|
A Guarda inicia o procedemento de licitación das obras de Reforma e Ampliación do Pavillón da Sangriña
O Concello da Guarda ven de sacar a licitación as obras de Reforma e Ampliación do Pavillón da Sangriña, cun orzamento de execución de 1.546.006,22 € sen IVE e cun prazo de execución de 8 meses.
Toda a información sobre esta licitación, pregos e demais informacións de interese, están a disposición dos interesados na plataforma de contratacións do estado: https://contrataciondelestado.es/wps/wcm/connect/99891082-ed6d-41a2-ad14-617da536d659/DOC_CN2022-446592.html?MOD=AJPERES
O prazo para a presentación de ofertas remata ás 19:00h do vindeiro 11 de marzo de 2022.
A GUARDA-CAMINHA, UNHA COMUNICACIÓN NECESARIA
Anxo Baz, Portavoz Municipal do BNG
O "ferry" que une A Guarda con Caminha fai anos que quedou obsoleto. O motivo principal é que se trata dunha embarcación anticuada que precisa dun calado para navegar que o rio non ten, a non ser que se fagan dragados permanentes cun alto custo ambiental e económico que serían ademais de dubidosa legalidade. As constantes avarías e un pantalán de atraque absolutamente abandonado por parte de portos da Xunta de Galiza contribuíron tamén nos últimos anos a facer inservíbel este medio de transporte.
Non vou entrar a remover no pasado, nin nos acordos e desacordos entre as Administracións que no seu momento puxeron en marcha esta infraestrutura e a mantiveron no tempo. Chámanos a atención, iso si, que o Concello da Guarda teña a obriga de pagarlle a portos da Xunta de Galiza un canon polo número de vehículos e persoas que utilizan o "ferry" . Resulta indignante que unha administración que non é capaz nin de manter en bo estado o pantalán de atraque desta beira do rio, cobre unha peaxe a todas luces inxusta e discriminatoria para o Concello da Guarda e polo tanto para a súa veciñanza.
Recuperar dun xeito eficaz a comunicación con Caminha resulta fundamental para nós e coido que para Portugal. Precisamos dun compromiso serio entre o goberno do Estado Español, o goberno Portugués e a Xunta de Galiza para dotarnos dun transporte sostíbel para as dúas beiras do Miño.
Ao meu entender non se trata dunha grande infraestrutura. Sabemos do respecto co que hai que actuar nesta zona polo alto valor ecolóxico do Esteiro do Miño, por certo un dos grandes atractivos da Guarda, que temos a obriga de conservar. Hai modelos polo mundo adiante que poderían ser aplicables aquí. Diso non me toca falar a min. Hai persoal técnico moi cualificado para indicarnos o camiño.
Entre tod@s, urxe poñernos mans á obra. O BNG vai presentar no Parlamento Galego e no Congreso do Estado así como no Pleno do Concello da Guarda iniciativas para poñer en marcha unha comunicación eficaz e sostíbel con Caminha. Por nós non vai quedar.
88 empresas e persoas autónomas da Guarda recibirán os 300€ da 2ª liña de axudas do Concello para paliar o impacto económico da COVID 19
" Esta liña de axudas, que estaba dirixida a negocios e entidades do 3º sector con actividade económica, repartirá un total de 26.400€. Á mesma presentáronse 121 solicitudes, das cales cumpriron os requisitos esixidos nas bases un 72%.
Desde o inicio da pandemia o Concello leva posto en marcha diversas actuacións para axudar a paliar os efectos económicos da COVID nas actividades económicas da vila.
Redución na taxa de lixo, exención do pago de ocupación de vía pública polas terrazas e flexibilidade para a ampliación das mesmas (con vixencia de 2020 a 2022), formación para a xestión do COVID na hostalería, creación de www.mercanaguarda.com, posta en marcha de campañas de concienciación para o fomento do consumo local, etc., foron algunhas das medidas postas en marcha polo consistorio guardés.
A estas accións uníronse dúas liñas máis de reactivación en forma de axudas directas. A primeira, que podía ascender a 700€, estivo dirixida a aqueles negocios que tiveron que pechar temporalmente a raíz da Orde do 26 de xaneiro de 2021, e que obrigou ao cese de actividade en ximnasios, piscinas, establecementos de restauración ou albergues turísticos, entre outros.
Na segunda liña de axudas o rango de gastos subvencionables incluíron gastos en material de prevención da COVID, inversións necesarias para adaptar o negocio á pandemia, incluso gastos de arrendamento e de cotas de autónomos e Seguridade Social.
O consistorio guardés sempre tivo claro que nesta extraordinaria situación debía situarse ao carón de toda a poboación, pero en especial daquelas persoas que traballan día a día non só para proporcionar servizos á cidadanía, senón tamén para xerar e manter postos de traballo na vila.
Por iso, unha vez máis o Concello aposta por utilizar os recursos municipais para contribuír na medida das súas posibilidades na recuperación e reactivación económica dos negocios locais, e está estudando sacar unha nova liña de axudas para atender peticións que non puideron ser atendidas nesta segunda convocatoria.
O Concello da Guarda realizará este ano o tradicional Desfile do martes de Entroido
O Concello da Guarda informa de que este ano 2022 realizarase, sempre que a situación sanitaria así o permita, o tradicional Desfile do martes de Entroido, que terá lugar o día 1 de marzo de 2022.
Esta decisión foi adoptada despois dun encontro mantido a pasada semana entre o Concelleiro de Festas e Festexos Populares, Rafa Álvarez; a Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes e representantes de grupos e comparsas da vila que cada ano participan neste desfile.
Nesta reunión, na que se falou sobre a celebración do Desfile de Entroido deste ano, acordouse por unanimidade a súa realización, sempre respectando as medidas sanitarias vixentes e co ánimo de dinamizar a vila nunhas datas tan características para todos os veciños e visitantes.
Os asistentes á reunión manifestaron a súa dispoñibilidade, gañas e ánimo de participar no tradicional Desfile do martes de Entroido e, vendo o seu interese, optouse por celebrar o mesmo e publicar as Bases de participación, que están xa dispoñibles na sede electrocina da web municipal para inscribir aos grupos e comparsas que desexen participar, contando con axudas á participación por parte do Concello da Guarda.
|