Un stand da campaña estará este martes 15 de decembro de 16 a 20 h na Praza do Calvario con talleres e actividades lúdicas para todas as idades
O obxectivo é derrubar estereotipos de xénero e comportamentos que poidan conducir á violencia
O Rosal acolle o vindeiro martes 15 de decembro 'Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual', unha campaña posta en marcha pola Consellería de Emprego e Igualdade coa que derrubar estereotipos de xénero e comportamentos que poidan conducir á violencia a través de talleres e actividades lúdicas para todas as idades. O stand da campaña estará situado na Praza do Calvario de 16.00 a 20.00 horas e todas as actividades contarán coas medidas necesarias de prevención contra a COVID-19.
A través de obradoiros divididos en áreas de traballo con contidos concretos para sensibilizar contra a violencia sexual, as persoas participantes abordarán diferentes temáticas como o desmantelamento de estereotipos de xénero para combater o sexismo dende a infancia, os mitos sobre o amor, as alertas de micromachismos, a parella e a igualdade, a autoestima e valoración persoal, a violencia e as novas tecnoloxías, a educación en igualdade ou a importancia de estar informados.
Deste xeito en 'Canto de estereotipada está a túa mente?' reflexionarase sobre mensaxes que poden inducir moitas veces de xeito inconsciente a pensamentos esterotipados; co xogo interactivo 'A ruleta do amor romántico' falarase de mitos; visualizando fragmentos de contos, fábulas, refráns e ditos populares en 'Non me contes contos' reflexionarase sobre a información que se recibe e se transmite e co termómetro de 'Onde está o límite?' exporanse actitudes e comportamentos dentro da parella para debater sobre a delgada liña que separa unha relación aparentemente sa dunha relación tóxica.
Xogando cos espellos chega 'Eu non necesito #filtros' para reflexionar sobre a imaxe que queremos transmitir nas redes sociais; en 'Estas segur@ de premer o botón de enviar?' os e as participantes coñecendo os riscos e consecuencias do sexting deberán decidir se enviar contido relacionado con esta práctica; co móbil xogarase a 'Kahood da Igualdade', un xogo no que responder diferentes preguntas sobre violencia de xénero; e con códigos QR poderase acceder a información relacionada co programa.
Ademais destas actividades para persoas adultas tamén haberá obradoiros para os máis cativos: 'O tótem do sexismo' e 'Verdade ou mito'. Todas as accións completaranse con dúas actividades para todos os públicos, unha coa que animar a todas as persoas participantes a sumar ideas ao decálogo contra a violencia sexual e outra coa que xogar a adiviñar quen está detrás de cada frase, se un home ou unha muller razoando o porqué.
O Nadal chama á porta no Rosal cunha axenda cargada de actividades para toda a familia. "A pesar das restricións pola COVID e mantendo todas as medidas de seguridade quixemos crear un ambiente de Nadal con actividades culturais e de lecer dirixidas a pequenos e maiores coas que dinamizar as nosas rúas, fomentar a presenza de veciños e veciñas e potenciar o comercio local", explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A programación arrancará o vindeiro 23 de decembro coa primeira visita do Apalpador ao Rosal e coa música de Os Monifates, música tradicional nun formato acústico con instrumentos do máis variados. Comezará ás 16.30 horas na Praza do Calvario e será necesaria inscrición previa.
Xa o día 26 de decembro pola mañá será a quenda de Os Carunchos, que percorrerán as rúas do Calvario coa súa música tradicional a partir das 11.00 horas. Pola tarde, e previa inscrición, os rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar do concerto de Uxía 'Lume novo de Nadal' no Auditorio Municipal (20.00 horas).
O luns 28 de decembro A Apalpadora volve ao Rosal, nesta ocasión da man de Iseo a Moura a partir das 17.00 horas na Praza do Calvario. O día 29 de decembro a batucada de Latexo Percusión soará polas rúas da contorna do Calvario a partir das 18.00 horas. O mércores 30 La tropa de Trapo visitará a Praza do Calvario co seu espectáculo 'Catro Monos', catro contos para falar de como nos relacionamos entre nós e co medio, para que nenos, nenas e maiores rían, reflexionen, cante e soñen con outro mundo posible. A partir das 17.00 horas.
Antes de despedir o ano, o día 31 ás 17.00 horas O Apalpador regresa de novo ao Rosal para visitar a nenos e nenas na Praza do Calvario. A programación de Nadal rematará o 5 de xaneiro co espectáculo Os trasgos do Thea e a chegada dos Reis Magos ao Pavillón Municipal do Rosal a partir das 17.00 horas. Para esta actividade será necesaria inscrición previa.
Ademais de todas estas actividades, o Salón de Exposicións do Concello acollerá ata xaneiro 'Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG', unha mostra creada e cedida polo alumnado do CEIP A Guía de Moaña realizada no marco da acción da Mesa pola Normalización Lingüística para por en marcha unha proposición parlamentaria por iniciativa popular coa que conseguir unha programación infantil e xuvenil en galego dispoñible as 24 horas do día en distintas plataformas.
Todas as actividades de Nadal buscan tamén dinamizar o comercio local, levando aos rosaleiros e rosaleiras ás ruas e propiciando que realicen as súas compras no comercio de proximidade. Ademais de dispoñer dun cartel animando á mercar nestas datas no comercio local, os establecementos decoraranse con ornamentación creada polo alumnado dos centros de ensino rosaleiros.
Como ven sendo habitual, o Concello organiza todas estas actividades contando coas medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias, como o aforo reducido, o mantemento das distancias de seguridade ou o uso de máscara, apostando así unha vez máis pola cultura segura.