilustrado que da a coñecer o papel de diferentes mulleres que forman parte da historia local. Esta actividade é só o inicio dun proxecto moito máis amplo que se presenta baixo o nome "A Tui das mulleres. A historia non contada".
Estas accións teñen como finalidade "situar as mulleres -con nome propio e con información sobre as súas achegas á mellora da cidade e da sociedade- nos espazos públicos" explica a concelleira Ana Núñez.
As persoas que desexen propor o nome dunha muller dentro deste proceso de participación pública poden facelo enviando un correo electrónico a igualdade@tui.gal ou cubrir o formulario dispoñible na web www.tui.gal. Aínda que non é imprescindible convídase a achegar os motivos da proposta, ou datos biográficos da muller suxerida.
A música protagoniza o proxecto educativo "Benjamín de Sefarad" en 2022
Promovido pola Red de Juderías ten por obxectivo dar a coñecer entre os máis novos a importante achega do legado material e inmaterial da cultura xudía en España.
A Red de Juderías de España lanza unha nova edición do seu proxecto educativo Benjamín de Sefarad, que ten como obxectivo o difundir entre os escolares a importancia e pervivencia do legado xudeu de España. Unha proposta educativa na que colabora o concello de Tui a través da concellería de Ensino e Cultura que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente Solla.
Nesta edición, o protagonismo recaerá na música como legado inmaterial, clave para a transmisión e conservación da esencia da cultura sefardí. Así, durante o que resta de curso escolar, a Rede de Juderías fornecerá aos colexios que desexen participar na iniciativa unha colección de materiais lectivos gratuítos, como unha master-class virtual sobre música sefardí a cargo da cantante de música antiga, medieval e sefardí Mara Aranda, e o especialista en instrumentos da tradición medieval española Xota Martínez, e un libreto que recolle ligazóns e letras de cancións moi representativas da música sefardí. Os colexios interesados en participar no proxecto poden solicitar información e os materiais remitindo un correo electrónico á dirección descubridores@redjuderias.org
IV Edición Concurso de Microrrelatos
A música é tamén a protagonista da nova convocatoria do Concurso de Microrrelatos, no que poderán participar estudantes cursando 1º e 2º da ESO de calquera dos centros escolares españois. O certame foi convocado o xoves 24 de febreiro nun acto público en Lucena presidido por Juan Pérez, alcalde de Lucena e presidente da Rede de Xudarías de España, e que contou coa participación de Marta Puig, Xerente da Rede.
A temática sobre a que deberán versar os microrrelatos desta edición será a música, e o prazo de participación péchase o 10 de xuño de 2022. Cabe destacar que o certame contará cun xurado de excepción, presidido polo músico, actor e escritor Jimmy Barnatán, ao que acompañarán Coty Aserín, terapeuta, coach e preparadora xuvenil da Comunidade Xudía de Madrid e directora do programa de RTVE Shalom; Carmelo Jordá, xornalista e autor de varios dos Diarios de Viaxe da Rede de Xudarías; e Mara Aranda, intérprete, investigadora e Directora do Centro Internacional de Música Medieval.
Como nas anteriores edicións, os relatos gañadores recibirán como premio cheques de viaxe, e editarase un libro cos 30 relatos mellor valorados polo Xurado. Toda a información sobre o certame e as súas bases poden ser consultadas en www.redjuderias.org
Dende o Concello tudense animan aos centros educativos do noso municipio a participar nesta iniciativa que promove a valorización do legado cultural da presenza xudía na Península Ibérica, contribuíndo desde xeito ao coñecemento e respecto mutuos entre pobos, culturas e tradicións. Neste sentido, dende a concellería de ensino e cultura se lle enviou a todos os centros información sobre este proxecto, ofertando asesoramento para a súa posta en marcha.
|