" O pleno do concello aproba a modificación do proxecto de reforma e ampliación do pavillón da Sangriña.
" A votación resolveuse cos votos a favor do equipo de goberno e do BNG e as abstencións de CG e o PP.
O proxecto que se presentou a este pleno incorpora melloras importantes respecto ao documento orixinal que xa conseguira a aprobación en xullo de 2021 coa oposición de parte da corporación. Dende aquela e equipo de goberno xunto co equipo redactor estiveron estudando o documento a fondo e valorando distintas suxestións que lles fixeron chegar para procurar a mellora do proxecto e a adaptación ás distintas recomendacións e normas. Cabe destacar neste sentido os esforzos que se fixeron para cumprir coas recomendacións feitas dende a Secretaría Xeral para o Deporte para mellorar a instalación deportiva.
Froito das melloras incorporadas no proxecto e do compromiso do alcalde de continuar traballando para conseguir os terreos coa cualificación urbanistica para construir no futuro un novo pavillón, o proxecto saiu adiante sen ningún voto en contra.
Neste senso alcalde declaraba á saída do pleno: "as tramitacións urbanísticas son lentas pero xa temos moito traballo adiantado. Espero que nos próximos meses poidamos levar á aprobación inicial o Plan Especial de Infraestruturas Deportivas na zona da Sangriña."
Antonio Lomba, mostraba a súa satisfacción: "considero que se avanzou co cambio de postura dos grupos. Coa execución desta obra conseguiremos unha mellora moi sustancial nunha das dotacións deportivas mais importantes da localidade. Agora espero que a Xunta de Galicia cumpra o seu compromiso e cofinancie este proxecto que xa conta con unha aportación de 610.000 € da Deputación de Pontevedra. Tamén quero tranquilizar ao Atl Guardés e a comunidade escolar do CEIP da Sangriña porque poñeremos todo o que faga falta da nosa parte para procurar o mínimo quebranto tanto para o club como para o alumnado do colexio."
O proxecto aprobado que terá que estar rematado en abril de 2023 ten prazo de execución de 8 meses e cun custo de 1.870.000 €. A súa execución permitirá modernizar todas as instalacións, que contemplan: unha nova fachada, unha nova cuberta, unha nova grada de fondo, a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas, unha zona de espectadores en cadeiras de rodas nesa planta superior, un elevador, a renovación dos vestiarios: catro vestiarios xerais, un vestiario accesible, un vestiario para árbitros; dous núcleos xerais de aseos, tres aseos accesibles, un espazo de enfermería, un espazo para control antidopaxe, unha area de prensa, novas zonas de paso inferiores e almacéns, etc. Ademais haberá unha importante mellora na accesibilidade, na seguridade e na eficiencia enerxética do edificio. Tamén se aumenta o aforo nun 48%, ata 700 persoas sentadas.
Non cabe dúbida que o pavillón da Sangriña necesita desta reforma, a execución desta obra representa unha gran oportunidade para A Guarda e un gran paso na mellora das súas infraestruturas deportivas.
O Concello da Guarda conta cun proxecto de Reforma e mellora da zona infantil e deportiva da Portela, no barrio de Salcidos. Esta obra será executada en próximas datas con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.
As instalacións infantís, que están emprazadas na Portela en Salcidos, datan do ano 2008 e contan cun pequeno parque infantil e unha pista polideportiva que, debido ao seu intenso uso e ao tempo transcorrido e a pesares das pequenas intervencións de mantemento realizadas na mesma, precisa desta volta unha actuación integral no seu conxunto, nos elementos de xogo, así como na substitución do peche perimetral.
En canto á pista polideportiva, as actuacións inclúen o cambio do céspede artificial da cancha, a substitución das madeiras en mal estado da estrutura da pista e o seu pintado, así como o cambio da rexa circundante e pintado de todo o espazo, o perímetro da cancha e substitución das canastas de baloncesto. Tamén se contempla nesta intervención en Salcidos a substitución da rede parabalóns e a reforma da súa estrutura.
Por outra banda, tamén se prevé o acondicionamento do acceso ás instalacións cun novo pavimentado en formigón pintado, que substituiráao actual de asfalto e que se atopa en malas condicións.
Estas actuacións na Portela en Salcidos, forman parte das diferentes actuacións que se están a acometer por parte do Concello da Guarda en parques infantís e zonas deportivas de todo o municipio, coma as xa realizadas en Laxe Grande ou na zona deportiva do Codesal en Camposancos.