JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A IX Eurocidade BTT abre inscricións

A proba celebrarase o domingo 20 de marzo

A partir das 00.00 horas de maña, sábado 12 de febreiro, estarán abertas as inscricións para a novena edición da Eurocidade BTT, proba ciclista de montaña, organizada pola Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e subvencionada polo proxecto INTERREG UNICIDADE VALENÇA-TUI. Celebrarase o domingo 20 de marzo, con saída as 09.00 horas españolas, dende a piscina municipal de Valença.

Esta proba, que non se puido celebrar nos anos 2020 e 2021 pola pandemia, retoma a súa celebración neste ano 2022, coa expectativa de chegar ao número de participantes da oitava edición, onde máis de 1.100 ciclistas percorreron os Montes Aloia e Faro, participando nunha das probas máis recoñecidas en Galicia.

Como nas edicións anteriores, pódese optar por dúas distancias, a ruta curta de 44 quilómetros e 1.200 metros de desnivel positivo e a ruta longa, de 74 quilómetros e 2.000 metros de desnivel positivo.

As inscricións poden facerse a través da web www.biciosos.gal, onde pode atoparse toda a información dos prezos para ciclistas federados e non federados, así como as datas límites para facelas, non permitindo a inscrición no día da proba.

Dado que tanto a situación epidemiolóxica, como o protocolo federativo o permiten, a organización estableceu a cifra de 1.200 participantes como máximo, pechando o período de inscrición no momento de chegar a ese número.

Dende a Eurocidade Tui-Valença agradecese a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, o traballo que está realizando en pro do fomento do deporte e do turismo deportivo, ao organizar unha das probas máis participativas da Eurocidade e unha das máis agardadas do calendario anual dos ciclistas de montaña de Galicia e Portugal.

Concello Tui


A Eurocidade Tui-Valença celebra o seu décimo aniversario afrontando novos desafíos para a próxima década

Este mediodía asinouse un protocolo de colaboración coa AECT Galicia-Norte de Portugal

Tras dez anos de traballo a Eurocidade Tui-Valença afronta novos retos e desafíos para o futuro cos que seguir avanzando na liña de cooperación iniciada hai un década e ampliándoa a máis ámbitos.

Hoxe a Eurocidade celebrou este décimo aniversario cun acto solemne nun lugar emblemático na fronteira coma a antiga Alfándega de Valença. Aí tivo lugar o descubrimento dunha placa conmemorativa, que posteriormente será colocada na vella Ponte Internacional, e a sinatura dun protocolo de cooperación coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, foron os anfitrións en tan destacada xornada que contou cunha ampla presenza de autoridades e representantes de distintos colectivos de ambas beira do Miño. No acto participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o director da AECT Galicia Norte de Portugal, Nuno Almeida, e a vicepresidenta da CCDR Norte Célia Ramos.

O acto comezou coa proxección dun vídeo resumo destes dez anos de Eurocidade, dando paso a continuación á intervención de Nuno Almeida, o director da AECT Galicia Norte de Portugal, quen explicou que o protocolo asinado hoxe terá unha periodicidade de 2 anos prorrogable anualmente de xeito automático. Lembrou que a AECT que dirixe ten coma principal finalidade "a colaboración transfronteiriza coma instrumento de transformación destes territorios en novos espazos de desenvolvemento". Nese senso aludiu a colaboración que están a realizar con esta Eurocidade para a súa estratexia para os próximos anos.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, falou de pasado, de presente e de futuro. Lembrou coma hai dez anos esta Eurocidade foi a primeira en constituírse entre Galicia e o Norte de Portugal, institucionalizando o que xa era unha realidade a nivel social. Trasladou o "recoñecemento e gratitude" aos que hai unha década foron os "actores políticos que crearon esta Eurocidade" en referencia ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e aos daquela mandatarios de Tui e Valença, Moisés Rodríguez e Jorge Mendes.

Para Enrique Cabaleiro o balance deste 10 anos é "moi positivo" xa que non sé se levaron a cabo actividades culturais e deportivas de forma conxunta dando lugar a "unha axenda única nun territorio transfronteirizo en Europa", senón que "baixo o paraugas da AECT Galicia Norte de Portugal estamos desenvolvendo dous proxectos moi importantes" "Río Miño, destino navegable" en promoción turística e o proxecto Unicidade no que están traballando na definición da Estratexia 2030. Tamén "xunto con outras eurocidades a través da cobertura que nos presta a AECT Río Miño estamos desenvolvendo outros proxectos importantes" para este territorio transfronteirizo, engadía.

Subliñou amais que "a creación da Eurocidade espertou no conxunto das persoas, tanto do veciños de Valença coma dos de Tui, a necesidade de sentirnos de ambos lados do territorio" e coma exemplo puña o efecto que provocou o primeiro peche de fronteiras derivado da pandemia da covid, que xerou un "rotundo rexeitamento" pero que "máis que nunca se espertou na conciencia dos veciños e das veciñas do outro lado da fronteira esa necesidade de sentirnos un único pobo, unha única identidade, que compartimos obxectivos comúns e polo tanto debemos loitar unidos por eles".

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicou que para afrontar os novos desafíos "temos que dotarnos dunha serie de instrumentos, sobre todo xurídicos, que nos dean capacidade xurídica e de obrar" xa que indicaba que "hai unha barreira xurídica, normativa e a administrativa que aínda os territorios transfronteirizos non damos superado". Tamén precisou que "o gran desafío para o futuro neste territorio son os servizos de carácter sociosanitario e educativo".

Pola súa banda o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, tras repasar a colaboración realizada no seo da Eurocidade indicaba que "urxe agora dar o próximo paso para unha maior converxencia institucional, económica e social, promovendo compartir servizos coma un instrumento dinamizador da Eurocidade Tui-Valença". Engadía que "Precisamos enfocarnos no futuro, unha visión de medio e longo prazo , para a afirmación da nosa Eurocidade coma un referencia na cooperación transfronteiriza, con efectos claros no desenvolvemento e aproveitamento das potencialidades únicas do noso territorio" polo que indicaba están a traballar na Estratexia de 2030.

Engadía o mandatario valenciano que "somos conscientes que para o desenvolvemento de proxectos de cooperación transfronteiriza que ambicionen unha promoción crecente do noso tecido económico, empresarial, tecnolóxico, académico, social, cultural ou deportivo é necesario o recoñecemento da personalidade xurídica da Eurocidade Tui-Valença". Por iso dicía "dez anos despois da formalización da constitución da nosa Eurocidade asinaremos hoxe un protocolo de colaboración ambicionando a maximización do desenvolvemento do territorio transfronteirizo que compartimos". Indicaba que "ste é un paso fundamental para a implementación da visión estratéxica para o futuro da Eurocidade Tui-Valença e para o apoio e valorización deste territorio de fronteira".

A vicepresidenta da CCDR Norte Célia Ramos, afirmaba que a vella Ponte Internacional "é un símbolo da amizade do noso pobo". Engadiu que "os homes fixeron pontes, non barreiras, a experiencia das nosas eurocidades é unha expresión contemporánea e activa relevante desta mesma afinidade, e é tamén un instrumento ao servizo das nosas poboacións e do desenvolvemento rexional".

Amais Célia Ramos indicou que o camiño feito nestes dez anos é "un legado de confianza e de experiencia" e os pasos dados en cooperación en diversas áreas "son unha motivación para profundar en novas apostas". Concluía indicando que "os desafíos están aí. Os desafíos que temos por diante son moi relevantes, nas áreas do ambiente, da sustentabilidade, das smarts cities, de compartir recursos e de servizos, en protección civil e na promoción dos sempre presentes Camiños de Santiago".

Por último o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, aludía as actividades compartidas por Tui e Valença "isto é unha pequena miragre que agora parece moi fácil pero que hai uns anos era absolutamente imposible, polo tanto sigamos traballando así, e sigamos aproveitando a enorme oportunidade de que aquí xa hai moitísimo tempo que a xente ten unha relación moi especial, que agora as administracións acabamos de entender e estamos potenciando". Previamente referíase á importancia do Camiño Portugués neste territorio da Eurocidade "este ano van pasar por aquí, quero ser realista, se todo vai ben e a pandemia sigue mellorando, pode ser espectacular, con 140 mil ou 150 mil persoas que poden pasar por aquí". Nese senso agradecía que "sexades os anfitrións da xente que ten a conciencia de facer un camiño que atravesa dous países, unha eurorrexión, e que cada vez máis xente quere facer. Eu creo que é unha perfecta mostra do que supón a irmandade, o que supón traballar conxuntamente".

Concello Tui


Tui pon en marcha a Aula Mentor en colaboración co Ministerio de Educación

Ofrecerá máis de 200 cursos de diversas áreas en liña con formación flexible e titorización personalizada

O Concello de Tui asinou un convenio co Ministerio de Educación y Formación Profesional grazas ao que no municipio se amplía a oferta formativa coa Aula Mentor, instalada xa no Centro Municipal de Formación e Emprego en Guillarei.

A Aula Mentor é un programa de formación en liña, non regrada e flexible que conta con titorización personalizada para o alumno ou alumna. Vai dirixida a persoas maiores de 18 anos interesadas en ampliar as súas competencias persoais e profesionais. A través da mesma as persoas interesadas terán acceso a un amplo conxunto de cursos, en permanente actualización, deseñados especialmente para esta modalidade de ensino a distancia, e organizados en áreas formativas dende "Iniciación á informática", "Programación", "Redes e equipos informáticos" a "Saúde", "Idiomas" ou "Xestión comercial e financeira de Pemes". Amais hai unha serie de cursos con carácter profesional para hostalería e turismo; servizos socioculturais e axuda á comunidade; madeira, moble e cortiza; comercio e márketing, …

Nos próximos días esta Aula Mentor de Tui estará xa operativa. Os primeiros meses serán de toma de contacto para comprobar o seu funcionamento, resolver incidencias que poidan producirse, e avaliar a implantación do servizo. Ofertará así máis de 200 cursos dirixidos tanto á mellora das competencias básicas como para a promoción da aprendizaxe ao longo da vida profesional, permitindo, unha vez completado, obter o certificado de profesionalidade.

O Concello de Tui para a posta en marcha desta Aula Mentor recibiu unha dotación inicial de 4 mil euros, para a posta en marcha do programa e sufragar os gastos relacionados co mesmo.

A concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, quere agradecer a colaboración do departamento municipal de formación na consecución e posta en marcha desta Aula Mentor. Indica que "permitirá ampliar as opcións formativas dos cidadáns de Tui o que contribuirá a mellorar a súa cualificación profesional coa garantía dunha titulación avalada polo Ministerio de Educación". Ademais indica que "como administración máis próxima aos cidadáns temos o deber e a responsabilidade de mellorar a vida das persoas facilitando os recursos necesarios para que as persoas do rural poidan ter as mesmas oportunidades con indiferenza do lugar no que vivan".

Concello Tui


O Concello de Tui pon en marcha un novo servizo de recollida de cartón e papel para o comercio, a hostalería e a industria

Realizase os martes e xoves con carácter gratuíto

O Concello de Tui vén de pór en marcha un novo servizo de recollida de papel e cartón porta a porta co obxectivo de contribuír á reciclaxe destes produtos por parte dos establecementos comerciais, hostaleiros, e a industria local.

Con esta iniciativa búscase por unha parte axudar aos e ás comerciantes e hostaleiros na separación e reciclaxe dun material coma o papel e cartón, do que xeran importantes cantidades nos seus negocios. Coa recollida específica para eles búscase non colapsar os contedores azuis deixando o seu uso preferente para a cidadanía.

O Concello de Tui mantivo reunións informativas coas asociacións de comerciantes locais, ACITUI e EMPRETUI, e coa Asociación de Empresarios do Parque Empresarial de Areas, para exporlles os pormenores do servizo e que a súa vez os puideran trasladar aos seus asociados. Amais o pasado 31 de xaneiro convocouse unha reunión informativa telemática, na que participaron a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, e un responsable da empresa que realiza a recollida, no que se deu conta do funcionamento e da posta en marcha deste novo servizo gratuíto.

Dende a semana pasada está xa activa a recollida porta a porta de cartón e papel os martes e xoves. Así no Parque Empresarial de Areas as empresas deben sacar o cartón á rúa os martes e xoves de 16 a 18 h xa que a recollida se realizará a partir das 18 h. Mentres no caso dos establecementos comerciais e de hostalería deberán depositar o cartón e papel apilado xunto ao colector azul máis próximo ao local os martes e xoves de 19 a 21 h, xa que a recollida terá lugar a partir das 21 h.

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, explica que con esta iniciativa o Concello de Tui buscan seguir avanzando na recollida selectiva facilitando neste caso ao comercio, á hostalaría e as empresas locais o seu labor de reciclaxe, e por outra parte mellorar tamén a imaxe da cidade. Agarda a edil que "progresivamente se vaia consolidando este novo servizo" para o que solicita "a colaboración do tecido comercial, hostaleiro e empresarial para o bo funcionamento do mesmo e mellorar así a imaxe que estamos dando".

Aqueles establecementos comerciais ou industriais do municipio interesados en sumarse a este servizo de recollida porta a porta poden solicitar mais información a través dos correos electrónicos comercio@tui.gal ou medioambiente@tui.gal.

Concello Tui


Adiada para o venres 18 a estrea de "As que limpan" de A Panadaría

A estrea da obra "As que limpan" de A Panadaría Teatro prevista inicialmente para este venres, 11 de febreiro, vén de ser adiada para o venres 18 deste mes debido a problemas de saúde das actrices da compañía.

Debido a este cambio o concello de Tui procederá, nos próximos días, á devolución automática dos importes das entradas vendidas até o momento, máis de 300, e a próxima semana volverá abrirse, a partir do luns 14 ás 14 h a venda para a nova data desta obra.

Debido a este cambio na estrea de "As que limpan" ao venres 18 de febreiro, por ser a data que estaba dispoñible tanto por parte da compañía coma do teatro tudense, mudouse tamén de data a representación de "Rosalía" por Culturactiva. Esta representación que estaba prevista para o venres 18 terá lugar o venres 25 de marzo á mesma hora, ás 19h. As persoas que xa tiñan mercada a súa entrada para "Rosalía" recibirán tamén a devolución do importe de xeito automático.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais