Empresarios tudenses xunto co Concello promoven unha campaña de bonos agasallo coma alternativa as ceas e aguinaldos de Nadal das empresas
A iniciativa parte de Jesús Vaz e Manuel González de Coplegal
"En Nadal Tui QuereTui" é o lema da campaña de bonos agasallo presentada esta mañá na Casa do Concello de Tui.
Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, o representante de EMPRETUI, Abel Vila, o presidente da Asociación de empresarios/as de Areas, Giorgio Casoni, e interviu Jesús Vaz e Manuel González da empresa Coplegal S.L.
O obxectivo da Campaña "En Nadal Tui QuereTui" é contribuír a paliar os efectos do peche da hostalería, as perdas no sector turístico e a baixada de ventas no comercio. As empresas que, tradicionalmente veñen celebrando as ceas de Nadal e que este ano non se poderán celebrar, poderán nestes tempos de pandemia agasallar aos seus traballadores e traballadoras con bonos para desfrutar en establecementos comerciais e de restauración e aloxamento de Tui. A iniciativa partiu dos empresarios de Coplegal S.L, Jesús Vaz e Manuel González.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asegurou que "esta iniciativa tan solidaria chega nun momento moi difícil para Tui no que, debido ao peche perimetral e ao peche da hostalería, está en risco a vialibilidade de moitos negocios". Agradeceu tamén aos empresarios de Coplegal S.L e as asociacións participantes a súa colaboración. Afirmou tamén que "a responsabilidade social das empresas é fundamental na recuperación económica".
A concelleira de Comercio, Ana Núñez, explicaba que esta campaña "fai unha chamada a solidaridade das empresas para que agasallen os seus traballadores tarxetas regalo como alternativa ao tradicional aguinaldo e as comidas e ceas de empresa no nadal, co obxectivo de contribuir a paliar os efectos do peche continuado no sector hostaleiro, as perdas no sector turístico e a baixada de vendas no comercio". Engadía a concelleira que "este xesto solidario permitirá axudar a moitas familias que levan moito tempo cos seus locais pechados ou baixo mínimos".
Na presentación os representantes de ACITUI, Juan Carlos Blanco, e o de EMPRETUI, Abel Vila, explicaron o funcionamento destes bonos. As empresas que queiran agasallar cun destes vales aos seus empregados e empregadas, poderán facelo dirixíndose a ACITUI se o que desexan é regalar un bono para o comercio local, e a EMPRETUI se o que queren é agasallar cun bono de hostalería e aloxamento. Os beneficiarios destes cheques terán até o 30 de xuño para desfrutar do seu bono en Tui. As papeletas son numeradas e en ningún caso poden ser intercambiadas por diñeiro en efectivo.
Jesus Vaz da empresa Coplegal S.L, de quen partiu a idea xunto ao seu socio Manuel González, que plantexaron esta iniciativa para non perder as tradicións de Nadal das empresas ao tempo contribuír á mellora da economía tudense.
O presidente da Asociación de empresarios e empresarias do Polígono de Areas, Giorgio Casoni, asegurou que a iniciativa está a ter unha moi boa acollida no tecido empresarial de Tui, con varias empresas xa interesadas en participar.
Os establecementos de Tui que estean interesados en participar nesta iniciativa poden adherirse até o domingo 13 de decembro cumprimentando o formulario dispoñible na web municipal www.tui.gal.
Mentres as empresas que desexen agasallar aos seus traballadores e traballadoras con este bonos poderán optar entre AGASALLA COMERCIO LOCAL, para o que se deben pór en contacto con ACITUI ( 986 60 75 56 - acitui@acitui.es), ou AGASALLA HOSTALERÍA E ALOXAMENTO para o que se deben dirixir a EMPRETUI ( 604 03 27 31 - info@empretui.com) solicitando o número de tarxetas que precise co importe que desexe. Logo a persoa beneficiara terá até xuño de 2021 para consumir o importe íntegro da tarxeta nun único establecemento entre os que figuren na listaxe de adheridos á campaña.
Mercadiño de libros solidarios na Biblioteca Municipal de Tui
Estará aberto do 4 ao 12 de decembro
A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza entre venres 4 e o sábado 12 de decembro un mercadiño solidario de libros, en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui.
Nestas xornadas a Biblioteca Municipal ofrece os libros destinados ao expurgo, procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aqueles lectores interesados poidan recoller aquelas obras que resulten do seu interese. A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.
Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, dende novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta.
O mercadiño estará aberto no horario de atención ao público da Biblioteca Municipal de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 21.30 h e os sábados de 9 a 14 h.
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, con esta actividade a Biblioteca Municipal oferta un amplo abano de libros a todos os afeccionados á lectura a cambio da entrega de produtos do Nadal cunha finalidade solidaria. É unha ocasión de achegarse para atopar algunha publicación, xa fora do mercado ou descatalogada, que deste xeito aproveita ao lector interesado e tamén á familia que recibirá os produtos de Nadal.
Tui iniciou a campaña "O Camiño do Nadal" co acendido do alumeado ás 18 h
Volverá iluminarse o gran abeto do final da Corredoira despois de máis de 8 anos
A 4 de decembro, ás 18 h teve lugar o acendido da iluminación de Nadal en Tui. Co lema "O Camiño do Nadal" o Concello de Tui continua a campaña iniciada en 2019 na que a posta en valor dos elementos locais, a reutilización de elementos e a reciclaxe marcan a decoración destas festas.
As actuais condicións de pandemia limitarán a celebración de actividades que tiñan lugar en anos anteriores, pero con todas as medidas de seguridade dende a Concellería de Cultura artellouse unha programación para o disfrute na rúa dunhas festas diferentes por parte de cativos e maiores.
Para o acendido de Nadal non haberá un acto simbólico coma noutras ocasións para tentar evitar así a aglomeración de persoas nun punto concreto. Por iso optouse simplemente polo acendido dos 113 arcos e os 55 elementos de iluminación con tecnoloxía led instalados nas rúas do centro urbano e tamén nos puntos de entrada ás distintas parroquias mañá venres ás 20 h. A principal novidade será a iluminación de novo, tras oito anos, do gran abeto situado no cruzamento entre o Paseo da Corredoira, a Avenida da Concordia e rúa Maristas que foi iluminado con 3 mil lámpadas led.
Na decoración das rúas e prazas optouse por segundo ano pola posta en valor do patrimonio local destacando o Camiño Portugués de Santiago, do que Tui é a porta de entrada a Galicia. Así unha frecha amarela e a palabra "Tui" son a imaxe desta campaña "O Camiño do Nadal". Na decoración realizada primou a reutilización e a reciclaxe de elementos. Entre as principais novidades está a colocación dunha casiña de madeira de Nadal na zona peonil do Paseo da Corredoira, para a que se reutilizou unha estrutura de madeira que hai anos foi oficina de Turismo. Xunto a esta casiña de chocolate haberá tamén un pergamiño no que deixar mensaxes para estas festas, o buzón real ou un elemento decorativo coas imaxes da campaña para poder facerse fotografías Tamén se incorporan á decoración figuras de anxos realizados con madeira e corda, e xunto a farois de madeira. Un pequeno tren de madeira, bicicletas, renos, coellos, … serán outros dos elementos, estreados xa en 2019, e que volven reutilizarse nestas festas. Tamén se volveu instalar na rúa Ordóñez a árbore de Nadal de madeira coa frecha amarela coma estrela e co nome de todas as parroquias na súa base. Estes elementos estarán colocados nas prazas de Fromista, a Armada e San Fernando, a carón da igrexa de San Telmo, no Paseo da Corredoira, nas rúas Ordóñez, Ourense, Colón, e no Paseo Familia Álvarez Blázquez.
Nas próxima semanas darase a coñecer o programa de animación musical que haberá durante as datas festivas con pasarrúas a cargo de distintos grupos. A programación pecharase o 5 de xaneiro coa presenza en Tui dos Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar.
A exposición "Benjamín de Tudela, un viajero en el tiempo" pode visitarse en Tui até o 12 deste mes
Trátase dunha mostra itinerante da Red de Juderías de España
A exposición de fotografías "Benjamín de Tudela. Un viajero en el tiempo" chega a Tui ata o vindeiro 12 de decembro, dentro da súa itinerancia polas cidades que integran a Red de Juderías de España. A mostra está conformada por 54 fotografías de Jesús Álvarez tomadas nunha viaxe que emulou o que describe nos seus escritos o propio Benjamín de Tudela e que o levaron a coñecer numerosas comunidades sefardís por todo o Mediterráneo e por Europa.
Para o concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago do Concello de Tui, Laureano Alonso, esta exposición permite achegarnos a un percorrido pola "ruta do viaxeiro máis internacional da Idade Media: de Tudela a Xerusalén pasando por Roma, Alexandría, Constantinopla ou Francia". A exposición recolle o estado actual das xuderías e dos países que Benjamín de Tudela visitou entre 1163 e 1174, impresións recollidas posteriormente no seu Libro de Viaxes publicado en Constantinopla en 1543.
Laureano Alonso sinala como esta exposición é unha das actividades programadas pola Red de Juderías entre os seus socios para a promoción e difusión do legado da cultura xudía, que ten en Tui un dos lugares sobranceiros no Noroeste peninsular.
A exposición pode visitarse de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 21.30 h e os sábados de 9 a 14 h.
Información complementaria
Benjamín de Tudela viviu na segunda metade do s. XII e foi o viaxeiro xudeu medieval máis importante. A única fonte de que dispomos é a súa obra Libro de Viaxes. Aínda que escritores non xudeus titúlanlle frecuentemente como rabí, non existen probas de que o fose, se se exceptúa a abreviatura convencional fixada ao seu nome nas fontes hebreas. Fillo do rabí Jonás e home preparado, pois tiña formación en historia, ademais de ser coñecedor do hebreo, arameo, grego, latín e árabe.
Podería fixarse o inicio das súas viaxes entre 1159 e 1167 (reinando en Navarra Sancho VI o Sabio) e o seu regreso en 1172-1173 (ano 4933 do calendario xudeu). Segundo isto, as súas viaxes tiveron unha duración mínima de cinco anos e unha máxima de catorce. Esta última hipótese parece a máis probable, dado que a súa última etapa -desde que abandona Exipto e chega a España- durou polo menos un ano.
Tampouco se coñece a finalidade destas viaxes, aínda que parece que Benjamín de Tudela puidese ser comerciante en pedras preciosas xa que consta que en máis dunha ocasión mostrou vivo interese polo comercio da coral. Na súa viaxe tomou contacto coas comunidades xudías que se ía atopando.
En total, visitou 190 cidades de Europa e Oriente, converténdose nunha das primeiras fontes da demografía xudía. O seu interese de centrou nos xudeus e a súa situación, describindo personalidades, centros de estudos, poboación, formas de vida, dificultades e éxitos. Tamén fala dos grandes acontecementos políticos e históricos da súa época.
O seu Libro de Viaxes (Sefer Maasaot), publicado en hebreo en Constantinopla en 1543, baséase nas notas e impresións recollidas durante o seu longo periplo. Desde Tudela descende polo val do Ebro: Zaragoza, Tortosa, Tarragona, Barcelona e penetra en Provenza a través de Girona. Embárcase en Marsella e viaxa a Xénova, Pisa, Lucca e Roma, cidade na que debeu deterse durante un tempo, a xulgar polo minucioso relato que ofrece dos seus monumentos.
Deixa Roma e encamíñase cara ao sur, onde chega a Salerno. Embarca novamente en Otranto, pasa pola illa grega Corfú, no mar Xónico e Arta. Atravesa Grecia e detense en Constantinopla, da que ofrece unha viva descrición, de gran importancia para o coñecemento das condicións e situación socioeconómica dos seus habitantes naquel momento.
Cruza o mar Exeo (illas Mytilene, Chíos, Samos, Rodas) até Chipre. Xa en terra firme, pasa por Antioquía, Sidón e Tiro, entrando en Israel por Acre, naqueles momentos en mans dos Cruzados. Percorre o país e describe detalladamente os Santos Lugares deixando un documento de especial interese para o coñecemento de Palestina daquela época.
De camiño cara ao Norte, pasa por Tiberíades, Damasco, Alepo e Mosul, cun itinerario difícil de precisar. Chega a Bagdad, cidade que describe con maior extensión que calquera outra. É probable que viaxase ao longo e ancho de Mesopotamia e Persia, aínda que nestes relatos abundan os materiais lendarios. É improbable que se aventurase a traspasar estes ámbitos xeográficos, aínda que se esforzou por reunir noticias sobre as comunidades xudías de lugares aos que non viaxou, como Arabia, Persia, Asia central, India ou Ceilán, e mesmo menciona a existencia da xudaría de Kai Fong en China.
Xa de volta, fai unha admirable descrición de Exipto e en especial, da vida dos xudeus no Cairo e Alexandría, cidade na que embarca para chegar a Sicilia. Dános unha descrición coidadosa e pintoresca de Palermo. De alí, probablemente, regresa a España por mar, aínda que o itinerario finaliza cunha idealizada visión da vida xudía de Alemaña e do norte de Francia, baseada talvez en relatos que chegaron aos seus oídos.
Datos extraídos de:
" Libro de viaxes de Benjamín de Tudela. Riopiedras Edicións, 1982.
" Versión castelá, introdución e notas de José Ramón Magdalena Nom de Déu
|