|
O Rosal pon freo á violencia de xénero
Ao abeiro do 8M, o Concello traballará a perspectiva de xénero e a igualdade co alumnado de infantil, primaria e secundaria
O Rosal pon freo á violencia de xénero. Ao abeiro do 8M, Día Internacional da Muller, o Concello pon en marcha diversas iniciativas para traballar co alumnado de infantil, primaria e secundaria do municipio aspectos como a perspectiva de xénero, a violencia ou a igualdade. "Os nenos e nenas, a mocidade, son o noso futuro. Por iso é fundamental que visibilicen o labor da muller na sociedade para que poidan seguir dando pasos adiante e reivindicar a igualdade de oportunidades e o dereito a vivir sen violencias", salienta a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.
Con ese obxectivo, o Concello porá en marcha a iniciativa 'Sinais contra a violencia de xénero', unha actividade dirixida aos máis de 200 alumnos e alumnas de entre 12 e 16 do Rosal, que traballarán con sinais de tráfico contra a violencia de xénero. Os rapaces e rapazas terán que percorrer un circuíto polos corredores do centro educativo con todas estas sinais con lemas como 'Stop ao maltrato', 'Stop ao control', 'Cedo o paso á igualdade', 'Cedo o paso á educación', 'Perigo violencia vicaria ou 'Perigo violencia psíquica', entre outras mensaxes. Ademais, o alumnado completará a actividade coa achega de fotografías portando estas sinais.
Para o alumnado de infantil e primaria a actividade centrarase no cine en igualdade. Durante os vindeiros días para os case 150 nenos e nenas de infantil e primaria do CRA María Zambrano con entre 3 e 7 anos proxectarase no auditorio municipal 'Valentina', filme gañador do Goya 2022 á mellor película de animación. Mentres que os máis de 160 rapaces e rapazas de 6 a 12 anos do CPI Manuel Suárez Marquier poderán desfrutar da mesma película na biblioteca do centro. É unha película que transmite valores como a inclusión e a diversidade e que contará durante a súa proxección coa colaboración do alumnado de San Xerome Emiliani, que farán ese día de acomodadores, taquilleiros… para recrear a sensación de estar desfrutando de un verdadeiro espectáculo de cine.
Ademais, a vindeira semana comezarán a desenvolverse os obradoiros de afectividade, nos que participará o alumnado de secundaria do CPI Manuel Suárez Marquier durante as vindeiras semanas.
Por outra banda, como é habitual nestas datas, a Casa do Concello e a Cámara Agraria iluminaranse de morado para reivindicar o papel das mulleres na sociedade e realizarase unha concentración o propio 8 de marzo ás 12.00 horas nos xardíns do Concello.
Concello de O Rosal
O Rosal abre un espazo para o autoarranxo de obxectos para a veciñanza
Situado a carón do CPI Manuel Suárez Marquier, conta co material necesario para que rosaleiros e rosaleiras poidan reparar pequenos aparellos eléctricos, bicicletas e outros enseres
A alcaldesa, Ánxela Fernández, visitou este xoves as instalacións acompañada do delegado territorial da Xunta, Luis López, e da directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez
O Concello do Rosal continúa traballando para contribuír a un futuro sostible. Este venres 4 abre as súas portas ao público o Espazo de Autoarranxo, un centro municipal novidoso dotado con todo o material necesario para que os veciños e veciñas poidan reparar nel pequenos aparellos eléctricos, bicicletas e outros enseres e alongar así a vida útil dos bens materiais dos fogares. Este xoves a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou as instalacións situadas a carón do CPI Manuel Suárez Marquier acompañada do delegado territorial da Xunta, Luis López; a Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez; o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González; a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente; e o edil de Vías e Obras, Germán Fernández.
"Con iniciativas como esta queremos concienciar ás persoas para afastarnos dos modelos de usar e tirar en prol dun modelo adaptado á economía circular", explica a rexedora. Este centro, para o que se rehabilitou un edificio municipal en desuso na Cumieira, será tamén "un espazo transversal no que impulsar e fomentar a colaboración entre axentes sociais para intercambiar coñecementos e experiencias e contribuír á reparación e reutilización de materiais, alongando a vida útil dos obxectos, facilitando o intercambio de materiais, reducindo os residuos a tratar nos vertedoiros e potenciando a sensibilización ambiental".
Durante a visita o delegado territorial da Xunta, Luis López, salientou a aposta da administración autonómica "pola separación de residuos e a reciclaxe" e o apoio "a todas as iniciativas neste ámbito, xa que é fundamental para preservar o noso medio ambiente e o noso futuro. Agradecemos estas propostas tan novidosas, xa que permitirán que moitos obxectos volvan a ter unha utilidade en lugar de finalizar no lixo, favorecendo ademais a economía circular e a sostibilidade".
Este proxecto, financiado ao abeiro do Fondo Europeo De Desenvolvemento Rexional con cargo ao Programa Operativo Feder Galicia 2014-202, comeza agora a dar os seus primeiros pasos tras dous anos nos que as medidas sanitarias e a elevada incidencia de casos de COVID-19 non facía viable o préstamo de ferramentas. Non obstante, durante todo este tempo o centro empregouse para desenvolver diferentes obradoiros e charlas, algúns deles deslocalizados por mor dos protocolos dos centros educativos.
Así, xunto á posta en marcha do Espazo de Autoarranxo, o Concello habilitou un grupo en Facebook para o intercambio de obxectos entre a veciñanza e creou a páxina web de Medio Ambiente, que conta con apartado especial dedicado á este espazo con diferentes titoriais. Ademais, impartíronse obradoiros de formación ou foi empregado por parte do alumnado de plástica do CPI Manuel Suárez Marquier para a restauración de mobiliario e por persoal municipal para a reparación de maquinaria como as biotrituradoras.
Concello de O Rosal
Máis de 500 persoas listas para a nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón
A proba celebrarase este sábado 5 de marzo con dúas modalidades con diferente distancia e desnivel
O Trail Adventure Muíños do Folón quenta motores. O vindeiro sábado 5 de marzo arredor de 500 corredores e corredoras daranse cita no Rosal para disputar a quinta edición desta proba organizada por Noko 360 en colaboración co Concello e a comunidade de montes do Rosal. "Volvemos percorrer os nosos espazos naturais e a abrir a todas e todos os participantes os nosos muíños, sinal de identidade de valor patrimonial que temos no noso municipio", explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación desta nova edición este mércores, que contou coa presenza de Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia; Germán Fernández, concelleiro de Deportes; Serafín Martínez, director técnico da proba; e Ester Ruso, da tapería O Rolete.
Este ano as e os deportistas poderán participar nunha das dúas modalidades creadas, adaptadas a varios tipos de público: a 'Adventure', cun percorrido de 12 km e 450 metros de desnivel, ou a 'Advance', na que se deberá completar un recorrido de 21 quilómetros cun desnivel de 1.100 metros. Os dous percorridos transcorrerán de forma ascendente polos muíños do Folón, ademais de pasar por un tramo dos muíños do Picón, así como por diferentes fervenzas e zonas naturais dunha beleza paisaxística inigualable.
Nesta ocasión a saída e meta da carreira estará situadas no pavillón municipal, onde tamén haberá duchas habilitadas para as e os participantes que as precisen. A saída da proba longa será as 10.00. horas, mentres que as e os corredores da proba curta sairán da meta ás 11.00 horas.
O Trail Adventure Muíños do Folón dá o pistoletazo de saída á Pontevedra Trail League, patrocinada pola Deputación de Pontevedra, que xunto co Trail do Aloia e o Trail do Trega conforman as tres probas incluídas nesta liga provincial de trail.
Concello de O Rosal
Unha unidade móbil de doazón de sangue visita O Rosal o vindeiro 7 de marzo
Estará situada diante da Cámara Agraria de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 h. Pódese pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828
O Rosal recibe este mes de marzo unha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará no concello o vindeiro luns 7 para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade. O autobús estará situado diante da Cámara Agraria e os rosaleiros e rosaleiras poderán doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
Para ADOS a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que continúa extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue poderán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir unha afluencia gradual e ordenada de doantes.
Aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.
Cada día ADOS despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...
Concello de O Rosal
O Rosal comeza a ampliación do seu mercado municipal
Incluirá a creación dun edificio anexo ao actual para converter o espazo en punto de encontro gastronómico e de lecer
As obras contarán cun investimento de case 400.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación
![]()
Crear un espazo vivo e con futuro para dinamizar O Rosal, apostando pola economía de proximidade e dándolle un valor engadido á futura Praza do Calvario. Este é o obxectivo co que o Concello pon en marcha as obras de remodelación do Mercado municipal, que acaba de comezar a súa segunda fase. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou hoxe cos deputados Iria Lamas e Gregorio Agís o espazo no que xa se están realizando os primeiros traballos. "Continuamos construíndo O Rosal das persoas. Con estas obras queremos que o noso mercado sexa un lugar de encontro, un novo espazo no que a veciñanza poida desfrutar do lecer e das actividades que se realicen nel, pero tamén no que gozar da gastronomía do noso concello", explica a rexedora.
O Concello pon en marcha así a segunda fase dun proxecto que busca tamén "valorizar o produto fresco que hai na nosa praza de abastos, seguindo a liña dos Mercados de Excelencia, con espazos adaptados aos novos hábitos das e dos consumidores e vinculados ao territorio".
Con esta segunda fase da renovación ampliarase o Mercado cun novo edificio anexo ao actual, que albergará unha zona de degustación, con área de restauración e comida para levar e espazos de exposición, reunións e formación. Este anexo conectará co edificio actual, axeitándose á morfoloxía do inmoble xa existente co fin de acadar unha imaxe propia unificada do proxecto, aínda que cunha linguaxe construtiva moderna, baseada na reinterpretación do estilo industrial empregada comunmente nos invernadoiros de principios do século XX. O aceiro, a madeira e o azulexo combinaranse nas diferentes estancias para darlle calidez ao espazo como nexo común entre os dous edificios.
O edificio, de dúas alturas, acollerá na planta baixa a zona do local, de consumo e mostras. Contará cun espazo de emprendemento e posto de comida para poñer en valor os produtos da contorna, un local que será tamén punto de encontro, espazo de cursos e degustacións gastronómicas e zona de exposición e lecer. Mentres, o primeiro andar contará cunha sala de lecer e usos múltiples que poderá acoller exposicións municipais. Na zona posterior haberá unha nova terraza xardín na que a horta estará presente achegando un carácter unificador.
As obras contan cun investimento de case 400.000 euros financiados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.
Concello de O Rosal
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|