|
O Concello comeza as obras de recuperación de hábitats naturais no espazo Rede Natura nas Eiras
Crearase un aparcamento amplo ao marxe da estrada e impedirase o acceso de vehículos ata a praia, ademais de proceder á retirada de varias especies exóticas invasoras
Para a realización destas obras o Concello conseguiu captar máis de 24.000€ a través dunha subvención da Xunta de Galicia cofinanciada con fondos Feader
O Concello do Rosal acaba de poñer en marcha o proxecto de recuperación de hábitats naturais no espazo Rede Natura nas Eiras, unhas obras que comezaron a executarse esta mesma semana e que se prolongarán durante o ano 2021 coas que se busca dar un impulso á recuperación e posta en valor das ribeiras do Miño ao seu paso polo municipio. Para a realización destas actuacións o Concello conseguiu unha subvención de máis de 24.000 euros da Xunta de Galicia ao abeiro das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas con fondos Feader no marco do Prorgama de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Esta zona, integrada nunha franxa continua da ribeira galega do curso baixo do río Miño considerada Zona de Especial Conservación e Zona de Especial Proteccións para as Aves, vese afectada na época estival "pola grande afluencia de persoas que acoden a ela a desfrutar da praia ou da ruta homologada da Senda dos Pescadores, enchendo en ocasións de vehículos ata a beira mesma do río, ocupando áreas potenciais para actividades de lecer, deteriorándose a paisaxe e provocando danos á vexetación", explica a concelleira de Medio Ambiente do Rosal, Sara Vicente.
Para evitar o progresivo deterioro, o Concello realizará varias intervencións que permitan a reordenación do espazo público empregando modelos máis respectuosos coa natureza, retirando os vehículos motorizados da contorna da praia das Eiras e da beira do río. Para iso xa está a habilitar unha zona de aparcamento en batería no límite do espazo natural, coincidente coa marxe da estrada local próxima á ribeira e con capacidade para coller ao moitos dos turismos que accedían ata a beira.
Esta medida complementarase coa instalación de estruturas que impidan o acceso dos vehículos ata a praia e cortando a pista existente na actualidade, que quedará para uso exclusivo de peóns e bicicletas, así como de ambulancias ou máquinas da comunidade de montes para o mantemento da zona. Todo isto vai permitir a rexeneración da zona e "mellorar o estado de conservación dos tipos de hábitat naturais así como as condicións do seu ámbito nos espazos protexidos Rede Natura 2000 con tipoloxía de zonas húmidas e corredores fluviais".
Por outra banda, promoverase a información e concienciación ambiental a través da instalación de sinalización que permita comprender os obxectivos beneficiosos de limitar o acceso de vehículos a motor e potenciar o uso peonil.
As actuacións rematarán coa eliminación de especies invasoras dispersas, así como do foco de robinia ou falsa acacia, unha árbore orixinaria do norte de América de presenza menos frecuente que a acacia negra pero cun comportamento invasor máis agresivo e de maior resistencia aos tratamentos. Estes traballos de erradicación son complementarios a outros levados a cabo noutras zonas do Baixo Miño, como os que se desenvolven nas ribeiras de San Xoán de Tabagón e San Miguel de Tabagón por iniciativa das respectivas comunidades de montes.
Concello de O Rosal
O Concello recupera a Fonte de Martín, no Camiño do Souto
O goberno municipal continúa co plan de recuperación de elementos patrimoniais do municipio. Os operarios municipais limparon esta fonte, datada de 1917, e restauraron o firme e un banco situado ao seu carón
O Concello do Rosal continúa coa recuperación de elementos patrimoniais históricos espallados por toda a localidade. Os operarios municipais acaban de rematar os traballos de recuperación da Fonte de Martín, unha instalación data de 1917 situada no Camiño do Souto, no antigo camiño de acceso aos Muíños do Folón.
A fonte permanecía oculta á vista debido á gran cantidade de maleza que a recubría. Os operarios municipais levaron a cabo nos últimos días os traballos de eliminación de toda a herba e plantas que a recubrían, así como a limpeza da propia fonte e dos tanques de auga.
Xunto con estas tarefas tamén restaurou o firme da fonte, garantindo a seguridade de todas as persoas que se acheguen ata ela, e recuperouse un banco que estaba derruído e que permitirá á veciñanza desfrutar deste espazo.
Todas estas tarefas enmárcanse no plan posto en marcha polo goberno municipal para poñer en valor aquelas construcións singulares coas que conta O Rosal, como fontes e lavadoiros, e que xa comezaran coa recuperación da fonte de Marzán, un lavadoiro histórico situado na zona coñecida como o Campo da Fonte e datado do ano 1891.
Concello de O Rosal
Esta San Silvestre no Rosal
córrese de foto en foto
O Concello adapta a tradicional carreira de fin de ano e pon en marcha un concurso co que fomentar o deporte ao aire libre tendo en conta a situación epidemiolóxica
Nova realidade, novas formas de continuar celebrando a San Silvestre no Rosal. O Concello adaptou a tradicional carreira de fin de ano para que os rosaleiros e rosaleiras poidan seguir desfrutando do deporte saudable ao aire libre tendo en conta a actual situación epidemiolóxica e a nova realidade. Por este motivo, este ano O Rosal celebrará a 'San Silvestre fotográfica', un concurso aberto a todas as persoas no que para participar deberá facerse unha foto co dorsal da carreira en calquera espazo natural do concello "fomentanto así o deporte nestas datas tan entrañables ante a imposibilidade de organizar esta carreira de xeito tradicional", como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse no concurso os días 21, 22, 23, 28 ou 29 de decembro nas propias instalacións do Concello de 08.00 a 14.00 horas. Para anotarse será preciso facilitar nome, apelidos, DNI e número de teléfono e unha vez inscritos faráselle entrega do dorsal correspondente.
Na fotografía o dorsal deberá aparecer nun lugar ben visible e terá que enviarse entre o 30 de decembro e o 6 de xaneiro, ambos os dous días incluídos, por correo electrónico ao enderezo participa@concellodorosal.gal. As imaxes serán colgadas nas redes sociais do Concello a partir do día 7 de xaneiro.
O venres 15 de xaneiro procederase a realizar un sorteo entre todas as persoas participantes, que competirán nunha única categoría cun único premio que consistirá nunha cesta con produtos típicos do Rosal.
Os pais, nais e titores de menores que participen deberán asinar a autorización correspondente no momento da inscrición para poder formar parte do concurso. A participación suporá a aceptación das bases e implicará o permiso ao Concello para publicar a fotografía co nome do autor ou autora na web e para arquivalo na súa base de datos.
Concello de O Rosal
O Rosal tínguese de cor e mensaxe coa intervención artística da ilustradora Tamara Baz
O mural forma parte da campaña de sensibilización en igualdade do Concello 'Revolucionando Mentes' e está situado no muro exterior do campo municipal de fútbol
A entrada ao Rosal tínguese de cor e mensaxe cunha nova intervención mural realizada pola ilustradora Tamara Baz, unha obra coa que a autora fala a favor da igualdade real e efectiva entre todas as persoas. Este mural é unha das accións da campaña de sensibilización en igualdade do Concello rosaleiro 'Revolucionando Mentes', coa que se busca achegar á veciñanza unha nova conciencia social baseada no respecto por todas as persoas, independentemente do seu xénero.
"A información é a arma máis poderosa para cambiar a mentalidade da sociedade xeral, para concienciar á cidadanía sobre a importancia da igualdade real e efectiva e para inculcar un cambio de actitude e resposta ante as diferentes realidades que xiran arredor da muller. Invitamos a todo o mundo a pararse un momento diante deste mural e reflexionar sobre o reto colectivo que temos coa igualdade", destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández.
A obra xa pode visitarse no muro exterior do campo municipal de fútbol, un lugar elixido por ser un acceso moi transitado tanto por peóns como por vehículos e cun impacto visual no conxunto do núcleo urbano. O máis sincero agradecemento de parte do Concello á U.D. Ribera pola súa colaboración en todo momento para que esta intervención artística se fixera realidade. O mural contou cunha subvención da Deputación de Pontevedra para a súa realización e foi inaugurado este mércores coa presenza da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, da alcaldesa do Rosal e da propia autora.
Esta intervención convértese así nunha "oportunidade para sensibilizar e facernos reflexionar, revolucionar mentes cara unha sociedade máis respectuosa e empática", como salientou a artista. Tamara Baz traballou no seu deseño cunha estética "amable e alegre que invita a acoller o tema con optimismo", empregando formas orgánicas e siluetas que insinúan pero deixan lugar á imaxinación e cun concepto que xira "arredor dunha mente aberta e viva onde caben as diversas realidades sociais, unha mente que evoluciona cara un futuro mellor".
Dende o Concello optouse por esta forma de arte urbana para continuar coa campaña de sensibilización porque permite mostrar as obras á unha gran maioría, democratizando o acceso á arte e chegando gran parte da veciñanza de xeito libre e gratuíto. Unha ampla difusión coa que se busca facer chegar ao maior público posible a posta en valor da sororidade entre mulleres ante situacións de discriminación por razón de xénero e a afouteza para denunciar e intentar combater estas situacións. Búscase ademais sensibilizar a toda a cidadanía sobre unha problemática real e fomentar accións en favor da igualdade e corresponsabilidade.
Concello de O Rosal
A hostalería rosaleira súmase ao servizo para levar tras o peche obrigatorio a partir das 17h
O Concello dá traslado dos establecementos que dispoñen deste servizo estes días, así como os horarios
Ante as novas medidas restritivas establecidas polas autoridades sanitarias tras o peche perimetral conxunto do Rosal, Tomiño e A Guarda, parte da hostalería do municipio decidiu manter a súa actividade ofertando comida preparada para levar ben recollendo no establecemento ou servindo a domicilio. Dende o Concello facemos unha relación actualizada dos bares e restaurantes rosaleiros que dispoñen nestes intres de servizo para levar:
" A Competencia: encargos antes das 17.00 horas.
" A do Quesy: venres, sábados e domingos de 19.00 a 20.00 horas
" Quiosco O Chiringo: café e refrescos para levar en horario habitual.
" Floro: venres, sábados e domingos de 19.00 a 20.00 horas.
" O Lagar, en Eiras: venres, sábado e domingo tamén con servizo a domicilio. Para recoller no local encargos ata as 20.30 horas e recollida ata as 23.00 horas.
" O Rolete: sábados, domingos e festivos de 20.00 a 22.30 horas soamente durante o mes de decembro.
" Restaurante Juan: de 19.00 a 23.00 horas.
Dende o Concello queremos trasladar todo o noso apoio á hostalería, un dos sectores que tamén está a pasar por un dos seus momentos máis difíciles coa actual realidade sanitaria por mor da pandemia. Moitas grazas a todos e todas polo voso esforzo e pola vitalidade coa que seguides loitando por saír adiante aínda nas circunstancias máis adversas.
Concello de O Rosal
A Unidade Móbil de inspección técnica de vehículos estará no Rosal en xaneiro
Estará o día 20 no Pavillón Municipal para a revisión de ciclomotores
A Unidade Móbil de inspección técnica de vehículos desprazarase ao concello do Rosal o vindeiro mes de xaneiro para a revisión tanto de ciclomotores. Esta unidade estará o mércores 20 de xaneiro no Pavillón Municipal e o horario de atención ao público será de 09.00 a 13.30 e de 15.15 a 18.00 horas.
As persoas interesadas poden solicitar cita previa:
" Por teléfono: 902 30 90 00.
" A través da páxina web www.sycitv.com - Cita previa
Dende a inspección técnica sinalan que a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentaria.
Concello de O Rosal
Visita a mostra do Xabarín Club e deixa a túa sinatura para unha canle infantil e xuvenil en galego 24 horas
Aberta ata o mes de xaneiro no Salón de Exposicións todos os martes de 17 a 19 h e os días que haxa actividade programada nas instalacións
Podes deixar a túa sinatura tamén polas mañás nas dependencias do propio Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas
O Salón de Exposicións acolle ata o vindeiro mes de xaneiro a mostra 'Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG', unha exposición creada polo alumnado do CEIP A Guía de Moaña ao abeiro da campaña da Mesa pola Normalización Lingüística para poñer en marcha unha proposición parlamentaria por iniciativa popular coa que conseguir unha canle con programación dirixida ao público infantil e xuvenil que garante unha canle en galego con contidos atractivos, de éxito actuais e pasados, educativos e de produción galega.
A mostra estará aberta ao público todos os martes de 17.00 a 19.00 horas, así como todos os días nos que haxa programada algunha actividade no Salón de Exposicións, permanecendo dispoñible dende media hora antes de comezar a actividade ata media hora despois de rematar.
Ademais de desfrutar da exposición durante a visita as persoas interesadas tamén poderán deixar a súa sinatura para respaldar a iniciativa e levar a proposición ao parlamento. Tamén se poderá asinar polas mañás achegándose ás dependencias do propio Concello en horario de 09.00 a 14.00 horas.
Concello de O Rosal
|