|
Tomiño organiza un concurso de debuxo escolar baseado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
Tomiño é un dos catro concellos de Galicia (e o único de Pontevedra) que está a redactar un Plan Municipal para a Implementación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) co apoio do Fondo Galego de Cooperación
O Concello da Tomiño organiza un concurso de debuxo escolar co fin de sensibilizar e implicar á poboación do municipio sobre a transcendencia da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) adoptados polas Nacións Unidas no ano 2015 co fin de erradicar a pobreza, fortalecer a paz universal e o acceso á xustiza.
Un proceso no que se atopa inmerso o municipio deseñando o seu "Plan de Implantación dos ODS no Concello de Tomiño 2022-2024", enmarcado no programa "A Axenda 2030, un reto local nun mundo de transformación II", impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa financiación da Xunta de Galicia e co traballo do ICSEM (Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa, como entidade executora).
Neste marco, está prevista a realización dunha serie de actividades de divulgación e sensibilización entre a poboación de Tomiño na procura da sustentabilidade. Entre elas, establécese o devandito CONCURSO DE DEBUXO para nenos e nenas matriculados nos centros educativos de Primaria do concello (de 1º a 6º), co tema: "Os ODS no meu Concello".
Para participar será necesario facer chegar o debuxo á organización, ben a través do colexio, ben deixándoo na Casa do Concello (Praza do Seixo, 1).
En todos os casos, o debuxo deberá ir acompañado (preferiblemente na parte de atrás) do nome do autor/a, curso, e nome do centro, ademais dos datos para ser contactado en caso de ser seleccionado pola organización.
O prazo de presentación de traballos comezará o luns 14 de febreiro finalizando o 25 do mesmo mes.
Tomiño é un dos catro concellos de Galicia (e o único de Pontevedra) que está a redactar un Plan Municipal para a Implementación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles) co apoio do Fondo Galego de Cooperación.
Trátase dunha iniciativa para coñecer a situación real do Concello con respecto á súa contribución cos ODS, tanto a nivel de estratexias municipais, como de implementación real. Esta diagnose inicial servirá como guía e referencia á hora de elaborar o futuro plan e unha serie de accións de comunicación e sensibilización aos colectivos sociais e á cidadanía en xeral.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, comprometeuse a colaborar en todo o posible para que o plan municipal "sexa unha ferramenta transversal, veraz e útil que guíe a actividade do goberno local cara a cada un dos ODS".
Temática dos debuxos
Os traballos e debuxos terán que gardar algunha relación con algún dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable adoptados pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas dentro da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, un plan de acción a favor das persoas, o planeta e a prosperidade, que tamén ten a intención de fortalecer a paz universal e o acceso á xustiza. Esta axenda establece 17 ODS con 169 metas de carácter integrado e indivisible que abarcan as esferas económica, social e ambiental.
Entre eles atópanse accións como erradicar a pobreza en todas as súas e promover a agricultura sustentable; garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa; alcanzar a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas; garantir a dispoñibilidade e a xestión sustentable da auga e o saneamento para todos; asegurar o acceso a enerxías alcanzables, fiables, sustentables e modernas para todos; fomentar o crecemento económico sostido; reducir as desigualdades entre países e dentro deles; tomar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos, etc.
"A obesidade é como a xordeira, non se elixe, o 70% é xenético e hai moitos factores que multiplican o risco de pacedela"
O dietista-nutricionista Julio Basulto puxo o broche de ouro á VII Semana da Educación dando ao público as claves para educar dende a mesa
"O primeiro que debemos facer ante un neno ou unha nena obeso é non discriminalo, non culpabilizalo, non estigmatizalo e ser empáticos". Así comezaba o dietista-nutricionista Julio Basulto a derradeira xornada da VII Semana da Educación de Tomiño, un broche de ouro único ante o numeroso público do auditorio de Goián. "Este éxito anímanos a preparar xa as conferencias do ano que vén, e vai ser un gran reto superarnos día a día para que estas charlas vos gusten e saquedes delas bos consellos e aprendizaxes", destacou a alcaldesa, Sandra González.
"Hoxe falamos de alimentación, un tema que nos preocupa moito tamén a nivel municipal, xa que Galicia ten unha das taxas máis altas de sobrepeso e obesidade infantil de España e iso é algo que podemos mellorar dende as institucións e as familias. Cadaquén no que poidamos temos que colaborar para evitar que por primeira vez na historia da humanidade os nosos fillos e fillas poidan ter peor calidade de vida que a dos seus pais e nais", recalcou.
Uns índices sobre os que tamén falou Julio Basulto que salientou que "a obesidade, como a xordeira, non se elixe, senón que o 70% é xenético e hai moitos factores que multiplican por moito o risco de padecer obesidade". "A perfección non se acada cando non queda nada que engadir, senón cando non queda nada que quitar. E eu non sei o que hai que comer, pero si o que debemos de eliminar. Non se trata de comer ben, senón de deixar de comer mal", explicou.
Para este docente e divulgador, as claves de educar dende a mesa pasan por 10 pasos que se deben evitar: non converter a hora da comida nunha batalla, non sermonear aos nenos e nenas "sobre cousas que moitas veces descoñecemos", non comer co móbil na man e apagar a televisión "e mirar aos nosos fillos e fillas", non chantaxear nin ameazar, non mentir con cuestións nutricionais, non prohibir cociñar aos máis pequenos e pequenas e, por suposto, non pertencer ao club do prato limpo e deixar que fillos e fillas coman o que precisen, "porque o apetito dos nenos e nenas é como o pestaneo, errático e impredecible, só o teu fillo ou a túa filla saben se esa semana teñen que crecer moito ou non".
Cun tema que tanto preocupa a pais e nais, Julio Basulto tamén deixou ao público as súas recomendacións para que os e as adultas do mañá teñan mellor saúde e máis gañas de vivir. Así, salientou a importancia de evitar ser autoritario, xa que os estudos aseguran que "multiplica por 5 o risco de obesidade" e comer en familia, algo que "diminúe escandalosamente o índice de trastornos alimentarios, de obesidade, de fracaso escolar...". "Os nenos e nenas que comen na escola comen mellor que os que fan na casa, aínda que os que comen na casa de maiores aliméntanse mellor. Por que? Porque a clave non está en que de pequeno ou pequena coman ben, senón en que coman en familia", explicou.
A relevancia da lactación materna o tempo que nai e fillo ou filla queiran, non negar porque "prohibir é espertar o desexo", non ter bebidas azucradas en casa nin ofrecerlles azucre e ter dispoñibilidade no fogar e dar exemplos como pais e nais foron outras das claves que ofreceu ao público Basulto, cunha dilatada carreira ás súas costas como docente, relator en conferencias sobre nutrición pediátrica, escritor de numerosos libros e participante como revisor na última guía da alimentación infantil da Generalitat de Catalunya centrada na etapa escolar
"Os nenos e nenas son o petróleo dun país"
A investigadora e docente Clara Grima fixo que o público se namorara das matemáticas e da forma de ensinalas na terceira xornada da VII Semana da Educación
"Unha das primeiras cousas que cambiaría sería dividir as aulas á metade, porque é imposible dedicar tempo ou poder recoñecer talento en clases masificadas. E os nenos e nenas son o petróleo dun país, o noso futuro". A investigadora e docente Clara Grima conquistou ao público coas súas matemáticas e o xeito diferente e ameno de plantexar a súa ensinanza durante a terceira xornada da VII Semana da Educación. Un xeito distinto de abordar unha materia que "está estudado que pode chegar a producir dor real no alumnado só de pensar en enfrontarse a ela" e no que comezou por casualidade, nunha tarde de choiva falando cos seus fillos. "Eu nin facía nin consumía divulgación, estaba feliz investigando e dando clases na facultade ante un público con coñecementos previos razoables, e ao ter que falar con eles dinme conta de que me faltaba linguaxe, faltábanme recursos para poder explicarllas", salientou esta doutora en Matemáticas pola Universidade de Sevilla e integrante da lista Forbes dos 22 protagonistas do cambio para o ano 2022.
O seu blog 'Mati e as súas mateaventuras' xa existía, pero foi a raíz de contar nel esa tarde cando o proxecto divulgativo de Clara Grima comezou despegar. O seu labor divulgativo é moi amplo e abarca dende a organización de eventos a todos os niveis e para todos os públicos á impartición de charlas e conferencias ou a súa participación en medios de comunicación. Grima namorou ao público coa súa forma de contar as matemáticas e de achegar a todos e todas a unha das súas teorías favoritas, a de grafos, que cando comezou a explicar en obradoiros de primaria descubriu que "provocaba o espírito crítico e a curiosidade de nenos e nenas".
Un grafo, ese obxecto matemático formado por dous conxuntos, un de punto e outro de aristas, é o que representa por exemplo a rede de contactos tecida con Facebook ou Instagram. Foi precisamente a chegada destas redes sociais virtuais as que permitiron demostrar a veracidade de teorías que naceron coas redes sociais reais, como a dos seis graos. "A última vez que Facebook decidiu medir esta teoría a distancia media era de 3,47 persoas, con todo o que iso conleva", explicou Grima na charla que buscaba "amosar como ferramentas como os grafos teñen un potencial impresionante para modelar situacións e conflitos cotiás e resolvelos de forma óptima. Só hai que ser curiosa e saber usar algo no que, de momento, non nos gañan os ordenadores: intuición e sentido común". Gañadora de numerosos premios e recoñecementos, como o Ciencia en acción, o Prisma Especial do Xurado en 2018 ou o Premio Bitácoras ao Mellor Blog de Educación en 2011, dende 2018 é membro do xurado para o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica.
Tomiño mellora os campos de fútbol do municipio nos que xogan regularmente máis de 320 persoas
As obras, cun investimento total superior aos 550.000 euros, permitiron levar a cabo a substitución do céspede artificial nos campos Regatiño de Goián e do Alivio
O Concello de Tomiño vén de rematar obras de mellora nos tres campos de fútbol da localidade, nos que xogan de maneira regular máis de 320 persoas.
As obras, cun investimento total superior aos 550.000 euros, permitiron levar a cabo a substitución do céspede artificial nos campos Regatiño de Goián e do Alivio. No primeiro repuxéronse ademais asentos das gradas que se atopaban deteriorados e instalouse iluminación led para un maior aforro enerxético, reformándose así mesmo un pequeno almacén.
Ademais da instalación do céspede de nova xeración, que ofrece unha maior resistencia ao desgaste, colocouse por debaixo unha capa amortiguadora de caucho que reduce o impacto e prolonga a duración do céspede, servindo tamén para reducir os custes de mantemento, unha cuestión importante tendo en conta o uso intensivo que soportan os campos.
A Concellería de Deportes que dirixe Fran Campo, acondicionou tamén o Campo de Fútbol do Alivio, no que as obras foron máis complexas, xa que consistiron no cambio de herba natural por artificial; construción de ramplas de acceso ás gradas e dun túnel de acceso aos tres vestiarios, que foron tamén modificados. O investimento neste caso roldou os 350.000 euros, procedentes do Plan Concellos 2018/2019 da Deputación de Pontevedra.
Pleno rendemento
Tomiño, cunha poboación duns 14.000 habitantes, dispón de tres campos de fútbol que están agora a pleno rendemento. "Levamos a cabo tarefas de mantemento de forma periódica para garantir unhas condicións axeitadas regularmente, sobre todo, no que respecta á calidade do céspede", indica Fran Campo.
No campo da Carballa xogan a AD Tomiño con 7 categorías (105 nenos/as) e o Tebra FC (23 adultos/as).
No campo do Alivio xogan o Tomiño FC (23 adultos); o Tomiño FC Feminino con 3 categorías (38 nenas e 23 adultas),e o Tomiño FC Veteranos (25 adultos).
No campo do Regatiño, xogan o Goián FC con 7 categorías (45 adultos/as e 100 nenos/as),e o Goián FC Veteranos (19 adultos).
Logo está o Cereixo Veteranos con outros 20 adultos aproximadamente, que están a xogar no campo do Alivio e no da Carballa, segundo a dispoñibilidade.
"Dende cativos vanse poñendo límites que impiden ás persoas desenvolver diferentes inquietudes"
Maitane Alonso, a conferenciante máis nova das sete edicións da Semana da Educación, compartiu a súa experiencia dende que inventou unha máquina para conservar alimentos con 16 anos ata formar parte da lista 'As outras 100 fortunas' de Forbes
"Dende que somos pequenos márcansenos límites e váisenos categorizando, etiquetando. Iso impide que as persoas poidan ter diferentes inquietudes. O problema da mocidade non soe ser que non lles guste nada, senón que lles gustan moitas cousas moi diferentes que non encaixan nin na categoría A nin a B". Así comezaba Maitane Alonso a explicar ao público da VII Semana da Educación a súa experiencia persoal dende que a curiosidade a levou con 16 anos a crear unha máquina para a conservación alimentaria para dar saída a toda a comida que sobraba das contundentes grelladas que facía o seu pai.
Agora, con 21 anos recentemente cumpridos, a investigadora, co-fundadora de Innovating Alimentary Machines e estudante de medicina, Alonso converteuse "na conferenciante máis nova das sete edicións da Semana da Educación. É unha nova investigadora, alumna de Medicina moi inquieta pola ciencia e co-fundadora da empresa Innovating Alimentary Machine, finalista do Premio Everis de España de 2020. E ven para falar de ciencia e innovación, contar a súa experiencia e desmitificar esa idea de que a mocidade non ten intereses", como salientou a alcaldesa, Sandra González, durante a presentación.
Maitane Alonso animou ao público a pasar da curiosidade á realidade, pasando pola educación e a plantexarse a importancia de non deixar gardada nun caixón calquera idea que xurda que cremos que ten potencial para crear impactos positivos na sociedade. "Sentimos que o persoal investigador ou as e os emprendedores son algo moi alonxado, pero todos e todas nós levamos un deles dentro. Os nenos e nenas están sempre preguntándose o por que de todo e a medida que crecemos imos perdendo esa ilusión, esa curiosidade, e vanse levantando cada vez menos mans para facerse preguntas e acabando coa ilusión coa que se pode conseguir un mundo mellor", recalcou.
Para acadalo Alonso desvelou que a clave está na "constancia, o esforzo e a ilusión" e en non poñer límites ás persoas, a deixarlles cuestionarse que lles gustaría facer no seu futuro e a escoitar as preguntas que nacen da curiosidade natural dos máis cativos e cativa. Unha apaixonada da investigación, a medicina, o emprendemento e sobre todo de compartir os seus coñecementos e experiencias, Maitane Alonso foi gañadora do premio Hipatia ao talento novo na ciencia, premio Muller Inspiración Revelación de Insparing Girls e do segundo galardón en microbioloxía no certame Intel ISEF polo que o MIT vaille poñer o seu nome a un asteroide e tamén recibiu o premio á sostibilidade da Arizona State University.
Unha prometedora carreira que a leva a atoparse no Ranking dos 120 Future Leaders Iberoamericanos de LlyC, na lista 'As outras 100 fortunas' de Forbes e na de 50 NEXDT de 50 Best of the World.
A OMIX de Tomiño visita o Instituto Antón Alonso Ríos para promocionar a súa labor entre a mocidade
A concelleira Fátima Rodríguez encabezou a comitiva que se entrevistou cos 600 estudantes de ESO, Bacharelato e ciclos deFP
A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Tomiño quere coñecer a opinión que a mocidade da vila ten da propia entidade. Para iso, organizou recentemente, entre outras accións, un concurso co fin de plasmar nunha frase ou nun deseño gráfico ou debuxo o que é a OMIX de Tomiño para a xente usuaria.
Nunha xornada de traballo intensa, a pasada semana, unha representación da oficina municipal, encabezada pola concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, achegouse até o IES Antón Alonso Ríos, para falar da OMIX cos case 600 alumnos e alumnas de ESO, Bacharelato e Ciclos de FP que asisten ao centro educativo.
A actividade, que contou coa colaboración do claustro docente, aproveitouse ademais para repartir as 600 bolsas de tea sobre o significado da OMIX, serigrafiadas coa creación gañadora de Laura Calvo Calzado, alumna de 1°de Bacharelato.
Durante a presentación, realizada pola técnica do servizo, Elisabet Pérez De Santiago, deuse acoñecer tamén a programación cultural de primavera chea de posibilidades para a mocidade.
"Saímos do IES coa satisfacción de ter realizado un traballo intenso nunha xornada intensa pero marabillosa", sinala Fátima Rodríguez, que estivo acompañada polos técnicos e o concelleiro Agustín González, o máis novo da corporación.
"Falamos da OMIX de Tomino; unha oficina para informar, formar, orientar e asesorar á mocidade que é tamén oficina Eurodesk; entregamos un comic deseñado por Joana Lomba que presenta de xeito ameno o noso servizo para a mocidade, e dimos difusión á nosa programación municipal de primavera, facendo entrega das axendas que recollen toda a oferta de calidade,ademais de repartir bolsas de tea, bolis e chapas", explica a técnica responsable do servizo.
"Detrás deste servizo municipal público e de calidade, destinado á mocidade de 12 a 35 anos, hai horas de moito traballo realizado con emoción, ganas e ilusión. O que nos motiva é crer na mocidade, crear espazos e ofertas formativas e de lecer, fomentar a participación xuvenil. Ser un referente a seguir", comenta a concelleira.
"Non se trata de que os nenos e nenas aprendan como nós ensinamos, senón de ser capaces de ensinar como eles e elas aprenden"
O docente, escritor e investigador José Antonio Fernández Bravo inaugurou a VII Semana da Educación, que retomou a presencialidade
"Hai que crer no que aprende, ese é o éxito do que ensina". Así de contundente amosouse o docente, escritor e investigador especializado en Educación e Matemática José Antonio Fernández Bravo na inauguración este luns no auditorio de Goián da VII Semana da Educación de Tomiño, que nesta nova edición volveu á presencialidade baixo o lema 'TransFORMANDO a sociedade, educando na diversidade'. "É un momento moi emocionante porque significa que imos superando nada máis e nada menos que unha pandemia mundial, porque agardamos volver á normalidade e porque ciencia e coñecemento fixeron unha vez máis que avanzáramos", salientou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, antes de dar paso a "un conferenciante de excepción, o profesor de matemáticas que todo neno e nena desexaría ter pola súa forma de achegar a materia a través do humor, da diversión, con agarimo... porque como el di, para ensinar matemáticas o primeiro que hai que facer é facer sorrir".
Premio de Metodoloxía Creativa, autor de máis dun cento de libros sobre Educación e aprendizaxe da matemática e director de proxectos europeos Leonardo de Investigación e Innovación, Fernández Bravo explicou ao público que encheu o auditorio que "a escola non é unha cuestión de espazo, senón de tempos". "Unha cousa é superar contidos e outra obter coñecemento. É moi importante ensinar dende o cerebro do que aprende. Hoxe xa non se trata de que os nenos e nenas aprendan como nós ensinamos, do que hoxe se trata é que nós sexamos capaces de ensinar como eles e elas aprenden. É tan sinxelo como contar coa outra persoa e para iso temos varias estratexias, como escoitar as experiencias do que aprende. E para escoitar debemos crer en el ou en ela", explicou.
Durante a xornada, Fernández Bravo animou ao público a reflexionar sobre a importancia de desatar ligaduras e superar costumes de dubidoso acerto na ensinanza porque "como é posible a atención á diversidade sen unha diversidade de atención?". "Durante toda a educación confundimos as necesidades da persoa que aprende cos desexos da persoa que ensina. Pero a pregunta non é que teñen que memorizar, senón que precisan recordar", recalcou ao tempo que lamentaba que actualmente "confundimos o procedemento co obxectivo". "Os obxectivos non soen cambiar, pero si os procedementos e non telo en conta é un erro", explicou.
Sesión do martes 8
A Semana da Educación continúa este martes 8 de febreiro (19.00 h) coa charla de Maitane Alonso Monasterio, investigadora, co-fundadora de Innovating Alimentary Machines, estudante de medicina e membro do Ranking dos 120 Future Leaders iberoamericanos de LlyC. Con moitos premios ás súas costas, Alonso Monasterio abordará a importancia de pasar da curiosidade á realidade pasando pola educación. Na súa charla '1+1?2' tratará de responder a que facer cando temos una idea que consideramos que pode ter potencial para crear un impacto positivo na sociedade.
|