JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño participa en dúas mesas redondas sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, xunto a autoridades de Latinoamérica e África

As concelleiras de Medio Ambiente e Educación presentaron as bases do Plan de Implementación dos ODS do concello, que está en fase de creación

As concelleiras de Educación, Igualdade e Servizos Sociais (Cristina Martínez Souto) e de Medio Ambiente (Ana Belén Casaleiro González) do Concello de Tomiño, participaron esta semana de forma online, en dúas mesas redondas, co fin de expoñer a experiencia na planificación municipal dos ODS, apoiadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A actividade tivo lugar no marco do curso internacional "LocalizaODS: Fortalecendo as capacidades para a territorialización da Axenda 2030", organizado polo Centro de Capacitación e Promoción da Democracia (CECADE).

A primeira das mesas redondas contou tamén coa presenza de coordinadores dos ODS a nivel nacional de Arxentina, México e Ecuador.

Na segunda das videoconferencias, as concelleiras puideron dialogar con representantes da Cámara Municipal de Santa Cruz (Cabo Verde) e do Servizo Provincial de Economías e Finanzas de Maputo (Mozambique).

As concelleiras tomiñesas expuxeron a experiencia de creación do Plan Municipal de Implementación ODS, no que se seguiron varias fases (diagnose inicial, análise, contacto con axentes, etc.) para chegar á creación da ferramenta final, aínda en proceso de desenvolvemento. Neste sentido, puideron recoller datos moi interesantes das entidades e países participantes, atopándose algúns deles nun estadio moi avanzado na posta en marcha dos obxectivos.

Un elemento que non puido deixarse de abordar, foi a pandemia do Covid-19; co fin de repensar as estratexias da Axenda 2030 que requiren unha reconfiguración.

Hai que lembrar que Tomiño é un dos 4 municipios galegos seleccionados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (do cal o Concello é socio) para redactar un Plan Municipal para a Implementación dos ODS; proceso no que se atopa inmerso.

Así, Tomiño, é o único concello de Pontevedra seleccionado para por en marcha esta iniciativa (cofinanciada a través dun convenio coa Xunta de Galicia), xunto a Fene (A Coruña), Barreiros (Lugo) e Pobra de Trives (Ourense).

Concello Tomiño


Tomiño planta unha figueira filla da da casa de Rosalía de Castro

Este acto puxo o broche de ouro á programación dos actos de conmemoración do nacemento da poeta e escritora galega

As persoas asistentes, entre as que se atopaba o presidente da Fundación Rosalía de Castro, recibiron unha camelia e un poema da autora

Unha filla da figueira da casa da escritora Rosalía de Castro en Padrón, foi plantada esta mañá en Tomiño. Presidiron o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, co fin de homenaxear á figura da gran muller das letras galegas no seu 185 aniversario.

A plantación tivo lugar ás 12 do mediodía no terreo anexo ao Edificio de Benestar do Concello de Tomiño, situado no barrio da Rocha, nas proximidades da Casa da Cultura. O acto contou coa participación de integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas, que leron varios poemas, e de dúas compoñentes do Grupo de Gaitas Virxe do Alivio, que puxeron a nota musical.

Con esta plantación, o Concello quixo homenaxear a Rosalía de Castro, reafirmando o seu compromiso coa Fundación do mesmo nome, da que é mecenas desde hai un par de anos.

Este acto puxo o broche á programación dos actos de conmemoración do nacemento da poeta e escritora galega. As persoas asistentes recibiron unha flor de camelia e un poema da autora. Así mesmo, o Concello agasallou á Casa de Rosalía de Castro cunha planta de camelia.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, declarou que "para nós é unha honra, que esta figueira que é pequeniña, medre, como medre tamén a nosa colaboración durante este ano e no futuro" O representante da fundación salientou que Tomiño foi un dos primeiros concellos mecenas da Casa de Rosalía na nova etapa etamén no pasado.

A alcaldesa pola súa banda sinalou que a pequena figueira plantada hoxe simboliza a unión de Tomiño coa fundación e coa casa de Rosalía; lembrando que o mecenazgo foi aprobado en pleno por unanimidade e que agarda que xurdan novos proxectos culturais entre as dúas entidades. Así mesmo, a alcaldesa agradeceu a labor da concelleira de Cultura, Ani Fernandez, "rosaliana de formación e devoción que levou todo o traballo da organización dos actos conmemorativos".

Concello Tomiño


A Mancomunidade do Baixo Miño acorda axudar economicamente ao pobo de Ucraína

Os rexedores e rexedoras dos catro municipios tomaron a decisión por vía de urxencia nunha reunión mantida onte no Concello de Tomiño

A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño (MIBM) destinará 6.000 euros do seu orzamento a axudar á poboación de Ucraína. Así o decidiron onte os alcaldes e alcaldesas dos municipios de A Guarda (AntonioLomba), O Rosal (Ánxela Fernández), Tui (Enrique Cabaleiro) e Tomiño (Sandra González), reunidos na Casa do Concello deste último co fin de aprobar os orzamentos da entidade.

Durante a reunión, os rexedores e rexedoras dos catro municipios baixomiñotos expresaron o súa consternación e rexeitamento total á invasión e ataques do exército ruso ao país ucraíno, e acordaron solidarizarse co pobo, tramitando unha modificación orzamentaria por valor de 6.000 euros para destinala a axudar á poboación afectada. "Con esta acción queremos simbolizar a indignación e profunda tristeza e preocupación que este ataque á democracia nos produce a nos e á cidadanía que representamos", explicaron os e as titulares dos gobernos locais unidos na MIBM.

Con respecto á forma da axuda, explicaron que a mesma estudiarase de acordo coa FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias)de maneira que se dedique a contribuír a paliar a grave situación de crise humanitaria pola que está a pasar a poboación civil.

Concello Tomiño


Tomiño vólcase na celebración do Día da Muller

A programación inclúe desde un curso de autodefensa feminista hasta teatro, cineforum e exposicións, pasando polo acto institucional que terá lugar na Praza do Seixo e no que o alumnado de secundaria lerá poemas e interpretará música

Tomiño vólcase na celebración do Día da Muller. A Concellalía de Igualdade organiza un amplo programa de actos, que comeza o día 4 co inicio dun curso de autodefensa feminista e no que hai cabida para obras teatrais, contacontos, cineforum e exposicións artísticas.

O acto central será ás 12 horas do día 8 de marzo na Praza do Seixo e consistirá na lectura da declaración institucional (por parte da alcaldesa e membros da corporación municipal); poemas e actuación musical a cargo do alumnado do IES Antón Alonso Ríos.

O día 13 de marzo, o Auditorio de Goián acollerá "Procúrase Pepa a Loba", unha sesión de contacontos que comezará ás 17.30h.

O día 17 celebrarase para o alumnado do IES un Cineforum pola Igualdade conducido por unha experta.

O 18, a obra de teatro "Subterránea" ás 13.00h (tamén para o alumnado) e, ademais, unha proposta escénica a cargo de Mónica Sueiro, na que se tratará a visibilización de mulleres artistas ao longo da historia. Ambas actividades terán lugar no instituto de Tomiño.

Xa o día 26 de marzo, o Auditorio de Goián ofrecerá a partir das 21.00h, "12 uvas, dúas mulleres e unha oliva", unha comedia da compañía Olivas Negras, con dirección de Marián Bañobre, que relata en clave cómica a historia de autosuperación e empoderamento feminino.

E ao longo de todo o mes de marzo estará nas rúas da vila a exposición comisariada por Conchi Garrido Rodríguez "Preto de ti! Mulleres artistas a pé de rúa".

Cristina Martínez, concelleira de Igualdade, convida a toda a veciñanza a participar nos actos programados, lembrando a necesidade de visibilizar a todas as mulleres que traballan desde diferentes eidos por defender a igualdade entre os sexos, reivindicando a mellora das condicións de traballo, os dereitos civís, políticos, á educación e a unha vida sen violencia.

Todas as actividades son de balde e contan co apoio do Ministerio de Igualdad, Pacto de Estado contra la Violencia de Género, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Tomiño.

Concello Tomiño


"LEIRA", un espectáculo de danza e música sobre as labores do campo, chega a Tomiño este sábado

Con música e voz de Rosa Cedrón en directo, o espectáculo terá lugar no Auditorio de Goián ás 21.00 horas

"LEIRA", o exitoso espectáuclo de danza e música sobre as labores do campo, que esgota as entradas alá a onde vai, chega este sábado (5 de marzo) a Tomiño.

O Auditorio de Goián recibirá a función, para todo público, ás 21.00 horas.

A peza, con música e voz en directo de Rosa Cedrón (1), recibiu o PREMIO DÁ CULTURA GALEGA EN ARTES ESCÉNICAS.

Ademais, tras ser finalista aos Premios MAX como Mellor Espectáculo de Danza e obter o Premio MAX ao Mellor Intérprete Masculino de Danza (Iván Villar), foi seleccionada para "DANZA A ESCENA 2022" e seguirá de xira durante todo este ano.

As entradas, serán postas á venta na taquilla do auditorio e terán un custe de 7 euros.

Sinopse:

O corpo e a terra estreitan lazos nun espectáuclo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica; día e noite, xornada tras xornada repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes á intemperie habitados unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os surcos arados na terra. Pero Leira é tamén a sinxela ledicia do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo, a celebración dunha Galiza intemporal e máxica.

É unha proposta na que o corpo e a terra estréitanse, que fala da dureza do traballo no campo en Galicia pero tamén da implicación, o esforzo e a beleza que supón. Todo iso aderezado coa dulzura que aporta a voz e música en directo de Rosa Cedrón.

(1) ROSA CEDRÓN EN DIRECTO, cantante e intérprete de violonchelo, coñecida por ser a voz durante nove anos do grupo LUAR NA LIBRE e colaborar en discos de músicos como Mike Oldfield.

Concello Tomiño


Tomiño únese ao Reto para aumentar a taxa de reciclaxe do colector amarelo

Son 13 os municipios que participan na campaña de 2022, promivida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Ecoembes. Os que consigan o reto recibirán un premio de 2.000 € para investir nunha causa social

Tomiño é un dos 13 municipios galegos (o único da comarca) que participan na campaña "Recicla, únete ao Reto" co obxectivo de mellorar os datos de quilos recollidos a través do colector amarelo.

Trátase dun reto proposto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases domésticos lixeiros en España), para aumentar a achega ao colector amarelo un 10% durante tres meses consecutivos, comparando estas achegas co mesmo período de tempo do ano anterior de cada municipio; é dicir, cada municipio compite consigo mesmo.

Os municipios que consigan mellorar a súa taxa de reciclaxe neste período, recibirán un premio de 2.000 € para investir nunha causa social, a elixir por cada Concello.

Para conseguir o obxectivo marcado, será fundamental motivar aos cidadáns informando sobre a importancia de separar correctamente os envases en orixe, para a súa posterior recollida selectiva e reciclaxe, sen depositar impropios en ningún caso.

Con este fin, dende o 1 de marzo ata o 31 de maio desenvolveranse diferentes accións nos 13 municipios participantes. O vindeiro mércores, 2 de marzo, comezaranse a instalar uns valos publicitarios coa imaxe da campaña en puntos estratéxicos do concello. Irase informando da campaña en redes sociais e un equipo de 2 promotores visitará distintos puntos de Tomiño co fin de tomar contacto co comercio e a hostalería, repartindo e instalando vinilos coa imaxe da campaña en escaparates, repartindo pulseiras de tea, e explicando aos cidadáns a campaña e a importancia da reciclaxe no colector amarelo para conseguir o reto.

Concello Tomiño


Volve o cineclub Poleiro ao Auditorio de Goián con catro grandes propostas para os 1º xoves de mes

A cinta escollida para abrir o ciclo é "La novia", dirixida por Paula Ortiz, unha adaptación libre da obra Bodas de Sangre de Federico García Lorca

Despois do parénteses obrigado pola pandemia e as obras realizadas no auditorio de Goián, o cineclub Poleiro volve con enerxía renovada. O día 3 de marzo proxecta a primeira longametraxe deste ciclo "que quere facer un guino ao máis próximo, a todos aqueles profesionais e artistas que durante este tempo tiveron tantas dificultades para regalarnos a maxia desta sétima arte coa súa obra".

Así, todos os primeiros xoves de cada mes, o auditorio volverá a acoller unha función do mellor cine.

A cinta escollida para abrir o ciclo é "La novia", dirixida por Paula Ortiz; unha historia que dende o primeiro momento amosa a vontade de emocionar e deixar sen alento ao espectador. A película narra a vida de tres amigos inseparables desde a infancia. Con Álex García, Inma Cuesta, Asier Etxeandía, o guión é unha adaptación libre da obra Bodas de Sangre de Federico García Lorca, cun triángulo amoroso que sustenta a trama. Con numerosas nomeacións a distintos premios cinematográficos, conseguiu dous Goya e seis Premios Feroz.

Despois seguiranlle outras tres excelentes películas españolas de novos directores.

O xoves 7 de ABRIL: "La vida era Eso", película dirixida por David Martín de los Santos. A cinta trata da relación entre dúas mulleres españolas de dúas xeracións distintas que emigraron a Bélxica e que coinciden nun hospital.

O xoves 5 de MAIO: "La hija", dirixida por Manuel Martín Cuenca. Unha película que relata a historia de Irene, unha moza de 15 anos que vive nun centro de menores, queda embarazada e pode cambiar a súa vida coa axuda dun educador.

Por último, o xoves 2 de XUÑO, remata o ciclo con "El amor en su lugar", de Rodrigo Cortés. Unha historia que transcorre no ano 1941, cando catrocentos mil xudeos de Polonia están confinados nun gueto polos nazis.

O bono de socio para todo o ciclo custa 10 euros, aplicándose un desconto de 5 euros se se dispón do bono anterior.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais