JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A Guarda celebrará o Entroido con programación na Alameda e o tradicional Desfile do Martes de Entroido

" Neste 2022 retómase o Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos para o Martes e se propón unha programación dende o sábado pensada para as crianzas e as familias que non queiran perderse a festa característica destas datas

Tras a obrigada interrupción do ano 2021 pola pandemia da COVID-19, A Guarda retoma este ano a programación de Entroido, que comezará o sábado 26 de febreiro e rematará o martes 1 de marzo coa celebración do Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos.

Na Alameda da Guarda sucederanse cada día actividades de corte sinxelo, que buscan fuxir de aglomeracións sen deixar de achegarnos a música e o humor como ingredientes principais do Entroido.

Se ben os principais destinatarios das actividades son as nenas e nenos, reservouse tamén un espazo para o tradicional baile de entroido cunha proposta moi especial, o espectáculo ENTROIDANZAS que da man da compañía Pesdelán fará un percorrido polas músicas e danzas de Entroido de todo o mundo coa única pretensión de poñer á todalas ao público guardés a bailar e gozar do Entroido, sen importar a súa idade.

SÁBADO E LUNS, PÚBLICO INFANTIL

O sábado ás 17:30h. o polifacético Brais das Hortas presentará o seu último traballo musical "CONSERTASSO NA HORTA", un feixe de personaxes e cancións de músicas diversas (reggae, ska, punk, hip-hop...) para reivindicar con alegría e amor a vida e alegría da nosa horta: A Santa Compaña cantando un trap, unha avalancha de kiwis, unha pulga punk da praia de Liméns, un soulman cantando cunha escobilla do váter ou un astronauta que vai á lúa cun queixo de Arzúa...

O Luns será Peter Punk o encargado de amenizar a tarde. Un vello coñecido das crianzas guardesas que chega nesta ocasión co seu espectáculo a Chungatrona. Un aparello pensado por un pallaso que manterá ao público en tensión ata que… algún incauto resulte totalmente mollado e a cara cuberta de tarta. Todo isto, para desatar a risa, a diversión e a tolemia do público: nenas, nenos e maiores.

Mais como a esencia do Entroido se define además do humor, pola música, tralo espectáculo, a Charanga Vaya Panda continuará amenizando a festa polo entorno da Alameda

DOMINGO, DANZAS DO ENTROIDO

O domingo chegará ata a Alameda a compañía de música e baile Pesdelán, que leva mais dunha década buscando ser mais que un grupo de música, eles conseguen a través da música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia. Desta volta o reto ven da man de ENTROIDANZAS, un percorrido musical polos diferentes Entroidos do planeta, co que pretenden poñernos a bailar como os folións de Ourense, os paraugas do Frevo de Pernambuco ou os corcovados do centro de Italia.

MARTES DE ENTROIDO, DESFILE E BAILE FIN DE FESTA

Para pechar a programación chegará o desfile de MARTES DE ENTROIDO ás 17:30h., que repetindo o formato que tan bo resultado dera no 2020 contempla unha compensación económica fixa para os dezaseis primeiros participantes, que poderán facelo nas categorías de Carrozas, Comparsas ou Grupos. As bases xa publicadas na páxina web do concello da Guarda regulan a participación e categorías.

O desfile mantén o habitual percorrido por Rúa Porto Rico, Rúa Galicia e Alameda e contará coa animación do grupo AXÉ BAHÍA que ao final do mesmo ambientarán na Alameda para pechar o gran baile de despedida ata o vindeiro Entroido.

NOTA: cumprindo os protocolos COVID-19 este ano non se contará con carpa para a programación, polo que en caso de choiva as actividades infantís trasladaranse ao Centro Cultural, respectando data e hora, mentres que o espectáculo de Pesdelán ou o Desfile de Entroido serían aprazados a unha nova data.

PROGRAMACIÓN
DO 26 DE FEBREIRO AO 1 DE MARZO

SÁBADO 26 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
"CONSERTASSO NA HORTA", divertido concerto para toda a familia da man de Brais das Hortas.(*)

DOMINGO 27 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
"ENTROIDANZAS", con Pesdelán. Achégate a bailar danzas tradicionais de tódolos entroidos (**)

LUNS 28 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
"A CHUNGATRONA" con Peter Punk. Risas aseguradas para cativas, cativos e non tanto (*)
18:30h. Charanga Vaya Panda (**).

MARTES 1 MARZO
17:30 Tradicional desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos. Amenizado por Batucada Axé Bahía, con remate Final na Alameda(**)

NOTA:
*En caso de choiva trasladase ao Centro Cultural
**En caso de choiva cambiarían de data

Concello de A Guarda


O BNG critica a incapacidade do goberno central para solucionar "a crise do marraxo" que afecta a pesca galega

Ana Miranda, Rosana Pérez e Carmela González defenden na Guarda que o sector viaxe a Madrid para denunciar "o desmantelamento do sector"

Froito da preocupación do BNG pola situación do sector pesqueiro galego, a portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, e as deputadas da Comisión de Pesca da formación nacionalista no Parlamento Galego, Rosana Pérez e Carmela González, mantiveron un encontro coa Asociación de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) e Espadeiros Guardeses, -xunto a representantes do BNG da Guarda-, no que lles trasladaron o apoio do Bloque as súas protestas a respecto da "crise do marraxo".

"A diferencia de criterio e descoordinación entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o de Transición Ecolóxica provoca unha situación insostible para a frota galega de palangre de superficie dende hai dous anos", denuncian as nacionalistas, quen lembran que esta frota representa o 85% da europea, polo que instan a acadar unha solución para o sector.

Para o Bloque, a situación de incerteza causada por esta diferencia de criterio e falta de coordinación "non pode pagala un sector que aglutina 125 barcos en toda Galiza e que conta cun total compromiso coa sostibilidade". Ao seu xuízo, a única conclusión que se extrae desta "total falta de xestión e de sensibilidade dun sector fundamental para Galiza é que a Madrid non lle importa a pesca galega e que incluso hai plan para a destrución do sector".

Destrución de pesca legal

Nestes dous anos o problema viuse tremendamente agravado, xa que non só existe a imposibilidade de pescar esta especie, senón que a situación se refire tamén as partidas que se atopan nos almacéns frigoríficos á espera dunha solución definitiva, que chega ás 90 toneladas do 2020. Neste sentido, desde ORPAGU e Espadeiros Guardeses tamén criticaron a situación que viviron algúns armadores, que tiveron que destruír miles de quilos de marraxo pese a ter sido pescados legalmente. "Non é cuestión de descoñecemento da situación, é falta de vontade política para solucionala", sinalan.

Neste sentido, Miranda, Pérez e González defenderon que o sector "ten que facerse escoitar en Madrid" e entrevistarse directamente con Teresa Ribera e Luis Planas. "A ministra e o ministro teñen que escoitar de primeira man que nos portos galegos se está a producir unha situación absurda: mentres os barcos do resto do mundo descargan marraxo porque os seus gobernos si emiten os correspondentes certificados, o goberno español aínda non fixou os cupos de pesca, polo que se produce unha situación de competencia desleal", subliñaron.

BNG de A Guarda


Leticia Gallego urxe á Xunta a arranxar o problema de transporte entre A Guarda e Caminha para dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa

Censura o "importante quebranto e confusión" que supón a inactividade da liña do ferri que une os dous concellos e denuncia a proliferación de "publicacións contraditorias" que "formulan alternativas que nada teñen que ver coa ruta oficial"

A deputada socialista Leticia Gallego visitou hoxe A Guarda, xunto ao seu a alcalde, Antonio Lomba, para presentar unha batería de iniciativas para urxir á Xunta a resolver o problema de transporte entre o concello guardés e o municipio portugués de Caminha co principal obxectivo de dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa no seu paso polo esteiro do Miño.

"O transbordador que une as dúas beiras do río atópase inactivo e isto impide a peregrinas e peregrinos cruzar o esteiro en transporte regular", alertou a socialista, quen incidiu no "importante quebranto e confusión" que isto supón, ao que se suma a "desinformación" e as "publicacións contraditorias" sobre a ruta Xacobea.

Ao fío disto, Gallego lamentou que, "malia que a web oficial do Camiño de Santiago sinala que o Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira de A Guarda, tras cruzar o río Miño na súa desembocadura, varias organizacións e entidades portuguesas formulan alternativas que nada teñen que ver coa ruta oficial, recoñecida e promovida pola Xunta".

Así, destacou, "algunhas publicacións indícanlles ás peregrinas e peregrinos que percorran case 30 quilómetros máis para cruzar o río a través da ponte que une Vilanova de Cerveira e Tomiño para logo chegar ata A Guarda, e noutras mesmo propoñen continuar o itinerario ata Valença do Minho para enlazar dende alí co Camiño Portugués, o cal é moito máis grave xa que anula o percorrido pola costa atlántica galega que transcorre polos municipios de A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán".

"Cómpre buscar unha solución a curto prazo para arranxar esta problemática no transporte de pasaxeiros e pasaxeiras entre ambos municipios, polo que pedimos á Xunta que se reúna cos alcaldes afectados para que poidan trasladarlles de primeira man a problemática que están a vivir", subliñou a responsable socialista.

Por último, Gallego pediu ao goberno galego que "se manifeste e tome medidas" en relación ás publicacións que difunden itinerarios "non oficiais" sobre o Camiño Portugués da Costa, xa que isto "implica un enorme prexuízo" para a ruta Xacobea e, nomeadamente, para os municipios do Baixo Miño polos que transcorre.

Concello de A Guarda


A Guarda súmase á conmemoración do Día de Rosalía de Castro o 23 de febreiro

Un deseño orixinal da artista Irene Silva centra a homenaxe, unificando as actividades didácticas en colexios e o reparto de marcapáxinas nas librerías.

Bares e restaurantes da Guarda tamén se suman á iniciativa Caldo de Gloria da Casa de Rosalía

O vindeiro 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro, con motivo do seu 185 aniversario. Múltiples serán as homenaxes e actos de recordo a celebrar dende diferentes institucións da xeografía galega. A proposta da Guarda para este 2022 articulouse baixo a mirada artística de Irene Silva e o seu deseño orixinal Rosalía Total. A artista miñorana transportou ata o Porto da Guarda a esa Rosalía alegre e colorida creando unha bela estampa que estará a disposición da veciñanza guardesa a modo de marcapáxinas. Estes marcapáxinas, que incorporan breves extractos de obras rosalianas, atoparanse na Biblioteca e nas librerías como agasallo ante o préstamo ou a compra de libros.

Mais o proxecto Rosalía total chegará tamén ata as aulas da man de Irene Silva e Fátima Granja coa actividade Poesía Cantareira na que ambas artistas traballarán a obra de Rosalía de Castro a ritmo de rap, rock e tamén musica tradicional. Esta proposta pecorrerá os cinco centros de primaria da localidade e o centro de educación especial San Xerome entre os días 22 ao 24.

Para rematar restaurantes e bares da Guarda sumáronse á campaña Caldo de Gloria que organiza directamente a Casa de Rosalía, ofrecendo á súa clientela un caldo o día 23 de febreiro, lembrando a receita do poema Miña casiña, meu lar, na que Rosalía deixara constancia da épica dos humildes. Os establecementos adheridos son: Arruaz, Art Café, As Pozas, Brétema, O Couto e O Forte.

Concello de A Guarda


Maiores amigos, nova campaña dentro do Banco municipal de voluntariado Máis mans do Concello da Guarda

O banco municipal de voluntariado anda na procura de mais mans que se queiran unir a esta campaña específica que se pretende poñer en marcha e que consiste en dar apoio a persoas adultas que necesitan compañía para os seus momentos de ocio, para combater a soidade, para falar e compartir tempo de calidade entre persoas.

Toda aquela persoa que este interesada pode inscribirse mandando un mail a informacion@aguarda.es

Concello de A Guarda


A Guarda contará co servizo móbil de nova xeración

O Concello da Guarda informa que en vindeiras datas contarase na vila co servizo móbil de nova xeración na banda de 700 MHz coas principais operadoras móbiles.

Nesta fase inicial as empresas verificarán a calidade do servizo, co cal terase mellor cobertura tanto en interiores coma exteriores, así coma unha mellora substancial na velocidade de conexión a internet, servizos de televisión, vídeo e música baixo demanda, e novos servizos que sairán ao mercado nos vindeiros anos.

A prestación dos servizos móbiles nesta banda de 700 MHz pode conlevar a aparición de determinadas afectacións na recepción do sinal de TDT dos usuarios da nosa vila, debido a que esta frecuencia empregábase anteriormente para servizo de televisión.

Para solucionar ditas afectacións, en caso de chegar a producirse, os operadores móbiles habilitaron a llega700, para resolver as incidencias a través do numero de contacto de atención gratuíta para a cidadanía 900 833 999.

Trala notificación da afectación por parte dos veciños, un técnico cualificado desprazarase e procederá a realizar as labores de acondicionamento para solucionar a incidencia. Todo elo sen custe algún para eles.

Concello de A Guarda


O Concello da Guarda felicita a Carmen Rodríguez González no seu 100 aniversario

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, visitaron na xornada deste luns día 14 de febreiro a Carmen Rodríguez González coincidindo co seu 100 aniversario.

Carmen Rodríguez González é unha das avoas mais lonxevas da Guarda, e celebrou o pasado día 11 de febreiro o seu 100 aniversario na compaña dos seus familiares.

Na visita aproveitaron para conversar cos seus familiares sobre aspectos da súa vida e da súa familia, sempre ligada ao comercio da vila dende que viñeron ata a Guarda dende América, fai xa uns 50 anos.

Nesta recibiu unha homenaxe do concello en mans do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, que quixeron acudir a dar os parabéns e un pequeno agasallo a esta veciña por acadar os 100 anos de idade.

A familia agradeceu esta visita e amosouse moi agradecida polo recoñecemento entregado a Carmen Rodríguez González.

Concello de A Guarda


O concello da Guarda busca o apoio do sector turístico para o Camiño Portugués da Costa

O pasado xoves 10 de febreiro o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o Concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, mantiveron unha reunión coas empresas de aloxamento turístico.

Nesta primeira reunión foron convocados os máis de 10 establecementos turísticos presentes na vila como hoteis, apartamentos, pensión, turismo rural, cámping e albergue.

A finalidade da reunión foi trasladar directamente ao sector as xestións feitas polo alcalde, Antonio Lomba, e a concellería de turismo en relación a publicación por parte de Portugal dun itinerario non oficial do Camiño da Costa.

Na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, aprobada en 2016, foi recoñecido o Camiño Portugués da Costa sendo A Guarda, o primeiro concello galego. É dicir, esta denominación corresponde ao camiño que comeza en Oporto percorre o litoral portugués ata chegar a Caminha onde cruza o río Miño na súa propia desembocadura ata A Guarda e continúa percorrendo as vilas costeiras do Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo e Redondela.

Ademais desta situación tratouse outro punto de vital importancia para os peregrinos, o turismo e a veciñanza en xeral, como é falta de comunicación real entre Caminha e A Guarda. Actualmente o transbordador non funciona e parece que se vai atrasar o seu comezo. O Alcalde trasladou aos asistentes os diferentes condicionantes como a avaría do embarcadoiro no Pasaxe que dende o mes de agosto non permite o acceso ao transbordador con vehículo. Tamén informou os pasos dados ante Portos de Galicia para o rápido arranxo deste embarcadoiro e deste xeito a Cámara Municipal de Caminha poda activar o funcionamento con vehículos e non só con pasaxeiros a pé ou en bici como estivo traballando no segundo semestre de 2021.

Ante a importancia para o presente e futuro da Guarda, tanto como inicio galego do Camiño Portugués da Costa como pola vital comunicación entre as dúas vilas fronteirizas de Caminha e A Guarda, o Alcalde tamén adiantou que se deu o paso de rexistrar unha primeira proposta non Lei ante o Parlamento galego.

Esta reunión permitiu achegar posturas entre as empresas de aloxamentos turístico e o Concello da Guarda sendo conscientes de que o traballo debe ser conxunto.

Nas semanas anteriores tamén se mantiveron reunións cos restaurantes para coñecer a súa realidade tras estes anos de pandemia e poder por en marcha iniciativas para reactivar o sector.

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais