|
O Rosal prepárase para a Semana Santa
O Concello abrirá a oficina de turismo na Centro de Interpretación dos Oficios, no edificio da Cámara Agraria, e organizará visitas guiadas ao Museo do Cabaqueiro e unha saída aos muíños do Folón e do Picón
O Rosal prepárase para unha Semana Santa de ocio e lecer para rosaleiras e rosaleiros e tamén para visitantes. O Concello abrirá durante esas datas a oficina de turismo no Centro de Interpretación dos Oficios do Rosal, situada no edificio da Cámara Agraria, unha medida coa que ademais de poder coñecer información turística do municipio as persoas interesadas poderán visitar tamén o Museo do Cabaqueiro. "É unha forma de renderlle homenaxe e achegarse a un oficio moi duro pero no que os nosos veciños tiñan unha gran destreza e mestría", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A oficina abrirá as súas portas dende o 10 ata o 17 de abril, agás o sábado 16 que permanecerá pechado. Durante todos estes días as persoas interesadas poderán visitar este centro etnográfico de xeito individual ou participar nas visitas guiadas á exposición que se farán cada día ás 11.30 e ás 17.30 horas e que terán uns 30 minutos de duración. Estas visitas serán totalmente de balde e as persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a visitasguiadas@orosal.gal.
O horario de apertura da oficina de turismo variará segundo o día. O domingo 10 estará aberta ao público de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas; o luns 11 e martes 12 abrirá en quenda de mañá de 11.00 a 14.00 h; o mércores 13 e xoves 14 todo o día en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas; o venres 15 abrirá pola tarde de 17.00 a 19.00 horas e o domingo 17 de 11.00 a 14.00 horas.
Para coñecer a contorna natural do Rosal, o Concello organizará ademais o vindeiro 15 de abril unha visita guiada aos muíños do Folón e do Picón, na que se afondará na descrición e historia destas construcións emblemáticas. A saída será ás 11.30 horas dende a área de descanso dos muíños do Folón, terá unha duración aproximada de 2 horas e haberá un máximo de 15 prazas. A visita será da man dunha guía especializada acreditada pola Xunta e recoméndase levar calzado cómodo e unha botella de auga para o percorrido.
As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse a través do correo visitasguiadas@orosal.gal ou de forma presencial na oficina de turismo en horario de apertura.
Concello de O Rosal
A farsa descarada, irreverente e hiperbólica de Non si? Teatro, este domingo 27 no Rosal
Chegan ao auditorio municipal ás 19.00 horas coa súa obra 'Ubú encadeado', unha adaptación do clásico francés de Alfred Jarry
Fin de semana de teatro no Rosal. O auditorio municipal acolle este domingo 27 o espectáculo 'Ubú encadenado', unha montaxe da compañía baionesa Non si? Teatro para público a partir de 12 anos baseada no clásico 'Ubú rei' do autor francés Alfred Jarry e adaptada pola directora do grupo e dramaturga, Mónica Sueiro. O espectáculo comezará ás 19.00 horas e será con entrada libre ata completar aforo.
Trátase dunha comedia dunha hora de duración na que o público gozará dunha farsa descarada, irreverente e hiperbólica que constitúe unha sátira social e unha burla sarcástica da natureza humana.
Destronados de Polonia, Pai Ubú e Nai Ubú, interpretados por Isaac Villar e Eva Llorca, chegan a Francia, o país onde reina a liberdade, a fraternidade e a igualdade entre todas as persoas. Nesta nova realidade, Pai Ubú decide ser escravo pero sen deixar de ser o déspota de sempre.
Concello de O Rosal
Cantos de improviso cargados de mensaxe con Alba María e Lupe Blanco no Rosal
Chegan este sábado 26 ao auditorio municipal con 'Regueifa en feminino', unha actividade organizada pola Asociación Cultural Xida ao abeiro do programa 'Fiando redes' da Deputación de Pontevedra
Cantos de improviso dende o punto de vista de dúas mulleres que se suben ao escenario cunha nova mensaxe cargada de empoderamento e igualdade pero sen esquecer o toque de ironía. Así será a 'Regueifa en feminino', un concerto organizado pola Asociación Cultural Xida en colaboración co Concello do Rosal no que as regueifeiras Alba María e Lupe Blanco convencerán ao público coa súa disputa dialéctica improvisada do século XXI, inclusiva e con moitas das que foron silenciadas como protagonistas.
Trátase dunha actuación organizada ao abeiro do programa 'Fiando redes' da Deputación de Pontevedra, co que se busca fomentar o asociacionismo feminino e o empoderamento das mulleres, favorecendo así a súa socialización con outras da súa contorna, e dar pulo á creación de redes e ao intercambio de experiencias e sinerxías onte estas manifestan as súas inquedanzas e preocupacións.
Alba María e Lupe Blanco son dous nomes fundamentais para entender o panorama actual da improvisación oral en Galicia, cun importante percorrido ás súas costas e unha implicación total coa arte das regueifas. As regueifeiras estarán este sábado 26 de marzo a partir das 20.00 horas no auditorio municipal do Rosal nunha actuación de balde con entrada libre ata completar aforo.
Concello de O Rosal
O Rosal continúa 'Educando en familia' para acadar unha sociedade igualitaria
O programa posto en marcha polo Concello continúa este venres 25 de marzo (19.00 h) cunha nova charla a cargo da educadora social Angelina Gándara
O Concello do Rosal continúa este venres 25 de marzo co seu programa 'Educando en familia', un espazo creado para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día da crianza. "Creamos un espazo onde escoitar e ter en conta as necesidades sobre educación que poidan ter as familias rosaleiras, servíndolles de guía e dándolle as ferramentas necesarias para poder afrontalas", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Este venres a educadora social Angelina Gándara ofrecerá ás familias a charla 'Cara a unha sociedade igualitaria: educar no feminismo', unha temática que complementa a axenda cultural e de actividade programada polo Concello coincidindo coa conmemoración este mes de marzo do Día Internacional da Muller.
Durante o encontro Gándara reflexionará sobre se se educa por igual a nenas e nenos, sobre que axentes educan ademais da familia e a súa importancia no desenvolvemento das crianzas e, por último, dará as claves para educar no feminismo para ensinar a cativos e cativas a vivir en igualdade. "Elas e eles son o noso futuro e fundamentais para continuar revolucionando mentes. Viven unha etapa na que está libres de prexuízos e comezar a educalos en igualdade de xénero dende a infancia permitirá ter unha sociedade con adultas e adultos máis responsables e cívicos", salienta a rexedora.
A charla celebrarase ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa para reservar praza. Para facilitar a asistencia, o Concello pon a disposición das familias un servizo de canguro para o que si é necesaria a inscrición previa. Este servizo terá lugar sempre que se cubran un mínimo de 5 prazas.
A rexedora anima a veciñanza a participar nestas actividades e "a trasladar todas as suxestións e dúbidas que xorden cando unha familia está en plena crianza, porque educar é unha tarefa complexa para a que non temos manual de instrucións e que pode xerar moita inseguridade e medos nos pais e nais".
Concello de O Rosal
O Rosal incorpora 14 novas contratacións ao abeiro do Plan Concellos da Deputación
O Concello do Rosal incorporou ao seu persoal desde hoxe mesmo 14 novas traballadoras e traballadores contratados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a anualidade 2022 ao abeiro da Liña 3 destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
Entre todas as persoas contratadas, cinco ocuparán o posto de oficial de obras, un de oficial electricista, unha de operario de maquinaria forestal, unha de auxiliar de Axuda no Fogar e seis de peóns de limpeza viaria e roza forestal. Todos os contratos terán unha duración de seis meses a xornada completa.
A Deputación de Pontevedra investirá case 130.000 euros para financiar parte dos custos salariais destas novas contratacións, mentres que o Concello completará o resto.
Concello de O Rosal
|