O vídeo documental sobre esta experiencia vinculada ao cabalo de pura raza galega comeza un ciclo de proxeccións por diversas asociacións que traballan no eido da diversidade funcional
O proxecto "Do Mosteiro a Santiago", unha iniciativa de Finca Moreiras organizada polo Concello de Oia e beneficiaria do programa O teu Xacobeo, segue a dar pasos adiante nos seus obxectivos de unir a posta en valor do patrimonio, a promoción e difusión do cabalo de pura raza e a creación de oportunidades. A través dun vídeo-documental, o proxecto difundirá a súa experiencia por distintos centros galegos que traballan con persoas con diversidade funcional.
A experiencia "Do Mosteiro a Santiago" desenvolveuse o pasado mes de outubro e nela participaron un centenar de usuarios e usuarias das asociacións Avelaíña, Arela, Aceesca, Juan María e San Xerome; os cales fixeron varias etapas da ruta xacobea entre Oia e Santiago acompañados por cabalos de Finca Moreiras.
A saída desde o Mosteiro de Oia, os distintos tramos percorridos por cada un dos grupos, a chegada a Santiago, as experiencias vividas polas persoas participantes e a especial relación forxada entre elas e os cabalos de pura raza galega quedaron documentadas nun vídeo elaborado por Ollomol Audiovisual.
Con algo máis de 20 minutos de duración, o documental é un fiel reflexo do acontecido nesta experiencia única de convivencia, superación e goce da paisaxe e o patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago. Ao mesmo tempo, nel plásmase a especial dificultade de organizar e desenvolver a peregrinación en plena pandemia, nun momento de elevado nivel de restricións.
Agora, este audiovisual comezará un ciclo de proxeccións que o levará a percorrer as distintas entidades participantes, así como outras asociacións que traballan no eido da diversidade funcional. A primeira destas proxeccións tivo lugar o martes no Mosteiro de Oia e contou coa asistencia de representantes e persoas usuarias das entidades implicadas.
Proximamente, o vídeo tamén estará dispoñible na canle de Youtube do Concello de Oia.
Agradecementos
Como entidade organizadora, o Concello de Oia quere manifestar o seu agradecemento a Finca Moreiras polo deseño, posta en marcha e desenvolvemento da iniciativa "Do Mosteiro a Santiago", así como ás distintas asociacións que participaron e se implicaron dun xeito tan intenso no proxecto.
Así mesmo agradece a colaboración da Xunta e o Xacobeo 2021 e da empresa patrocinadora Civis Global. Finalmente, tamén quere trasladar o seu recoñecemento ao Mosteiro de Oia, por permitir que o percorrido partise desde o emblemático cenobio cisterciense fundado no século XII, e a Ollomol Audiovisual pola súa dedicación.
Contará coa participación das artistas Mónica de Nut (música), Elsa Pereira (danza), Silvia Penas (poesía), AveLina Pérez (teatro) e Gloria Rodríguez Gil (música)
Conta atrás para a representación a cargo do obradoiro de teatro veciñal de Oia, que este ano se desenvolverá no interior do Mosteiro de Oia. Cun formato de visita dramatizada e con temática feminina, esta proposta cultural contará coa participación de 5 artistas galegas. A cita será o próximo sábado 25 e haberá tres pases: ás 12.00 horas, 17.00 e 19.00 horas.
A proposta deste ano desenvolverase baixo o título "6x6 punto de encontro o Arrabal: o mar tamén ten amores" e, xunto co alumnado do obradoiro veciñal, participarán un total de 5 artistas de diversas disciplinas: Mónica de Nut (música), Elsa Pereira (danza), Silvia Penas (poesía), AveLina Pérez (teatro) e Gloria Rodríguez Gil (música).
Seguindo os protocolos por mor da COVID-19, as prazas para asistir á actividade son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse previamente no correo electrónico cultura@concellodeoia.es ou no teléfono 639.32.94.93 (indicando nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto). Para máis información pódese chamar ao Concello de Oia ao número 986.36.21.25.
A visita dramatizada constará de varias pezas de temática feminina, poñendo en valor a achega das mulleres na historia de Oia e recoñecendo traballos tradicionalmente invisibilizados ou pouco recoñecidos.
A actividade forma parte do proxecto "6x6 punto de encontro o Arrabal: o mar tamén ten amores", organizado polo Concello de Oia e beneficiario do programa "O teu Xacobeo" da Xunta de Galicia.