|
Praxíteles González, arte a escala
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou ao artista de 84 anos, autor de maquetas en miniatura como a Catedral de Santiago, Notre Damme ou o Capitolio de Estados Unidos
O Concello traballa para acoller unha exposición coa que amosar ao público algunhas das súas obras
Todo comezou como un pasatempo para estar entretido ao chegarlle a xubilación. O que non sabía Praxíteles González era que esa afección ía converterse nunha espectacular colección de monumentos en miniatura na que figuran pezas únicas cheas de detalle e con moitas horas de traballo detrás. "É un orgullo ter no Rosal a artistas como Praxíteles, coa paciencia e a capacidade creativa para recrear a escala edificios tan singulares como son a Catedral de Santiago de Compostela ou Notre Damme, pero tamén estruturas tan nosas como a ponte do Tamuxe, a igrexa do Rosal, o muíño do Carreiro ou a casa indiana que acolle o Centro Cultural da Guarda", destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A rexedora visitou estes días a Praxíteles no seu taller para ver algunha destas pezas, moitas delas de grandes dimensións. Dende o Concello xa se traballa para poder realizar unha exposición con algunhas das súas miniaturas máis destacadas e renderlle homenaxe a este rosaleiro de corazón que leva case 25 anos dedicado ao mundo das maquetas.
Aos seus 84 anos Praxíteles continúa mergullado coma nunca nas súas obras. Comezou facendo pezas con ferros vellos, barro e material de refugallo ata que case por casualidade deu o salto ás miniaturas. Todo por facerlle unha casa de bonecas para que xogara a súa neta: a inspiración levouno a recrear a casa da súa propia filla a escala.
Lembra que detrás de cada peza hai moitas horas de duro traballo e moita paciencia. Coa Catedral de Santiago estivo máis de 8 meses e coa de Florencia máis de 1.500 horas, aínda que a peza que máis lle roubou o sono foi a súa última creación: unha impresionante miniatura do Capitolio dos Estados Unidos, á que leva dedicado máis de 13 meses, moitos de dez horas de traballo diarias. Máis de 7.000 pezas de madeira, máis de 600 fiestras e 150 quilos de maqueta que non deixan indiferente a ninguén. "Para min son proxectos moi importantes para ter sempre unha ilusión e coller con gañas cada novo día que entra", asegura.
Pero non todo é miniatura para Praxíteles. Ás súas costas ten tamén cinco libros: 'Embaixadores dos infernos', que aborda a vida dos cabaqueiros, profesión á que se dedicou; 'Ribeiras do Baixo Miño', sobre os usos e costumes do Rosal; 'Topónimos, a Terra das nosas raíces', que recolle máis de 900 topónimos do Rosal e da Guarda xunto cun mapa de toponimia; 'Eu tamén fun contrabandista do Estiro do Miño', sobre os tempos do estraperlo e o pisco na comarca; e 'Eu tamén estiven na República Federal Alemá', a súa derradeira obra, que trata sobre a emigración entre os anos 1960 e 1980.
Concello de O Rosal
Un percorrido polo florecemento vital das mulleres da voz de Nastasia Zürcher
O auditorio municipal acolle este sábado 12 (20 h) o concerto da vocalista e compositora galego-suíza con motivo do 8M ao abeiro do programa Fiando Redes da Deputación de Pontevedra
A voz e enerxía de Nastasia Zürcher encherá esta fin de semana o auditorio municipal do Rosal para seguir reivindicando a igualdade. Co gallo do Día Internacional da Muller, este sábado 12 a vocalista e compositora galego-suíza ofrecerá un concerto organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello dentro do programa Fiando Redes da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que pretende fomentar o asociacionismo feminino e concienciar a favor da igualdade mediante propostas culturais inclusivas e con perspectiva de xénero.
Baixo o nome de 'Flor de flores', Zürcher achega unha proposta cultural e musical co que percorrer as diferentes fases do florecemento vital das mulleres. A través da súa música, combinando canto con fala, música con poesía, a artista percorre coas súas composicións o sendeiro da flor florecida, convidando a todas as mulleres presentes a unir as súas voces para cantar xuntas e conectadas.
Zürcher, galardoada e dúas veces nominada aos Premios Martín Códax da Música nas categorías de 'Blues, Funk & Soul' e 'World Music', ten publicados dous álbums de autoría propia e foi premiada en Holanda polo seu tema en galego 'Espertos' no Festival Liet International en 2018. As súas cancións buscan novos enfoques, fusionan estilos e desenvolven unha identidade artística propia e rica en matices, cunha voz inconfundible que recita as súas composicións escritas en inglés, galego, castelán e francés.
O concerto será ás 20.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.
Concello de O Rosal
O Rosal súmase ás concentracións de apoio ao pobo ucraíno
O acto celebrarase este mércores 9 ás 12.00 h nos xardíns do Concello. Unha concentración silenciosa de cinco minutos coa que se quere mandar unha mensaxe de solidariedade e apoio
O concello do Rosal participa na iniciativa promovida pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en solidariedade co pobo ucraíno. O obxectivo é lanzar dende o conxunto dos municipios do Estado unha mensaxe de apoio e afecto a todas as persoas que están a sufrir as consecuencias do conflito bélico desencadeado pola invasión Rusa a Ucraína.
Unha iniciativa que se enmarca dentro das accións desenvolvidas polos concellos, a través do Goberno de España e en coordinación coa Unión Europea, co envío de material humanitario, imprescindible para a poboación neste momento, como é o caso de medicamentos e alimentos.
A concentración celebrarase este mércores 9 de marzo ás 12.00 nos xardíns do Concello. Un acto silencioso que lanzará unha mensaxe de apoio e afecto a todas as ucraínas e ucraínos.
Concello de O Rosal
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|