JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

As demandas do concello da Guarda, en relación a comunicación con Camiña, son escoitadas pola Xunta.

As continuas reclamacións do concello da Guarda, así como do resto dos concellos do camiño Portugués da Costa, conseguen que a Xunta poña en marcha as solucións demandadas.

O PP Guardés, pretende, unha vez máis, apropiarse dun traballo que non fixo. Roberto Carrero pretende sacar rédito político das actuacións da Xunta sin ter amosado ningunha preocupación por esta cuestión ata o día de saír na foto.

Foron moitas as xestións e reclamacións que a partir do verán de 2021 se fixeron dende o concello da Guarda para conseguir que a Xunta de Galicia asumira as súas obrigas en relación a comunicación con Camiña e ao Camiño Portugués da Costa.

Por unha banda urxía a reparación do peirao do ferri para que o barco volvera a transportar pasaxeiros e vehículos e servira de nexo entre Caminha e A Guarda no itinerario do camiño da Costa. Esta reparación foise atrasando e mantén o barco parado en pleno ano Xacobeo.

Por outra banda tamén se urxía a Xunta para que mentres non estivera reparado o embarcadoiro se implantara con urxencia un sistema de transporte de pasaxeiros entre as dúas beiras do Miño.

Os concellos do Camiño Portugués da Costa tamén mostraron a súa queixa ao Xacobeo pola súa inacción diante do recoñecemento oficial por parte do goberno Portugués dun itinerario co mesmo nome que prexudicaba o Camiño Portugués da Costa oficial recoñecido na lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016.

Estas queixas foron as que o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, co apoio expreso da restauración e do sector do aloxamento turístico da localidade, ademais dos alcaldes e alcaldesas do Camiño da Costa, levou aos distintos foros e responsables institucionais: Consellería de Turismo, Axencia Galega de Turismo, Xacobeo, Portos de Galicia, Mesa do Camiño da Deputación de Pontevedra e Parlamento de Galicia.

O resultado de todo o traballo realizado culminou o pasado venres 25 de marzo co anuncio da Xunta de Galicia que viña a atender as demandas feitas dende o concello da Guarda. A Xunta anunciou un investimento de 157.000 € por parte de Turismo de Galicia nun proxecto de transporte turístico sostible que será prestado por AGAN (Asociación Galega de Actividades Naúticas). A súa vez o Delegado Territorial, Luis Lopez, anunciou tamén o comezo dos estudos técnicos para a reparación do peirao do ferri da Pasaxe por parte de portos de Galicia.

O novo servizo de transporte entre a Guarda e Caminha arranca, nunha primeira fase, a partir do 8 de abril con dúas embarcacións, unha eléctrica e outra a gasolina. A implantación definitiva do proxecto producirase no mes de xullo cunha embarcación eléctrica para doce pasaxeiros. Este transporte funcionará en paralelo co ferri coa idea de cubrir os horarios nos que o transbordador non pode navegar.

Este servizo de transporte complementarase cun proxecto de ecoturismo para a comarca do Baixo Miño que se está elaborando dende Turismo de Galicia e que contará coa participación de establecementos e axentes turísticos da comarca.

Concello de A Guarda


A GUARDA DEMANDA UNHA COMUNICACIÓN EFICAZ CON CAMINHA AO GOBERNO CENTRAL E A XUNTA DE GALIZA

O Pleno aproba por unanimidade a iniciativa do BNG urxir a Xunta de Galiza e o Goberno Central unha mobilidade eficaz que abra as portas a futura Eurocidade A Guarda-Caminha

O pleno do Concello da Guarda aprobou por unanimidade na sesión celebrada no día de onte unha moción presentada polo BNG na que se demanda ao Goberno Central e a Xunta de Galiza un transporte eficaz e sostíbel para as dúas beiras do Miño que abra portas a Constitución da Eurocidade A Guarda- Caminha.

Anxo Baz, portavoz dos nacionalistas foi o encargado de defender a proposta e argumentou "o "ferry" que une A Guarda con Caminha fai anos que quedou obsoleto.Trátase dunha embarcación anticuada que precisa dun calado para navegar que o rio non ten. Esta realidade condiciona uns horarios que veñen determinados polas mareas o que impide ter frecuencias regulares e estruturadas".

Noutro momento da súa intervención o nacionalista afirmou "Non podemos conformarnos cun ferry que xa non cumpre coas expectativas mínimas. Precisamos dun compromiso entre o goberno do Estado Español, o goberno Portugués e a Xunta de Galiza para dotarnos dun transporte eficaz e sostíbel para as dúas beiras do Miño que abra portas a Constitución da Eurocidade A Guarda- Caminha e rematou dicindo que a presión social exercidade pola cidadanía guardesa comeza a amosar os seus primeiros froitos".

BNG de A Guarda


Solaina presenta en A Guarda o seu primeiro libro ilustrado adicado ao público infantil "DEDAS"

O sábado 2 de abril ás 12:00h terá lugar, na Biblioteca Municipal de A Guarda, a presentación e contacontos do libro DEDAS.

DEDAS é un conto ilustrado de 64 páxinas onde agroma a poesía en cada liña. Un libro evolutivo para nenos e nenas de 1 a 6 anos.

Trátase dunha historia fermosa na que se xoga coas repeticións para darlle musicalidade e na busca continua dun uso didáctico, as pequenas e pequenos aprenden a contar cales son os días da semana, os meses do ano... todo nunha liña de xogo con sorpresa, e acompañado por linguaxe de signos.

O Contacontos do día 2 estará impartido polas autoras do libro : Soledad García nos textos, Laine Villero a cargo das ilustracións e Natalia Guisande como deseñadora. As tres artistas conforman o proxecto Solaina, unha fusión de arte: palabras, pintura e deseño.

Para acudir á esta actividade é preciso anotarse previamente no Centro Cultural ou no teléfono 986611850, en horario de 16 a 21h

O Contacontos Dedas xa se representou nos Concellos de Nigrán, Baiona, Gondomar, O Rosal e o Centro Comercial A Ramallosa. Agora chega ata a Guarda para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil. Esta actividade, ademais de conmemorar esta efeméride constitúe o arranque da programación en torno ao Mes do Libro no Concello da Guarda, que agrupará ao logo do mes diferentes actividades en torno ao libro e á literatura.

Cultura Concello de A Guarda


Unidade Móbil de inspección técnica de turismos en maio na Guarda

A Unidade Móbil 6 de inspección técnica de TURISMOS desplazarase ao Concello de A GUARDA nas seguintes datas e ubicacións:

" do 26/05/2022 ao 26/05/2022 Estación de Servicio San Roque (A Guarda)
" do 18/05/2022 ao 25/05/2022 Estación de Servicio San Roque (A Guarda)
" do 10/05/2022 ao 13/05/2022 Estación de Servicio San Roque (A Guarda)

O horario de atención será de 9:00 a 13:30 pola mañá, e de 15:15 a 18:00 pola tarde. O servizo prestarase en horario de mañán e tarde todos os días, agás:

26/05/2022 que será horario só de mañá Para solicitar cita previa:
" Por teléfono: 902 30 90 00
" A través da nosa páxina web: www.sycitv.com - Cita previa

NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

Concello de A Guarda



A Guarda súmase este sábado á "hora do planeta" apagando a luz de varias rúas e prazas

" O Concello súmase a esta iniciativa simbólica en favor da natureza e o cambio climático


O Concello da Guarda súmase este sábado 26 de marzo, entre 20:30 e 21:30 horas, á "Hora do Planeta", unha acción que naceu fai catorce anos e que foi promovida pola organización WWF en prol da defensa da natureza e do medio ambiente. Deste xeito, o Goberno local apagará as luces de diferentes edificios e rúas da vila coma a Praza Nova, Rúa Vicente Sobrino, Praza do Reló e Rúa Cervantes.
Milleiros de cidades, institucións e persoas de todo o mundo amosarán o apoio global á acción conxunta contra o cambio climático, neste ano atendendo ao chamamento da Federación Española de Municipios e Provincias e á Rede Española de Cidades polo Clima.
A "Hora do Planeta" serve para demostrar que a todas e todos impórtanos o planeta e de que xuntos somos parte da solución ao cambio climático e á loita pola conservación da natureza. O obxectivo é actuar agora para que non se poña en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións vindeiras.

Concello de A Guarda



O libro "Palmeiras, piueiros" de Anxo Angueira presentarase en formato conversas musicalizadas na Guarda


" Será este sábado día 26 de marzo ás 18:00h na Praza Avelino Vicente da Guarda.
" O autor, Anxo Angueira e o Presidente da Asociación Piueiro, Xoaquín Cadilla, falarán neste sobre o libro acompañados pola música de Secho.
" A gaiteira local Nadia Vázquez será a encargada de pechar este acto coa súa espectacular paixón musical
O vindeiro sábado día 26 de marzo a Praza de Avelino Vicente da Guarda será o escenario para un evento literario/musical no cal Anxo Angueira e Xoaquín Cadilla manterán unha conversa sobre o libro "Palmeiras, piueiros". Este libro xa foi presentado previamente en concellos limítrofes e en diferentes lugares da xeografía galega e do norte de Portugal.
En palabras de Xoaquín Cadilla, Presidente da Asociación Piueiro, "é unha honra ver como se tenta manter no noso léxico, na nosa literatura e na nosa fala, unha palabra como piueiro, que pouco a pouco se vai recuperando grazas a o traballo de persoas comprometidas como é o caso de Anxo Angueira".
Este acto, que terá comezo ás 18:00h da tarde, contará cun acompañamento musical especial a cargo de Secho, que será o encargado de amenizar un coloquio no que Xoaquín e Anxo conversarán sobre poesía, sobre un libro que fai regresar ao autor á poesía e no que os seus poemas falan do seu lugar natal, da historia cultural da Galicia contemporánea, das súas emocións e dos praceres que produce a escritura.
Para pechar este acto contarase cunha actuación especial da gaiteira local Nadia Vázquez, quen entregará ao público asistente a súa espectacular paixón musical a través das melodías da súa gaita.
Anxo Angueira, nado en Manselle, Dodro, no ano 1961, deixou a súa pegada persoal na poesía galega dende a publicación do seu libro "Val de Ramirás" no ano 1989, seguiron a esta, outras publicacións coma "O valo de Manselle", "Libro da Vertixe" ou "Fora do Sagrado", entre outras.
Anxo Angueira foi membro fundador das Redes Escarlatas e desde xuño de 2012 preside a Fundación Rosalía de Castro.

Concello de A Guarda


Continúa a oferta de actividades da Omix da Guarda con obradoiros de Lettering e Comunicación

" Seguen abertas as inscricións para o Obradoiro de Música e Canto Moderno ata este martes día 22.

A Omix da Guarda informa da ampliación do prazo de inscricións do obradoiro de música e canto moderno para a mocidade: unha alternativa que pretende ser unha oferta diferente, moi orientada á xente máis nova cun repertorio actual e moi diverso. Con este obradoiro pretendemos crear unha canle de expresión que encaixe coa mocidade, que libere as súas emocións e que ademais non renuncien a unha formación musical de calidade. Traballarán técnica vocal, expresión e ritmos e escalas da música moderna.

O obradoiro impartirase os martes dende as 19:00h ata as 21:00h e é de balde para as persoas participantes.

Para o próximo mes de abril a OMIX da Guarda organiza dúas novas actividades formativas. A primeira, un obradoiro de iniciación ao lettering, en colaboración coa libraría Atlántica e que impartirá Amasonia Tropical o día 1 de abril de 17:30 a 19:30.

A segunda acción será un Obradoiro de comunicación e oratoria que leva por título Canta claro coma o galo! que se desenvolverá os martes de 16:30 a 18:30 horas a partir do día 5 de abril e que en total terá unha duración de 12 horas. Neste obradoiro tratarase de introducir ás persoas participantes na vivencia da comunicación como unha experiencia agradable e de transformación persoal. Aclarar os puntos clave para dominar a comunicación en calquera contexto da vida. Conseguir que as persoas gañen en seguridade persoal.

¡Os obradoiros teñen prazas limitadas!

Inscrición e información na OMIX da Guarda, no mail informacion@aguarda.es ou no teléfono 986610000 ext 7

Concello de A Guarda


O BNG LEVA AO PLENO DO CONCELLO A DEMANDA DUNHA COMUNICACIÓN EFICAZ ENTRE A GUARDA E CAMINHA

Anxo Baz: "Precisamos un compromiso das administracións para dotarnos dunha comunicación eficaz que abra portas a constitución da Eurocidade A Guarda-Caminha"

O BNG levará ao Pleno do Concello da Guarda a demanda dunha comunicación eficaz entre A Guarda e Caminha. Os nacionalistas teñen presentado senllas propostas no mesmo sentido no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego.

A proposta do BNG considera que o "ferry" que une A Guarda con Caminha fai anos que quedou obsoleto. Argumentan os nacionalistas que se trata dunha embarcación anticuada que precisa dun calado para navegar que o rio non ten. Esta realidade -manifestan- condiciona uns horarios que veñen determinados polas mareas o que impide ter frecuencias regulares e estruturadas.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz manifestou: "recuperar dun xeito eficaz a comunicación con Caminha resulta fundamental para nós. Precisamos dun compromiso entre o goberno do Estado Español, o goberno Portugués e a Xunta de Galiza para dotarnos dun transporte eficaz e sostíbel para as dúas beiras do Miño que abra portas a Constitución da Eurocidade A Guarda- Caminha".

O nacionalista acabou concluíndo "Non podemos conformarnos con un ferry que xa non cumpre as expectativas mínimas para a poboación dos dous lados do rio e aínda que no inmediato é preciso que se repare o pantalán entendemos que a Guarda debe ter unha proposta de futuro moito máis ambiciosa que nos permita unha mobilidade con Caminha con frecuencias regulares e estruturadas na que se combinen distintas modalidades de transporte público".

BNG de A Guarda




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais