|
O Obradoiro de Emprego colabora co Departamento de Turismo traballando na promoción turística da vila
A petición do departamento de Turismo do Concello o alumnado e profesorado da especialidade de Promoción turística local e información ao visitante do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela, está levando a cabo unha serie de iniciativas dirixidas a continuar coa posta en valor de diversos recursos turísticos da Vila.
Dende o comezo do obradoiro, e combinado coa acción formativa, o equipo de traballo está facendo un estudio integral dos recursos para a elaboración dun inventario que se plasmará nun documento onde se recolle o patrimonio histórico-artístico, os espazos naturais, personaxes ilustres, rutas de sendeirismo, eventos, patrimonio inmaterial, etc.
Cabe salientar o proxecto que complementa o traballo feito ata a actualidade desde Turismo para a posta en valor das casas indianas, un importante reclamo turístico da nosa vila e que se pretende seguir revalorizando este singular patrimonio, para iso estase recopilando información, contando coa axuda e asesoramento de Miguel Villa, historiados local e gran coñecedor deste patrimonio.
Noutro orden de cousas, o alumnado traballador realizou unha enquisa a pé de rúa para coñecer de primeira man como ve a nosa poboación o turismo, os seus recursos, que grao de coñecemento teñen deles, que melloras consideran que hai que facer, etc.
Todas estas actividades son realizadas no centro de traballo, e combínanse con saídas de campo, que permiten estudiar a fondo eses recursos, e darnos unha visión máis realista do municipio. Tendo en conta as novas tendencias no ámbito da promoción turística, abríronse dúas contas en RRSS que reforzan a labor promocional dos recursos, e do traballo realizado polo obradoiro de emprego na especialidade de turismo, (@promocionturisticaaguarda en IG, e Obradoiro Emprego Manuel B. Portela en FB.)
A Guarda sumouse as conmemoracións do Día de Rosalía de Castro
O pasado 23 de febreiro Rosalía de Castro estivo de aniversario e a súa celebración espallouse por toda a xeografía galega. Na Guarda tivemos a honra de celebrar esta efeméride cunha programación pensada para reivindicar a figura de Rosalía dende un halo de actualización e vangardismo, así escolleuse a imaxe e proxecto Rosalía Total da artista do Val Miñor Irene Silva que reinterpreta o habitual busto da escritora galega inundándoo de cor e alegría. Esta imaxe transportada ata o Porto da Guarda foi a utilizada nos marcapáxinas que se repartiron nas librerías e na Biblioteca municipal e que aínda seguirán a disposición dos veciños ata fin de existencias.
Pero sen dúbida a gran celebración tivo lugar co público escolar. Os seis centros de ensino da Guarda: San Xerome, A Sangriña, As Solanas, Manuel Rodríguez Sinde, PP Somascos e San José-HH.Carmelitas acolleron a actividade Rosalía cantareira coa que se fixo un exercicio de reactualización da figura de Rosalía a través da musicalidade dos seus versos. Irene Silva e Fatima Granja fixeron cos nenos de primaria unha actividade interactiva para "sentir a Rosalía", o obxectivo das artistas non é un coñecemento profundo da obra, senón contaxiar emocións e acabar sentido que a obra rosaliana transcendeu os seus 160 anos e segue a estar presente porque "lle falou ao pobo". Para elo puxéronlle música de rancheira, rumba, rock e rap implicando aos alumnos nos retrousos dos poemas para entonar ao final ao unísono a ritmo de rap: "E canta se queres na lingua que eu falo".
Tanto o alumnado coma o profesorado amosaron unha moi boa acollida desta actividade, por ser un xeito diferente de achegarse á obra e figuras rosalianas.
Destacar que como parte do seu programa educativo, o colexio CEIP As Solanas quixo facer unha entrevista ás artistas Irene Silva e Fátima Granja na súa emisora de radio (Radio Treboada) que dende o día 25 pode escoitarse na web do centro. Unha entrevista que recomendamos para poder coñecer un pouquiño mais da alma deste proxecto.
Continúa a oferta de obradoiros gratuítos para comercio, hostalaría e empresas
" Venta a través das principais redes sociais e Venta online web e a través de marketplaces son as propostas formativas que se ofertan entre febreiro e marzo.
O Concello da Guarda, a través da Concellaría de Desenvolvemento Local continúa nos meses de febreiro e marzo coa oferta de obradoiros gratuítos dirixidos a comercio, hostalería e empresas.
Estes obradoiros están enmarcados na campaña de apoio a o comercio local, iniciada xa no ano 2020 por mor da situación sanitaria e que, a finais de 2021, propiciou a realización de dous obradoiros e que, nesta primeira parte de ano 2022, inclúen un obradoiro para a realización de Plans de Marketing para Campañas Comerciais(realizado xa o venres día 18 de febreiro), outro sobre Venta a través das principais redes sociais(previsto para o 4 de marzo) e un sobre venta online web e a través de marketplaces(previsto para o 18 de marzo).
O primeiro obradoiro do 2022 foi o de "Plans de Marketing para Campañas Comerciais", celebrado o pasado venres día 18 de febreiro e onde os participantes tiveron a oportunidade de aprender cales son os pasos necesarios para actuar ante unha campaña comercial elaborando un Plan de Marketing, porqué é necesario facelo e cales son os seus beneficios, así como os pasos a seguir para a súa correcta elaboración, ferramentas e aplicacións que axudan á súa correcta execución.
O obradoiro sobre "Ventas a través das principais redes sociais" permitirá coñecer cales son as principais redes sociais do mercado que permiten a venda a través das súas plataformas, cales son as súa vantaxes e desvantaxes e como é o seu funcionamento. Terá lugar o venres 4 de marzo ás 20:30h na Sala de formación no 1º andar do concello vello.
O último obradoiro para esta primeira parte do ano 2022 versará sobre "Venta online web e a través de marketplaces", onde os participantes ampliarán información sobre as diversas plataformas de venda multicanal existentes no mercado, empregando unha comparativa que axudará a elixir cal é a máis axeitada en función de cada tipo de sector ou empresa, os seus custos e metodoloxías de traballo. Terá lugar o venres 18 de marzo ás 20:30h na Sala de formación no 1º andar do concello vello.
Os obradoiros teñen unha duración aproximada dunha hora e media e é preciso unha inscrición previa chamando ao 986610000 ext.7 ou remitindo un correo electrónico a informacion@aguarda.es, as prazas son limitadas.
Os alcaldes e alcaldesas do Camiño Portugués da Costa demandan unha solución ao paso do esteiro do Miño para o Xacobeo 22
Os rexedores e rexedoras expoñen a problemática do Camiño da Costa na Mesa do Camiño da Provincia de Pontevedra.
Os responsables municipais tamén solicitan unha reunión co vicepresidente da Xunta e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda, para tratar o paso de peregrinos polo esteiro do Miño e a duplicidade de nomes nos itinerarios.
Dende mediados de 2021 os alcaldes e alcaldesas de: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán, veñen reclamando intervención da Xunta de Galicia para resolver algúns problemas do Camiño Portugués da Costa entre os que destacan: os relacionados co paso dos peregriños polo esteiro do Miño, e os provocados pola duplicidade do nome de Camiño da Costa que se está producindo en Portugal cun itinerario distinto do recoñecido polo Xacobeo.
Así, no verán de 2021, solicitaban ao director do Xacobeo, Ildefonso de la Campa apoio para resolver os problemas cos que se atopaban os peregrinos no Camiño da Costa.
Dende aquela xuntanza a situación non mellorou en absoluto. En canto ao transporte de pasaxeiros e peregrinos entre Caminha e A Guarda a situación empeorou. Dende o verán do 2021 unha avaría no embarcadoiro do ferri do esteiro do Miño impide o acceso de vehículos ao transbordador. Este contratempo motivou o funcionamento irregular do barco dende entón ata o mes de outubro e que se atope parado na actualidade á espera da reparación do peirao. Esta reparación foi solicitada a portos de Galicia de forma reiterada e aínda non temos reposta de cando se acometerá. Pola nosa parte consideramos urxente que se aborde unha solución a curto prazo para o transito de peregrinos entre a Caminha e A Guarda que dea continuidade ao Camiño Portugués da Costa.
En canto á duplicidade do nome de Camiño da Costa provocada por Portugal a cousa mudou, pero para peor, xa que, con data 2 de febreiro de 2022, o goberno Portugués certifica como itinerario oficial do Camiño de Santiago o chamado, Camiño Portugués de Santiago-Camiño da Costa, que vai dende Porto a Valença do Miño pasando por Caminha e Vilanova de Cerveira. Ao noso parecer isto prexudica ao Camiño da Costa oficial, recoñecido pola Xunta como itinerario Xacobeo na lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016. Non debería haber dous itinerarios distintos co mesmo nome. Nada pode confundir máis aos peregrinos. Entendemos que houbo tempo suficiente para evitar que se producira esta situación que agora ten difícil arranxo. Aínda así, queremos manifestar que non estamos en absoluto de acordo coa denominación que o goberno Portugués lle deu ao novo itinerario do Camiño de Santiago.
Queremos facernos eco tamén da preocupación e demandas que nos trasladan dende o sector privado relacionado co Camiño da Costa. Dende o recoñecemento oficial deste camiño en 2016, moitas persoas estiveron traballando para ofrecer servizos que o camiño e os peregrinos necesitaban en base ao crecemento que viña experimentando este itinerario a Santiago e as expectativas de negocio que se crearon co recoñecemento oficial. É lexítimo que agora soliciten que as administracións manteñan as condicións que xeraron aquelas oportunidades e expectativas. Dende os gobernos locais brindamos o noso apoio ao sector privado e comprometémonos a servir de portavoces das súas demandas.
Novo servizo de atención por videoconferencia "Catastro Directo(Cadi)"
A Dirección Xeral do Catastro informa da posta en marcha do novo servizo de atención por videoconferencia "Catastro Directo (CADI)". Este servizo estará dispoñible nos servizos de atención ao cidadá de todas as Xerencias do Catastro e permitirá que os cidadáns sexan atendidos por videoconferencia polo persoal funcionario da Xerencia, aforrando desta forma desprazamentos innecesarios ás oficinas.
Este novo canal é especialmente útil para a atención aos cidadáns no ámbito catastral xa que permite, a diferencia da atención telefónica, amosar ao cidadá a descrición gráfica das súas parcelas na Sede Electrónica do Catastro sen necesidade de que estes se despracen presencialmente ás Xerencias do Catastro.
A data prevista para o inicio do proxecto é o 14 de marzo de 2022. É un servizo no que a prestación está suxeita a cita previa. Os cidadáns que desexen concertar cita a partires desa data para ser atendidos por videoconferencia deberán solicitalo chamando á Liña Directa do Catastro (91 387 45 50/ 902 37 36 35).
O Concello da Guarda saca a licitación da cafetería da Estación Marítima
O Concello da Guarda ven de publicar a licitación do contrato administrativo especial de cafetería- restaurante na Estación Marítima da Pasaxe.
O prazo para presentar proposicións remata o vindeiro día 11 de marzo de 2022.
O canon mínimo, que pode ser mellorado a alza é de 4.141,87 €/anuais e a duración do contrato é ata o 9 de xuño de 2029, que é a data na que expira o Convenio con Portos de Galicia.
Os pregos de prescricións administrativas e técnicas están a disposición de todos os interesados no Perfil do Contratante do Concello da Guarda que se atopa aloxado na Plataforma de Contratación do Estado.
|