As solicitudes presentaranse preferentemente a través de sede electrónica da Xunta de Galicia ata o vindeiro 8 de abril. Os horarios definitivos dependerán do número de solicitudes
A escola infantil A Galiña Azul do Rosal xa ten aberto o seu proceso de admisión de alumnado para o curso 2022/23. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro venres 8 de abril, como recolle a Resolución do 8 de marzo pola que se convoca este procedemento para as escolas infantís 0-3 dependentes do Corsorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia.
A franxa horaria establecida pola Xunta para elixir no caso da escola do Rosal é de 08.00 a 18.00 horas, aínda que é orientativa, xa que o horario definitivo do centro establecerase ao final do proceso dependendo do número de solicitudes recibidas e en función de criterios organizativos. Poderán presentarse tamén solicitudes fóra de prazo para nenos e nenas nadas despois do prazo de solicitude, cambios de domicilio ou traslado de traballo.
Estas solicitudes presentaranse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia a través dos formularios normalizados tanto opara a renovación de prazas como para a solicitude de novos ingresos. Toda a información relativa ao proceso, así como os impresos e a documentación complementaria poderá consultarse e descargarse na páxina web da rede de escolas infantís A Galiña Azul de Galicia.
Para todos aqueles casos nos que non sexa posible a presentación telemática, o persoal da escola infantil acompañará ás persoas solicitantes a través de atención telefónica, tanto para aclarar calquera dúbida ou axudar na cobertura dos anexos a presentar e na documentación xustificativa como para concretar hora de atención na escola no caso de ser preciso, sempre con cita previa. En caso de acudir ao centro deberá presentarse soamente unha persoa por familia. Poderán contactar coa escola a través do teléfono 986 625 121 ou no correo electrónico escolainfantil.orosal@igualdadebenestar.org.
O Concello do Rosal traslada os seus parabéns a todas as integrantes da Escola de Danza Attitude e a todas aquelas nenas que a pasada fin de semana acadaban importantes logros na primeira fase do Concurso Nacional de Danza celebrado en Ourense.
No encontro, as integrantes da escola acadaron un primeiro e segundo premio en coreografías grupais integradas por cativas do Rosal e da Guarda. Ademais, as rosaleiras Araceli Rodríguez e Leire Peniza conseguían un segundo premio polas súas coreografías solistas. A guardesa Irene Cadilla, facíase co primeiro premio tamén pola súa actuación. As primeiras clasificadas en participarán o vindeiro mes de maio na segunda fase deste concurso nacional, que se celebrará en Tarragona.
"Dende o Concello queremos felicitar a todas as alumnas e á profesora e directora da escola de danza, a rosaleira Alba Rodríguez, polos bos resultados obtidos durante esta fin de semana e por ese pase para unha segunda fase do certame nacional que nos faga seguir soñando coas súas coreografías. Sen dúbida levarán o nome do Rosal moi lonxe", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.