|
Un cento de persoas inician un novo camiño de oportunidades co Programa Integrado de Emprego de Tomiño e do Rosal
As alcaldesas Sandra González e Ánxela Fernández inauguraron este vernes o programa Agroemprega xunto ao delegado territorial da Xunta, Luis López
"Hoxe iniciades un camiño de oportunidades, un camiño apaixonante que abrirá novas portas a todas e todos". Así daba a benvida a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ás persoas participantes no Programa Integrado de Emprego de Tomiño e do Rosal, Agroemprega, un proxecto posto en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal que formará a 100 persoas desempregadas en traballos relacionados co rural.
O auditorio de Goián acolleu este venres o acto inaugural do programa, no que a rexedora tomiñesa xunto á alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e ao delegado territorial da Xunta, Luis López, quixeron animar a todas e todos os participantes a aproveitar a oportunidade de desfrutar de 300 horas de formación moi completa, de balde e dende distintas perspectivas, como as técnicas de coaching, a intelixencia emocional ou o apoio ao emprendemento. "Sabemos que no sector agro hai novas oportunidades de emprego. E temos moitas esperanzas postas en que con esta formación teñades máis facilidades para atopar un emprego de calidade e un futuro nos nosos concellos", salientou González.
Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal destacou que "o sector agrícola é a nosa marca, a nosa identidade, e sen dúbida un sector estratéxico". "É o sector cunha menor taxa de desemprego e unha maior taxa de ocupación nos últimos meses, o que evidencia a importancia que ten para o noso territorio. Pero tamén é fundamental en termos de riqueza, de asentamento poboacional ou de redución de fenda de xénero, xa que a evolución da empregabilidade feminina no sector demostra que investir e apostar polo agro é investir e apostar pola igualdade, pola conciliación e pola corresponsabilidade que desexamos", recalcou a rexedora.
Durante o acto as dúas alcaldesas quixeron poñer en valor a importancia da colaboración entre dous concellos para poñer en marcha proxectos "que vemos que dan os seus froitos" e agradecer o gran traballo feito polas técnicas de Tomiño e do Rosal, que se implicaron para crear o proxecto e poñelo en marcha.
O delegado territorial da Xunta, Luis López, quixo felicitar ao concellos de Tomiño e do Rosal pola calidade do proxecto presentado ao Programa Integrado de Emprego de Galicia e resaltar "os bos resultados obtidos ao recorrer a unha fórmula de cooperación entre concellos e entre administracións". López explicou a aposta da Xunta por fomentar a empregabilidade feminina e agradeceu a alta presenza de mulleres participantes no programa, ademais de vaticinar moi bos resultados durante estes meses de formación. "Estou convencido de que todas e todos vós superaredes con creces o obxectivo de inserción do 35% marcado no proxecto", recalcou.
Humor subversivo esta fin de semana en Tomiño con Olivas Negras
A compañía chega este sábado 26 (21.00 h) ao auditorio de Goián co espectáculo de balde '12 uvas, dúas mulleres e unha oliva'
Fin de semana de humor rebelde en Tomiño. Este sábado 26 de marzo a compañía Oliva Negra traerá ao auditorio de Goián '12 uvas, dúas mulleres e unha oliva', un espectáculo sorprendente e honesto en clave cómica e subversiva no que as actrices Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez reflexionará con humor sobre a realidade das mulleres e a súa propia existencia.
A obra está dirixida por Marián Bañobre, que conta con numerosos premios María Casares ás súas costas pola súa faceta como directora, creadora e actriz. Levará a batuta dunha obra na que Cordón e Vázquez, soas sobre o escenario, fan un percorrido por distintos temas con análises ás veces subversivos pero dunha sinceridade vital. Unha viaxe á que o espectador terá a ocasión de sumarse para observarse e camiñar con elas na procura duns soños tan anhelados como a última oliva que queda no prato.
O espectáculo, dirixido a público adulto, comezará ás 21.00 horas e será totalmente de balde.
Tomiño convoca unha praza de técnico ou técnica de xestión
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 7 de abril. Toda a información e bases pode consultarse no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica
O Concello de Tomiño publica a segunda convocatoria para a selección dunha persoa funcionaria interina para a praza de técnico ou técnica de xestión. A persoa que ocupe o posto prestará apoio técnico no desenvolvemento nas áreas de Secretaría e Administración Xeral en tarefas como a tramitación e seguimento de expedientes, o asesoramento a diferentes servizos municipais, a realización de informes ou a información e atención ao público, entre outras.
As persoas interesadas poderán consultar toda a documentación no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica do Concello de Tomiño, así como as bases e o anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
O prazo de presentación de solicitudes finaliza o vindeiro 7 de abril de 2022.
Os tomiñeses Lara Villaverde e Diego de Braelle estrean os domingos de sesión vermú no Mercado
Será este 27 de marzo a partir das 12.30 horas, no que o público poderá desfrutar de tomar algo mentres escoita música en directo
É unha das actividades de 'Vive!', a campaña posta en marcha polo Concello de Tomiño para reactivar a actividade económica e social do municipio
Tomiño estrea esta fin de semana os seus domingos de sesión vermú, unha das accións programadas dentro de 'Vive!', unha campaña posta en marcha polo Concello durante os meses de marzo, abril e maio para reactivar a actividade económica e social do municipio.
Este domingo 27 o público poderá desfrutar dun rato de boa música a cargo dos tomiñeses Lara Villaverde e Diego de Braelle e do bo ambiente mentres toma algo no primeiro andar do Mercado Municipal de Tomiño. A música en directo comezará a partir das 12.30 horas e a actividade será de balde ata completar aforo.
O obxectivo "é conseguir que todas as fins de semana sexan animadas en Tomiño, que a veciñanza volva á rúa e goce de todo o que ofrecen os nosos mercados municipais e o noso comercio local", sinala a alcaldesa, Sandra González.
Tomiño pon en marcha un completo programa de accións para reactivar a actividade económica e social
Inclúe novos servizos xa en funcionamento e novas actividades de dinamización "para que a veciñanza volva tomar as rúas"
A alcaldesa, Sandra González, presentou esta nova campaña este mércores no Mercado Municipal de Tomiño acompañada do concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Francisco Campo
Tomiño quere que as súas rúas e o seu comercio local recobre vida. O Concello vén de poñer en marcha 'Vive!', unha campaña cun completo programa de accións de diferente índole que se realizarán durante os meses de marzo, abril e maio que busca reactivar a actividade económica e social do municipio. "Queremos que a veciñanza volva á rúa e que as fins de semana sexan animadas, saíndo pouco a pouco da dinámica pandémica na que estamos inmersos. E querémolo porque sabemos que iso favorecerá tanto ao comercio local e aos nosos mercados municipais como a hostalaría", explicou a alcaldes, Sandra González, durante a presentación da campaña no Mercado Municipal de Tomiño. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Francisco Campo.
Trátase dunha campaña integral que busca ofertar novos servizos, como os carros da compra nos núcleos urbanos de Goián e Tomiño para facilitar á veciñanza mercar nos establecementos locais, postos en marcha recentemente e que "están funcionando moi ben, de feito imos ampliar o número de carros dispoñibles". Tamén acaba de inaugurarse esta semana un "innovador e dinámico" servizo de consigna para a recollida de pedidos pola tarde na praza de abastos de Tomiño e estrearase en breve a nova web dos mercados de Goián e Tomiño, que vai "nese camiño cara á dixitalización e modernización que teñen que facer os nosos mercados para chegar á nova clientela".
O programa de actividades arranca esta mesma fin de semana cos 'Domingos sesión vermú', unha xornada na que se combinará a música de grupos tomiñeses co bo ambiente no Mercado Municipal de Tomiño. A primeira cita será este domingo 27 ás 13.00 horas con Lara e Diego. Os vindeiros encontros serán os días 10 e 15 de abril con Acevedos Delgados e Alonso, Piñeiro, González Trío, respectivamente.
Tamén se retomarán os 'Sábados con sabor', nos que o público poderá degustar pinchos e viños e co que se busca "ofrecer á veciñanza espazos de lecer ao tempo que se lles anima a mercar no mercado e no comercio local". Serán os días 2 e 9 de abril e 7 e 21 de maio a partir das 13.00 horas e as persoas interesadas deberán comprar o ticket previamente en calquera posto do Mercado de Tomiño.
Co obxectivo de que todas as fins de semana haxa actividades de lecer chegan os 'Mercados con-ciencia', unha charla con investigadores e investigadoras de diferentes campos coas que achegar a ciencia ao público xeral. O profesor da Universidade de Vigo e responsable de Divulgare, Luis Navarro, estará en Tomiño o 30 de abril, mentres que o 28 de maio o encontro será con Luisa Martínez, doutora en Ciencias do Mar, responsable da Unidade de Cultura Científica da delegación do CSIC en Galicia e escritora.
Para animar a veciños e veciñas a comprar en Tomiño tamén se sortearán 200 carriños da compra "entre todos os clientes do comercio local, algo moi útil e que á xente lle gusta, como temos comprobado noutras iniciativas similares que levamos a cabo, como a de Nadal", salienta a rexedora.
Para incentiva non só o comercio senón tamén o emprendemento, ao abeiro desta campaña tamén "se fomentarán novas oportunidades de negocio" coa licitación de tres postos no Mercado de Tomiño e dun posto no Mercado de Goián, así como dun espazo dedicado á hostalaría na Unión do Porvenir e no Espazo Fortaleza de Goián.
Tomiño premia a creatividade dos escolares de Primaria no concurso de debuxos sobre os ODS
O Concello, un dos 4 concellos de Galicia que están a redactar un Plan Municipal para a Implementación dos ODS, albergou onte a entrega de galardóns
Seis escolares de Tomiño recibiron onte un premio pola súa participación no concurso de debuxo organizado polo Concello co fin de sensibilizar e implicar á poboación sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) adoptados polas Nacións Unidas no ano 2015 co fin de erradicar a pobreza, fortalecer a paz universal e o acceso á xustiza.
O salón de plenos da Casa Consistorial foi o lugar elixido pola alcaldesa Sandra González para facer entrega dos premios (vales de 50 euros para a compra de material escolar) a cada un dos escolares gañadores.
Acompañada por varios concelleiros do seu equipo, entre elas, as de Educación e Medio Ambiente (Cristina Martínez e Ana Belén Casaleiro, respectivamente), a rexedora felicitou aos pequenos/as estudantes, salientando a súa creatividade e interese polo medio no que viven e o futuro do planeta.
No certame participaron todos os colexios de Primaria do municipio, resultando gañadores: Amaya Silva Salgueiro e Antón García Gregores (ambos os dous do CEIP de Sobrada. 1º ciclo de Primaria); Naím Álvarez Fidalgo (CEIP de Barrantes) e Martín Piñeiro Casaleiro (CEIP Plurilingüe de Tebra), ambos os dous do 2º ciclo de Primaria, e Jennifer Marinho Pazos (CEIP Pintor Antonio Fernández. Goián) e Alex Da Costa Vicente (CEIP de Barrantes), ambos os dous de 3º ciclo de Primaria.
Os traballos e debuxos premiados gardaban todos relación con algún dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable adoptados pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, dentro da Axenda 2030, como os de erradicar a pobreza, promover a agricultura sustentable; garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa; alcanzar a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas; garantir a dispoñibilidade e a xestión sustentable da auga, etc.
Tomiño é un dos catro concellos de Galicia (e o único de Pontevedra) que está a redactar na actualidade un Plan Municipal para a Implementación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles), enmarcado no programa "A Axenda 2030, un reto local nun mundo de transformación II", e impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa financiación da Xunta de Galicia e co traballo do ICSEM (Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa, como entidade executora).
Aberta a pre-inscrición para acceder ás escolas infantís de Tomiño e Goián
As listas provisionais publicaranse o 6 de maio, e as definitivas o 31 do mesmo mes
Aberto o prazo de presentación de solicitudes para acceder ás 2 escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos de Tomiño (O Seixo e Goián), o único concello da comarca que conta con 2 centros de educación infantil públicos. A día de hoxe o padrón de habitantes contabiliza 350 nenos e nenas de 0 a 3 anos.
Ata o 8 de abril os pais e nais poden solicitar algunha das 102 prazas (61 en Goián e 41 en Tomiño) que se ofertan nas dúas escolas, tanto de renovación, como de novo ingreso.
Ademais, cada curso se reserva unha praza por aula para nenos e nenas derivados dende os Servizos Sociais previa aprobación do Consorcio.
A lista provisional de inscritos e lista de agarda será publicada o 6 de maio. O prazo de reclamación será do 9 ao 13 de maio e a publicación das listas definitivas o 31 do mesmo mes. Por último, do 1 ao 10 de xuño será o prazo de matrícula propiamente dito.
Unha das grandes novidades deste curso é que será gratuíta a atención educativa para todo o alumnado, con independencia do número de irmáns da unidade familiar (os servizos de comedor ou merenda terán que abonarse, como até o de agora).
A Escola infantil de Goián conta con 4 aulas e unha capacidade total de 61 prazas. Segundo os datos achegados polo director, José María Torres, este curso renovarán sobre 20 familias. As prazas libres son 7 no grupo 0-1 e dependendo das solicitudes recibidas, variará a configuración das outras 3 unidades da escola, podéndose establecer máis de un grupo para os niveis 1-2 e/ou 2-3.
A presentación de solicitudes pode ser presencial (nas escolas) ou telemática, recomendándose ás persoas interesadas pasarse polo centro a informarse previamente e coñecer as instalacións, para o que é preciso chamar antes.
No Seixo son 42 prazas en total, estando vacantes para este curso 7 na aula de 0-1; 5 na de 1-2 e 7 na de 2-3. "Eu recomendaríalle aos pais e nais que se animasen a vir, que os nenos e nenas veñen moi contentos e as familias teñen sempre as portas abertas", explica a directora, Paula Oliveira.
O alumnado que entra novo cada ano pasa un período de adaptación para que os nenos e nenas non acusen tanto o cambio.
O impreso de matrícula pode recollerse nas propias escolas infantís ou baixalo de internet en sede.xunta.gal. Para máis información ou cita previa, pódese chamar ao 986 622 887 (Escola Infantil de Tomiño) ou 986 620 385 (Escola Infantil de Goián).
Asemade, toda a información relativa ao proceso, así como os formularios normalizados do procedemento, poderán consultarse e descargarse na páxina web da rede de escolas infantís de Galicia A Galiña Azul.
O Mercado de Tomiño estrea un novo servizo de recollida de pedidos polas tardes
Será a través dun sistema de consignas de balde que permitirán á veciñanza facer as súas compras vía telefónica polas mañás e coller os produtos no propio mercado de 17 a 20 horas
Comprar no Mercado Municipal de Tomiño é cada día máis fácil. O vindeiro martes 22 de marzo, a praza de abastos estreará un novo servizo de recollida de pedidos polas tardes que permitirá á veciñanza facer as súas compras pola mañá de forma telefónica e acudir ao mercado para retirala fóra do horario de apertura dos establecementos.
"Seguimos traballando para potenciar as compras na nosa praza de abastos cunha nova medida que sen dúbida facilitará a moitos tomiñeses e tomiñesas seguir consumindo local do noso mercado e a desfrutar da calidade dos nosos produtos sen estar limitados por cuestións de horarios", salienta a alcaldesa, Sandra González.
Este servizo funcionará a través dun sistema gratuíto de consignas que permitirá gardar os pedidos durante horas garantindo a cadea de frío e con compartimentos diferenciados pola tipoloxía de produtos: carne, peixe e froitas e verduras. Os clientes e clientas só terán que facer o seu pedido de xeito directo ao establecemento que desexe, aboar a compra co método acordado co praceiro ou praceira e pasar a recoller a compra de 17.00 a 20.00 horas, no momento que máis lle conveña.
As consignas estarán situadas no primeiro andar no interior da Confitería Rogelio, que será o establecemento encargado de xestionar a recollida e facer a entrega dos produtos mercados debidamente etiquetados á clientela.
Un sistema pioneiro co que o Concello de Tomiño busca dar pulo ao consumo local e invitar a todos os tomiñeses e tomiñesas a vivir e gozar o seu mercado.
|