|
O Rosal visita Pontevedra para coñecer o seu modelo de cidade
O equipo de Goberno, encabezado pola alcaldesa, mantivo unha reunión co rexedor pontevedrés para afondar nalgúns dos proxectos de maior éxito no proxecto de transformación urbana
O equipo de Goberno do Rosal, encabezado pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou este xoves Pontevedra co obxectivo de coñecer algúns dos proxectos realizados na vila nos últimos anos con maior éxito ao abeiro dun modelo urbano premiado internacionalmente. "Nos comezamos hai dous anos e medio con moita ilusión un novo camiño no Rosal, un tempo novo, e é moi gratificante vir a unha vila como Pontevedra, con todo o recoñecemento que ten en termos de recuperación do espazo público pero tamén pos cuestións como o coche de punto, a xestión de residuos ou o dinamismo cultural que se xera entre as persoas", salientou a rexedora.
Alcaldesa e concelleiros mantiveron unha reunión co rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, e con varios edís para coñecer de primeira man as actuacións que se están a levar a cabo en Pontevedra, a experiencia e as boas prácticas na mellora urbana e da contorna. Un encontro do que o equipo de Goberno rosaleiro leva "moitas aprendizaxes para seguir transformando o noso pobo".
Fernández Callís agradeceu a reunión mantida e sinalou que aínda que O Rosal conta coas súas características propias "este tipo de transformacións e proxectos poden trasladarse á nosa contorna máis rural, poñendo ás persoas no centro e avanzando e camiñando cara a mellora das nosas contornas, nas que temos todo o futuro por gañar".
Pola súa banda, o alcalde pontevedrés destacou a relevancia deste tipo de encontros para unha vila como O Rosal, que "ten a intención evidente de facer as cousas ben, que está ao tanto do que se vai facendo noutros sitios co obxectivo de achegar unha melloría na vida da súa veciñanza".
Concello de O Rosal
O Rosal aprende a establecer límites na crianza co programa Educando en Familia
A iniciativa continúa este venres 25 de febreiro (19.00 h) cunha nova charla a cargo da psicóloga Fátima Rodríguez Marcos
O Concello do Rosal continúa este venres 25 de febreiro co programa 'Educando en familia', un espazo creado para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día da crianza, "un espazo onde escoitar e ter en conta as necesidades sobre educación das familias rosaleiras, dándolle as ferramentas necesarias para poder afrontalas", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Este venres a psicóloga Fátima Rodríguez Marcos falará coas familias sobre 'Onde está o límite?', unha charla na que se abordará como o establecemento de límites na educación pode mellorar a dinámica familiar. Nela, a psicóloga achegará ao público asistente as claves para facer valer eses límites e as ferramentas para poder marcalos de xeito construtivo dende o respecto á identidade dos nenos e nenas.
A charla celebrarase ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa para reservar praza. Para facilitar a asistencia, o Concello pon a disposición das familias un servizo de canguro para o que si é necesaria a inscrición previa. Este servizo terá lugar sempre que se cubran un mínimo de 5 prazas.
A rexedora anima a veciñanza a participar nestas actividades e "a trasladar todas as suxestións e dúbidas que xorden cando unha familia está en plena crianza, porque educar é unha tarefa complexa para a que non temos manual de instrucións e que pode xerar moita inseguridade e medos nos pais e nais".
Concello de O Rosal
O Rosal celebra o Entroido con música, xogos e espectáculos para toda a familia
O Concello suspende o tradicional desfile por falta de participantes e prepara actividades en Novás e Fornelos
Unha exposición nas prazas de San Xián, Novás e Fornelos recollerá fotos antigas do Entroido rosaleiro
O Rosal quenta motores para unha nova edición do Entroido. O Concello viuse na obriga de suspender o tradicional desfile previsto para este domingo 27 debido á falta de persoas e grupos inscritos, "xa que pola situación sanitaria a maioría das carrozas, comparsas e grupos que participaban habitualmente non puideron traballar nos disfraces e nas postas en escena á que nos teñen acostumadas e acostumados", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Para continuar festexando o Entroido, o Concello organiza tres días de música, xogos e espectáculos en familia cos que levar esta celebración aos barrios con máis tradición carnavalesca, Novás e Fornelos. "Dende o Concello achegamos o noso gran de area para levar estes días alí a ledicia propia do Carnaval. Queremos agradecer o traballo feito todos estes anos polas comisións de Entroido de Novás e Fornelos e agardamos que o vindeiro ano podamos celebralo con total normalidade", salienta.
Deste xeito, o luns 28 de febreiro, rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar de balde na Escola Unitaria de Fornelos de xogos tradicionais de 16.00 a 18.00 horas e do espectáculo clown 'Bambolina' para público familiar ás 18.00 horas. Xa o martes 1 de marzo, a Praza de Novás acollerá o espectáculo musical 'Paporrubio', pensado para todos os públicos.
Ademais, o Concello colabora coas dúas comisións de festas para levar a música aos barrios. O grupo Airiños do Folón será o encargado de realizar o pasarrúas por Fornelos polas tardes de 17.00 a 19.30 horas, mentres que en Novás a nota musical será posta polo grupo Trebón dos Xidos o martes de Carnaval.
As actividades completaranse cunha exposición de fotografías antigas do Entroido do Rosal que poderán verse nas prazas de San Xián, Novás e Fornelos grazas á colaboración de veciños e veciñas de San Xián, de Novás e da asociación de veciños Río Folón de Fornelos, de Juan Ramón Martínez e Luis Dorado. A mostra será ao aire libre e estará aberta ao público dende o venres 25 de febreiro ata o luns 14 de marzo.
O Concello tamén quere amosar o seu agradecemento ás persoas que achegaron fotografías dos seus arquivos para facer posible esta exposición, así como o traballo de Xoán Carlos Gándara, que preparou unhas siluetas de fotografías para que aquelas persoas que o desexen poidan identificar aos veciños e veciñas que saen nas imaxes e colocar a carón delas o seu nome.
Concello de O Rosal
|