JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A tudense Sara G. Piña presenta o luns 14 a súa novela "Pangea"

Será ás 20 h no edificio Francisco Sánchez

O vindeiro luns, 14 de marzo, terá lugar a presentación da novela da escritora tudense, Sara González Piña, titulada "Pangea" que foi recentemente publicada pola editorial "Círculo Rojo". Este acto está organizado pola Biblioteca Pública municipal de Tui. Comezará ás 20 h no Edificio "Francisco Sánchez" (antiga Area Panorámica) con entrada libre.

No acto de presentación contarase coa presenza da autora que estará acompañada da concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, e do técnico da biblioteca municipal tudense, Rafael Sánchez Bargiela.

Sara González Piña naceu en Tui no ano 1996. Os seus anos como estudante de Psicoloxía en Madrid foron a inspiración para crear a súa primeira novela, "Pangea", onde puido proxectar o amor que sinte pola súa profesión e polas súas raíces.

A propia autora comenta que "os protagonistas desta emotiva historia espértanse nunha misteriosa illa chamada Pangea sen ningún recordo do seu pasado. Durante a súa estancia nela terán que enfrontarse a numerosos desafíos, loitar con sanguinarias bestas e aprender a lidiar cos misterios que o lugar alberga para poder sobrevivir. A desaparición dun deles fai que os retos que se lles impoñen sexan aínda máis extremos, pero Pangea ten un plan para cada un deles e só as súas propias accións poderán liberalos da illa".

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, a presentación desta obra dunha autora novel enriquece o panorama cultural do noso municipio e dende o concello tudense se asume o compromiso de apoiar e promover os novos valores tudenses no ámbito da creación, neste caso literaria.

Concello Tui


O alcalde de Tui abordou con representantes de CCOO a necesidade de mellorar as conexións ferroviarias dende a cidade

Coincidiron en sinalar amais que é urxente a recuperación da parada comercial de trens na estación de Tui

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reuniuse co sector ferroviario de CCOO para abordar as melloras do servizo ferroviario. En concreto recibiu na casa do concello a Juan Gómez e Antón Conde, representantes de Renfe e Adif, respectivamente. Este encontro forma parte da rolda de contactos que CCOO está a manter cos alcaldes e alcaldesas dos municipios próximos á liña Atlántica e do Miño.

Un encontro no que se puxo de manifesto a necesidade de ampliar, nas áreas fronteirizas, os servizos ferroviarios de proximidade para asegurar a conexión-continuidade cos trens de Longa Distancia e Media Distancia do Eixo Atlántico e Portugal.

Enrique Cabaleiro, salientou a importancia de mellorar as conexións ferroviarias dende Tui tanto cara outros municipios galegos e nacionais, coma a nivel internacional con Portugal a través de Valença.

Nese senso valorou positivamente a proposta na que traballa CCCO de creación dunha rede internacional de proximidade entre Viana de Castelo e Vigo Guixar, que pasaría necesariamente por Tui e Valença.

No encontro tamén coincidiron en sinalar que é urxente que a parada comercial de trens na estación de Tui se recupere do verán.

Para mellorar os servizos de proximidade, conectar co Eixo Atlántico e potenciar o tráfico ferroviario internacional dende CCOO, segundo o exposto na reunión, proponse establecer ligazóns en Guillarei e Valença coas liñas portuguesas e lanzar unha liña desde Vigo Guixar directamente até Lisboa.

Os representantes de CCOO indicaron que no plan integral de necesidades de transporte contemplan desenvolver un modelo de servizos ferroviarios baseado "nunha rede de proximidade que ofreza servizos económicos e frecuencias eficaces" pero tamén conta coas actuais relacións e frecuencias dos trens portugueses. Ademais propoñen que tendo en conta a singularidade fronteiriza das estacións de Valença e Tui, estas conten cunha comunicación ferroviaria cunha tarifa especial entre elas e a un prezo simbólico para que flúa o turismo e se fomente a mobilidade.

Concello Tui


Preséntouse en Tui o libro "Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos"

Roberto Mera recuperou para a historia a figura do deputado republicano que liderou a evacuación desde Francia de 17.000 exiliados durante a guerra civil

O avogado e politólogo de Ponteareas Roberto Mera Covas presentou no día 10 de marzo, en Tui o seu libro "Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos", publicado por Belagua Ediciones. O acto terá lugar ás 20.00 h no Edificio Francisco Sánchez (antiga Área Panorámica) e nel invervirán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e Manuel Vázquez de la Cruz, membro da asociación Levada Libre.

Coa publicación do seu libro, Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaseis últimos anos da vida de Alejandro Viana, "un home íntegro e entregado aos demais", que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952".

O libro é, en palabras do seu autor, "un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio".

Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está realizando numerosas presentacións por toda Galicia. Tras o acto de Tui, o libro será presentado este mes de marzo en Ribadavia (día 12), Gondomar (día 18) e A Coruña (día 25).

Concello Tui


Reunións informativas sobre Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais

O Concello de Tui vai realizar durante os meses de marzo e abril unha rolda de charlas informativas nas distintas parroquias tudenses para informar sobre o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais.

Nestas reunións explicarase á veciñanza en que consiste o plan, a súa aplicación, e as zonas afectadas. Ao tempo aclararanse todas aquelas dúbidas que poidan xurdir sobre este plan.

Nas reunións participará o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, e unha técnica municipal.

As dúas primeiras reunións terán lugar este venres, 11 de marzo. Será ás 19 h no Centro Cultural de Pexegueiro e ás 20.30 h no Centro Cultural de Areas.

As reunións continuarán o venres 25 de marzo ás 19 h no Centro Cultural de Ribadelouro, e ás 20.30 h no Centro Cultural de Guillarei.

Concello Tui


O Consorcio de Augas do Louro inicia as obras de renovación de equipos de dosificación de reactivos da potabilizadora de Tui

O Consorcio de Augas do Louro iniciou este luns as obras de renovación de equipos de dosificación de reactivos na potabilizadora de As Chans, en Tui.

As obras comprenden a demolición e retirada dos equipos e depósitos de almacenamento obsoletos, o acondicionamento completo do edificio onde se instalarán os novos depósitos de hipoclorito, coagulante e floculante e a instalación das novas bombas de axitación e dosificación destes reactivos, necesarios para levar a cabo o proceso de purificación e potabilización da auga captada no río Miño.

As obras permitirán ao Consorcio dispoñer dunhas instalacións que garantan en todo momento a calidade da auga potabilizada e que darán cumprimento á normativa vixente sobre almacenamento de produtos químicos.

A inversión contemplada para a execución destas obras ascende a 93.14,54 € e será financiada con recursos propios do Consorcio. Deste xeito dáse continuidade ás obras de grande renovación levadas a cabo polo Consorcio entre os anos 2014 e 2018 nesta potabilizadora municipal, por valor de 207.909,78 €, e que permitiron naquel momento renovar o material filtrante, substituír a calderería deteriorada por novas canalizacións de aceiro inoxidable, renovar completamente o sistema pneumático de apertura e peche de válvulas e actualizar e completar o sistema informático de telecontrol da planta.

O importe total das inversións levadas a cabo polo Consorcio no Concello de Tui dende 2014 ascende a preto de 535.000 €.

Consorcio de Augas do Louro



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais