JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A Mancomunidade do Baixo Miño porá un autobús para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública en Vigo

Será de balde e poderá solicitarse a través das webs dos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui a partir do luns 27

A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, formada polos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, súmase á manifestación convocada pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo ante o perigo ao que está sometida a atención primaria por falta de persoal e de medios. A Mancomunidade porá a disposición da veciñanza transporte público gratuíto para asistir a esta manifestación que se celebrará o vindeiro xoves 30 de setembro ás 20.00 horas dende o PAC de Vigo, na rúa Pizarro.

As persoas interesadas poderán solicitar o autobús a través dos formularios habilitados nas webs dos catro concellos, indicando nome, apelidos, teléfono de contacto e indicando en cal destes municipios se collería o transporte. En función do número de solicitudes deseñaranse os horarios e rutas necesarios e daranse a coñecer. Os formularios estarán abertos dende o vindeiro luns 27 ata o mércores 29 de setembro.

Dende a Mancomunidade reclámase unha mellora da atención sanitaria nos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. Aos recortes súmase a falla de substitucións por baixas ou vacacións, o que provoca que nos centros haxa pouco persoal sanitario dispoñible e longas esperas para obter unha cita.

As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.

Concello de O Rosal


A Agrupación Musical de Vincios porá ritmo a noite do sábado do Rosal

O concerto comezará ás 21.00 horas na Praza do Calvario e a entrada e gratuíta

A Agrupación Musical de Vincios porá o ritmo a noite rosaleira deste sábado. O grupo ofrece un concerto ás 21.00 horas na Praza do Calvario onde compartirá coa veciñanza todo o seu gran repertorio musical. A entrada é de balde ata completar o aforo e o concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, anima aos veciños e veciñas a asistir para "desfrutar da música na rúa en pleno centro do Rosal".

A Agrupación Musical de Vincios naceu no no ano 1979, cando Julio Costas Davila e Guillermo Costas Valverde, crean a primeira escola de música da parroquia de Vincios. Ese proxecto faise realidade no ano 1982 coa fundación da Asociación Agrupación Musical de Vincios, na que está integrada a banda de música e da que foi o seu primeiro presidente Néstor González Vilaboa. Na actualidade a Agrupación está composta por máis de 150 persoas, que se reparten nas tres bandas de música (dúas delas formadas por alumnos da escola) e un coro.

Esta actuación forma parte do programa O país das bandas, promovido pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares, co obxectivo de servir de motor para a recuperación da actividade bandística no país. Ao seu abeiro estanse a celebrar preto de cen concertos a cargo de 77 agrupacións que rematarán a finais a deste mes.

Concello de O Rosal


O Rosal aposta por 'Educar en familia'

O Concello pon en marcha un espazo para que os pais e nais rosaleiros atopen resposta a moitas das inquedanzas educativas que se dan no día a día e ferramentas para afrontalas

O Concello continúa apostando por acompañar ás familias rosaleiras na educación dos seus fillos e fillas. Por este motivo pon en marcha o proxecto 'Educando en familia', un espazo para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día, así como ferramentas para poder afrontalas. "Queremos que sexa unha iniciativa dinámica que recolla as suxestións e achegas sobre cuestións que interese ás propias familias e que se converta nun espazo onde escoitalas e onde ter en conta as súas necesidades sobre educación e crianza", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A iniciativa contempla unha serie de charlas mensuais no Centro Social Polivalente do Rosal a partir das 19.00 horas apoiadas por profesionais en pedagoxía, psicoloxía, formación ou educación familiar, entre outros. A entrada será sempre libre ata completar aforo, aínda que para asegurar a asistencia as persoas interesadas poderán inscribirse previamente a través da web municipal antes do luns anterior a cada encontro. Ademais, ofrecerase servizo de canguro para facilitar a asistencia e conciliación de todas e todos os participantes.

A primeira charla terá lugar o venres 1 de outubro e estará centrada nas ferramentas para un estudo eficaz en familia. A pedagoga Eva Gándara falará a pais e nais de que poder facer na casa para que o ambiente de estudo sexa o axeitado, sobre como se sobreprotexe aos nenos e nenas nas diferentes etapas escolares ou sobre ferramentas para favorecer un estudo autónomo e eficaz. No mes de outubro celebrarase un segundo encontro, o día 29, no que a psicóloga Andrea Iglesias abordará a comunicación na familia durante a adolescencia. Na charla do venres 26 de novembro, as familias poderán falar sobre a importancia do xogo e o xoguete na infancia coa educadora social Angelina Gándara e o 17 de decembro a terapeuta ocupacional Lorena Guerra descubrirá a importancia da autonomía persoal no desenvolvemento e aprendizaxes dos nenos e nenas.

O programa 'Educando en familia' terá carácter trimestral e nos vindeiros encontros as familias poderán afondar en cuestións que afectan a diferentes fases da etapa formativa de rapaces e rapazas, dende o desenvolvemento da linguaxe e prevención de dificultades ata onde poñer os límites, a educación no feminismo, a importancia da lectura e claves para promovela, educar sen premios nin castigos ou o uso do tempo de lecer durante a infancia.

A rexedora anima a todas as familias rosaleiras a participar nestas actividades que buscan "contribuír ao benestar dos máis cativos e cativas, dando resposta a esa primeira infancia e á rede familiar que a conforma. Queremos atender as necesidades de pais, nais e crianzas, propiciando aprendizaxes e cambios significativos na súa contorna".

Concello de O Rosal


O Rosal xa presume do seu Ecoparque O Campo Novo, en Viso dos Eidos

Cerca de 200 veciños e veciñas inauguraron o novo espazo paisaxístico, mención de honra no prestixioso premio de arquitectura Simonetta Bastelli

Os veciños e veciñas do Rosal xa poden presumir do Ecoparque O Campo Novo, en Viso dos Eidos. Cerca de 200 persoas asistiron á inauguración dun espazo cun gran valor patrimonial e etnográfico que integra, ademais de áreas para o lecer e a convivencia para todas as idades, unha antiga mina de auga restaurada e un lavadoiro. O Ecoparque érguese nunha contorna estratéxica á nivel paisaxística, xa que está ao lado do río Padín e próximo aos muíños do Folón e o Picón, polo que se converterá nunha parada obrigatoria nos paseos da veciñanza.

A inauguración do Ecoparque veu acompañada tamén do seu primeiro gran recoñecemento. O espazo recibiu a mención de honra nos prestixiosos premios de arquitectura Simonetta Bastelli. O xurado recoñeceu o gran labor da arquitecta e paisaxista María Fandiño para crear un espazo no que a arquitectura se mimetiza dunha maneira sostible e eficaz co patrimonio natural e etnográfico de Viso dos Eidos. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, aproveitou o acto de inauguración para "dar os parabéns e as grazas a arquitecta polo seu gran traballo".

A rexedora mostrouse "moi feliz" polo remate dun proxecto que se alongou dous anos e que comezou cun proceso participativo aberto a toda a veciñanza. "Coma sempre escoitamos as suxestións e peticións dos veciños e veciñas para crear un espazo ao gusto da veciñanza", e que cristalizou "neste Ecoparque de uso polivalente para todas idades", destacou a rexedora. Os nenos e nenas teñen diversos xogos de madeira, hai varias mesas para o desfrute das familias, diversos recunchos onde convivir, falar, ler, xogar… ademais de dous biosaudables a petición das veciñas da contorna. A entrada ao Ecoparque tamén conta cun espazo asfaltado que se pode adicar a varios usos, dende aparcamento ata escenario musical, como foi onte, co "fermoso concerto inaugural" que ofreceu a Banda da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal "á que lle estamos moi agradecidos e agradecidas por participar", afirmou a alcaldesa.

O proxecto contou cun investimento de 93.000 euros cofinanciados con fondos propios municipais e con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e recibe o nome de Campo Novo, xa que se ergue nunha parcela que antigamente estaba adicada a uso agrario. "O espazo é agora un campo novo e moderno para o lecer e o desfrute da nosa natureza e patrimonio", conclúe a alcaldesa.

Concello de O Rosal




Edições C@2000

Cemitérios de Caminha - Fragmentos de memória
Autor: Lurdes Carreira
Edição: C@2000


Há estórias de casas e casas com história
Externato de Santa Rita de Caminha
Autor: Rita Bouça
Edição: C@2000


República em Tumulto
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

História Nossa
Crónicas de Tempos Passados
por Terras de Caminha e Âncora
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000

Do Coura se fez luz
Hidroeletricidade, iluminação pública
e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos
do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais