JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O BNG URXE AOS GOBERNOS GALEGO E CENTRAL MITIGAR O IMPACTO DISPARADO DA SUBA DE PREZOS

Anxo Baz: " Levamos este tema a pleno porque os gobernos teñen que tomar decisións xa, para evitar que fechen máis empresas, que amarren máis barcos ou que moitas familias se sintan desprotexidas"

O BNG ven de presentar unha moción para debater no próximo Pleno do Concello da Guarda na que se esixen medidas urxentes aos gobernos Central e Galego para mitigar o impacto disparado da suba de prezos.

O portavoz nacionalista, Anxo Baz manifestou "Levamos este tema a pleno porque a situación empeza a ser insostíbel e os gobernos teñen que tomar decisións xa, para evitar que fechen máis empresas, que amarren máis barcos ou que moitas familias se sintan absolutamente desprotexidas"

Os nacionalistas argumentan que a sociedade sofre a agudización dunha suba de prezos sen precedentes nas últimas tres décadas .A electricidade subiu no estado español no último ano un 111,5%, o diésel un 29% e a gasolina un 25,9% .

Son varios os elementos que están a provocar esta situación. A guerra agrávaa, mais a situación xa viña de antes e a pandemia tampouco explica todo. O máis importante é que a suba de prezos está condicionada por decisións políticas, que poden empeorar ou aliviar os seus efectos.

Os nacionalistas esixen ao goberno central a intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, recortar os beneficios das eléctricas e impulsar unha tarifa eléctrica galega., asi como proceder a baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, dos produtos de hixiene persoal e ou do transporte público.

Tamén demandan do goberno central e da Xunta de Galiza unha fiscalidade xusta para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza, a redución das peaxes, dos impostos sobre hidrocarburos e a protección do sector marítimo-pesqueiro entre outras medidas.

BNG de A Guarda


O Camiño Portugués da Costa pola Guarda estrea nova marca

O Concello da Guarda segue apostando por darlle pulo e o valor que merece a un tramo do Camiño que garda un gran potencial, e deseña unha imaxe propia na que aparece representado o noso mar, o Monte Trega e por suposto a cuncha do Camiño na súa vertente máis antiga. Porque ademais de beleza o Camiño Portugués da Costa ten moita historia.

O Camiño Portugués da Costa iníciase na cidade de Porto (Portugal), recorre a costa norte portuguesa, cruza en Caminha o río Miño cara a Galicia pola Guarda e termina en Redondela, onde entronca co Camiño Portugués.

Xa no ano 2000 encárgase un estudo sobre a fundamentación histórica desta variante do Camiño, para acabar sendo recoñecido polo Parlamento de Galicia no 2009. No 2011 abre as súas portas o albergue municipal e, xa por fin no 2016 acada a súa oficialidade coa publicación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

Desde o 2016, ano no que a Oficina do Peregrino en Santiago comeza a contabilizar o número de persoas que realizan esta variante, e ata o ano no que se desencadeou a pandemia, o crecemento de paso de peregrinos/as por este Camiño foi exponencial.

En 2016 pasaron polo noso Camiño 2.600 peregrinos/as, en 2017 foron 7.329, en 2018 un total de 13.841 e en 2019 xa contamos con 22.291. Con estes datos queremos destacar a importancia deste recurso co que contamos na vila, que xa demostrou ser un auténtico revulsivo económico que permite a un pobo costeiro como o noso axudar a desestacionalizar a súa recepción de visitantes e por ende mellorar a súa economía.

Recordemos que os peregrinos e peregrinas compran no comercio local, consumen na hostalaría, gastan no sector servizos e pernoctan nos albergues e establecementos hoteleiros privados.

Por todas estas razóns consideramos que todas as administracións debemos poñer todos os recursos posibles para seguir coidando e promovendo este Camiño, tan importante non só para A Guarda, senón para todas as pequenas vilas polas que pasa e para as que o Camiño é vida, é economía, é difusión, etc.

Pero por desgraza non todas as administracións estamos a unha, concretamente Portos de Galicia continúa facendo oídos xordos ás nosas peticións e confirmou fai uns días que a plataforma de atraque do ferri que comunica Caminha coa Guarda non estará arranxada para o paso de vehículos nin sequera para o verán. Polo que é bastante probable que o ferri siga sen funcionar durante máis tempo, porque presupoñemos que nesta modalidade e sen o transporte de vehículos a motor, non lles resultará rendible poñelo en funcionamento.

Unido a isto fai unhas semanas puidemos ler as declaracións da Xunta de Galicia felicitando a Portugal por recoñecer unha variante do Camiño Portugués da Costa que xa non cruza pola Guarda, senón que prosigue por Portugal pola beira do río (nin sequera por costa) ata cruzar en Tui.

Polo que teremos que agradecerlle á Xunta de Galicia que este verán teñamos a centos de peregrinos/as confundidos/as da ruta pola que deben proseguir o Camiño Portugués da Costa, de que algúns opten por seguir por Portugal e non pasar por A Guarda, e se finalmente deciden visitarnos non terán máis opcións que utilizar as lanchas portuguesas, que nin lles ofrecen horarios nin tarifas estables.

Pola nosa parte desde A Guarda seguiremos como ata agora dando valor ao noso Camiño, e temos previstas, ademais da creación desta propia imaxe que hoxe presentamos, as seguintes actuacións:

- Organización de actividades cos centros educativos e asociacións para que coñezan e sexan quen de poñer en valor o noso Camiño.
- Redacción dun proxecto técnico que ten como obxectivo embelecer determinados puntos que presentan carencias a nivel estético e que actuará tanto a nivel forestal como de obra.
- Presentación no mes de maio dun documental onde aparece o tramo da Guarda.
- Colocación nun espazo singular do Camiño dunha escultura na que están traballando desde a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, ademais instalaranse novas zonas de descanso en puntos estratéxicos, así como outras dúas figuras en madeira dunha peregrina e un Apóstolo Santiago que serán cedidas pola Comunidade de Montes da Guarda.
- A nivel de difusión seguimos invertendo en publicidade en medios de comunicación tanto a nivel autonómico como estatal.

E unido a todas estas accións inmediatas ven de solicitarse á Xunta de Galicia unha subvención para mellorar o último tramo do Camiño que discorre pola Guarda, concretamente a actuación se levará a cabo nunha zona de pista forestal na que se tratará de mellorar a escorrentía de augas coa colocación de adoquín coa finalidade de beneficiar sobre todo ás persoas que realicen o camiño en bicicleta, e que se completará coa colocación de paneis para embelecer illas ecolóxicas na Praia de Fedorento e Area Grande.

Concello de A Guarda


Os socialistas da Guarda presentan unha moción esixindo que a Xunta repare o peirao do ferri da Pasaxe.

Coñecedores da importancia económica e turística do ferri entre A Guarda e Caminha, neste ano xacobeo 2022, os socialistas esixen á Xunta que sexa responsable das súas competencias e repare a infraestrutura portuaria de atraque do transbordador.

Representantes do Grupo Municipal Socialista da Guarda presentaron no rexistro municipal unha moción para que sexa debatida no próximo pleno ordinario do mes de marzo.

No apartado expositivo os socialistas argumentan a importancia que o ferri ten para A Guarda, tanto para manter a comunicación entre as dúas ribeiras do Miño, transportando pasaxeiros e vehículos, como para dar continuidade ao camiño Portugués da Costa que “entra en Galicia pola Guarda, tras cruzar o Miño na súa desembocadura.”

O peirao do ferri sofre unha avaría no verán de 2021 por falta de mantemento, e dende entón, portos de Galicia propietario da infraestrutura, impide o acceso dos vehículos ao embarcadoiro. Este é o motivo polo que o ferri deixa de navegar sin que Portos, ata o momento, atenda as demandas que se teñen feito dende o concello da Guarda.

Os socialistas declaran: “o embarcadoiro da Pasaxe seguirá tendo utilidade se o actual ferri se substitúe por outro tipo de embarcación ou incluso se houbera máis de unha facendo o servizo. Non hai nada que xustifique que se deixe deteriorar esta infraestrutura portuaria.”

Na moción tamén se fai mención ás demandas do sector privado vinculado ao Camiño Portugués da Costa, non solo do concello da Guarda senón tamén dos concellos de O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán. Dende o seu recoñecemento oficial en 2016, moitas persoas estiveron traballando para ofrecer servizos no camiño en base ao crecemento que este viña experimentando e as expectativas que se crearon. Non é de recibo que agora a Xunta de Galicia deixe sen continuidade o camiño por non resolver o paso do esteiro do Miño. Debe manter as condicións que xeraron aquelas oportunidades e expectativas.

No apartado resolutivo os socialistas esixen a Xunta de Galicia que repare, a maior brevidade, o peirao do ferri da Pasaxe para posibilitar o embarque de vehículos. Tamén instan a Xunta a que habilite un transporte de pasaxeiros alternativo entre A Guarda e Caminha mentres non estea reparado o embarcadoiro.

Socialistas da Guarda


O Porto da Guarda acolle este sábado a regata XXI Bandeira Concello da Guarda - Memorial Antonino Torrón

O mércores 16 de marzo presentouse ante os medios de comunicación a regata XXI Bandeira Concello da Guarda - Memorial Antonino Torrón, acto ao que asistiron Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda; Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes; Fernando Rodríguez Freitas, representante da Xunta Directiva do Clube de Remo Robaleira e Jesús Manuel Pérez Martínez, representante de ORPAGU - patrocinador principal do Clube de Remo Robaleira.

A regata XXI Bandeira Concello da Guarda - Memorial Antonino Torrón disputarase na xornada do sábado día 17 de marzo a partires das 16:00h no Porto da Guarda. Trátase dunha regata de bateis encadrada na liguilla da zona sur e na que participan diversos equipos do Grove, Bueu, Cangas, Moaña, Vigo e Redondela.

Na proba, aberta para todas as categorías dende alevín ata senior, ademais de medallas para os tres primeiros de cada categoría, dispútase a Bandeira, o premio máis relevante, á que se concursa por puntos, sendo o equipo con máis e mellores postos o gañador da bandeira.

A Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, valorou moi positivamente a celebración deste evento deportivo na vila, un evento que congregará a máis de 350 deportistas en 70 tripulacións nas diferentes categorías de competición.

Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, confirmou a súa asistencia á entrega de premios, que terá lugar a partires das 18:30h no Paseo Marítimo do Porto da Guarda

Dende o Concello da Guarda e dende o Clube de Remo Robaleira, convídase a toda a cidadanía guardesa e visitantes a animar aos deportistas nesta xornada no Porto da Guarda.

Concello de A Guarda


O concello da Guarda saca a licitación a humanización da Rúa Manuel Rodríguez Sinde

O Concello da Guarda saca a licitación as obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde dende o cruce coa rúa Calvario ata o cruce coa rúa San Bernardo, entre os números 5 e 23, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Esta humanización ven a completar as realizadas na contorna dando a este tramo de rúa a tipoloxía do casco histórico: pavimentado en pedra con plataforma única. Eliminaranse os estacionamentos para gañar espazo para os peóns, haberá un carril de rodadura de tres metros e o resto do ancho da rúa, repartido a ambos lados, estará reservado para as persoas e debidamente protexido. Esta nova urbanización cumple cos criterios de humanización da Deputación e converte esta rúa en accesible

As obras contemplan a renovación dos servizos de abastacemento de auga e sumidoiro, con separación de augas pluviais e fecais, así como a preinstalación para telecomunicacións e novas acometidas para o alumeado público.

O tempo de execución das obras estímase en 45 días e o orzamento de execución é de 172.331,54€.

Dende hoxe día 15 de marzo e ata o 12 de abril estará aberto o proceso de licitación. As bases e o proxecto está dispoñible para descarga no perfil do contratante do Concello da Guarda na Plataforma de contratacións do Estado.

Concello de A Guarda


A Guarda organiza unha Escape Room de Igualdade

As actividades programadas polo Día Internacional da Muller estenderanse ao mes de abril de 2022, deste xeito o sábado día 2 de abril ás 17:00h, terá lugar o ESCAPE ROOM de Igualdade, polas rúas da Guarda, dirixido a público familiar.

Esta proba está recomendada a partir dos 12 anos en diante debido aos coñecementos necesarios (culturais , de estratexia….) aínda que non é excluínte. Tratase dunha actividade que se desenvolve en grupos, que deberán integrarse cun mínimo de 3 persoas e un máximo de 5, chegando a un total de 15 grupos como máximo.

A actividade terá como base a Praza de Avelino Vicente e desenvolverase na zona vella e no Castelo de Santa Cruz. Explicarase inicialmente a dinámica da actividade aos participantes, as regras da mesma, así como a resolución das posibles dúbidas que lles poidan xurdir ás persoas participantes. Unha vez repartido o material para cada equipo, comezará a proba, saíndo todos os equipos ao mesmo tempo.

En primeiro lugar os equipos deberán localizar, coa axuda dun mapa, diferentes puntos de control distribuídos polo contorna da zona vella da Guarda e o Castelo de Santa Cruz. No seu itinerario deberán atopar certa información que será vital para a seguinte parte da proba. Acabar o antes posible outorgará aos equipos máis tempo para superar a seguinte fase. Esta parte terá unha duración aproximada de 30 minutos, cunha distancia total a percorrer aproximada de 2-3Km e un nivel de esixencia medio-baixo. Para iso, as/os participantes contarán cun plano da vila.

Na terceira parte da proba os equipos volverán á Praza de Avelino Vicente, onde se desenvolverá unha proba sonora grupal. Cada equipo contará con numeroso material gráfico en forma de debuxos, imaxes, palabras, números…, paralelamente unha gravación deseñada para a ocasión acompañaraos en todo momento, e será a clave para resolver a proba, apoiándose nas pistas que conseguiron na fase anterior. O obxectivo final é conseguir a combinación numérica coa cal abrir a caixa forte e o código de 6 letras para abrir o críptex.

As persoas interesadas en participar na actividade poden presentar a solicitude de forma presencial na conserxería (punto de Información) do Concello da Guarda (Casa dos Alonso) en horario de 8:00h a 15:30h. e no centro cultural en horario de 17:00 a 20:00h. ou a través do seguinte correo electrónico: conserje@aguarda.es ( pode descargarse o modelo de solicitude da páxina web do Concello)

No caso de menores de idade non acompañados, deberan presentar autorización asinada polas súas proxenitoras/es ou titoras/es.

O venres 31 de marzo publicarase a listaxe dos equipos admitidos na páxina web do Concello e comunicarase a través do e-mail que se facilite na solicitude, así como a listaxe de suplentes.

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais