JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Mercado de Tomiño estrea un novo servizo de recollida de pedidos polas tardes

Será a través dun sistema de consignas de balde que permitirán á veciñanza facer as súas compras vía telefónica polas mañás e coller os produtos no propio mercado de 17 a 20 horas

Comprar no Mercado Municipal de Tomiño é cada día máis fácil. O vindeiro martes 22 de marzo, a praza de abastos estreará un novo servizo de recollida de pedidos polas tardes que permitirá á veciñanza facer as súas compras pola mañá de forma telefónica e acudir ao mercado para retirala fóra do horario de apertura dos establecementos.

"Seguimos traballando para potenciar as compras na nosa praza de abastos cunha nova medida que sen dúbida facilitará a moitos tomiñeses e tomiñesas seguir consumindo local do noso mercado e a desfrutar da calidade dos nosos produtos sen estar limitados por cuestións de horarios", salienta a alcaldesa, Sandra González.

Este servizo funcionará a través dun sistema gratuíto de consignas que permitirá gardar os pedidos durante horas garantindo a cadea de frío e con compartimentos diferenciados pola tipoloxía de produtos: carne, peixe e froitas e verduras. Os clientes e clientas só terán que facer o seu pedido de xeito directo ao establecemento que desexe, aboar a compra co método acordado co praceiro ou praceira e pasar a recoller a compra de 17.00 a 20.00 horas, no momento que máis lle conveña.

As consignas estarán situadas no primeiro andar no interior da Confitería Rogelio, que será o establecemento encargado de xestionar a recollida e facer a entrega dos produtos mercados debidamente etiquetados á clientela.

Un sistema pioneiro co que o Concello de Tomiño busca dar pulo ao consumo local e invitar a todos os tomiñeses e tomiñesas a vivir e gozar o seu mercado.

Concello Tomiño


Tomiño celebra os días do bosque e da árbore entregando plantas forestais autóctonas

O obxectivo da campaña é contribuír a repoboar zonas de franxas secundarias nas que se require unha correcta xestión da biomasa para a prevención de incendios

O luns 21 de marzo, con motivo do Día dos Bosques, e ata o 28 de xuño, Día da Árbore, o Concello de Tomiño lanzará a campaña "Enche o teu monte de vida autóctona"; unha campaña de entrega de planta forestal frondosa e autóctona, co obxectivo de contribuír a repoboar zonas de franxas secundarias nas que se require ás persoas propietarias unha xestión correcta da biomasa e onde se prohiben árbores como pino, eucalipto e acacia, seguindo sempre as indicacións da Lei de prevención de incendios forestais.

Para iso, cada titular dunha parcela en franxa secundaria, que estea ben xestionada, poderá solicitar plantas para a súa parcela, no departamento de Medio Rural do Concello.

"Do que se trata é de concienciar á cidadanía sobre os beneficios de plantar especies frondosas autóctonas e, dado que en moitos casos se lle obriga a cortar as que tiña, valore a opción de plantar árbores permitidas nestas franxas", explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

O Concello de Tomiño, cunha superficie total de faixa secundaria de 797,51 hectáreas, investirá uns 3.000 euros na compra destas árbores: 1.600 unidades de 10 especies distintas: castiñeiro, carballo, sobreira, loureiro, cerdeira, nogueira, aciñeira, acivro, érbedo e bidueiro.

As persoas propietarias que teñan limpado as súas parcelas conforme á lei; especialmente nas dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño), poderán pasar pola oficina de Medio Ambiente para solicitar as árbores.

A técnica do departamento entregará vales para ir recoller as plantas a un lugar acondicionado, logo de comprobar, a través de fotografías, a limpeza realizada previamente.

O número de árbores entregadas a cada titular dependerá do tamaño da súa parcela, pois entregarase unha árbore por cada 25 metros cadrados, ata esgotar existencias. "Se temos éxito, podemos repetir nos anos vindeiros", avanza a concelleira.

Dende o departamento de Medio Rural lembran que as novas especies frondosas deberán plantarse a máis de 15 metros das vivendas; a 2m dos lindeiros e camiños públicos, e a 4m de estradas de máis de 5m de ancho.

Concello Tomiño


Chega ao auditorio de Goián "A Herdanza", a última longametraxe do Grupo San Roquiño

A película poderá verse sábado 19 e domingo 20 de marzo, en dous pases cada día

Chega a vindeira fin de semana "A HERDANZA", última película do Grupo San Roquiño de Goián.

A longametraxe, cuxa primeira proxección tivo que adiarse por mor da pandemia, está feita con moito humor e o argumento xira ao redor de tres irmáns cunha inmensa fortuna pero sen descendencia a quen deixala. Os veciños e veciñas tentan axudalos a resolver o problema.

Adiantan que haberá alfombra vermella, 40 personaxes en escena e chegada dos actores e actrices en varios tractores.

"A Herdanza", filmada nos anos 2019 e 2020, é a quinta película do Grupo San Roquiño, que xa está a preparar a sexta.

Datas e horarios: Sábado 19 de marzo (primeiro pase ás 19h e segundo pase ás 21h) e Domingo 20 de marzo (primeiro pase ás 18h e segundo pase ás 20h).
Idade: todos os públicos.
Lugar: Auditorio de Goián.
Prezo: GRATIS (para entrar deberá levarse 1 Kg. de comida non perecedoira, para entregar a asociacións asistenciais da zona).
Duración: 1.25h.
Uso obrigatorio de máscara.
Colabora Concello de Tomiño.

Concello Tomiño


A EUROCIDADE INTERÉSASE POLA EXPERIENCIA DE ALLARIZ

Cerveira e Tomiño coñecen de primeira man iniciativas medioambientais, de promoción turística e de apoio ao comercio local

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, visitaron Allariz onte, martes 15 de marzo, para interesarse por algúns dos proxectos que teñen convertido a vila ourensá nunha referencia de boa xestión municipal en toda Galicia.

Os responsables da Eurocidade foron recibidos pola alcaldesa alaricana, Cristina Cid, e outros integrantes da corporación na Casa do Concello, onde mantiveron unha reunión analizando iniciativas dirixidas á desestacionalización da oferta turística e a dinamización do comercio local.

Allariz é recoñecida, entre outras propostas, polas súas novidosas campañas de Nadal e Samaín ou por ter conseguido unha atractiva oferta comercial combinando comercio local con tendas outlet de coñecidas firmas de moda galegas.

Posteriormente, a delegación da Eurocidade, integrada tamén pola concelleira de Medio Ambiente de Tomiño (Ana Belén Casaleiro) e técnicos de ambos os dous concellos, visitou o Punto de Recollida e Recuperación de residuos ubicado no Polígono de Chorente.

Alí, Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, explicou o funcionamento e obxectivos deste servizo posto en funcionamento o pasado outono para concienciar a cidadanía no aproveitamento dos recursos, evidenciando como se pode reciclar e dar unha segunda vida as cousas que desbotamos, máis alá da separación do lixo que se produce, tanto nas casas, como nos negocios.

A visita a Allariz encádrase no desenvolvemento do Plan de traballo 2022 da Eurocidade Cerveira-Tomiño no que os seus rexedores marcaron como unha das prioridades, na reunión do Consello de Xestión Estratéxica celebrado o pasado decembro, o impulso de iniciativas conxuntas no ámbito do desenvolvemento sustentábel.

Concello Tomiño


Tomiño participa nun programa de voluntariado europeo para a mocidade

As persoas aspirantes deberán ter entre 18 e 30 anos e pasarán 12 meses en Irlanda desenvolvendo programas de educación non formal en escolas locais, en áreas coma deportes, cultura, comunicación ou arte

O Concello de Tomiño, participa a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), nun programa de voluntariado europeo para persoas mozas de entre 18 e 30 anos que desexen pasar un ano en Irlanda.

A experiencia a convoca "Love and Care for People (LCP). European Solidarity Project", unha entidade parceira da OMIX Tomiño.

O obxectivo do proxecto é desenvolver a solidariedade e promover unha cidadanía activa e un entendemento entre a mocidade, desenvolvendo programas de educación non formal con nenos e nenas de escolas locais en distintas áreas: deportes, teatro, danza etc. As persoas voluntarias terán que traballar (un máximo de 36h á semana) impartindo ou acompañando aos participantes en gran variedade de obradoiros e actividades, tentando sempre de brindar apoio e experiencia para o desenvolvemento das potencialidades de cada participante.

A cambio recibirán aloxamento, comida, transporte, seguro de saúde e unha cantidade de diñeiro para gastos diarios. Como requisitos, pídese que os candidatos e candidatas voluntarios sexan de mente aberta, tolerantes, con actitude positiva, motivación, iniciativa e respecto; paciencia cos nenos e nenas e cun nivel intermedio de Inglés escrito e falado.

O proxecto comeza no mes de abril, polo que as persoas interesadas deben pórse en contacto ca OMIX o antes posible para ampliar a información e coñecer os trámites a desenvolver e a documentación necesaria para poder aplicar á convocatoria.

Concello Tomiño


Tomiño restaura a ponte medieval de Sobrada

A ponte, ben de interese cultural, está nun camiño municipal inventariado que é o antigo camiño que unía Tui co barrio tomiñés de Hospital, coñecido por albergar un hospital de peregrinos

O Concello de Tomiño vén de recuperar a antiga ponte medieval situada entre as parroquias de San Salvador de Piñeiro e San Salvador de Sobrada, construída sobre o río Furnia.

A ponte, ben de interese cultural, está nun camiño municipal inventariado que é o antigo camiño que unía Tui co barrio tomiñés de Hospital, coñecido por albergar un hospital de peregrinos do que hoxe en día aínda quedan restos. Realizada en cantería irregular na súa maior parte, presenta un so arco de medio e unha lonxitude total de 15 metros.

A estrutura foi clausurada hai tempo, advertíndose do seu perigo, pois atopábase moi deteriorada a causa do paso do tempo e as chuvias. Con danos nunha das partes inferiores do arco e un leve afundimento no lousado superior, sospeitábase que as filtracións dende a cara superior lavaron interiormente o material de recheo, provocando o seu esvaramento sobre o leito do río, manténdose, porén, o arco intacto.

Co fin de recuperar o estado inicial da ponte e manter o elemento nunhas condicións óptimas de seguridade, así como preservar o patrimonio arquitectónico do Concello de Tomiño, leváronse a cabo traballos de reconstrución do sobrazo, limpeza da vexetación e consolidación e selado do lousado superior.

A limpeza do lousado da calzada da ponte realizouse en dúas fases: unha primeira mediante o uso de rozadoira equipada con fío e unha segunda fase de forma manual, utilizando ferramentas non agresivas como espátulas, cepillos e vasoiras, eliminando plantas superiores e depósitos de terra sobre as laxas, e incluíndo a tala dun salgueiro que, pola súa proximidade, podería afectar á estrutura.

Concello Tomiño


O Concello pon en marcha un servizo de carriños da compra na rúa para fomentar o comercio local

Estes carros poderán collerse de balde en catro puntos dos núcleos de Tomiño e Goián e permitirán transportar a compra de xeito cómodo e sinxelo

Son de balde e estarán dispoñibles de 09.00 a 21.00 horas

Tomiño saca os carriños da compra á rúa para fomentar o comercio local. O Concello puxo en marcha un novo servizo a través do que carros similares aos dos supermercados estarán a disposición da veciñanza para que mercar nos establecementos de proximidade e nos mercados municipais dos núcleos urbanos de Tomiño e Goián sexa máis sinxelo, práctico e cómodo, xa que permitirán transportar a compra sen cargar co peso das bolsas. "Queremos dar facilidades á xente para incentivar o consumo no comercio de proximidade, porque é unha peza importante da nosa economía, xeradora de emprego e benestar", explica a alcaldesa, Sandra González.

Xa hai dispoñibles 20 carros situados en catro puntos de recollida, dous no núcleo de Tomiño (na rúa Colón e na rúa Tui) e dous en Goián (na Avenida Ordóñez e ao carón da escola infantil A Galiña Azul). Serán de balde e terá un sistema de funcionamento sinxelo e similar ao dos supermercados: a veciñanza poderá coller un dos carriños en calquera destes puntos e, despois de mercar con toda comodidade, deberá devolvelo. Estarán dispoñibles todos os días de 09.00 a 21.00 horas.

Con esta iniciativa o Concello busca darlle pulo ao comercio local con medidas dirixidas non soamente ás e aos comerciantes, senón tamén a concienciar e fomentar o consumo de proximidade entre poboación.

"Este servizo permítenos seguir revitalizando os núcleos urbanos de Tomiño e Goián, continuar dándolle vida a zonas nas que as persoas son unha prioridade e nas que dispoñer de ferramentas como carros para poder realizar a compra comodamente pode ser un elemento importante para incentivar que a veciñanza se achegue aos nosos mercados municipais e ao comercio local", salienta a rexedora, que destaca a boa acollida que está tendo o servizo xa dende os primeiros días de uso.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais