|
Charla informativa sobre a factura da luz o venres 18 de marzo na Guarda
O Concello da Guarda organiza o vindeiro venres día 18 de marzo unha charla informativa sobre a factura da luz, que contará coa presenza dos ponentes David Portela Andura, Enxeñeiro Industrial en Electricidade e de Santiago González Veiga, Avogado especialista no sector eléctrico.
A charla, que terá lugar ás 20:00h na Casa dos Alonso, aportará aos asistentes consellos sobre aforro enerxético, enerxías renovables e informacións de interese sobre a comprensión das facturas da luz, franxas horarias de consumo, prezo da potencia contratada, reclamacións, entre outras.
Na Guarda, concello e asociacións coordinan a axuda a refuxiados
Traballadoras municipais e membros do equipo de goberno encabezados polo alcalde, Antonio Lomba, reuníronse na mañá do xoves 10 de marzo con representantes das asociacións da localidade: Cruz Vermella, San Vicente de Paul, Conrazones, Avelaíña e San Xerome.
O obxecto da reunión era o de poñer en común e coordinar a axuda aos refuxiados da guerra en Ucraína. Neste sentido o alcalde informou que os criterios que está seguindo o concello son os que marca a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) que traballa en coordinación co goberno de Central e coas ONGs que están sobre o terreo. Todos os presentes estiveron de acordo nas pautas que se veñen mantendo:
" A prioridade máxima é coñecer e trasladar os recursos habitacionais para acollida de persoas refuxiadas que cheguen ao concello.
" Tamén se están rexistrando outros recursos como tradutores, voluntariado, legalización de mascotas, etc.
" Non se fará recollida de alimentos e material humanitario dende o concello e as asociacións debido a imposibilidade de asegurar o traslado e distribución deste material.
" A forma de axuda máis eficiente é a axuda económica a través das ONGs que estean dando apoio sobre o terreo á poboación ucraína afectada para que merquen o que realmente precisen.
As asociacións puxeron os recursos dos que dispoñen a disposición, para coordinarse co concello e cubrir as necesidades que aparezan no momento en que cheguen refuxiados a nosa localidade. "Somos conscientes de que a crise humanitaria pode alongarse no tempo e que temos que estar preparados para cando se necesite a axuda," declararon ao remate da reunión.
Dende Servizos Sociais do concello da Guarda estase a levar o rexistro dos recursos que institucións, asociacións e particulares están proporcionando, para poder activalos no momento que se necesiten.
A Asociación de Redeiras Atalaia ofrece formación para poder exercer a profesión
A Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia, en colaboración coa Federación Galega de Redeiras, atópase organizando un curso gratuíto de Confección e Mantemento de Artes e Aparellos, necesario para poder exercer a profesión de redeira.
As redeiras, ou atadeiras como máis comunmente as coñecemos na Guarda, son as profesionais que se dedican á confección, reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca. Trátase dunha profesión de carácter fundamentalmente manual e require dunha cualificación específica.
Actualmente as condicións de traballo destas profesionais distan enormemente das condicións do pasado. Agora todas cotizan no Réxime Especial do Mar, o que lles asegura unha xubilación desafogada, teñen horarios flexibles que lles permiten conciliar vida laboral e familiar e levan para casa un "soldo" digno.
A asociación decidiu poñer en marcha esta iniciativa ante a súa preocupación pola falta de relevo xeracional, xa que nun breve período de tempo varias delas obterán a xubilación, e a aquelas que quedan en activo lles resultará moi complicado asumir a carga de traballo que teñen. Esperan así mesmo que a acción formativa teña boa acollida porque entenden esta vía laboral como unha boa oportunidade de traballo estable na propia vila.
Destacamos que o curso será gratuíto, terá unha duración de 300 horas e levarase a cabo na Guarda en colaboración co Concello, que cederá un aula para impartir a parte teórica do mesmo.
Todas as persoas interesadas en recibir máis información ou inscribirse no mesmo deberán poñerse en contacto coa asociación no teléfono 699 96 32 50 ou na dirección de correo electrónico asociacionredeirasatalaia@hotmail.com, ou directamente na nave de redeiras sita no Porto da Guarda.
BNG urxe un medio de transporte eficaz e sostíbel entre Caminha e A Guarda
Rego aposta por camiñar cara a constitución dunha Eurocidade Caminha e A Guarda como un proxecto de futuro
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia novas iniciativas ante a situación actual das comunicacións limitadas entre Caminha e A Guarda e reclama ao Goberno do Estado alternativas que solucionen os problemas e pór en marcha unha comunicación eficaz e sostíbel. A organización nacionalista aposta por un proxecto de futuro para a constitución dunha futura Eurocidade.
O transbordador Santa Rita de Cássia permitiu a conexión, tanto para vehículos como persoas, entre os concellos da Guarda e Caminha desde 1995, mais hai anos que quedou obsoleto por tratarse dunha embarcación anticuada e por precisar dun calado para navegar do que o río carece. Durante décadas tivo que recorrerse á dragaxe do esteiro do Miño para retirar as areas e sedimentos que se acumulan: primeiro encargouse o Goberno da República Portuguesa e, despois, o Goberno do Estado español, que fixo a última no 2012.
"A solución das dragaxes permanentes non serve polo seu alto custo ambiental e económico. Ademais, as constantes avarías e un pantalán de atracada absolutamente abandonado, por parte de Portos da Xunta de Galiza, contribuíron tamén nos últimos anos a facer inservíbel este medio de transporte, que xa non permite o tránsito de vehículos e onde os horarios dependen das mareas" explica o deputado nacionalista. Rego, neste sentido, reclama ao Goberno do Estado que estabelece alternativas que solucionen o problema actual nas comunicacións entre Caminha e A Guarda.
"Resulta fundamental recuperar dunha maneira eficaz a comunicación con Caminha e, para iso, é preciso un compromiso entre os Gobernos do Estado español e Portugal, que conte ademais coa implicación da Xunta de Galiza e dos concellos afectados a ambas as beiras do río Miño" reivindica Rego. Para a organización nacionalista deben estudarse as distintas alternativas de transporte posíbeis, para apostar finalmente por unha proposta que permita compatibilizar a conservación do alto valor ecolóxico do Esteiro do Miño coa posta en marcha dun novo medio de comunicación eficaz e sostíbel que conecte de forma áxil A Guarda con Caminha.
Após seis meses parado polo fechamento do porto e a falta de canle de navegación suficiente, no verán de 2021 retomouse a actividade do ferry con restricións - os usuarios con vehículo non poderán embarcar- ademais de reducir as frecuencias e días para sucar o Miño. "O parón da actividade, así como o descenso actual do tránsito influíu notabelmente na actividade económica da localidade da Guarda" denuncia Rego.
O deputado nacionalista aposta por un proxecto de futuro que poida servir para "avanzar na constitución dunha futura Eurocidade entre A Guarda e Caminha, que potenciaría as relacións entre ambas localidades situadas a ambas beiras do Miño".
O BNG GARANTE A REFORMA DA BIBLIOTECA ,A COMPRA DUN CAMIÓN DO LIXO E A REFORMA INTEGRAL DO PAVILLÓN DA SANGRIÑA
Anxo Baz: "O BNG sempre está en disposición de tirar por aqueles proxectos que benefician ao pobo da Guarda"
O BNG apoiará a modificación de crédito que vai permitir que o Concello da Guarda poda abordar a compra dun novo camión do lixo por un valor de 99.525€ así como o acondicionamento da sala da planta baixa do Centro Cultural para Biblioteca por un valor de 85.000€ ou dispor de 1.260.000€ para a reforma integral do Pavillón da Sangriña.
Os nacionalistas agardan que do crédito do que vai dispoñer o Concello para poder facer frente a reforma integral do Pavillón da Sangriña só se gaste o 50% e que o 50% restante o financie a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galiza como están facendo noutros Concellos do país.
O portavoz municipal do BNG declarou " Os 5 votos do BNG van garantir que esta modificación de crédito saia adiante. Consideramos que a Biblioteca hai moito tempo que precisa unha reforma, o camión do lixo é urxente renovalo e a reforma integral do Pavillón da Sangriña é un proxecto de calado para o futuro do deporte guardés".
Baz rematou concluíndo "o BNG sempre está en disposición de tirar por aqueles proxectos que benefician ao pobo da Guarda".
Continúan as actividades en conmemoración do 8M na Guarda con "Semente de Igualdade"
" O xoves día 10 terá lugar a actividade "Arte para todas e con todas" coa colaboración do Centro CIFP de Hostalaría e Turismo Carlos Oroza de Pontevedra e o venres proxectarase no Centro Cultural o filme María Solinha coa presenza do Director Ignacio Vilar.
O Concello da Guarda programa este ano diversas actividades para conmemorar o 8M baixo "Semente de Igualdade", unha campaña na que inclúen as accións polo Día Internacional da Muller con teatro, actividades educativas nos centros escolares do municipio, un escape room, charlas, entre outras.
O xoves día 10 de marzo no IES A Sangriña coa intención de darlle continuidade á colaboración que se iniciou o ano pasado co Centro CIFP de Hostalaría e Turismo Carlos Oroza de Pontevedra, coa actividade que levou por título "Mulleres Galegas. Donas de seu" dirixida ao alumnado de 1º de BACH do IES A Sangriña.
Este ano 2022 , o alumnado do ciclo Superior de Guías, Información e Asistencia Turística, coordinados pola súa profesora Tina Otero, queren compartir co alumnado de 2º de BACH da especialidade de Arte e Humanidades do IES A Sangriña, a actividade que leva por título "Arte para todas e con todas".
Esta actividade consiste en convidar ao alumnado a viaxar por museos de todo o mundo da man de obras de arte (escultura e pintura) cunha narrativa feminina.
Para a xornada do venres día 11 de marzo ás 20:00h está prevista a proxección no Centro Cultural do filme María Solinha coa presenza do Director Ignacio Vilar. O filme é unha reconstrución da historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista sofre, no século XXI, os ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII. A película fala da intolerancia e da violencia do mundo patriarcal, da represión da carne e da mente. Reserva de entradas de balde en https://www.eventbrite.es/e/entradas-cinema-maria-solinha-277554913217
Continuando coas actividades propostas este ano o venres día 18 de marzo ás 20:30 h, o Centro Cultural da Guarda acolle a representación teatral da obra TABÚ da Compañía Tarabela Creativa. "Tabú" é o espectáculo de Carmen Conde, que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.
Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú.
As actividades estenderanse ao mes de abril, deste xeito o sábado 2 de abril ás 17:00h, terá lugar o ESCAPE ROOM de Igualdade, polas rúas da Guarda, dirixido a público familiar.
Os Centros escolares do municipio participarán este ano nas conmemoracións do 8M recibindo círculos con frases ou palabras en prol da Igualdade real entre mulleres e homes, participarán tamén nunha charla que contará coa intervención de Amelia Tiganus.
O mércores día 27 de abril pola mañá, terá lugar unha charla a cargo de Amelia Tiganus, dirixida ao alumnado de Bacharelato e Ciclos de F.P do IES A Sangriña e o xoves 28 de abril, ás 19:30h o Centro Cultural acollerá unha segunda charla de Amelia Tiganus, dirixida ao público en xeral onde nos falará do seu libro" La revuelta de las Putas".
Amelia Tiganus é una activista feminista abolicionista , nada o 11 de marzo de 1984 en Galati, Rumanía. Vive en Euskadi, a súa xanela ao mundo desde a que puido reconstruír a súa vida e renacer despois de ter sido explotada sexualmente durante cinco años no Estado español.
Publicou varios artigos, un cómic titulado " Amelia, historia de una lucha" coa intención de chegar á poboación máis nova e acaba de publicar 'La revuelta de las putas' e é formadora en varios cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da trata e a prostitución.
Das súas aparicións nos medios de comunicación, destaca a súa intervención no programa Salvados - Las invisibles , un programa de máxima audiencia da Sexta - onde foi entrevistada en profundidade polo xornalista Jordi Évole e na cadena SER no programa de Aimar Bretos " Hora 25" entre moitas outras intervencións públicas.
Tiganus deixa claro que: "Non podemos falar de igualdade entre homes e mulleres, nin de xustiza social, nin da sociedade do bo trato mentres exista unha soa muller no mundo explotada sexualmente".
Ten varios recoñecementos, entre eles, O Recoñecemento do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdade a persoas e institucións cuxa labor na erradicación da violencia contra as mulleres destacou especialmente. Categoría "Superación".
Estase traballando no deseño dun roteiro e unha andaina coa finalidade de visibilizar e pór en valor o importante papel das mulleres guardesas
As actividades programadas están subvencionadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade
O Consello Climático Asesor Xuvenil de A Guarda organiza un concurso fotográfico polo Día Mundial da Auga
" Calquera persoa pode enviar a súa imaxe ao enderezo informacion@aguarda.es antes do 22 de Marzo.
Dende o Consello Climático Asesor Xuvenil de A Guarda organízase un concurso de fotografía con motivo do Día Mundial da Auga, o vindeiro 22 de Marzo. Na pasada xuntanza do Consello Climático, Carmen Novas, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, estivo compartindo cos rapaces a campaña europea Water for the Future, que animou aos mozos e mozas a sacar esta iniciativa para implicar a toda a veciñanza.
O concurso pretende recompilar fotografías orixinais e artísticas que teñan como elemento principal a auga, en calquera dos seus estados e formas, dende unha bágoa ata a inmensidade do océano. O gañador ou gañadora recibirá un kit de elementos que permiten o coidado e aforro de auga na vida cotiá e o Concello levará a cabo unha exposición cunha selección das mellores instantáneas.
Calquera persoa pode enviar a súa imaxe ao enderezo informacion@aguarda.es antes do 22 de Marzo. Os mozos e mozas do Consello Climático aproveitan para invitar a calquera persoa entre 15 e 35 anos a participar nesta actividade, que se leva a cabo un venres ao mes ás 19:00 no concello.
Lectura dun manifesto e teatro para conmemorar o 8M na Guarda
O Concello da Guarda programa este ano diversas actividades para conmemorar o 8M baixo "Semente de Igualdade", unha campaña na que inclúen as accións polo Día Internacional da Muller con teatro, actividades educativas nos centros escolares do municipio, un escape room, charlas, entre outras.
As actividades arrancaron na xornada deste martes día 8 de marzo ás 12:30h no Salón de Actos do Centro Cultural, onde tivo lugar a lectura dun manifesto por parte da Concelleira Fátima Rodríguez, seguido dunhas verbas sobre a historia do 8M a cargo da alumna Tecla Baz e un emotivo discurso a cargo do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, onde se puxo en valor o papel da muller para cambiar o mundo.
Para continuar estes actos tivo lugar a representación teatral "SUBTERRÁNEA" da actriz Mónica Sueiro. "Subterránea" é unha acción escénica que reivindica e visibiliza a figura de moitas artistas da pintura que foron silenciadas ao longo da historia. Aínda que algunhas conseguiron acadar o recoñecemento da época, tras sortear moitos obstáculos para destacar nun mundo reservado aos homes, remataron no obstracismo e afastadas dos manuais de historia da arte. Para a maioría son unhas descoñecidas. Levan demasiado tempo habitando en territorio INVISIBLE.
Subterránea é unha metáfora das mulleres que collen forzas para reafirmarse, que non renuncian a si mesmas e pelexan por saír á luz.
Ao acto acudiron alumnos dos centro educativos da vila así coma representantes da corporación municipal.
A fachada da Casa do Concello está xa iluminada de cor morada e colocouse unha pancarta conmemorativa polo Día Internacional da Muller.
O xoves día 10 de marzo no IES A Sangriña coa intención de darlle continuidade á colaboración que se iniciou o ano pasado co Centro CIFP de Hostalaría e Turismo Carlos Oroza de Pontevedra, coa actividade que levou por título "Mulleres Galegas. Donas de seu" dirixida ao alumnado de 1º de BACH do IES A Sangriña.
Este ano 2022 , o alumnado do ciclo Superior de Guías, Información e Asistencia Turística, coordinados pola súa profesora Tina Otero, queren compartir co alumnado de 2º de BACH da especialidade de Arte e Humanidades do IES A Sangriña, a actividade que leva por título "Arte para todas e con todas".
Esta actividade consiste en convidar ao alumnado a viaxar por museos de todo o mundo da man de obras de arte (escultura e pintura) cunha narrativa feminina.
Para a xornada do venres día 11 de marzo ás 20:00h está prevista a proxección no Centro Cultural do filme María Solinha coa presenza do Director Ignacio Vilar. O filme é unha reconstrución da historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista sofre, no século XXI, os ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII. A película fala da intolerancia e da violencia do mundo patriarcal, da represión da carne e da mente. Reserva de entradas de balde en https://www.eventbrite.es/e/entradas-cinema-maria-solinha-277554913217
Continuando coas actividades propostas este ano o venres día 18 de marzo ás 20:30 h, o Centro Cultural da Guarda acolle a representación teatral da obra TABÚ da Compañía Tarabela Creativa. "Tabú" é o espectáculo de Carmen Conde, que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.
Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú.
As actividades estenderanse ao mes de abril, deste xeito o sábado 2 de abril ás 17:00h, terá lugar o ESCAPE ROOM de Igualdade, polas rúas da Guarda, dirixido a público familiar.
Os Centros escolares do municipio participarán este ano nas conmemoracións do 8M recibindo círculos con frases ou palabras en prol da Igualdade real entre mulleres e homes, participarán tamén nunha charla que contará coa intervención de Amelia Tiganus.
O mércores día 27 de abril pola mañá, terá lugar unha charla a cargo de Amelia Tiganus, dirixida ao alumnado de Bacharelato e Ciclos de F.P do IES A Sangriña e o xoves 28 de abril, ás 19:30h o Centro Cultural acollerá unha segunda charla de Amelia Tiganus, dirixida ao público en xeral onde nos falará do seu libro" La revuelta de las Putas".
Amelia Tiganus é una activista feminista abolicionista , nada o 11 de marzo de 1984 en Galati, Rumanía. Vive en Euskadi, a súa xanela ao mundo desde a que puido reconstruír a súa vida e renacer despois de ter sido explotada sexualmente durante cinco años no Estado español.
Publicou varios artigos, un cómic titulado " Amelia, historia de una lucha" coa intención de chegar á poboación máis nova e acaba de publicar 'La revuelta de las putas' e é formadora en varios cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da trata e a prostitución.
Das súas aparicións nos medios de comunicación, destaca a súa intervención no programa Salvados - Las invisibles , un programa de máxima audiencia da Sexta - onde foi entrevistada en profundidade polo xornalista Jordi Évole e na cadena SER no programa de Aimar Bretos " Hora 25" entre moitas outras intervencións públicas.
Tiganus deixa claro que: "Non podemos falar de igualdade entre homes e mulleres, nin de xustiza social, nin da sociedade do bo trato mentres exista unha soa muller no mundo explotada sexualmente".
Ten varios recoñecementos, entre eles, O Recoñecemento do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdade a persoas e institucións cuxa labor na erradicación da violencia contra as mulleres destacou especialmente. Categoría "Superación".
Estase traballando no deseño dun roteiro e unha andaina coa finalidade de visibilizar e pór en valor o importante papel das mulleres guardesas
As actividades programadas están subvencionadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade
O obradoiro de emprego da Guarda fai a súa particular homenaxe ás mulleres redeiras no 8M
O Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela realizou unha visita á nave de redeiras da Asociación Atalaia da Guarda, onde conversou con tres das súas integrantes. Co motivo do Día da Muller quixeron render homenaxe a estas mulleres, que con moito esforzo e traballo levan a cabo unha labor tan importante para o sector pesqueiro. As protagonistas son Marina, Sara e Carmen. Marina e Carmen ostentan cargos da directiva da asociación, e relataron moi detalladamente ao alumnado como era o seu traballo, como foi o desenvolvemento da asociación, cal é o presente, como foi o pasado e como ven o futuro.
A Asociación leva case 20 anos en activo, e cando empezaron cada unha traballaba na súa casa, xa que non tiñan aínda a nave coa que contan actualmente. Relatan que viñan os camións coas redes e cargaban todo a man. Pouco a pouco foise regularizando a profesión e comezaron a facer cursos de formación onde acudiron moitas mulleres, entre 60 e 70, e así foi como xurdiu a asociación. Contan que na Guarda todos ataban, xa que había moitos barcos con redes de fío. Os comezos como asociación foron duros e pelexaron moito para poder ter unha nave, ata que a conseguiron mellorando moito as súas condicións de traballo.
Como mulleres destacan que os poucos homes que ataban estaban contratados polos barcos e tiñan unhas condicións laborais mellores que as delas, aínda que hoxe en día todas teñen o seu seguro de autónoma e unhas condicións laborais moito mellores que cuando traballaban sen seguro.
Marina destaca que nos seus comezos tiña que compaxinar o traballo de redeira coa crianza dos fillos e as labores da casa, e non foi fácil. Outra das nosas protagonistas é Sara, a máis nova de todas, destaca que o de redeira venlle de familia, é filla e sobriña de redeiras, e dende que comezou está moi contenta, leva o seu salario para casa e concilia moi ben a vida familiar e laboral, di que se formou facendo cursos en Marín. Carmen leva traballando desde nena, empezou neste oficio nas antigas chabolas, e tivo que deixar a escola moi pequena, despois de deixalo cando tivo fillos volveu retomar o seu traballo e hoxe en día é a presidenta da Asociación.
As redeiras da Guarda traballan para moitos armadores de toda Galicia, destacan que hoxe en día non lles falta traballo, e animan á xente nova a que sigan o relevo desta fermosa profesión, destacan que teñen unhas condicións moi dignas e que gañan un bo salario. O colectivo de redeiras teñen o selo de Artesanía de Galicia pola súa labor, pero dende fai un tempo tamén elaboran outra artesanía que contribúe ao incremento dos seus ingresos, na nave teñen unha pequena exposición onde nos amosaron fermosas pezas de bisutería, colgantes, pulseiras, aneis, colares, pero tamén bolsas para a compra, fulares, chaveiros, e moitos máis detalles, todo con motivos mariñeiros e feitos cun gusto exquisito.
A Asociación de redeiras Atalaia vai organizar en breve cursos de formación para quen queira aprender o oficio e obter un certificado de profesionalidade que capacita para o exercicio da profesión, e animan á xente nova para que collan o relevo, xa que segundo din as condicións de traballo e salario son moi boas e ofrecen unha flexibilidade que noutros sitios non hai, resaltan que de ser máis asociadas terían moito máis traballo, que hoxe en día non poden aceptar por non teren tempo para asumilo.
E ata aquí a súa homenaxe a este colectivo de mulleres, que loitan pola súa independencia e son exemplo de superación para as xeracións vindeiras.
O Concello da Guarda informa sobre como combater os niños primarios da vespa velutina
Dende o Concello da Guarda, queremos apelar a cidadanía pola importancia da súa colaboración nestas datas para combater as vespas velutinas. Dende o mes de febreiro ata o mes de maio as raíñas fundadoras da vespa velutina saen a formar o niño primario, por iso é moi importante o trampeo por parte da cidadanía, xa que nos axuda ao control da especie nesta época. Cada raíña velutina collida nestas datas tradúcese nun niño menos. A construción dos niños adoita ser en lugares resgardados (troncos ocos, teitos de uralita, estruturas abandonadas...etc).
A vespa velutina xera un gran impacto na biodiversidade da contorna, debido a súa gran voracidade pode afectar moi seriamente as colonias de especies autóctonas.
Pregase a todos os veciños que cando vexan un niño chamen o 012.
A Guarda despide o Entroido 2022 cun multitudinario e colorido Desfile
" Neste 2022 retomose o Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos e realizouse unha programación de actividades pensada para as crianzas e as familias.
Tras a obrigada interrupción do ano 2021 pola pandemia da COVID-19, A Guarda retomou este ano a programación de Entroido, que finalizou este domingo co Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos.
Na Alameda da Guarda sucedéronse cada día actividades de corte sinxelo, que buscaron fuxir de aglomeracións sen deixar de achegarnos a música e o humor como ingredientes principais do Entroido.
Reservouse tamén un espazo para o tradicional baile de entroido cunha proposta moi especial, o espectáculo ENTROIDANZAS que da man da compañía Pesdelán fixo un percorrido polas músicas e danzas de Entroido de todo o mundo.
Para pechar a programación este domingo tivo lugar un multitudinario Desfile de Entroido no que participaron máis de 300 persoas nas diferentes comparsas e grupos, aprazado pola climatoloxía adversa do martes día 1 e que saíu coma todos os anos dende a Esquina Famosa ás 17:30h da tarde cunha compensación económica fixa para os dezaseis primeiros participantes nas categorías de Carrozas, Comparsas ou Grupos.
Este ano, no Desfile de Entroido, contouse coas comparsas Fuscastrexos, Queen, Georgie Dann, Vikingos Valhala, Queimando Roda, Parodia Sanitaria, Ldanzteka, a Fábrica de xoguetes, Misturando Raíces, A nosa terra, Os da Foz e o grupo A segunda niñez.
|