|
Tomiño resolve 9 de cada 10 incidencias rexistradas a través da súa app móbil 'Línea Verde'
O municipio pechou xa máis de 4.000 desde a implantación desta ferramenta e anima á veciñanza a empregala
- Fai xa ano e medio que o Concello de Tomiño puxo en marcha a súa app móbil 'Línea Verde', unha ferramenta de comunicación directa que permite aos veciños e veciñas comunicar incidencias acontecidas no municipio tales como luces fundidas, fochancas no pavimento, lixo na rúa ou mobiliario público deteriorado, entre outras.
Desde a súa posta en marcha en marzo do 2020 foron rexistradas máis de 4.500, das cales xa foron pechadas máis de 4.000, 9 de cada 10 (o 88,64%). Algunhas delas adoitan resolverse en menos de tres días laborables, como por exemplo as de alumeado público, que representan case un terzo das incidencias totais. Cada mes o sistema rexistra unha media de entre 200 e 250 notificacións, unha cifra que aumenta especialmente nos meses de inverno debido ás tormentas e as avarías que estas causan no tendido eléctrico, chegando case ás 300 durante este período. Do mesmo xeito, durante o presente ano tamén houbo unha tendencia ascendente debido ao maior coñecemento da aplicación por parte da veciñanza, que a emprega cada vez máis debido á súa utilidade e sinxeleza.
Comezar a empregala é moi sinxelo para o usuario. Tan só é necesario descargar a app 'Línea Verde' de xeito gratuíto a través de Google Play ou da App Store e seleccionar o municipio de Tomiño. Para comunicar unha nova incidencia soamente hai que premer no botón 'Nova incidencia', escoller a súa tipoloxía, enviar a ubicación da mesma e achegar algunha foto e explicación breve sobre o problema.
Este proceso de dixitalización tamén foi asumido polo persoal do Concello: unha vez que o cidadán envía unha notificación, esta chega á tablet de cada equipo de traballo en función da tipoloxía indicada, que inicia os trámites para proceder ao seu arranxo. "Este sistema facilita moito o traballo do persoal municipal, xa que permite organizar a resolución das tarefas dun xeito moito máis eficiente, ademais de proporcionarnos moitos datos e estatísticas a tempo real", comenta o concelleiro de Obras e Organización Interna, Alexandre Pérez Souto. Unha vez completado o proceso, o cidadán recibe outra notificación no seu móbil informándoo de que a incidencia rexistrada xa foi solucionada.
"Desde o Concello animamos á veciñanza a empregar esta aplicación, unha ferramenta útil xa que permite ao cidadán comunicarse co Concello dun xeito cómodo e rápido, o que facilita a resolución das incidencias", comenta a alcaldesa Sandra González.
Tomiño inaugurará a 2 de Outubro un dos maiores skatepark da provincia
O acto será aberto ao público e haberá unha exhibición das diferentes modalidades, como BMX, Skateboard, Scooter ou Roller
Sábado, 2 de Outubro, terá lugar a inauguración da nova área de espazos deportivos situada na Alameda de Goián, que estará composta por unha pista de skatepark e unha pista polideportiva. O novo espazo está encadrado dentro do proxecto "Máis Goián", un proxecto integral de reforma urbana que procura conectar todos os equipamentos públicos da vila a través da mobilidade peonil, e virá a complementar outros equipamentos deportivos situados na área como o campo de Fútbol do Regatiño ou o pavillón de Goián.
O acto será aberto ao público, comezará ás 13:00 e contará coa intervención de Uxío Benítez, 1º tenente alcalde e deputado provincial de Mobilidade e Espazo Público; Teo López, representante do colectivo local OG Rippers; Sandra González, alcaldesa de Tomiño e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. Ao remate da presentación haberá unha exhibición das diferentes modalidades que poderán practicarse na pista, tales como BMX, Skateboard, Scooter ou Roller. Pola tarde, a partir das 15:00 horas, o colectivo local OG Rippers organizará tamén dúas competicións de skateboard, unha para menores de 14 anos e outra para adultos, na que é posible inscribirse a través dun formulario dipoñible na súa páxina de Facebook.
O ámbito da intervención, financiada a través do Plan Concellos 2020, abarca uns 4.000 metros cadrados, dos cales preto de 1.400 corresponden ao skatepark, converténdoo nun dos maiores da provincia. No seu deseño contouse co asesoramento de expertos nestes deportes, participando no seu deseño un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos "O Marisquiño", ademais de ser fundamental en todo o proceso a participación da mocidade do municipio que practica algunha destas modalidades.
Tomiño ilumínase de verde para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer
O municipio súmase á iniciativa de AFAGA para visibilizar unha doenza que padecen arredor de 70.000 galegos e galegas
O Concello de Tomiño quixo sumarse á iniciativa de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia) para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer este 21 de setembro, iluminando a fachada do consistorio municipal de verde para contribuír a visibilizar esta doenza.
Arredor de 70.000 galegos e galegas padecen de Alzheimer, a doenza mental máis estendida entre as persoas maiores, con previsións de que esta cifra continúe aumentando nos vindeiros anos. En paralelo a esta realidade, a pandemia do Covid-19 supuxo un agravamento nas condicións de vida de moitas das persoas que a padecen e nas súas familias, minguando tanto a súa calidade de vida como a da atención e os coidados recibidos.
Desde o Concello de Tomiño queren mostrar todo o seu apoio ás persoas que padecen Alzheimer e outro tipo de doenzas dexenerativas e ás súas familias. Do mesmo xeito, desde a institución queren agradecer o labor de asociacións como AFAGA e de todos os coidadores e coidadoras que día a día traballan tanto no coidado e a atención destas doenzas como na súa visibilización.
Tomiño participa na XIV limpeza simultánea de ríos
A actividade desenvolverase o vindeiro domingo 26 de setembro e será preciso inscribirse
Un ano máis o Concello de Tomiño súmase á participación na limpeza simultánea de ríos ao abeiro do Proxecto Ríos, unha xornada na que as persoas voluntarias se achegan ás beiras dos seus ríos próximos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais.
A actividade, que terá lugar o vindeiro domingo 26 de setembro, iniciou a súa andaina no ano 2008 para chegar este ano á súa décimo cuarta edición, na que participan máis de 65 entidades entre concellos, asociacións, colectivos ecoloxistas e centros de ensino. En Tomiño a actividade está coordinada desde a Concellería de Medio Ambiente e a Oficina Municipal de Información Xuvenil. A hora de encontro será as 10:00 horas da mañá e o río e os tramos que se limparán serán acordados coas persoas voluntarias en función da súa parroquia de procedencia. As persoas voluntarias serán agasalladas cunhas camisolas do proxecto. Para participar como voluntario/a na xornada, que se desenvolverá o vindeiro domingo 26 de setembro, é preciso inscribirse chamando ao teléfono 986 622 001 ou enviando un correo a tecnica.medioambiente@tomino.gal.
Respectaranse tamén as indicacións pertinentes en relación á situación de pandemia provocada pola COVID-19 dependendo da situación sanitaria de cada zona. Dende o Proxecto Ríos recoméndase que os grupos sexan de 10 persoas como máximo e se respecte sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 m. O uso de máscara será de obrigatorio para todas as persoas participantes. Co fin de evitar unha maior xeración de lixo, desde a organización solicitan que cada persoa voluntaria traia as súas propias luvas.
Proxecto Ríos
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
|
|
|
Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
 |
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000
|
Há estórias de casas e casas com história Externato de Santa Rita de Caminha
 |
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000
|
República em Tumulto
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
História Nossa Crónicas de Tempos Passados por Terras de Caminha e Âncora
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento Apoiado pela Fundação EDP
|
Da Monarquia à República no Concelho de Caminha Crónica Política (1906 - 1913)
 |
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
O Estado Novo
e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense
Júlio Baptista (1882 - 1961)
 |
Organização e estudo biográfico do autor
por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000
|
Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora
 |
Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000
|
Memórias da Serra d'Arga
 |
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000
|
Outras Edições Regionais
|