|
Tui é unha das cidades da Red de Juderías nas que se pode participar no Xogo "Busca a chave do diálogo"
Esta actividade, aberta até o próximo xoves 30 de setembro, forma parte das Xornadas Europeas da Cultura Xudía
Ata o vindeiro xoves, 30 de setembro, pódese participar en Tui, ao igual que nas outras cidades pertecentes á Red de Juderías, no xogo gratuíto "Busca la llave del Diálogo / Busca a chave do diálogo". Esta actividade forma parte da programación organizada dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía.
"Busca la llave del Diálogo / Busca a chave do diálogo" é un xogo no que os visitantes terán que desprazarse por tres puntos do patrimonio xudeu da cidade: Sinagoga - Porta da Pía (1), Convento das Clarisas (2) e rúa Entrefornos (3). Pódese acceder a eles pola localización do móbil ou polos carteis localizados en cada punto. En cada lugar unha actividade achegará aos participantes á temática da xornada Europea da Cultura Xudía 2021: Diálogos. Visualizar un vídeo, escribir un párrafo dunha historia en cadea ou decidir que tipo de diálogo abriría dará a posibilidade de conseguir a famosa chave de Sefarad. Ao concluír as tres probas na Oficina Municipal de Turismo (4) (Praza de San Fernando) pódese recoller esta chave.
A Red de Juderías publicará as diferentes historias en cadea escritas por todos os participantes en cada cidade na web https://redjuderias.org/juega
Con esta iniciativa preténdese desafiar aos visitantes a que atopen os tres puntos ocultos en cada xudaría e participar na primeira historia en cadea sobre Sefarad.
En outubro iníciase unha nova temporada do programa "Cultiva a Mente"
Incórporase a actividade en Randufe co que serán seis os centros culturais nos que se celebre de forma presencial
O programa "Cultiva a Mente" posto en marcha polo Concello de Tui e AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia, inicia unha nova temporada o próximo mes de outubro. O obxectivo desta iniciativa é promover un envellecemento activo e saudable das persoas maiores de 55 anos a través de diversas actividades que se desenvolverán até o mes de xuño de 2022 nos centros culturais de 6 parroquias tudenses.
Esta mañá celebrouse, na casa do Concello de Tui, unha reunión de traballo, previo ao inicio deste proxecto, na que participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, o concelleiro de Servicios Sociais, Ismael Diz, a traballadora social do Concello de Tui, Carmen González, e a psicóloga de Afaga, Beatriz Rodríguez.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientaba que "o Concello de Tui sempre foi pioneiro na posta en marcha de programas de atención a dependentes e servicios sociais no ámbito rural". Sobre o programa "Cultiva a Mente" destacaba a extensión do servizo a seis parroquias coa incorporación de Randufe. Cualificaba o rexedor moi positivamente que este curso se inclúa un programa para os coidadores xa que "vimos de atravesar unha pandemia que nos afectou a todos pero especialmente aos colectivos máis vulnerables".
O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, indicaba que na reunión desta mañá planificaron como vai estruturarse este ano o programa que "proximamente calquera persoa da cidade que cumpra os requisitos poderá solicitar algunha das prazas aínda dispoñibles no programa".
O presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, indicaba que "con esta reunión damos o pistoletazo de saída a recuperación do proxecto "Cultiva a Mente" que volve a presencialidade tras a pandemia na que conseguiu adaptarse para seguir atendendo aos usuarios". Tamén sinalaba que "se volve a poñer a disposición dos coidadores un programa de soporte porque entendemos que con esta pandemia foron as persoas que se viron máis sobrepasadas e angustiadas, un bo momento para recuperar este proxecto que se fixo hai 3 anos e tan bo resultado deu".
O programa "Cultiva a Mente" terá este ano coma novidade a incorporación de Randufe á listaxe de parroquias nas que se desenvolvía o curso pasado: Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis e Rebordáns. Os participantes coñecerán, por exemplo, como funciona o noso cerebro ou técnicas de aprendizaxe de mellora e estimulación de distintas funcións cognitivas como a memoria, a atención ou a linguaxe. Ademais, "Cultiva a Mente" tamén fomenta a sociabilidade, ao ser unha actividade grupal.
As persoas interesadas en inscribirse no programa "Cultiva a Mente" deben contactar dos Servizos Sociais na casa do concello no 986 60 36 25.
Este ao recuperarase tamén o programa Coidadores II, do que proximamente se darán a coñecer todos os detalles.
Vai especialmente dirixido á poboación escolar tudense. Conmemora o 555 aniversario do paso do nobre por Tui
O Concello de Tui vén de editar un caderno didáctico e un mapa para conmemorar o 555 aniversario do paso por Tui de León de Rosmithal camiño de Santiago de Compostela. Este material vai especialmente dirixido aos e ás escolares tudenses.
Foi en 1.466 cando o nobre León de Rosmithal pasou por Tui, xunto a súa ampla comitiva, tanto na viaxe de idade coma de volta da súa peregrinación á tumba do apóstolo Santiago en Compostela.
O obxectivo da Concellería de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, que dirixe o concelleiro Laureano Alonso, con esta edición é a difusión do fenómeno da peregrinación xacobea e os valores que representa entre os cidadáns tudenses, especialmente os menores, para consolidar a tradicional hospitalidade tudense cara aos peregrinos e posicionar ao noso municipio nos Camiños de Santiago.
Este material conta co deseño e o debuxo do ilustrador tudense Andrés Lamas que realizou un amplo traballo de documentación que reflectiu no mapa que acompaña ao caderno didáctico. No mesmo recóllese unha breve introdución sobre este nobre peregrino e a transcrición do relato do seu paso pola cidade de Tui, para rematar cunha proposta de sinxelas actividades para a aula a realizar polo alumnado tudenses.
Este material vai ser distribuído nos centros educativos tudenses. O concello contempla un agasallos para todos os alumnos e alumnas que participen na propostas de actividades que se ofrecen.
O concelleiro Laureano Alonso explica que a edición deste caderno didáctico é unha nova accións desenvolvida polo Concello de Tui para a promoción da nosa cidade no ámbito xacobeo. Súmase así á creación do Foro do Camiño, a edición de material promocional ou a presenza en Facebook co perfil "Camiño Portugués. Tui".
Tui recibe unha subvención de 600 mil euros do Consello Superior de Deportes para a reforma do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez
A execución das obras comezará en breve
O Concello de Tui vén de recibir a comunicación por parte da subdirección Xeral de Promoción e Innovación Deportiva da concesión por parte do Consello Superior de Deportes dunha subvención de 599.863,23€ dentro das axudas ás corporacións locais e empresas públicas municipais do ano 2021 para obras de accesibilidade e obras en infraestruturas deportivas relacionadas coa celebración de competicións de carácter internacional.
Estes case 600 mil euros destinaranse á reforma do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez, sede do Club Kaiak Tudense que organiza anualmente ao Descenso Internacional do Miño.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosaba a súa satisfacción pola concesión desta subvención que cubrirá a práctica totalidade do investimento previsto, e que inicialmente se ía asumir con cargo ao remanente de tesourería. Con esta actuación renovaranse completamente as instalacións que datan do ano 1987. A proposta a executar buscará abrir a zona de adestramento, na planta baixa, ao Miño, cun sala de espera, entrada lateral, acceso adaptado, almacén de piraguas, e vestiarios. Mentres, no primeiro andar que aumentará en volume, plantéxase a zona administrativa, crearase unha zona de fisioterapia, sala de descanso, zona de sauna, hidromasaxe, crioterapia e vestiarios, e se manterá a zona de ergómetros. O edificio contará con novas entradas de luz natural e toda a fachada será revestida dunha "pel" que lle dará homoxeneidade e a integrará no entorno.
As obras comezarán en breve xa que o proxecto foi xa licitado e está pendente de completar o proceso de adxudicación.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que con este proxecto reformarase o centro municipal de piragüismo que era a única instalación deportiva de carácter público que non fora obxecto de obras nos últimos anos.
O Concello de Tui promove a xornada "Turismo para un crecemento inclusivo"
Celebrarase o vindeiro luns, 27 de setembro, Día Mundial do Turismo
O Concello de Tui promove unha xornada titulada "Turismo para un crecemento inclusivo" con motivo do Día Mundial do Turismo que se celebra o próximo luns. Será na Aula da UNED no antigo convento de San Domingos de 10 a 13 h.
Con esta actividade o Concello de Tui ten por obxectivo promover unha reflexión sobre as posibilidades que, de cara ao futuro post-covid, ofrece o noso territorio no ámbito turístico no que cómpre traballar en varias liñas de traballo:
- Unha inmediata para mitigar os efectos socioeconómicos da pandemia como foi a liña de axudas de reactivación comercial para a continuidade dos negocios e o mantemento do emprego
- Procura de novos sectores de oferta turística
- Promover a competitividade e a capacidade de recuperación mediante a diversificación e o fomento do emprendemento
- Impulsar a innovación e a transformación do turismo, afondando na calidade fronte a masificación
- Aliñamento do sector cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) centrados, nesta oportunidade, na inclusión.
O próximo luns, 27 de setembro, ás 10.15 h está prevista a inauguración por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. A continuación a xornada contará cun relatorio a cargo do profesor da Escola de Turismo da Universidade da Coruña, Carlos Rodríguez Carro, que abordará unha reflexión sobre o sector turístico. Centrarase especialmente nas oportunidades que se abren neste escenario post-covid e que cómpre aproveitar dende unha aposta pola calidade, a diversificación e as novas ofertas de produtos turísticos.
Celebraranse dúas mesas redondas. Unha primeira "Turismo para todos" para amosar as actividades que no ámbito da inclusión realizan empresas e emprendedores tudenses. Na segunda mesa redonda "Novas iniciativas turísticas" participarán as novas ofertas turísticas especializadas que se desenvolven no ámbito tudense: ofertas de turismo familiar, para mascotas, etc. O programa complétase cunha intervención sobre o posicionamento do Camiño Portugués ao seu paso por Tui nas redes sociais.
Esta actividade está organizada polas concellerías de Turismo e Camiño de Santiago e Formación, Emprego e Igualdade do Concello de Tui. Da continuidade ás celebradas nos anos 2019 e 2020 e que tiveron unha excelente acollida. Este ano, debido as condicións da pandemia, as prazas están limitadas a 30 que se cubrirán por rigoroso orde de inscrición. Os interesados enviar os seus datos a turismo@tui.gal.
XORNADA DIA MUNDIAL DO TURISMO
Luns 27 de setembro
Turismo para un crecemento inclusivo
10.15 h: Inauguración polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González
10.30: Ponencia de Carlos Rodríguez Carro, profesor do grado en turismo da Universidade da Coruña
11.15 h Mesa redonda: Turismo para todos
- Ana Isabel Mariño - Hotel Torre do Xudeu
- Carlos Estévez - Federación Galega de Motonáutica
- Laura Méndez - Restaurante El Molino
11.45 h A promoción do Camiño Portugués a través das redes sociais por Cristóbal Ramírez
12.30 h Mesa redonda: Novas iniciativas turísticas
- Sara Quintana Vila (Visitas guiadas Tui)
- Natalia Lago Bravo (Educación ambiental no Parque Natural do Monte Aloia - A fada do Aloia)
- Ana Mª Rodríguez Ruiz (centro zoolóxico termal "El Arca" - Balneario de Caldelas)
13.00: Clausura
Organiza: Concellería de Turismo e Camiño de Santiago e Concellería de Emprego e Formación
Lugar: Aula Uned
Inscrición previa en turismo@tui.gal
|