Récord de turistas e peregrinos no mes de xaneiro na Oficina Municipal de Turismo
Case mil persoas achegáronse no primeiro mes de ano a este punto de información
No mes de xaneiro bateuse récord de visitantes na Oficina Municipal de Turismo de Tui. Case mil persoas demandaron información neste punto, situado aínda na praza de San Fernando, a maior cifra neste mes dende que se teñen rexistros deste servizo municipal.
En concreto foron 962 persoas as que pasaron pola oficina tudense, das que 302 eran peregrinos e 660 turistas. Nos datos rexistrados obsérvase un notable incremente de visitas con respecto aos últimos anos superando os datos de antes da pandemia. Así en 2016 foron 702 persoas as que pasaran pola Oficina e 603 en 2017. Tanto en 2018 coma en 2019 a oficina non abriu no mes de xaneiro, e en 2020 foran 588 os turistas e peregrinos que demandaran información. O ano pasado nas semanas de xaneiro en que estivo aberto o servizo só foron atendidas 6 persoas.
Dos 302 peregrinos que en xaneiro pasaron pola oficina tudense 118 eran internacionais e 184 nacionais. Portugal con 58 persoas realizando o Camiño, Alemaña con 15, Italia con 13 e EEUU con 11 foron os principais lugares de orixe dos peregrinos. Tamén houbo de Francia, Reino Unido, Países Baixos, Arxentina, Colombia, República Checa, Corea, Letonia, Chile, Brasil ou Xapón. Mentres a provincia de Pontevedra con 145 persoas, as Illas Baleares con 12, A Coruña con 7 e Córdoba con 5 foron os principais puntos de orixe dos peregrinos nacionais, chegando tamén dende Madrid, Murcia, León, As Palmas, Girona, Cidade Real, Sevilla ou Cádiz.
Dos 660 turistas que no primeiro mes de ano requiriron información turísticas 147 eran estranxeiros e 513 nacionais. No turismo internacional as principais procedencias foron Portugal de onde chegaron 89 persoas, Brasil con 24, Arxentina con 6,Italia e Ucraína, con 5 turistas de cada un destes países. Por outra parte de turismo nacional houbo 144 consultas de persoas da provincia de Pontevedra, 64 de Barcelona, 53 de Madrid, 43 da Coruña, e 25 de Baleares, entre outros lugares
Dende o pasado 2 de febreiro a Oficina Municipal de Turismo está situada nun novo emprazamento no Paseo da Corredoira nº16, nunhas instalacións máis amplas, céntricas e modernas. O seu horario de atención ao público é de luns a domingo, incluíndo festivos, de 9.30 a 14.00 h e de 16 a 19 h. O teléfono de contacto 677 41 84 05, o correo electrónico turismo@tui.gal e posúe amais a conta @oficinaturismotui en Instagram. Neste mes están a recibir consultas tanto vía telefónica coma por correo electrónico de peregrinos que están preparando a realización do Camiño de Santiago interesándose por como chegar a Tui dende outros puntos de Galicia, ou onde obter a credencial do peregrino. Tamén teñen consultas de guías de turismo solicitando información para realizar visitas no verán con grupos de turistas.
O alcalde de Tui participou no acto oficial de "presentación" da certificación do Camiño Portugués da Costa
Unha ruta xacobea que discorre entre Porto e Valença. A comitiva finaliza o seu percorrido polo Camiño Portugués da Costa cruzando a Ponte Internacional entre Valença e Tui
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou onte nos actos oficiais organizados pola entidade de Turismo de Porto e Norte de Portugal para a presentación pública da recente aprobación por parte do Goberno de Portugal da certificación do Camiño Portugués da Costa entre Porto e Valença, o que o converte no terceiro itinerario xacobeo delimitado en terras portuguesas.
No acto participaron o presidente de Turismo Porto e Norte, Luis Pedro Martíns, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal, Nuno Almeida, xunto cos alcaldes e representantes dos municipios polos que transita o Camiño Portugués da Costa, sendo o alcalde de Tui o único rexedor galego convidado a este acto.
A comitiva percorreu o trazado certificado iniciando o acto diante da Sé de Porto, como lugar de inicio desta ruta xacobea, pasando por Viana do Castelo (visitando a igrexa parroquial de Santiago de Neiva o máis antigo templo consagrado a Santiago en Portugal), a localidade de Caminha e finalizando o seu percorrido na Ponte Internacional que une as cidades de Valença e Tui. Para o alcalde de Tui este acto posúe un gran valor simbólico ao recoñecer como Tui é a porta de entrada en Galicia das rutas do Camiño Portugués en Galicia, unha consideración que ven avalada pola historia, polo número crecente de peregrinos que se visitan Tui no decurso da súa peregrinación e que agora ven ratifica a certificación oficial do Camiño da Costa realizada polo Goberno de Portugal.
O alcalde tudense agradeceu o convite realizado ao noso Concello para participar neste acto e deulle a benvida a todos os participantes neste percorrido polo Camiño Portugués da Costa ao noso municipio na Ponte Internacional que une Valença e Tui. Ao tempo que garante o compromiso do Concello tudense polo coidado deste itinerario de peregrinación, a conservación dos seus valores e o traballo para incrementar a calidade da acollida na nosa cidade a todos os peregrinos.
Os participantes valoraron o gran traballo levado a cabo pola Comisión de Certificación creada por Portugal para a homologación destes itinerarios, na que a Xunta tamén participa a través do Xacobeo. O traballo de certificación levouse adiante de xeito conxunto polas Secretarías de Estado do Turismo e do Patrimonio Cultural de Portugal, que recoñece a integridade do trazado e o seu elevado valor patrimonial, e que supón a delimitación oficial do terceiro Camiño de Santiago en terras lusas, despois do Camiño Interior e o Camiño Central Portugués na rexión do centro de Portugal.
O coñecido como Camiño Portugués de Santiago- Camiño da Costa é un itinerario de 138 quilómetros que recorre os municipios de Porto, Matoshinhos, Maia, Vila do Conde, Póvoa de Varzim, Esposende, Viana do Castelo, Caminha, Vila Nova de Cerveira e Valença. Para a súa certificación Portugal acadou un amplo consenso entre todas as administracións, tanto das cámaras implicadas como dos diferentes departamentos do Goberno luso, o que permitirá non só a conservación destes itinerarios se non a súa promoción do fenómeno xacobeo que Portugal.
No pasado ano 2021 o Camiño Portugués foi percorrido, segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago por 42.000 peregrinos e foi Tui o segundo lugar elixido polos peregrinos para iniciar a súa peregrinación logo de Sarria no Camiño Francés.
O Concello de Tui súmase este 23 de febreiro á celebración do Día de Rosalía con diversas iniciativas en lembranza da nosa poeta máis universal
Lonas con poemas de Rosalía de Castro, contacontos para o máis pequenos, e o "caldo de gloria" en varios restaurantes forman parte das actividades previstas
O Concello de Tui, a través da concellería de Cultura, promove a conmemoración o vindeiro mércores, 23 de febreiro, do "Día de Rosalía" data na que se conmemora o 185 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia pola súa defensa do pobo e da lingua. O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros de silencio e esquecemento. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade.
O Concello de Tui adoptou un acordo plenario no ano 2013 para a celebración anual deste evento. Dende a Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal, téñense preparado diversas lonas con varios dos poemas máis populares de Rosalía de Castro que se colocarán na fachada da súa sede para lembrar esta celebración e contribuír á difusión da súa obra poética.
Amais, o mércores 23 de febreiro, entre outras actividades segundo explica a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente "queremos fomentar outra iniciativa tamén impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro e denominada o 'Caldo de gloria'". Trátase dunha iniciativa que xorde a partir do poema "Miña casiña, meu lar" (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz. "Queremos que Galicia", sinalan dende a Fundación Rosalía de Castro, ·lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este 'caldo de gloria' dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular".
Así en Tui ofrecerán este "Caldo de Gloria" esta fin de semana o vindeiro mércores 23 diversos establecementos de restauración, en concreto: "Restaurante O Pote" e o "Bar - Restaurante Monte Aloia" que ofrecerán este produto aos seus clientes.
Esta programación co gallo do "Día de Rosalía" complétase cunha actividade dirixida ao público infantil o propio mércores, 23 de febreiro. Nesa data a Biblioteca Municipal acolle á 17.30 horas un contacontos denominado "Figueiriñas que prantei" a cargo da compañía "Polo correo do vento". Para esta actividade, dirixida ao público familiar a partir dos 4 anos de idade, cómpre inscrición previa na propia Biblioteca Municipal ou a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal
Por último, lembrar que ficou adiada para o venres, 25 de marzo, ás 19.00 h no Teatro Municipal a obra teatral "Rosalía" producida por Culturativa que nos achega á infancia de Rosalía de Castro. As entradas para este evento están xa á venda en www.tui.gal.
O movemento asociativo xacobeo de Galicia e Portugal ofrecerá a súa visión da peregrinación no Foro do Camiño Portugués o próximo martes
Participarán José Luís Sanches de Vía Lusitana e Begoña Valdomar de AGACS
O vindeiro martes, 22 de febreiro, o Concello de Tui continua coa celebración mensual do "Foro do Camiño Portugués" coa presenza, nesta ocasión, de dous acreditados representantes do movemento asociativo xacobeo de Portugal e Galicia. Así contarase coa presenza de José Luís Sánches, directivo da Associaçao de peregrinos "Vía Lusitana" e de Begoña Valdomar, vicepresidenta da Asociación Galega de Amigos do Camiño Portugués - Agacs.
Tanto José Luis Sanches como Begoña Valdomar posúen unha longa traxectoria de traballo a prol do Camiño de Santiago, especialmente dende as súas responsabilidades no movemento asociativo e achéganse ata Tui para ofrecer a súa visión sobre a propia ruta xacobea e moi especialmente sobre as dinámicas existentes no Camiño Portugués de peregrinación a Santiago. Esta visión enriquece as diversas achegas ata agora realizadas neste Foro do Camiño Portugués abordado dende a óptica do turismo, da igrexa, dos peregrinos, etc.
A conferencia do próximo martes 22 de febreiro ás 19 h poderase seguir presencialmente na Aula Cemit (Edificio "Francisco Sánchez" - antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) ou por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal. A asistencia é libre ata completar o aforo do local, sendo recomendable a inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que o Concello de Tui avanza nas actividades deste "Foro do Camiño Portugués", que pretende contribuír ao posicionamento de Tui no ámbito do Camiño de Santiago e agradece a José Luis Sanches e a Begoña Valdomar a súa presenza en Tui.
Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril de 2021 coa presenza de Juan Manuel López-Chaves, presidente de honra da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo e impulsor do Camiño Portugués, a quen deu continuidade o 25 de maio Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 22 de xuño Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo Porto e Norte, e o 22 de setembro Luís Quinteiro, bispo da diocese de Tui-Vigo. No pasado mes de novembro foi o peregrino tudense, Dámaso Rodríguez Costas quen compartiu a súa experiencia polas rutas xacobeas e no pasado mes de xaneiro, Victor Vázquez Portomeñe, exconselleiro da Xunta de Galicia.
Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook "Camiño Portugués. Tui" con máis 4.600 amigos, etc.
O Concello de Tui acolle unha xornada de presentación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos, SICTED
É unha ferramenta básica para incrementar a calidade da oferta turística tudense. Será o próximo martes, 22 de febreiro ás 17.30 h na Casa do Concello
O Concello de Tui acollerá a próxima semana unha xornada de presentación do programa SICTED, Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos. Esta xornada está organizada pola Deputación de Pontevedra e Turismo "Rias Baixas". Celebrarase o próximo martes, 22 de febreiro, ás 17.30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui.
As persoas interesadas en participar nesta xornada poden inscribirse até este domingo, 20 de febreiro, presencialmente na Oficina de Turismo de Tui no Paseo da Corredoira, 16, ou a través do correo electrónico: turismo@tui.gal.
O SICTED é un programa desenvolvido pola Secretaría de Estado de Turismo, que ten como finalidade a xestión integral e permanente da calidade nun destino turístico. Xorde da necesidade de dar unha solución capaz de xestionar integramente a calidade nun destino turístico. O obxectivo principal do proxecto é dinamizar, promover e apoiar a implantación dunha serie de prácticas empresariais en todas as empresas para lograr un nivel de calidade homoxéneo nos servizos ofrecidos ao turista dentro do destino, englobando tanto os servizos ofrecidos polos compoñentes da oferta turística tradicionais como son por exemplo, os hoteis, restaurantes ou axencias de viaxes, como aqueles que sen selo estritamente, contribúen á formación da experiencia turística dun destino, á experiencia global que cada visitante ten no destino.
O establecemento ou empresa que se sume a este programa recibirá o distintivo de compromiso de calidade turística, que se obtén unha vez realizados con éxito todos os pasos do proceso. É o soporte que acredita e recoñece o esforzo realizado por todas as empresas e servizos participantes en relación ao compromiso pola calidade e a mellora continua, á vez que os distingue fronte á súa competencia. Ten unha validez bienal, condicionada a unha avaliación do seguimento.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, ten convidado a todo o sector vinculado ao ámbito turístico a participar nesta xornada informativa cuxo obxectivo último é mellorar a calidade da oferta turística do noso concello e a súa competitividade. A obtención do certificado SICTED, non ten ningún custo para establecemento, recorda o rexedor tudense e que, amais, favorece a implantación e desenvolvemento dun sistema de mellora desa competitividade nas entidades do sector turístico, e recoñece o esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua. Na actualidade Tui conta con sete empresas que contan co distintivo de calidade turística SICTED e a vontade do goberno municipal é contribuír a incrementar este número.
Na xornada do próximo martes tamén se informará aos asistentes do proxecto Interreg SUDOE "Greentour - Economía circular e turismo sostible en destinos do espazo SUDOE". Greentour ten o obxectivo de avanzar cara a un novo modelo ambiental, económico e social, á vez que se informa ao consumidor e obtense o seu compromiso coa contorna no que se desenvolve a actividade turística.
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|