O Baixo Miño volve saír á rúa para denunciar a grave situación da sanidade na comarca
O Rosal acolleu o mércores a primeira manifestación dunha rolda de concentracións que tamén se organizan en Tomiño, A Guarda e Tui
O mércores, no Rosal, O Baixo Miño volveu saír a rúa para denunciar a grave situación da sanidade da comarca e esixir solucións. Foi a primeira dunha rolda de concentracións que organiza a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para denunciar o deterioro que está a sufrir a atención primaria nos centros de saúde da comarca, que dende hai tempo padecían unha importante carencia de persoal sanitario que case limitaba a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas. Unha situación que se viu agravada aínda máis tras a decisión do Sergas de, en lugar de poñer solucións, decretar que só se atendan consultas urxentes e relacionadas coa COVID-19 nas instalacións da Guarda, O Rosal e Tomiño durante estes días.
Ante esta realidade, as alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade convocaron para os meses de xaneiro e febreiro catro concentracións conxuntas coas que "denunciar a situación de precariedade e o continuo desmantelamento da sanidade pública nos nosos municipios e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente". Ademais inciden en que esta situación xa vén de lonxe, xa que os recortes da Xunta e a falta de persoal xa existían dende antes da pandemia. "A resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo".
Así, o mércores, a Praza do Calvario do Rosal, encheuse de veciños e veciñas reclamando que esta situación que "pon en risco a súa saúde teña unha solución xa". A seguinte cita será o 26 de xaneiro en Tomiño (ás 19.00 h na Praza do Seixo), o 9 de febreiro en Tui (ás 19.00 horas na Praza da Inmaculada) e o 23 de febreiro na Guarda (ás 19 h na Praza Avelino Vicente). Con estas concentracións búscase poñer de relevo "unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza, que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura, e que con unidade temos máis forza para reinvindicar".
A Mancomunidade reclama dende hai tempo unha mellora da atención sanitaria que poña fin á degradación progresiva dos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.
Concello de O Rosal
O Concello do Rosal organiza este sábado un obradoiro gratuíto de poda de froiteiras
Será no Espazo de Autoarranxo Municipal entre as 15.30 e as 19.30 horas e a inscrición xa se pode realizar a través da web
O Concello do Rosal organiza o vindeiro sábado 15 de xaneiro un obradoiro gratuíto de poda de froiteiras para axudar á veciñanza a realizar esta tarefa da mellor forma posible. Será no Espazo de Autoarranxo Municipal entre as 15.30 e as 19.30 horas e a inscrición xa se pode realizar a través dun formulario habilitado na web do Concello.
A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima a toda a veciñanza a asistir e lembra que a formación será impartida polo técnico agrícola, Óscar Álvarez, e que vai constar dunha parte teórica e outra práctica. O curso contará cun máximo de 40 participantes, xa que o aforo do espazo é limitado, e as prazas asignáranse por orde de inscrición.
A parte teórica vai desenvolverse no Espazo de Autoarranxo (a carón do CPI Manuel Suárez Marquier) e desde alí as persoas participantes desprazaranse a unha finca para realizar a parte práctica. En caso de choiva, a parte teórica manterase e a parte práctica aprazarase.
Concello de O Rosal
O físico Antonio Turiel, protagonista da primeira charla das Xornadas de Enerxía
A charla (venres 14, 19 h) será por videoconferencia e poderá seguirse dende casa ou de forma colectiva no Centro Social Polivalente
Turiel abordará a crise enerxética e os cambios sociais
O Rosal dá este venres o pistoletazo de saída ás súas 'Xornadas de Enerxía', unhas charlas organizadas polo Concello protagonizadas por conferenciantes de relevancia nacional e internacional que teñen por obxectivo abordar asuntos relacionados cos diferentes tipos de enerxía, modos de consumo, modelos alternativos, sostibilidade...
A primeira cita deste ciclo será este venres 14 ás 19.00 horas co físico e divulgador científico Antonio Turiel, un referente a nivel internacional en cuestións como o esgotamento dos recursos convencionais de combustibles fósiles, como o pico do petróleo e as súas posibles implicacións a escala mundial e tamén sobre a economía e sociedade españolas. Doutor en Física Teórica e investigador no Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no Instituto de Ciencias do Mar en Barcelona, Turiel abordará na súa charla a crise enerxética e os cambios sociais que leva aparellados.
Autor do blog The Oil Crash e de numerosos libros, Antonio Turiel asegura que é urxente unha transición enerxética controlada, xa que os combustibles fósiles non dan máis de si. E hai que estar preparados ante a inminente crise enerxética que se achega e que se sumará á crise ambiental e á actual crise sanitaria.
Esta primeira charla celebrarase por videoconferencia. As persoas interesadas en asistir poderán acceder dende a súa casa a través dun enlace que se difundirá este mesmo venres a través da web e das redes sociais do Concello ou de forma colectiva na sala habilitada para o seu seguimento no Centro Social Polivalente, que terá aforo limitado e todas as medidas de seguridade necesarias ante a situación sanitaria. Durante o encontro poderán facerse preguntas e comentarios ao conferenciante e a charla será gravada e publicada na páxina web do Concello.
Concello de O Rosal
Comeza a transformación da estrada que une Tabagón, As Eiras e Goián
As obras, que durarán arredor de 10 meses, permitirán conectar os dous núcleos da ribeira do Rosal recuperando espazos para as persoas e fomentando a mobilidade sostible
O Rosal xa comezou a transformación da estrada que une Tabagón, As Eiras e Goián. Esta semana iniciáronse os traballos de execución da primeira fase de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-3303, un proxecto que permitirá conectar os dous núcleos da ribeira do Rosal co de Goián apostando por un modelo no que se recuperen os espazos para as persoas e se fomente unha mobilidade sostible.
"Para nós é un orgullo ver como O Rosal vai dando pasos na súa transformación non só en termos de mellora viaria, senón de mobilidade e de comunicación entre os núcleos rurais. Apostamos por un novo concepto no que a posta en valor das persoas e do ámbito rural é fundamental, adaptándonos a unha nova realidade de mobilidade", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que visitou o inicio dos traballos acompañada do concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández.
Os traballos da primeira fase de mellora durarán arredor de 10 meses, durante os que se remodelará un tramo de 1,7 quilómetros que conta cun intenso tráfico rodado e tamén cunha importante mobilidade a pé, tanto de veciños e veciñas que acoden ata Tomiño como de persoas peregrinas que conectan co Camiño Portugués pola Costa.
"Queremos fomentar a vida rural e mellorar as posibilidades de comunicación dun xeito sostible, potenciando alternativas ao vehículo privado e dándolle prioridade sempre ás persoas", explica. Por ese motivo, crearase un carril peonil e ciclista que se completará cunha plataforma de circulación de dous carrís con beiravía e con redutores de velocidade. O Concello procederá ademais á renovación das redes de abastecemento da zona e fará a canalización soterrada da rede de iluminación pública. Para garantir a seguridade na contorna, disporase tamén dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 km/h na zona do CRA María Zambrano.
O proxecto final desenvolverase en varias etapas para cubrir un tramo total de 4,5 quilómetros. Nas obras desta primeira fase investiranse máis de 650.000 euros, dos que o 80% serán achegados pola Deputación de Pontevedra e outro 20% polo Concello do Rosal.
Concello de O Rosal
O Rosal imparte un curso de
autodefensa para mulleres
Celebrarase os días 18 e 20 de xaneiro co obxectivo de dotar ás participantes de ferramentas para defenderse ante situacións violentas
O Concello do Rosal vén de abrir a inscrición para participar nun curso de autodefensa para mulleres que ten por obxectivo dotar a todas as asistentes das ferramentas necesarias para poder afrontar e defenderse ante situacións violentas. O obradoiro, organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, será totalmente de balde.
O curso desenvolverase no Centro Social Polivalente en dúas sesións de catro horas cada unha os vindeiros martes 18 e xoves 20 de xaneiro de 16.30 a 20.30 horas. Trátase dun curso dirixido a mulleres de todas as idades cunha condición física normal na que se proporcionará adestramento físico e psicolóxico para crear protocolos de actuación así como para dotar ás participantes de auto capacidades para a prevención de posibles situacións de violencia.
A actividade será impartida por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
As mulleres interesadas en participar poden inscribirse xa chamando ao teléfono do Concello (986 62 50 00) ou enviando un correo electrónico a notifica@orosal.gal.
Concello de O Rosal
O Concello do Rosal organiza este sábado un obradoiro gratuíto de poda de froiteiras
Será no Espazo de Autoarranxo Municipal entre as 15.30 e as 19.30 horas e a inscrición xa se pode realizar a través da web
O Concello do Rosal organiza o vindeiro sábado 15 de xaneiro un obradoiro gratuíto de poda de froiteiras para axudar á veciñanza a realizar esta tarefa da mellor forma posible. Será no Espazo de Autoarranxo Municipal entre as 15.30 e as 19.30 horas e a inscrición xa se pode realizar a través dun formulario habilitado na web do Concello.
A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima a toda a veciñanza a asistir e lembra que a formación será impartida polo técnico agrícola, Óscar Álvarez, e que vai constar dunha parte teórica e outra práctica. O curso contará cun máximo de 40 participantes, xa que o aforo do espazo é limitado, e as prazas asignáranse por orde de inscrición.
A parte teórica vai desenvolverse no Espazo de Autoarranxo (a carón do CPI Manuel Suárez Marquier) e desde alí as persoas participantes desprazaranse a unha finca para realizar a parte práctica. En caso de choiva, a parte teórica manterase e a parte práctica aprazarase.
Concello de O Rosal
|