JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

As presentacións do "Rio Miño navegable", "Descubre as xudarías de Galicia" e "As mulleres no Camiño Portugués" suscitaron gran interese no stand de Turismo de Galicia. No stand da Red de Juderias presentouse o proxecto do libro "Ciudades de Sefarad"

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, participou como representante do Concello de Tui nun total de catro presentacións nas que a nosa cidade tiña especial protagonismo celebradas na Feira Internacional de Turismo - Fitur 2022 que se está a celebrar estes días na capital de España.

Especial interese suscitou a presentación do proxecto "Río Miño, un destino navegable" ao que asistiron os rexedores de Tui, Salvaterra de Miño, Valença e Monçao xunto co Presidente de Turismo Porto e Norte, Luis Pedro Martins, e o Vice-presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela. Neste acto foi promocionado este novidoso e ilusionante proxecto de creación dun novo produto turístico que pon en valor o río Miño e a súa dimensión transfronteiriza así como os recursos turísticos dos catro municipios miñoto. Esta presentación tivo lugar no stand de Turismo de Galicia o mércores 19 de xaneiro ás 15,00 horas.

De seguido Tui continuou a protagonizar a actividade no stand de Galicia en Fitur coa presentación, ás 15,30 horas do mércores 19 de xaneiro, de "Descubriendo las juderías galllegas: Monforte de Lemos, Ribadavia y Tui" na que estaban presentes xunto ao alcalde tudense, a alcaldesa de Ribadavía, Noelia Rodríguez, e a primeira tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, xunto á xerente da Red de Juderias de Galicia - Caminos de Sefarad e a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Neste acto os asistentes se aproximaron ao patrimonio xudeu conservado nestas tres localidades así como ao traballo de dinamización e promoción que se realizar a través da Red de Juderias e recibiron as guías editadas sobre cada unha destas cidades.

A 20 de xaneiro ás 11,30 horas tivo lugar a presentación do proxecto "Mulleres do Camiño Portugués" organizado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e que presentou un vídeo promocional sobre esta ruta xacobea e o papel activo que as mulleres teñen na dinamización desta ruta xacobea. Neste caso Tui estivo representado por Silvana Crisostomo, de "Ideas Peregrinas" xunto ao alcalde Enrique Cabaleiro que destacaron a importancia do Camiño Portugués para a nosa cidade que non cesa de recibir peregrinos de múltiples nacionalidades incluso nestes meses de inverno, evidenciando a dinámica de recuperación desta ruta xacobea.

Por último, o concello de Tui, representado polo seu alcalde, participou no stand da Red de Juderias de España - Caminos de Sefarad no acto institucional que contou coa presenza de representantes das 21 cidades, no que se presentaron os proxectos futuros da Red, así como o boceto de "Ciudades de Sefarad", o libro que Red de Juderías editará en 2022, cun percorrido polas cidades que integran a Asociación. Este ano o stand da Red de Juderias é un tapiz virtual, unha ventá ao patrimonio, cultura e historia das cidades da Red mediante un mapa que recolle a localización das cidades e un código QR para cada unha que da acceso a unha viaxe virtual dun minuto co que os visitantes poderán coñecer o legado xudeu en cada un dos municipios.

No decurso da feira foi tamén unha oportunidade para manter diversos contactos con representantes de diversas institucións e colectivos para avanzar en novos proxectos e actividades para o noso municipio. Salientan os encontros co presidente de Cluster de Turismo de Galicia, co presidente de Turismo Porto e Norte, co presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, así como con diversas empresas e axencias que traballan no ámbito turístico que atinxe á nosa cidade.

O alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, valora moi positivamente esta presenza tudense no principal escaparate do turismo que reflicte o importante traballo que neste sector realiza o municipio tudense. Haberá moi poucos municipios que nesta edición de Fitur teñen protagonizado catro presentacións sobre os recursos e proxectos turísticos que o rexedor tudense agarda contribúan á dinamización do sector turístico tudense, ofrecendo novas oportunidades de emprego e negocio para os nosos cidadáns..

Concello Tui


O luns comezan obras para reparar os afundimentos rexistrados na praza da Estrela

Renovaranse 10 metros de tubaxes da rede de saneamento. O tráfico na zona permanecerá pechado ao longo dunha semana.

O próximo luns, 24 de xaneiro, comezarán na praza da Estrela, no conxunto histórico de Tui, obras para reparar os afundimentos rexistrados en distintas lousas de pedra do pavimento así coma as filtracións detectadas procedentes da rede de saneamento. Os traballos serán acometidos polo Consorcio do Louro, e terán unha duración estimada dunha semana.

Debido á realización destas obras de reparación dende o próximo luns os residentes non poderán acceder en vehículo á praza da Estrela, a circulación cortarase no tramo da rúa Cuenca comprendido entre a praza de Fromista e a propia praza da Estrela.

O Concello de Tui tras detectar os afundimentos en distintos puntos da praza da Estrela comunicou a situación ao Consorcio do Louro que elaborou un informe sobre os mesmos. No estudo realizado detectouse unha tubaxe sen saída que será taponada. Entre os traballos a realizar figura tamén a renovación de 8 metros de tubaxe de PVC de 315 mm entre dous pozos de rexistro, dotándoa da pendente axeitada, e de 2 metros máis de tubaxe entre un dos pozos de rexistro e a taxea existente. Os traballos concluirán oca reposición do pavimento de lousas de pedra existentes.

Concello Tui


O Concello de Tui retoma o Foro do Camiño Portugués coa presenza de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Será o próximo martes, 25 de xaneiro, ás 19 h na Aula Cemit e tamén se poderá seguir en liña

O vindeiro martes, 25 de xaneiro, o Concello de Tui retoma, logo da paréntese do Nadal, a celebración mensual do "Foro do Camiño Portugués". Nesta ocasión será coa presenza dun destacado protagonista da recuperación e revitalización do Camiño de Santiago en Galicia, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, exconselleiro da Xunta de Galicia e medalla de honra do Concello de Tui dende o ano 2017.

Vázquez Portomeñe (Taboada-Lugo, 1934) é un protagonista destacado na posta en valor do fenómeno xacobeo, especialmente na súa época como deputado autonómico e como conselleiro en distintos gobernos de Manuel Fraga Iribarne na Xunta de Galicia. Na súa etapa como responsable da consellería de Educación e Cultura Vázquez Porrtomeñe promoveu a aprobación -por unanimidade- de leis como a de Patrimonio Cultural ou a de Protección dos Camiños de Santiago. Tamén na súa época de conselleiro se encargou de organizar o primeiro Xacobeo, en 1993, conseguindo ampliar unha realidade espiritual e relixiosa a outra cultural e socioeconómica, que ten resultado de vital transcendencia para Galicia.

Portomeñe recibiu por acordo do Concello de Tui a medalla de honra da cidade recoñecendo o seu papel fundamental na creación do Xacobeo e na revitalización do Camiño Portugués, así coma as achegas que os distintos departamentos que dirixiu na Xunta de Galicia realizaron en Tui con investimentos destacados coma a restauración do órgano da Catedral ou do edificio "Francisco Sánchez" daquela Área Panorámica.

A conferencia do próximo martes, 25 de xaneiro, ás 19 h poderase seguir presencialmente na Aula Cemit (Edificio "Francisco Sánchez" - antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) ou por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal. A asistencia é libre ata completar o aforo do local, sendo necesaria a inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que o Concello de Tui avanza nas actividades deste "Foro do Camiño Portugués", que pretende contribuír ao posicionamento de Tui no ámbito do Camiño de Santiago e agradece a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe a súa presenza en Tui.

Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril coa presenza de Juan Manuel López-Chaves, presidente de honra da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo e impulsor do Camiño Portugués, a quen deu continuidade o 25 de maio Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 22 de xuño Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo Porto e Norte, e o 22 de setembro Luís Quinteiro, bispo da diocese de Tui-Vigo. No pasado mes de novembro foi o peregrino tudense, Dámaso Rodríguez Costas quen compartiu a súa experiencia polas rutas xacobeas.

Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook "Camiño Portugués. Tui" con máis 4.300 amigos, etc.

Concello Tui


Tui acolle a exposición "Diálogos" da Biblioteca Nacional de Israel e a Red de Juderías de España - Caminos de Sefarad

A zona anexa da Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez - Área Panorámica, acolle dende esta semana exposición "Diálogos". A mostra foi preparada en setembro de 2021 pola Biblioteca Nacional de Israel para a Xornada Europea da Cultura Xudía. Esta mostra chega ata a nosa cidade a través da Red de Juderías de España - Caminos de Sefarad á que pertence o concello de Tui dende o ano 2019.

Esta exposición reflexiona e explica diferentes tipos de diálogos desde a perspectiva da cultura xudía, documentados a través de diferentes fotografías e cadros de textos. Así a mostra fai un percorrido polo Diálogo entre xeracións, dos pais ou avós aos seus fillos, coma eixo na educación, Diálogo entre textos, a miúdo entendemos un "diálogo" como unha conversación entre persoas, con todo, na historia xudía, son máis importantes as "conversacións" entre textos. Tamén recolle o Diálogo dentro da Comunidade, incorporando a perspectiva da argumentación como eixo da tradición xudía, o Diálogo entre Culturas ou o Diálogo entre relixións como integración indispensable dos xudeus ao longo dos séculos en que viviron entre outras culturas e grupos de persoas. A exposición ademais das fotografías e explicacións achega en cada bloque diferentes códigos QR que profundan sobre o tema.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, sinala que con esta nova actividade o concello tudense continua traballando na promoción do legado xudeu na nosa cidade como un elemento primordial do noso patrimonio cultural e do posicionamento da oferta turística da nosa cidade.

Concello Tui



Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais