|
O Rosal afonda sobre a enerxía solar da man de Francisco Hinojosa
Será na segunda charla das 'Xornadas da Enerxía', que se celebrará o vindeiro martes 25 ás 20 h de xeito presencial ou en liña
O Rosal continúa a vindeira semana coas súas 'Xornadas de Enerxía', unhas charlas organizadas polo Concello protagonizadas por conferenciantes de relevancia nacional e internacional que teñen por obxectivo abordar asuntos relacionados cos diferentes tipos de enerxía, modos de consumo, modelos alternativos, sostibilidade...
A segunda cita deste ciclo será o vindeiro martes 25 de xaneiro ás 20.00 horas con Francisco Hinojosa Moyano, técnico superior en enerxía solar e eficiencia enerxética e xerente de Ekosol, que falará sobre as 'Renovables, novos tempos, novas solucións'. Durante a conferencia, Hinojosa achegará ao público á enerxía solar, tanto térmica como fotovoltaica.
A charla celebrarase de forma presencial no Centro Social Polivalente ou en directo en liña a través dun enlace que se difundirá o vindeiro martes na web e nas redes sociais do Concello. Para desfrutar da conferencia de forma presencial, o Centro Social terá aforo limitado e contará con todas as medidas de seguridade necesarias ante a situación sanitaria. Durante o encontro poderán facerse preguntas e comentarios ao conferenciante e a charla será gravada e publicada na páxina web do Concello.
Concello de O Rosal
O Rosal dá un paso máis cara á sostibilidade apostando polas enerxías renovables
O Concello aprobou en pleno extraordinario a modificación orzamentaria para substituír as caldeiras do Concello e da Escola de Pancenteo por dúas de biomasa
O municipio adhírese tamén ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O Concello continúa dando pasos para converter O Rosal nun municipio o máis sostible posible. Nese camiño, no que se aposta polas enerxías limpas e renovables, o Concello aprobou este xoves en pleno extraordinario unha modificación orzamentaria para abordar a substitución das actuais caldeiras da Casa do Concello e da Escola de Pancenteo por unhas de biomasa. A renovación suporá un investimento de máis de 140.000 euros. O Concello conseguiu captar fondos europeos a través do INEGA para financiar case o 75% do proxecto, máis de 102.000 euros.
Así, tras facer un estudo da situación na que se atopaban todas as caldeiras municipais, o persoal técnico estableceu que estas dúas estaban ao final da súa vida útil. "Tras analizar as diferentes alternativas posibles, tendo en conta o noso compromiso coa sostibilidade e que ambos os dous edificios están catalogados por Patrimonio, a mellor opción e a máis viable era mudar estas dúas caldeiras por dúas de biomasa", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Por outra banda, o Goberno municipal aprobou no pleno a adhesión do Concello do Rosal ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha asociación sen ánimo de lucro composta por 100 municipios de Galicia e as deputacións de Pontevedra, A Coruña que queren contribuír á erradicación da pobreza e das desigualdades a nivel global. Tras este acordo, o Concello colaborará de forma activa coas actividades e proxectos desenvolvidos dende o Fondo Galego, achegando así o seu gran de area na mellora xeral da sociedade.
Concello de O Rosal
'Tres curtas pezas', tres historias de engano e vinganza este sábado 22 no Rosal
Teatro da Apocalipse representará a obra ás 20.00 horas no auditorio municipal. A entrada será de balde
O teatro volve ao Rosal esta fin de semana. Teatro da Apocalipse chega este sábado 22 a partir das 20.00 horas ao auditorio municipal con 'Tres curtas pezas', unha obra recomendada a partir de 12 anos aínda que apta para todos os públicos.
Os e as asistentes desfrutarán de case unha hora de entretemento con estas tres historias de engano e vinganza, tres pezas representadas polo grupo do Baixo Miño tituladas 'Gastrónomos', 'Mentireiro' e 'Bar de Ratas' que plantexan nun ton traxicómico ante o público algunhas das máis antigas miserias humanas.
A obra de teatro será de balde, con entrada libre ata completar aforo, e con todas as medidas de prevención necesarias ante a actual situación sanitaria. A compañía prega acudir con antelación para evitar entrar unha vez comezada a función.
Concello de O Rosal
Comeza a transformación do núcleo urbano do Rosal
A reforma integral da Praza do Calvario, que arranca o día 20, permitirá a recuperación de espazos públicos da calidade para a veciñanza
O pleno aprobará este xoves a sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra, que financiará o 34% do custo da mellora a través do ReacPon
Comeza a reforma integral da Praza do Calvario e da súa contorna, un proxecto transformador co que o Concello do Rosal recuperará espazos públicos de calidade para a veciñanza. "Abordamos esta reforma do núcleo urbano con moitas ganas e ilusión, porque vai supoñer unha mellora moi positiva e importante para o municipio. Manterase o uso polivalente da praza, pero dándolle un marcado carácter peonil, servindo de espazo de convivencia e lecer dos rosaleiros e rosaleiras e incrementando tamén o dinamismo comercial da zona", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que salienta que "xuntas e xuntos continuamos construíndo O Rosal das persoas".
Esta reforma integral da praza, encaixada na estratexia de desenvolvemento integral do núcleo urbano do Rosal, servirá de modelo para o resto do municipio. O Concello aprobará este xoves 20 en pleno extraordinario o financiamento da obra, que suporá un investimento de máis de 1,3 millóns de euros. A Deputación de Pontevedra, a través do ReacPon, financiará o 34% do custo da licitación da mellora da praza, ao tempo que o Concello está a facer un esforzo importante para a captación de fondos para proxectos transformadores e xa ten solicitados fondos europeos a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. A rexedora rosaleira agradece á Deputación de Pontevedra "o seu apoio a unha reforma vital para nós" e que se poderá levar adiante "grazas á boa planificación do Concello na aprobación temperá dos orzamentos, que permitirá que poidamos acometer esta obra histórica para o noso municipio".
Os traballos comezarán este 20 de xaneiro e terán unha duración aproximada de 10 meses. Na reurbanización vanse usar materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e melloraranse as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da Praza. Ademais, de forma paralela, realizarase unha reordenación da contorna do Calvario, así como do aparcamento.
As obras suporán un esforzo colectivo que permitirá continuar mellorando o núcleo urbano do Rosal e dende o Concello poranse en marcha diferentes medidas para minimizar o posible impacto tanto en residentes como en comerciantes e público. Así, durante a duración das obras cambiará o sentido de circulación e haberá restricións nalgunha das rúas da contorna da Praza do Calvario, como a rúa Nova do Couso, que pasará a ser de sentido único dirección descendente, ou a rúa Jesús Noya, que será só para residentes e autorizados. A rúa Simón do Mazo será de sentido único dende a rúa Campo da Feira cara ao pavillón municipal, deixando un carril para circulación e outro para aparcamento e zona peonil para a veciñanza. Ademais, a poucos metros da Praza do Calvario tamén están xa habilitados os aparcadoiros de Xulio Sesto e Barbuntín.
A alcaldesa lembra á veciñanza que a recuperación da Praza do Calvario "vai dotar de identidade o centro urbano, reforzándoo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, propoñendo novos usos e actividades que dinamicen a zona".
Concello de O Rosal
A alcaldesa do Rosal reúnese co conselleiro de Sanidade dada a precarización da atención primaria no municipio
Ánxela Fernández solicitou a volta do servizo de pediatría, o incremento do persoal sanitario e a ampliación das dotacións
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández relatou a precaria situación da atención sanitaria no municipio nunha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantida esta mañá. A rexedora reclamou solucións urxentes a unha situación que foi especialmente crítica durante o Nadal, xa que houbo días nos que o municipio non contaba con ningún médico para consultas, o que provocou que a veciñanza teña as axendas pechadas e non exista un seguimento dos pacientes "cos riscos que implica". Esta situación aínda non ten solución, xa que hoxe, hai unha soa médica que atende cifras insostibles de arredor de 90 pacientes ( cando a media axeitada son 35).
Ánxela Fernández reclamou a volta do servizo de pediatría ao Rosal, o incremento do persoal sanitario e a ampliación das dotacións en termos de infraestrutura. "Non podemos esquecer que a precariedade xa existía antes da pandemia e que agora se acentuou", explicou a alcaldesa, "polo que reclamamos solucións a curto, a medio e a longo prazo". O Concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal reclaman que deberían contar cun mínimo 4 médicos e 4 enfermeiras, pediatría e matrona. Así mesmo, a alcaldesa tamén criticou o peche da consulta de San Miguel.
O conselleiro tamén informou á alcaldesa de que durante os vindeiros meses O Rosal contará cunha médica, a actual, que ten unha xornada ampliada, unha médica xubilada que atenderá telematicamente, ao que se lle sumará a prolongación do horario de persoal médico e farmaceútico doutros Centros de Saúde. Ánxela Fernández afirma que esta situación, aínda que mellor ca de Nadal, "non é suficiente para ofrecer unha atención sanitaria de calidade".
En canto ás dotacións a rexedora trasladou ao conselleiro que "precisamos melloras nas infraestrutura con incrementos dotacionais como por exemplo unha sala de urxencias, unha sala de xuntas máis grande, unha sala de técnicas e novas salas para cumprir coas necesidades do persoal sanitario". "Agora mesmo só hai 3 despachos para medicina-pediatría e 3 de enfermería no Centro de Saúde. Claramente insuficiente para cubrir as ratios de persoal precisas entre pacientes por persoal sanitario de xeito adecuado", denuncia.
Tanto alcaldesa como o conselleiro acordaron que durante os vindeiras datas un equipo técnico da Xunta trasladarase ao Rosal para estudar sobre terreo unha posible ampliación das dotación. A alcaldesa afirmou que o Concello "ofrece a súa total colaboración para dotar deste incremento das infraestrutras sempre e cando se adapte ao Plan Xeral". Ánxela Fernández tamén quere agradecer a boa disposición e a escoita do conselleiro e agarda que "a situación mellore o antes posible".
Concello de O Rosal
|