JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño estrea unha innovadora plataforma multitenda de venda online para o comercio local

Atenda.gal abre este venres 18 con espazos personalizados para cada un dos establecementos adheridos. Esta iniciativa, costeada de forma íntegra polo Concello, é totalmente gratuíta para as e os comerciantes

O portal será de manexo doado e intuitivo para o cliente final, que poderá acceder a todas as tendas cunha soa conta de usuario

Tomiño estrea este venres 18 de decembro atenda.gal, unha novidosa plataforma multitenda de venda online para o seu comercio local coa que o Concello busca apoiar á veciñanza e ao comercio de proximidade nestes tempos de cambio. Nun momento de auxe da venda online por mor da pandemia, Tomiño apostou por acompañar ao comercio local no salto á dixitalización e facelo empregando un modelo diferente no que combinou a formación das e dos comerciantes en novas tecnoloxías co desenvolvemento desta plataforma multitenda na que os establecementos adheridos son os verdadeiros protagonistas.

Fronte a sistemas marketplace xurdidos ao inicio da pandemia onde os establecementos perden entidade e visibilidade, en Tomiño "decidimos apostar por unha fórmula diferente que non ten comparación no resto da comarca. Mentres outros optaron por facer unha tenda para moitos comercios nos quixemos crear unha tenda online para cada comercio. Por iso en atenda.gal cada ten o seu espazo e a súa propia tenda, adaptada ás súas necesidades e realidade, coa súa personalidade, a súa imaxe corporativa, os seus logos... algo que para nós é unha garantía de éxito de futuro", salienta a alcaldesa, Sandra González.

Cada comercio adherido a esta iniciativa é totalmente autónomo na xestión da súa tenda e ocúpanse de introducir ou eliminar produtos, xestionar o stock ou os envíos, por exemplo. Ademais, cada establecemento conta con sistemas de pago personalizados e encárganse do cobro directo ao cliente final sen intermediarios. A plataforma, costeada integramente polo Concello de Tomiño, é totalmente gratuíta para o comercio local, que non ten que afrontar ningún tipo de canon ou custo de mantemento.

Un sistema sinxelo para os comerciantes e para o cliente final, que poderá acceder a todas as tendas da plataforma cunha soa conta de usuario. A web será moi doada de usar e intuitiva, algo que se reflicte incluso no dominio empregado, atenda.gal, que busca asociar esta nova modalidade de compra á que se fai nos comercios de barrio. "Son os mesmos comercios coa mesma calidade e a mesma atención personalizada de sempre pero chegamos a eles a través doutra canle", explica a rexedora.

A plataforma entra en funcionamento aproveitando a campaña de Nadal é xa é considerado un caso de éxito, con novos establecementos interesados en adherirse incluso antes da súa apertura ao público. Dende o Concello quérese agradecer ao comercio a acollida tan positiva desta iniciativa. "Accións como esta serven tamén para manter e incluso crear emprego nos negocios dos barrios, que o están pasando moi mal. Dar este paso vai axudar a moitos comercios a chegar a nova clientela e vai dar un pulo importante ao comercio local", destaca Ana G. Morell, de Morell 85, que afronta este novo reto "moi emocionada e con moita confianza".

Comparte ilusión Patricia Oliveira, da mercería O Fío, para quen dar este salto "é case como abrir un negocio novo". Pola súa parte Lorena Bouzada, de Ferretería & Hogar Bouzada, destaca que "as redes sociais e internet teñen un potencial moi grande e hai que aproveitalo".

Tras a apertura da multitenda o Concello continuará realizando traballos de dinamización do portal, así como acompañando a cada un dos comercios integrantes para que collan soltura no manexo da súa tenda e lle saquen o maior rendemento posible.

Concello Tomiño


Tomiño continúa ampliando a súa rede de saneamento

No que vai de ano incorporáronse xa 45 novas vivendas á rede de saneamento e realizáronse obras de mellora nas instalacións xa existentes

O Concello de Tomiño continúa traballando por levar a rede de saneamento ao máximo número de vivendas posible, especialmente a aquelas máis achegadas á rede xa existente, onde resulta máis eficiente realizar a conexión.

Esta ampliación foi levada aos barrios de Paredes, O Ral, Pazos, A Costa, San Lourenzo ou O Rexidouro, entre outros. Entre as vivendas que se sumaron grazas ás ampliacións da rede feita no presente ano e aquelas que se conectaron a unha rede xa existente, sumáronse en total 45 novas incorporacións á rede de saneamento.

Aparte da ampliación da rede, realizáronse tamén obras de mellora na rede existente, como a renovación do colector en Centinela, Goián. Aproveitando as obras de peonalización realizadas no presente ano na rúa República Arxentina e na rúa A Guarda, o Concello aproveitou para reunirse cos propietarios dos edificios colindantes para facer tamén a separativa entre as augas pluviais e a rede de saneamento, aliviando así a carga que esta viña soportando. Esta obra está previsto que sexa realizada tamén nas áreas do núcleo de Goián que están sendo remodeladas na actualidade, como o caso da Avenida Ordóñez.

No presente ano 2020 o Concello de Tomiño investiu preto de 100.000 euros en realizar unha serie de melloras na rede. Desde a institución lembran que para aquelas familias que aínda non puideran conectarse á rede de saneamento, o Concello ofrece desde finais do ano 2017 un servizo de baleirado de fosas sépticas. Os pasos e condicións para acceder a este servizo poden ser consultados na web municipal a través da ligazón https://tomino.gal/medio-ambiente/.

Concello Tomiño


A mocidade tomiñesa organiza actividades para o Nadal

O envío de postais de nadal para os maiores do concello, a instalación dunha árbore de desexos ou un autocine, entre as iniciativas aprobadas

A técnica municipal de xuventude e a concelleira de Mocidade reuníronse a semana pasada a través de videoconferencia cos representantes de Voces Novas, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, para traballar na organización de actividades neste Nadal. Os mozos e mozas fixeran na anterior reunión un conxunto de propostas ás representantes municipais para avaliar a súa viabilidade loxística e orzamentaria.

Desde Voces Novas teñen claro, e máis nunha situación como a actual, que este Nadal ten que ter tamén un carácter solidario, polo que unha das iniciativas aprobadas foi a de facer unha recollida de postais e cartas para os maiores, especialmente os usuarios das residencias e os centros de día, para que se sintan máis acompañados nestas datas tan sinaladas. Espérase que participen na iniciativa todos os centros de ensino do concello.

Entre as propostas que se desenvolverán está tamén a instalación dunha árbore dos desexos no Mercado de Tomiño, onde a xente poderá pendurar as súas aspiracións para o ano 2021. Preténdese que a árbore sirva tamén como un punto de intercambio de agasallos.

Varias das iniciativas feitas polo grupo pasarán a formar parte da programación cultural de Nadal do Concello, como por exemplo a realización dun evento de "autocine" o vindeiro 2 de xaneiro ás 20:00h na rúa Daniel Calzado, onde se proxectará o filme "Solo en Casa", ou o espectáculo de contacontos que se fará o 28 de decembro ás 11:30h na Praza do Seixo da man de Xoán Curiel e Charo Pita.

Outras propostas feitas na reunión anterior como o concurso de videoxogos, o de relatos ou o de sobremesas tamén foron aprobados, pero levaranse a cabo ao longo do próximo ano.

Concello Tomiño


O deputado do BNG no Congreso visita Tomiño para interesarse polo proxecto da biblioteca municipal

O goberno local aproveitou a súa visita para amosarlle diversos proxectos de gran importancia estratéxica para o municipio

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, realizou unha visita institucional ao Concello de Tomiño este mércores para interesarse polo proxecto da biblioteca municipal, un dos máis importantes na axenda do goberno local. O deputado nacionalista xa solicitou o apoio do Ministerio de Fomento para axudar a financiar a súa construción a través dunha das enmendas presentadas na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado que tivo lugar recentemente.

Rego foi recibido pola alcaldesa, Sandra González, acompañada tamén por boa parte dos concelleiros do goberno local, que lle ensinaron o lugar escollido para a instalación da futura biblioteca, ademais de mostrarlle as instalacións da Casa do Concello, a praza do Seixo e o Mercado de Tomiño.

A alcaldesa trasladou ao deputado a necesidade de contar co apoio económico das demais administracións públicas para poder executar a obra, especialmente co do Ministerio de Fomento, que xa tiña comprometida unha partida orzamentaria para a realización do proxecto durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, pero que foi suspendida trala súa saída do executivo. A rexidora destacou tamén o feito de que a recuperación de dita partida foi aprobada por unanimidade no pleno municipal.

Aproveitando a visita do parlamentario, o goberno local amosoulle tamén outros proxectos de relevancia para os que sería fundamental contar co apoio do goberno central, como por exemplo os encadrados dentro da estratexia de cooperación transfronteiriza no marco da Eurocidade Tomiño-Cerveira e a AECT Río Miño, destacando a necesidade de potenciar a cooperación nun tramo da fronteira polo que circula o 50% do tráfico de todo o Estado entre España e Portugal. Tamén se falou, entre outros, de proxectos para potenciar e recuperar a riqueza paisaxística e natural do río, como a Senda do Miño, ou a ponte peonil que pretende unir, a través do tramo máis estreito do río, a Fortaleza de Goián co parque do Castelinho de Vila Nova de Cerveira.

Tamén estivo presente na reunión o vicedirector da Agrupación Europea de Cooperación Territorial del Río Miño (AECT Rio Minho) e deputado de Cooperación Transfronteriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, que instou a Rego a dar voz á problemática que afecta aos municipios transfronteirizos de ambas beiras do río en materia xurídica, debido ás incongruencias e diferenzas legais que existen entre os dous países e que dificultan o día a día dos veciños así como a realización de moitos proxectos.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais