Farase unha enquisa de satisfacción entre os usuarios para avaliar a calidade do servizo e analizar as cousas que se poden mellorar
O éxito da aula de estudo inaugurada fai menos dun mes en Tomiño superou todas as expectativas e xa está sendo empregada por ducias de usuarios. En apenas 25 días desde que se abriu o proceso de inscrición para obter a tarxeta de acceso, máis de 100 persoas a solicitaron e recibiron xa, moi por encima das previsións do goberno local.
O bo recibimento do servizo entre a poboación deixa patente a necesidade que o municipio tiña de contar cun espazo para o estudo, especialmente entre a mocidade. "Era unha demanda clamorosa que finalmente se fixo realidade. Non obstante non hai que esquecer que esta aula de estudo é unha solución a un problema que había que atallar, mais desde o Concello continuamos demandando a colaboración das administracións públicas para poder materializar o proxecto da biblioteca municipal, que tanta falta fai", comenta a alcaldesa Sandra González.
A aula, que ademais dun espazo para o estudo en silencio conta tamén con outro para os traballos en grupo, comezou tamén a albergar iniciativas como o EncáixaT, un proxecto desenvolvido polo Servizo Municipal de Educación e Apoio Familiar que procura dar resposta aos menores que, por causas diversas, precisan dun espazo de apoio e acompañamento persoal no seu itinerario vital. Na actualidade participan deste proxecto 8 nenos e nenas de todos os centros educativos do municipio.
A maioría das persoas que xa recibiron a tarxeta son de Tomiño, pero tamén hai usuarios de municipios da contorna como O Rosal, A Guarda, Gondomar, Lalín ou Mos, entre outros. Lorena é usuaria da biblioteca desde a primeira semana, ten 26 anos, é graduada en Dereito e está preparando oposicións. Aínda que é tomiñesa, leva xa un tempo vivindo na Guarda por motivos laborais, pero desprazábase a Tomiño para empregar a aula antes de que o municipio tivese que aplicar o peche perimetral, e espera volver unha vez se levanten as restricións. "Espazos coma este deberían existir en todos os concellos e agradécese que Tomiño dera o paso nese sentido, xa que era algo que a mocidade levaba pedindo desde fai bastantes anos", afirma.
Desde o goberno municipal informan que a intención é, de cara ao Nadal, realizar unha enquisa de satisfacción entre os usuarios e usuarias da aula para ver as cousas que se poderían mellorar, como por exemplo os niveis de ruído, a temperatura das instalacións ou os horarios, entre outras.
Este Nadal vai ser a todas luces diferente, marcado e atravesado pola situación de pandemia actual, e desde o Concello de Tomiño teñen claro que máis que nunca é necesario dar un impulso ao comercio local para que poida afrontar a campaña natalicia do mellor xeito posible.
É por isto que desde o goberno municipal acaban de lanzar "Nadal + Nadal", unha campaña que terá como beneficiarios aos comercios de Tomiño e a aquelas persoas que realicen as súas compras neles. En cada local que participe na campaña instalarase unha urna na que os clientes que merquen nos comercios adheridos á campaña entre os días 12 e 26 de decembro poderán depositar o seu tique de compra -cun valor máximo de 100 euros-.
O día 26 de decembro todas as urnas serán abertas no salón de Plenos da Casa do Concello e procederase ao sorteo, extraendo todos os tiques necesarios ata que a suma dos valores destes chegue á cantidade de 1.500 euros. Por cada tique premiado que apareza na lista, o Concello emitirá un vale polo dobre do seu valor, ata un máximo de 3.000 euros, e porase en contacto coas persoas premiadas.
Concurso de decoración
Coa intención de fomentar a creación dun ambiente agradable e atraente, para poder participar da campaña, os comercios de Tomiño deberán decorar os seus escaparates -ou locais comerciais no caso de non contar con este- con elementos natalicios ata o próximo 6 de xaneiro. Os comercios adheridos pasarán a formar parte dun concurso que premiará á mellor decoración, dependendo da modalidade na que estean inscritos. Os premios serán:
1º Premio Mellor escaparate ………………………… 500,00€
1º Premio Mellor local …………………………………. 500,00€
2º Premio Mellor escaparate ………………………… 250,00€
2º Premio Mellor local …………………………………. 250,00€
Os gañadores serán escollidos polo xurado dos premios, que estará conformado por dous representantes do comercio local, dous artistas do municipio e un representante do Concello de Tomiño. O veredicto será anunciado o vindeiro 30 de decembro ás 20:30 horas no salón de plenos do Concello.