|
O Concello pon en marcha un servizo de carriños da compra na rúa para fomentar o comercio local
Estes carros poderán collerse de balde en catro puntos dos núcleos de Tomiño e Goián e permitirán transportar a compra de xeito cómodo e sinxelo
Son de balde e estarán dispoñibles de 09.00 a 21.00 horas
Tomiño saca os carriños da compra á rúa para fomentar o comercio local. O Concello puxo en marcha un novo servizo a través do que carros similares aos dos supermercados estarán a disposición da veciñanza para que mercar nos establecementos de proximidade e nos mercados municipais dos núcleos urbanos de Tomiño e Goián sexa máis sinxelo, práctico e cómodo, xa que permitirán transportar a compra sen cargar co peso das bolsas. "Queremos dar facilidades á xente para incentivar o consumo no comercio de proximidade, porque é unha peza importante da nosa economía, xeradora de emprego e benestar", explica a alcaldesa, Sandra González.
Xa hai dispoñibles 20 carros situados en catro puntos de recollida, dous no núcleo de Tomiño (na rúa Colón e na rúa Tui) e dous en Goián (na Avenida Ordóñez e ao carón da escola infantil A Galiña Azul). Serán de balde e terá un sistema de funcionamento sinxelo e similar ao dos supermercados: a veciñanza poderá coller un dos carriños en calquera destes puntos e, despois de mercar con toda comodidade, deberá devolvelo. Estarán dispoñibles todos os días de 09.00 a 21.00 horas.
Con esta iniciativa o Concello busca darlle pulo ao comercio local con medidas dirixidas non soamente ás e aos comerciantes, senón tamén a concienciar e fomentar o consumo de proximidade entre poboación.
"Este servizo permítenos seguir revitalizando os núcleos urbanos de Tomiño e Goián, continuar dándolle vida a zonas nas que as persoas son unha prioridade e nas que dispoñer de ferramentas como carros para poder realizar a compra comodamente pode ser un elemento importante para incentivar que a veciñanza se achegue aos nosos mercados municipais e ao comercio local", salienta a rexedora, que destaca a boa acollida que está tendo o servizo xa dende os primeiros días de uso.
"Preto de ti! Mulleres artistas a pé de rúa", unha proposta para achegar a arte ao rural
Conchi Garrido, comisaria da mostra incluída na programación de actos do Día da Muller, explica que o obxectivo é facilitar a accesibilidade ao circuíto cultural da arte nun municipio de gran dispersión xeográfica, como é Tomiño
"Preto de ti!. Mulleres artistas a pé de rúa", a exposición de arte contemporánea feminina que estará nos PIM (Puntos de Información Municipais) das 15 parroquias tomiñesas durante todo o mes de marzo, pretende chegar a arte feminina á xente de a pé, e o mesmo tempo solventar o obstáculo da gran dispersión do rural tomiñés.
Así o explica a artista Conchi Garrido, comisaria da mostra incluída na programación de actos conmemorativos do Día da Muller. "O obxectivo é facilitar a accesibilidade ao circuíto cultural da arte, e máis especificamente á arte contemporánea feminina", comenta. Estas mulleres artistas teñen en común que traballan dende Galicia e están vinculadas de algún ou outro modo á Facultade de Belas Artes de Pontevedra onde estuda a comisaria); algunhas como profesoras e outras como ex-alumnas.
"Todas elas representan o panorama contemporáneo galego e nacional. Un grupo heteroxéneo que permite ofrecer aos cidadáns unha mostra das diferentes disciplinas que a arte contemporánea plantexa", sinala Garrido. A proposta que poderemos ver ao longo de todo o mes, xurdiu da premisa feita polo profesor e decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Xosé Manuel Buxán, que plantexou ás alumnas do último curso, levar a cabo un proxecto de xestión cultural. A artista tivo claro entón que quería realizar o seu proxecto no concello onde reside (Tomiño) e reverter deste xeito algo aos tomiñeses, "tendo en conta a maiores que Tomiño é un Concello sempre interesado en dinamizar culturalmente a nosa contorna".
As artistas que participan neste proxecto son: Basilisa Fiestras (parroquia de Taborda), Chelo Matesanz (Estás), Mar Caldas (Stª Mª de Tomiño), Nati Bermejo (Stª Mª de Tebra), Yolanda Herranz (Goián), Verónica Vicente (Sobrada), Celeste Garrido (Figueiró), Mar Ramón (Forcadela), Rebeca Lar (Barrantes), Doira B. Paratcha (Vilameán), Loreto Blanco (San Salvador de Tebra), Julia Huete (Piñeiro), Andrea Dávila (Pinzás), Marina Núñez (Amorín) e a propia Conchi Garrido (Currás).
Conchi Garrido Rodríguez
Nada en Vigo (1977), reside e traballo na parroquia tomiñesa de Currás. Despois de desenvolver durante anos a súa carreira profesional no mundo das ciencias, interésase pola arte e comeza a formarse coa ceramista Emilia Guimeráns en Vigo. Máis tarde, abre o seu taller, baixo o nome de Charria Ceramics, en Currás.
Actualmente cursa 4º ano de Belas Artes, na Facultade de Pontevedra. As súas liñas de traballo xiran en torno á instalación, agrupando a escultura, o debuxo e a pintura.
Becada pola entidade 12 Miradas Riverside, da corporación Hijos de Rivera (Estrella Galicia), para participar no taller do deseñador Martín Azúa (2019), participa en distintas exposicións colectivas, como a de "San Ero. Casá das Campás", Pontevedra, 2019; "Táctil.Sala X. Facultade de Belas Artes de Pontevedra", 2018, ou a de "A Tenda. Pop up de novos deseñadores galegos". Pontevedra, 2017.
Videomapping e iniciación á pintura son as dúas propostas formativas da OMIX Tomiño para esta primaveira
O vindeiro sábado (12 de marzo) o Grupo de Voluntariado organiza unha xornada de adopción de mascotas na Praza do Seixo
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño vén de abrir o prazo de inscripción para as dúas propostas formativas que comezarán no mes de abril, e que son, por unha parte un novidoso obradoiro de Videomapping, e por outra, un curso de iniciación á pintura.
O primeiro terá lugar a fin de semana do 8 e 9 de abril, da man do artista visual navarro Miguel Martínez Caraballo, coa idea de impartir esta nova disciplina sobre a fachada do edificio do Concello. O alumnado asistente participará activamente durante dous intensos días de formación e proxectará sobre a fachada da casa consistorial o videomapping realizado. "Será un espectáculo espectacular", explica o artista. O taller, cun prezo de 20 euros, celebrarase no salón de plenos, comezando o venres 8 de abril e concluíndo o sábado 9. As clases, serán eses dous días no salón de plenos entre as 19.00 e 21.00 horas, comezando ás 22.00 do sábado o denominado "Evento Videozapping". A idade mínima para participar é 12 anos e as inscricións poden facerse en https://tomino.gal/obradoiro-de-videomapping/
Por outra banda, a artista Gemma Marqués ditará un curso teórico-práctico de pintura básica para entender a teoría da cor, aprender a mesturar as cores dun xeito rápido e eficaz, facer gamas de cor e así poder crear obras cunha técnica axeitada, fácil e rápida. A data de inicio será o 20 de abril e o horario, mércores de 17.00h a 18.30h. O prezo da actividade é de 15€ e a data de finalización o 11 de maio. A idade mínima para participar é 12 anos e as inscricións poden facerse en https://tomino.gal/curso-basico-de-pintura/
ADEMAIS, o grupo de voluntariado da OMIX organiza o sábado 12 de marzo unha XORNADA DE ADOPCIÓN CANINA E FELINA que terá lugar de 10h a 14h na Praza do Seixo.
Existe a posibilidade de adoptar un animal da protectora ou un gato ou gata procedente de colonias de familias que viven na rúa. Son bebés felinos que o Concello de Tomiño se compromete a castrar de xeito gratuito. Os voluntarios e voluntarias pretenden crear unha listaxe de persoas adoptantes para estes animais.
Ademais, malia que non se adopte, pódese axudar doando comida para cans e gatos, ou material novo ou usado en bo estado que xa non se use (xoguetes, correas, transportín, camiñas, mantas, etc.).
Tomiño reivindica de xeito colectivo e unánime a igualdade no Día Internacional da Muller
Alumnas do IES Antón Alonso Ríos leron poemas de tres autoras feministas de diferentes países
Nunha mañá de ballóns intermitentes, Tomiño foi quen de conmemorar o Día Internacional da Muller. Na Praza do Seixo, a carón do Concello, cuxa fachada vestía unha lona alusiva ao 8M, representantes dos tres partidos políticos que forman a corporación municipal (BNG, PP e PSdG-PSOE), Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e coordinadora dos servizos sociais, deron lectura á "Declaración Institucional con motivo do 8 de marzo, día Internacional dos dereitos da muller".
"Novamente, os grupos políticos con representación no Concello de Tomiño, veñen a mostrar a súa unidade con motivo do 8 de marzo; Día Internacional dos dereitos da muller. Este ano 2022, a Organización das Nacións Unidas escolleu o lema a Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible , recoñecendo os esforzos de mulleres e nenas para un futuro máis sostible", comezou a lectura a concelleira de Igualdade e Benestar, Cristina Martínez.
Así, todos os grupos políticos do Concello foron deixando constancia do seu compromiso común coa igualdade plena, efectiva e real entre mulleres e homes. E a tal efecto, acordaron, entre outras accións, organizar campañas permanentes de concienciación social e sensibilización en favor da igualdade; traballar na visibilización e posta en valor do papel das mulleres nos distintos eidos, especialmente nos eidos científicos e de novas tecnoloxías; recoñecer ás achegas das mulleres rurais no desenvolvemento social e económico; afondar no compromiso para a posta en marcha de iniciativas municipais e medidas dirixidas á mellora da prevención, detección e abordaxe da violencia de xénero, e axilizar a creación dun CIM (Centro de Información á Muller) para Tomiño e Tui.
A alcaldesa, Sandra González, foi a encargada de rematar a lectura da declaración institucional e agradeceu a participación de todos os colectivos presentes (membros da corporación municipal, Asociación Vontade, Centro de Día, IES e veciñanza en xeral), salientando a importancia de enfrontarse ao tema da igualdade e da violencia de xénero de xeito colectivo.
Seguidamente, a chuvia obrigou ás persoas presentes a desprazarse até o Mercado Municipal, en cuxo 2º andar, tivo lugar a lectura de poemas por parte de catro alumnas de 1º de Bacharelato do IES Antón Alonso Ríos. Maika, Iria, Aylen e Lorena leron poemas das escritoras Rupi Kaur (Punyab. India), Marguerite Annie Johnson, máis coñecida como Maya Angelou (Misuri. EE.UU.) e Mª do Cebreiro Rábade Villar (Galicia. España). María Fernández ao clarinete e o profesor Luis Lechuga á guitarra, puxeron a nota musical. E Laura Calvo foi a autora dos retratos das autoras que as súas compañeiras amosaban durante a lectura poética.
Programación de primaveractiva
O Concello, a través da Concellería de Cultura, continúa coa súa programación de primaveractiva tras unha exitosa acollida de Leira, espectáculo que introduciu a danza no municipio
A vindeira fin de semana o auditorio de Goián volverá ser un destino a ter en conta para gozar da e con a oferta cultural municipal.
O sábado 12 de marzo, a través do programa da Deputación de Pontevedra "O pasado por vir", chega ata Tomiño "A señora de Forcadela", unha escenificación teatral inspirada na historia de Josefa García Segret e noutras mulleres galegas represaliadas a partir de xullo de 1936. Josefa, nada en Tui e condenada á pena capital era mestra e socialista, coma o seu home, Hipólito Gallego que daba clases na parroquia de Forcadela (Tomiño). Líbrase da morte finxindo estar preñada para evitar a súa execución. Diagnosticou o seu embarazo o doutor Darío Álvarez Blázquez, xogándose a vida, non só pola deliberada falsidade senón por pertencer tamén a unha familia perseguida.
"A SEÑORA DE FORCADELA" foi a autora do libro "Abajo las dictaduras", que auto editou no ano 1982. Unha obra desta mestra que "tamén é unha formación para a mocidade que non coñece as guerras nin os seus horrores". Nas súas páxinas ilustra a represión franquista.
OS-QUINQUILLÁNS
Compañía con máis de trinta anos de actividade teatral profesional adaptada a todo tipo de espazos e eventos. Ademais de continuar cos espectáculos de sala e de rúa, desde 2013 a compañía especialízase na creación de montaxes teatrais baseadas en feitos históricos para ser representadas en lugares emblemáticos e en celebracións de animación popular.
Data: Sábado 12 de marzo
Horario: 21h
Idade: A partir de 12 anos.
Lugar: Auditorio de Goián
Prezo: GRATIS
DURACIÓN: 30 minutos.
ELENCO: Tero Rodríguez e Lucho Penabade
O domingo, Pepa a Loba
Ao día seguinte, un espectáculo familiar para todos os públicos. Chega a Tomiño Pepa a Loba, unha figura mítica de Galicia, unha lendaria bandoleira galega de finais do século XIX, que, segundo a lenda, acadou a súa fama asaltando camiños e roubando a caciques e cregos.
Os contos que falan da existencia dunha bandida chamada Pepa a Loba, que dirixiría a súa propia gavela de ladróns, son moitos e están espallados por toda Galicia. Ademais dos contos, existe unha referencia escrita que parece probar a existencia real de Pepa a Loba e é unha mención que a escritora e penalista Concepción Arenal fai dela logo dunha visita ao cárcere da Coruña. O público asistente poderá desfrutar dun divertido e atractivo espectáculo coa actriz Cristina Collazo. "Procúrase Pepa a loba" É un contacontos a cargo da compañía A Cova das Letras onde a danza e a música fúndense coa natureza, poñendo en valor a amizade e a perspectiva de xénero.
Ano 1890. Inauguración da taberna de Pepa a Loba. A súa gavela ao completo: Xan Quinto "o vello", Maninocente e Calamity Jane celebran este día tan esperado, pero... un codiciado tesouro escóndese moi preto e só ela sabe o segredo. Necesita da túa colaboración; será que te atreves?
Data: Domingo 13 de marzo
Horario: 17.30h
Idade: público infantil e familiar
Lugar: auditorio de Goián
Prezo: 3€ persoas adultas, menores de 12 anos 1,5€
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|