|
Horário do Ferry (de 12 a 17 de Março)
Veciños da Guarda e Caminha percorreron o Sendeiro do Tea
O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha continúan ofertando actividades deportivas conxuntas cun novo calendario de andainas para este ano 2019, no que se inclúen un total de 5 andainas e, como nas edicións anteriores, os percorridos realízanse en Galicia e Portugal.
As andainas iniciáronse o pasado sábado día 23 de febreiro cun percorrido pola Ecopista ao carón do Río Miño entre Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho.
O sábado 9 de marzo veciños da Guarda e Caminha realizaron a ruta polo Sendeiro do Tea, cunha distancia aproximada de 13km. O percorrido iniciouse en Ponteareas, nas proximidades da praia do Freixo e os participantes seguiron a senda sinalizada do río Tea que transcorre pola marxe dereita do río ata Mondariz. Ademais da típica vexetación de ribeira, contemplaron fermosas praias fluviais, muíños e maxestosos cruceiros antes de rematar no afamado balneario de Mondariz. O concello máis pequeno de Galicia ben mereceu dedicarlle unha visita e algún paseo antes de volver no autobús para a casa.
O Calendario de Andainas 2019 continúa coa ruta de Peneda a Sistelo o sábado 6 de abril, a ruta da Pedra e da Auga e do Río San Martiño o martes 1 de Maio e rematarán coa ruta do Sendeiro do Miradoiro de Matacás o sábado 1 de xuño.
Calendario 2019 de Andainas
ANDAINA 3.- SÁBADO, 6 DE ABRIL: RUTA DA PENEDA A SISTELO (PORTUGAL)
Distancia: 20 km
Saída: 8.30 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 18.00 h.
Prezo: 10 €
Ruta guiada por Ignacio
Descrición: A ruta comeza no santuario da Nossa Senhora da Peneda, un dos máis afamados do Norte de Portugal. Desde alí ascendemos ata a zona dun lago glaciar e superada esta primeira dificultade a ruta diríxese en lixeiro descenso cara Sistelo, o pequeno Tibet, que xa visitamos noutras ocasión. A paisaxe da serra da peneda coas súas brandas (Pardelhas, Furado Aveleira), da Bouça dos Homens, as aldeas de Padrao e Porta Cova, acompáñanos na viaxe ata divisar os típicos socalcos característicos de Sistelo, o Pequeño Tibet encravado no corazón de Portugal.
ANDAINA 4.- MARTES, 1 DE MAIO: PR-G171 RUTA DA PEDRA E DA AUGA E DO RÍO SAN MARTIÑO (MEIS)
Distancia: 20 km
Saída: 8.00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 19.00 h.
Prezo:
Descrición: Comeza e remata a ruta no mosteiro cisterciense de Armenteira. A andaina está composta en realidade de dúas rutas. A da Pedra e da Auga con numerosos muíños restaurados que salpicados polas beiras do río Armenteira. Nos arredores de Barrantes iniciamos a ruta polo río San Martiño que nos permitirá contemplar interesantes igrexas románicas (San Martiño e San Salvador de Meis) e espléndidas paisaxes da ría de Arousa.
ANDAINA 5.- SÁBADO, 1 DE XUÑO: SENDEIRO DO MIRADOIRO DE MATACÁS (CASTRO CALDELAS - OURENSE)
Distancia: 16,5 km
Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 20.00 h.
Prezo:
Descrición: É a andaina de maior esixencia física das realizadas neste ano polo desnivel acumulado de subida de 1.141 m. Trátase dunha ruta homologada no 2018 (PR-G 237) na Ribeira Sacra ourensá, no concello de Castro Caldelas. No percorrido poderemos contemplar viñedos, soutos e sobreiras centenarias así como a espectacular panorámica sobre o Canón do Sil desde as Penas de Matacás.
Concello de A Guarda
Encontro sobre a produción de sal entre a Protohistoria e a Antigüidade na Costa da Guarda
A Casa dos Alonsos da Guarda acolle o vindeiro venres 29 de marzo un encontro sobre a produción de sal entre a Protohistoria e a Antigüidade na Costa da Guarda e Viana do Castelo
O sal desempeñou un papel de grande importancia na economía da Antigüidade. Con usos domésticos, simbólicos e médicos de todo tipo, foi sobre todo un compoñente fundamental na industria de salgadura, tanto no comercio de peixe salgado como na preparación de prebes. Ao longo das dúas últimas décadas, o avance da investigación arqueolóxica permitiu documentar un importante conxunto de explotación do sal ao longo da costa da antiga Gallaecia. Neste encontro falaremos dos resultados do proxecto Mar de Sal no estudo das evidencias de aproveitamento do sal durante a Protohistoria e da gran transformación que experimentou a industria salineira a partir da chegada do Imperio Romano coa implantación de grandes salinas mariñas.
Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural son unha iniciativa levada a cabo pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que comezou en novembro de 2015. A intención destes Encontros era xerar un espazo de difusión, debate, encontro e coñecemento arredor de diferentes proxectos que afectan ao patrimonio cultural en xeral e que moitas veces non chegan a un público amplo por diferentes motivos. Os encontros acollen a calquera persoa que se queira achegar a este espazo, ben sexa un profesional da xestión do patrimonio ou da cultura, ben sexa unha investigadora / investigador ou calquera axente social que teña interese polo patrimonio. Os protagonistas dos encontros son sempre o elemento patrimonial e o debate arredor del. Os encontros focalizáronse até o de agora en proxectos de arqueoloxía, rehabilitación, arquitectura, historia da arte ou mesmo en enfoques interdisciplinarios; pero tamén na xestión patrimonial, na divulgación do patrimonio, na participación cidadá e no conflito patrimonial; en patrimonios esquecidos e vivos, materiais e inmateriais, amigables ou conflitivos; nas políticas patrimoniais, nos encontros e des-encontros. Como se pode ver, nun abano moi amplo ao longo dos 23 Encontros anteriores.
No ano 2018 puxeron en marcha o programa IN SITU, que traslada a difusión e reflexión ao contexto xeográfico e social dos bens, analizando no mesmo lugar as realidades patrimoniais. IN SITU quere contribuír a evidenciar a necesidade desa análise, pero tamén a crear outros lugares de reflexión fóra do seu habitual espazo na sede do CCG en Santiago de Compostela. Para este ano 2019, a temática seleccionada dentro deste programa é "A produción de sal en época romana no sur de Galicia e norte de Portugal", sobre a que realizaremos dúas xornadas: o 29 de marzo na Guarda e o 30 de abril en Vigo, e que terán como obxectivo a reflexión arredor de diferentes proxectos que, ao longo dos últimos anos, interviñeron en distintos xacementos do sur de Galicia e do norte de Portugal relacionados coa produción de sal en época romana, de xeito que poidamos obter un panorama xeral sobre esta práctica no noso contexto xeográfico.
PROGRAMA
17:00 horas
Presentación
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega
17:15 horas
O proxecto Mar de Sal e o estudo das paisaxes do sal da Antigüidade
Brais X. Currás, arqueólogo, Universidade de Coimbra-CEAACP
18:00 horas
As intervencións nas salinas de Oia e O Seixal
Mar Cortegoso Comesaña, arqueóloga profesional
18:45 horas
A exploração de sal na Proto-História. O exemplo de Viana do Castelo
Miguel Costa, Tiago Brochado e Jorge Machado, arqueólogos, Câmara Municipal de Viana do Castelo
19:30 horas
Debate
LUGAR
Casa dos Alonso
Praza do Reló, 1
36780 A Guarda
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Máis información: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200781
Concello de A Guarda
Anxo Baz repite como candidato do BNG á Alcaldía da Guarda
"A formación nacionalista volveu elixir a Anxo Baz candidato polo BNG cun proxecto ilusionante e transformador para A Guarda""
A asemblea local do BNG na Guarda elixe a Anxo Baz como cabeza de lista para as próximas eleccións municipais 2.019.
Anxo Baz representa como ninguén o "proxecto do BNG para a Guarda". Unha persoa dinámica, con inquedanzas, achegado ás persoas, participativa e comprometido coa nosa cultura e coa Guarda.
Anxo Baz, como hostaleiro da localidade, ten un bo coñecemento do tecido comercial guardés, cunha visión clara dos problemas polos que atravesa o noso pobo e cun firme convencemento de que un cambio de rumbo e outras políticas pódese reverter o actual estado de decadencia que ven sufrindo a Guarda dende hai anos.
"Temos un proxecto coas ideas claras. Queremos unha Guarda para quedarnos e vivir nela. Unha Guarda humana, onde se coida o patrimonio mentres gozamos del paseando por un casco urbano cunha importante actividade comercial e cultural que promoveremos dende o concello. Unha vila con clara vocación integradora, onde a mobilidade sexa un dos seus sinais de identidade: mobilidade para conectar as parroquias ao centro, para que todas as persoas poidan acceder a calquera recuncho deste marabilloso pobo" sinala Anxo Baz.
O BNG considera que é o momento de apostar por unha candidatura diferente, unha candidatura que poña as persoas por diante, cunha especial preocupación polas cuestións sociais, educación, cultura sen esquecer os nosos sectores produtivos, conxugando un xeito de facer política aberto ao pobo que faga sentirse a calquera guardés ou guardesa orgulloso do pobo no que vive.
BNG de A Guarda
O transbordador Ferry-Boat fai a súa parada anual por mantemento
A partires do sábado 16 de marzo queda suspendido o servizo do ferry entre Caminha e A Guarda por traballos de revisión e mantemento obrigatorios que obrigan a varalo no estaleiro. A previsión é que o servizo se restableza en tres semanas unha vez pasada a revisión correspondente e a renovación do certificado de navegabilidade.
Informarase convenientemente do día e horas de comezo.
Sentimos as molestias que poda ocasionar.
Concello de A Guarda
O Coro Gli Appassionati visita A Guarda no segundo concerto do ciclo de Música Coral
O pasado sábado día 16 de febreiro arrancou no Centro Cultural da Guarda o Ciclo de Música Coral, contando nesta ocasión coa participación do Coro Diapasón de Ferrol, o Coro Arpegios da Guarda e o Coro Cantábile da Guarda.
Despois deste primeiro concerto, o vindeiro sábado día 30 de marzo o Centro Cultural acollerá o segundo concerto do Ciclo de Música Coral contando coa participación do Coro "Gli Appassionati".
O coro "Gli Appassionati" nace no ano 2012 da man da mezzosoprano Nuria Lorenzo, é unha formación coral integrada por xoves "apaixoados" polo canto e a música en xeral que os define como grupo. Este coro representa a consolidación dun esforzo por crear unha formación vocal de gran calidade abordando unha gran variedade de repertorio de gran dificultade que inclúe obras de música Clásica, Pop, e do folclore internacional con plenas garantías de éxito e alto nivel de esixencia.
Os seus compoñentes posúen unha sólida preparación vocal e musical así como unha ampla experiencia coral, gañando numerosos premios e contando cun gran palmarés no que se inclúen 10 Premios nacionais, 1º Premio no I Certame Nacional de Canto Coral de Villanueva de la Serena de Badajoz, Premio Especial do Público no L Certame da Canción Mariñeira de San Vicente de la Barquera en Cantabria, Finalistas no LXIII Certame Internacional de Habaneras e Polifonía de Torrevieja, 1º Premio no II Certame de Corais Vila de Arbo, entre outros.
Sen dúbida unha extraordinaria oportunidade de escoitar a unha das mellores formacións corais no Centro Cultural da Guarda, a entrada é de balde ata completar o aforo e o inicio do concerto será ás 20:30h, retirada de entradas previa dende o 25 de marzo no Centro Cultural.
Concello de A Guarda
Abertas as inscricións para un Curso de Ximnasia Sénior na Guarda
A Concellería de Deportes do Concello da Guarda oferta un Curso de Ximnasia Sénior para persoas maiores de 65 anos.
O curso levarase a cabo todos os mércores e venres en horario de 11:30h a 12:15h e realizarase na sala de actividades da Piscina Municipal da Guarda.
A actividade ten un custe mensual de 10 € por persoa participante.
As inscricións están xa abertas e as prazas son limitadas. Todas as persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición acudindo á OMIX, no 2º andar do Concello da Guarda, na Casa dos Alonsos.
Concello de A Guarda
Abertas as inscricións para a segunda edición de "Coas mans na masa" para a elaboración artesanal de conservas e ungüentos naturais
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural segue apostando pola formación e posta en valor do territorio. Tras o éxito acadado en 2018, a Escola Eu Rural pon en marcha a segunda edición do programa 'Coas mans na masa', un itinerario formativo centrado na transformación de produtos do sector agrario que busca engadir valor no mercado a través da transformación de materia prima abundante na contorna en produtos de gran calidade e da súa conservación para a posterior comercialización.
Nesta ocasión o programa 'Coas mans na masa' acolle dúas accións formativas diferencias. Por un lado, volverán a impartirse os cursos dedicados á elaboración de conservas artesanais e naturais con alimentos de tempada que abunden na contorna. Nesta nova edición o itinerario formativo recae novamente na Guarda, en resposta á gran demanda de inscricións existentes na primeira edición, nos días 13, 14 e 15 de maio.
Poderá inscribirse e participar nestes cursos calquera persoa que resida no territorio do GDR 14 e estea interesada, independentemente de que o concello no que viva non dispoña de curso. As xornadas son de balde e a inscrición farase a través da web www.eurural.org, dirixíndose ao apartado denominado Escola. Todos os cursos se impartirán en horario de 16.30 a 20.30 horas e haberá un máximo de 15 alumnos e alumnas por curso.
'Coas mans na masa' nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.
Dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa elaborada pola AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio do GDR 14, recóllese unha aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación e ata o de agora xa se formaron a máis de 200 persoas.
Concello de A Guarda
A Guarda celebrou o Desfile-Concurso de Entroido
O Concello da Guarda acolleu na tarde do pasado sábado día 8 de marzo de 2019 o Desfile-Concurso de Entroido, despois de terse aprazado pola situación meteorolóxica desfavorable.
Sobre as 17:30h, e tal e como estaba previsto, empezou o Desfile-Concurso de Entroido con saída dende a esquina famosa, facendo o seu percorrido pola Rúa Puerto Rico e Rúa Galicia, para chegar finalmente á Alameda da Guarda.
Durante o transcurso do desfile foron moitos os veciños e veciñas así coma visitantes os que non se quixeron perder esta oportunidade de participar e asistir ao desfile, que nesta edición contou cun xurado composto por representantes da Asociación Fibromiño, Asociación Veciñal O Percamiño e Asociación Cultural Rock´n´rolla. O xurado valorou a participación nas diferentes categorías atendendo á orixinalidade, posta en escea, elaboración, maquillaxe e música, obtendo a nota final coa suma de todos estes apartados, tal e como figura nas Bases do Concurso.
Gañadores:
Categoría Individual infantil:
1. Lolipop
2. Supermario Bros
3. Cenicienta y Rapunzel
4. Traxe hindú
Categoría Individual Xuvenil Adulto
1. Fantasía Rei, Doctor Reina
2. Dragón Rojo
3. Mikaela Pedroche
4. Bender
5. Mérida/brave
6. Fama, la que baila
Grupos
1. Flota de avións
2. Traxe Cordobés
Carrozas
1. Verano Azul
2. La Voz
Comparsas
1. Abba
2. Os Firisos
Dende a Concellería de Cultura agradécese a participación de todos e todas, dando os parabéns aos premiados e premiadas.
Concello de A Guarda
A Guarda recibe 3 selos SICTED na III Gala Anual de Turismo Rías Baixas
O pasado martes día 12 de marzo celebrouse na cidade olívica a terceira edición da Gala Anual de Turismo Rías Baixas, evento no que se realiza un recoñecemento ao turismo da provincia coa entrega dos certificados SICTED, o distintivo que premia a excelencia e a profesionalidade de empresas e servizos turísticos.
A este evento acudiron en representación municipal o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo Montserrat Magallanes, onde recolleron os diplomas e carteis do distintivo SICTED para a Oficina de Turismo Municipal da Guarda e as Praias do Muíño e Area Grande.
O Concello da Guarda integra ao destino turístico "Provincia de Pontevedra-Rías Baixas" e leva traballando dende o 2009 na implantación do distintivo SICTED. E dende 2010 a Oficina de Turismo Municipal e as praias de Area Grande e O Muíño conta con este recoñecemento que ven acompañado dun plan de mellora continua e novas medidas dirixidas a incrementar a calidade do servizo, polo que os establecementos e servizos deben continuar traballando en prol do desenvolvemento turístico e a satisfacción dos clientes.
Na actualidade, A Guarda conta con 9 empresas e servizos co distintivo de calidade e compromiso turístico SICTED. Aquelas empresas e servizos que desexen adherirse ao proxecto poderán recibir asesoramento na Oficina de Turismo Municipal do Concello da Guarda.
Sobre o distintivo SICTED
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SET) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Traballa con empresas e servizos de ata 33 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción dos e das turistas. Para logralo, o sistema ofrece ás empresas e servizos adheridos un plan de formación, asistencia técnica, obradoiros, grupos de traballo e manuais de boas prácticas.
A obtención do distintivo SICTED implica o cumprimento dos requisitos fixados, e da conta do esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao establecemento fronte á competencia. O certificado ten validez bienal, aínda que precisa dunha avaliación anual de seguimento.
Concello de A Guarda
O Concello inicia un ciclo de proxeccións da primeira e segunda parte do documental "Memorias de Oia"
A primeira das proxeccións será o 15 de marzo en Loureza
A segunda parte do documental estrearase o 19 de abril baixo o título "Lembranzas doutro tempo"
O Concello de Oia inicia un ciclo de proxeccións dos dous documentais que recollen as testemuñas orais das persoas maiores do municipio, as cales relatan as súas vivencias e experiencias de tempos pasados. Trátase do audiovisual "Memorias de Oia" -realizado durante o pasado ano- e a súa segunda parte, "Lembranzas doutro tempo", que se gravou nos primeiros meses de 2019.
O documental "Memorias de Oia", de aproximadamente unha hora e media de duración, foi estreado en 2018 durante a Semana Cultural de Pedornes e proxectouse por segunda vez durante a Semana Cultural de Mougás, en datas de Nadal. En canto á segunda parte do proxecto, despois de varias semanas de gravación de entrevistas e localizacións nos meses de xaneiro e febreiro, actualmente atópase en proceso de edición e montaxe para a súa estrea o próximo 19 de abril na Casa Social de Burgueira.
Este proxecto do Concello de Oia está producido por Samaín Producións e tamén contou coa colaboración de Chicho, veciño de Pedornes que achegou material audiovisual do seu arquivo persoal para a elaboración da primeira peza. Ambos documentais serán proxectados polas parroquias durante os próximos meses co obxectivo de difundir e poñer en valor o patrimonio inmaterial local recompilado nas entrevistas: oficios, festas e tradicións, vivencias e anécdotas de incalculable valor cultural. Historias relatadas en galego, cos xiros dialectais propios desta zona do Baixo Miño, polos seus propios protagonistas.
O Concello de Oia quere agradecer a dedicación e dispoñibilidade de todas as persoas entrevistadas, dos seus familiares e dos veciños e veciñas que colaboraron para que ámbalas dúas pezas audiovisuais sexan unha realidade.
Calendario de proxeccións
A primeira e segunda parte do documental proxectaranse durante os meses de marzo, abril e maio polas distintas parroquias de Oia. Estas son as primeiras datas confirmadas:
DOCUMENTAL MEMORIAS DE OIA
-Loureza. Abadía: venres 15 de marzo, 19.00h.
-Burgueira. Casa Social: sábado 16 de marzo,17.00h.
-Viladesuso. Casa Cultural: sábado 16 marzo, 20.00h.
-Santa Mª de Oia. Casa Cultural: martes 19 de marzo, 19.30h.
DOCUMENTAL LEMBRANZAS DOUTRO TEMPO
("Memorias de Oia" II parte)
-Burgueira. Casa Social: venres 19 de abril, 17.00h.?ESTREA
-Pedornes. Centro Cultural: venres 19 de abril, 20.00h.
Proximamente anunciaranse as proxeccións programadas para o mes de maio.
Botan a andar as "Conversas na Costa dos Castros" para divulgar o patrimonio local entre a veciñanza
A antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas abre o ciclo coa presentación do seu libro "As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia" o próximo 23 de marzo
A Asociación Costa dos Castros bota a andar un novo proxecto divulgativo, neste caso un ciclo de charlas que, baixo o título "Conversas na Costa dos Castros", aposta por achegar á veciñanza o coñecemento e o traballo que se está a facer arredor do patrimonio local. As conversas arrancarán o sábado 23 de marzo na Casa Cultural de Mougás, coa presentación do libro "As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia" da antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas.
Baixo un formato de entrevista, que pretende un enfoque divulgativo dos temas a abordar, as "Conversas na Costa dos Castros" queren difundir e valorizar o traballo que se está a facer arredor do patrimonio local, dando a coñecer investigacións, achados e novos enfoques sobre cuestións como o patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e o intanxible-inmaterial.
A antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas será a encargada de abrir o ciclo. O próximo día 23 presentará o seu libro titulado "As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia", que recompila as sensibilidades de 16 persoas veciñas de Oia.
Traballo de campo
Esta publicación recolle os resultados do traballo de campo que a investigadora desenvolveu durante 2015 e 2016 en Oia, no marco dunha colaboración entre o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC e o proxecto de arqueoloxía en comunidade de Costa dos Castros.
Así, plásmase o sentir dunha mostra da veciñanza, á que se lle pediu a súa opinión sobre que é o máis valioso de Oia, a súa visión persoal sobre o patrimonio, que elementos (tanto tanxibles como intanxibles) lles gustaría que se conservasen e que cousas cren que non se deberían perder.
O obxectivo desta publicación consiste en promover a reflexión sobre o significado do concepto "patrimonio" e, ao mesmo tempo, "poñer cara, corpo e palabra a esas persoas, tanto maiores coma novas e crianzas, que valoran o seu patrimonio, cóidano, mantéñeno, protagonízano, víveno e rememórano", segundo afirma a propia autora no libro.
A autora
Guadalupe Jiménez-Esquinas (Córdoba, 1984) é antropóloga, doutora internacional pola Universidade do País Vasco (2018), mestrado en Estudos de Xénero (2010, CSIC-UIMP ), licenciada en Antropoloxía (UCM, 2009) e diplomada en Enfermería (UCO, 2005). Realizou a súa tese doutoral cunha bolsa Jae-Predoc no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e ten traballado como investigadora en antropoloxía vinculada ao proxecto internacional NEARCH (New Scenarios for a Community-Involved Archaeology, programa Culture da U.E.).
Na actualidade é profesora axudante doutora na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O seu traballo enmárcase nos estudos críticos do patrimonio e céntrase especialmente na análise feminista dos procesos de patrimonialización e transformacións na paisaxe, a poboación, a economía e as artesanías. Xunto ao seu grupo de investigación tamén está a desenvolver estudos sobre a participación social na xestión do patrimonio cultural. En 2017 recibiu o premio da USC á introdución da perspectiva de xénero na investigación. Ten publicado capítulos de libro e artigos en revistas como PH, Anthropology Today, Tourist Studies e Journal of Sustainable Tourism.
A publicación "As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia" está dispoñible para descarga na seguinte ligazón: https://digital.csic.es/handle/10261/169237
Dez empresas do Baixo Miño presentaron as súas innovacións na Mostra de Cultivos
A feira acolleu este venres tamén unha xornada sobre a xardinería vertical, unha nova tendencia de mercado polas súas sen necesitar grandes espazos
Seguir crecendo adaptándose ás necesidades do mercado e apostando por novos e novidosos produtos. Ese é un dos obxectivos do sector e que a Mostra de Cultivos do Baixo Miño recolle dende hai catro anos reservando un espazo dedicado aos novos produtos, sistemas, proxectos ou maquinaria que as empresas da comarca introducen no sector. Este ano, dez empresas do agro do Baixo Miño presentaron ata trece novidades dentro de acuBam Innovación, dando cobertura a todos os elos da cadea de valor do sector na contorna. É ademais a primeira vez que este espazo acolle máis iniciativas procedentes de campos como a tecnoloxía ou a maquinaria que do eido da planta ornamental e a flor cortada, maioritarios no sector.
Dende produtos ata sistemas de cultivo pioneiros
Nesta edición presentáronse tres novos cultivos que xa están a aparecer nos mercados. Así, Viveiros Río Tollo levou á mostra o seu Rhododendro híbrido 'Black Widow', cunha flor que mestura tons negros, marróns e borgoña e cunhas anteras brancas e folla verde que ofrece unha das combinacións de cores máis singulares que existe. Tamén presentou a súa Camellia japónica 'Three Sisters', unha novidosa composición de camellia que combina nunha única planta tes variedades con tres cores diferentes de flor que florecen de xeito parello.
Mentres, Viveiro Corema ensinou a Thulbalgia Violácea 'Dark Star', unha variedade compacta, sempre verde de de moi longa floración que precisa un baixo mantemento e está comezando a substituír á Thulbalgia tradicional, dando así resposta "á alta demanda dun público que cada vez ten menos tempo para dedicarlle ás plantas". Suministros Hortícolas Bacelo presentou a súa nova colección de plantas de xardinería, variedades de petunias, campánulas e eucatone máis precoces e porte rastreiro, "plantas que se adaptan perfectamente ao noso clima e á demanda do mercado".
Pola súa banda, Trigo y Limpio presentou o seu trigo Callobre, unha variedade autóctona de trigo do país que nas últimas décadas caera en desuso polas preferencias do sector por fariñas de trigos máis rendibles e produtivas. Unha colleita pequena, natural e sen estrés que busca recuperar tradicións, apostar polo rural e xerar un impacto socio-económico en termos de empregabilidade "nun rural ansioso de recibir iniciativas que o revitalicen". "Estamos convencidos de que tradición e innovación son compatibles e nós quixemos achegar o noso grán de trigo", destacaron na presentación. Ideas para tu huerto explicou ao público asistente un sistema para reciclar subprodutos caseiros como os borros do café para convertelos en setas a través de sinxelos kits.
Consulvin Consultores Vitivinícolas aproveitou o espazo acuBam Innovación para presentar á startup biotecnolóxica Nostoc Biotec, que fabrica e vende produtos microbiolóxicos para resolver as principais necesidades do sector agrícola dun xeito ecolóxico e sostible, como o control e a eliminación de pragas. Un proxecto que parte da base de que "do natural ten que vir a solución" aos problemas do campo. Kiwi Atlántico ensinou ao público o seu sistema de clasificación do kiwi segundo a calidade interna mediante tecnoloxía óptica penetrante e non destrutiva, que permite agrupar a froita dun xeito homoxéneo e marcar uns estándares de calidade máis elevados. Entre a maquinaria, Talleres El Milagro presentou a primeira motoserra de inxección electrónica, cun deseño lixeiro e intelixente que garante un traballo ergonómico e sen esforzo.
Unha das principais innovacións presentadas na Mostra foi o método HYBRID-TREE, desenvolvido por Vivisa e presentado por Suministros&Instalaciones Río Verde, que permite o cultivo hidropónico de plantas plurianuais de porte leñoso. A primeira explotación piloto deste sistema instalarase en Tomiño. Por outro lado, VemarGalicia ensinou na Mostra Fliwer, o primeiro sistema de rego intelixente, que se centra na planta e nas súas necesidades que envía datos a un servidor para que mediante intelixencia artificial decida se as tarefas de rego son necesarias. A "integración dunha agricultura de precisión na que somos capaces de combinar a información que nos proporcionan as novas tecnoloxías co desenvolvemento dos nosos cultivos".
A xardinería vertical, unha nova tendencia
Decora, proporciona osíxeno, elimina a contaminación ambiental... e non precisa grandes espazos. Todas estas vantaxes son as que fan da xardinería vertical unha nova tendencia de mercado e un niño de oportunidades e as que lle aseguraron un oco na 16ª Mostra de Cultivos. Víctor Pérez, presidente de Agaexar, e Gonzalo Fonseca, delegado comercial de Projar Group, foron os encargados de falar destas novas solucións, así como das funcións do solo para as plantas e como afecta a este modelo vertical, de erros habituais, de exemplos de éxito e do dimensionamento do mercado.
Empresas europeas visitarán este verán Baixo Miño e norte de Portugal para establecer futuras relacións comerciais
Percorrerán instalacións de diferentes empresas e celebrarán reunións de traballo profesionais. Aínda está pendente pechar a data definitiva da Misión, que será en xuño ou setembro
Contribuír ao posicionamento do sector agro de Baixo Miño e do norte de Portugal "dando a coñecer de primeira man a potenciais clientes e compradores os produtos e servizos agrarios da comarca", buscando de forma proactiva e achegando á zona novas oportunidades de negocio. Ese é o obxectivo fundamental da primeira Misión Comercial Inversa que se celebrará na contorna, presentada na xornada inaugural da 16ª Mostra de Cultivos, que estará aberta ao público profesional e xeral no pavillón de Goián dende este venres 15 ata o vindeiro domingo 17 de marzo. "Queremos animar a participar a todas as empresas da contorna porque é un mecanismo realmente eficiente para chegar a novos mercados", salientan dende a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam).
En xuño ou setembro, con data a determinar nos vindeiros días, diferentes empresas europeas de toda a cadea do sector agro visitarán o territorio non soamente para coñecer a calidade dos produtos e servizos, senón que ademais de manter reunións para formalizar acordos comerciais percorrerán a comarca e realizarán distintas actividades coas que poderán comprobar in situ esas características singulares do territorio que lle confiren un valor extra aos produtos da contorna. Todo a través de "actividades conxuntas entre todas as entidades participantes para acadar un fortalecemento comercial estable". O achegamento a estas empresas europeas permitirá ademais entrar en contacto directo cunha gran gama de compradores profesionais e identificar fortalezas e debilidades do sector para competir en mercados internacionais.
Esta Misión Comercial Inversa, organizada en colaboración entre a acuBam e a Eurocidade Cerveira-Tomiño, realízase no marco do proxecto 'Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño' para o desenvolvemento sostible do territorio e a dinamización da economía local transfronteiriza. É un proxecto co-financiado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE. Xunto con acuBam, actuarán como aglutinadores sectoriais para facilitar a misión a Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN) e a Associação para o Desenvolvimento Local, Rural, Agrícola, Florestal e Ambiental (ARA-Cerveira). "Galicia e Portugal temos idiomas diferentes pero entendémosnos perfectamente ben. E esa é unha particularidade que soamente se dá nesta zona e que aínda non estamos aproveitando", subliñaron durante a presentación.
Bolsa de emprego agraria transfronteriza
Nesta aposta por darlle un pulo aínda maior á internacionalización e pola profesionalización do sector abordandoa dun xeito transfronteirizo, a Mostra de Cultivos do Baixo Miño comezou a súa décimo sexta edición coa primeira programación que conta con contido específico transfronteirizo e que tivo como acción principal co workshop 'Oportunidades de formación e emprego no agro', organizado por acuBam e o Concello de Tomiño en estreita colaboración coa Eurocidade Cerveira-Tomiño.
Unha mesa de debate na que participaron empresas, administracións e organizacións relacionadas con esta actividade económica e empresarial; centros educativos de Galicia e do norte de Portugal e representantes de acuBam, da Associação para o Desenvolvimento Local, Rural, Agrícola, Florestal e Ambiental de Cerveira e Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais para facer unha diagnose das necesidades formativas do sector e para informar ás empresas das modalidades formativas xa existentes a ambas beiras do río Miño, promovendo fórmulas para unha relación estable entre empresas e docentes. "Puxéronse enriba da mesa as dificultades ás que se enfronta o sector, tendencias e problemas de fondo que precisan dunha transformación da propia sociedade e que é necesario ter presentes para poder revertelos", aseguraron dende a Eurocidade Cerveira-Tomiño.
Entre as medidas xa adoptadas figuran a primeira bolsa profesional de emprego do sector agrario transfronteirizo, posta en marcha por acuBam co obxectivo de contar cunha base de datos profesional cribada e actualizada que permita ás empresas encontrar con maior facilidade perfís profesionais vencellados ao agro e, á vez, facilitar o desenvolvemento dunha carreira profesional no sector na contorna. Unha ferramenta que servirá ademais de "plataforma que sirva ás empresas para publicar as súas ofertas de emprego".
As persoas interesadas poderán levar o seu currículum ata o domingo 17 de marzo á Mostra ou envialo a través de correo electrónico a info@acubam.org ou a través do apartado disposto na propia web de acuBam. Esta bolsa de emprego complementarase con formación a través de cursos ou prácticas en empresas.
Pepe Carreiro presenta "Os Bolechas limpan Tomiño"
O novo libro-guía foi encargado polo Concello coma unha medida máis da campaña de compostaxe e redución do lixo que está levando a cabo a Concellería de Medio Ambiente
Pepe Carreiro, autor de Os Bolechas, visitou onte o Concello de Tomiño para presentar o libro-guía "Os Bolechas limpan Tomiño"; un traballo feito por encargo da Concellería de Medio Ambiente, dentro da campaña de divulgación sobre a compostaxe e a redución do lixo, na que traballa o Concello nos últimos anos, co apoio da Deputación de Pontevedra.
Na presentación estiveron acompañando ao ilustrador a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e as concelleiras de Medio Ambiente e Cultura, María Xosé Vázquez e Cristina Martínez, respectivamente.
A alcaldesa agradeceu a presenza de Carreiro, lembrando a importancia do seu traballo cos Bolechas durante os últimos 19 anos e resaltando especialmente o libro-guía "Os Bolechas limpan Tomiño", no que os personaxes fan un percorrido por todos os coles da vila tentando recoller o lixo coa axuda de Martina, unha nena tomiñesa, e doutras persoas que traballan na realidade nos centros educativos da vila.
Esta primeira edición, de 1000 exemplares, repartirase nos cursos de Primaria dos centros educativos do municipio, chegando a máis de 600 nenos e nenas, onde tamén se impartirán obradoiros relacionados co tema do tratamento e recollida de lixo.
Así o manifestou a concelleira de Medio Ambiente, quen explicou que este novo volume forma parte da campaña de redución de lixo, compostaxe e reciclaxe selectiva que o Concello está a levar a cabo nos últimos años, co apoio da Deputación de Pontevedra.
Ademais das aventuras protagonizadas polos populares personaxes infantís, a últimas páxinas do libro adícanse a enumerar os diferentes colectores que existen na vila, con mapas e debuxos explicativos, fomentando os bos hábitos de reciclaxe selectiva, compostaxe caseira e o coidado do medio ambiente, animais e plantas.
Con este novo libro, Tomiño ten xa catro exemplares dos Bolechas, adicados especialmente ao concello.
Tomiño celebrou o passado fin de semana a V Gala do Deporte cunha ducia de premios e varias mencións especiais
. O piragüista Rubén Millán e a triatleta Iria Rodríguez, resultaron mellores deportistas absolutos
. Roi Rodríguez e Brais Pereira, foron distinguidos, respectivamente, coma 2º e 3º mellores deportistas masculinos, e Elena Cañibano e Zaida González, 2ª e 3ª mellores deportistas femininas
O Concello de Tomiño celebrou o passado fin de semana a 5ª edición da Gala do Deporte; un acto no que se recoñeceu una ano máis, o traballo dos deportistas tomiñeses ao longo do último ano.
Os galardóns e recoñecementos atenderon a varias categorías, que foron dende o mellor evento deportivo, á mellor deportista masculino e feminino absolutos.
Estes últimos recaeron no piragüista Rubén Millán e na triatleta Iria Rodríguez, respectivamente.
Roi Rodríguez e Brais Pereira, foron distinguidos, respectivamente, coma 2º e 3º mellores deportistas masculinos absolutos, e Elena Cañibano e Zaida González, 2ª e 3ª mellores deportistas femininas. (Resto de premios, no listado).
A gala, presentada por Terio Carrera, contou coa actuación de Pepo Suevos, (actor de programas e series da TVG), e dun grupo de danza contemporánea. Durante a celebración do evento distinguiuse tamén o mellor adestrador, promesas masculino e feminina, mellor equipo de fútbol, premio afán de superación, mellor equipo base, e mellor evento deportivo.
Como novidade desta quinta edición, celebrouse unha xornada multideporte para a infancia, onde nenos e nenas puideron practicar bádminton, tiro con arco, tenis de mesa, judo, petanca, no pavillón polideportivo de Goián, situado xunto ao auditorio.
Pecharon a gala os premios aos deportistas con maior proxección deportiva e o premio aos mellores deportistas masculino e feminino absolutos.
A Concellería de Deportes, que dirixe Ismael Troncoso, salientou a importante presenza de colectivos, asociacións, clubs e público en xeral, que se deron cita nesta quinta gala para render homenaxe a todas as persoas deportistas de Tomiño e especialmente ás que sobresaíron durante o último ano.
Ante un auditorio abarrotado de público, Troncoso lembrou a vontade do equipo de goberno de premiar ao deporte tomiñés e por en valor o esforzo levado a cabo por clubs e deportistas da vila.
A alcaldesa, Sandra González, pola súa banda, agradeceu a labor do seu compañeiro de equipo e de todas as persoas que fan posible que o deporte de base sexa máis importante cada día.
Listaxe de premios:
MENCIONS ESPECIAIS
-Xuvenís e infantil AD Tomiño
-Tomiño Feminino de F7
-Equipo Spartan Team
-Benxamís Club de Atletismo Trega de Tomiño
-Equipo Pumuky Racing
-Óscar Álvarez (Rally)
PREMIO ENTIDADE QUE COLABORA CO DEPORTE
ACANOR
PREMIO A IGUALDADE NO DEPORTE
Jonathan Martínez (organizador dun evento de defensa persoal feminina)
PREMIO AFÁN DE SUPERACIÓN
San Xerome Emiliani
PREMIO MELLOR EQUIPO
Goián FC
MELLOR ENTRENADOR
Pablo Pousa e Emilio Rodríguez do Club Deportivo Miño-Os Teixugos
MELLOR EQUIPO BASE
Club Atletismo Trega de Tomiño
DEPORTISTA MASCULINO MAIOR PROXECCIÓN
Adrián Millán (Tiro con arco).
DEPORTISTA FEMININO MAIOR PROXECCIÓN
Candela Fernández (Piragüismo).
MELLOR PROMESA MASCULINO
Sergio Rodríguez Martínez (Piragüismo)
MELLOR PROMESA FEMININO
Nerea Romero González (Judo)
MELLOR DEPORTISTA MASCULINO ABSOLUTO
1.Rubén Millán (Piragüismo)
3°campeonato do mundo k4 1000
3°campeonato de Europa k4 1000m
1°campeonato España k4 1000m
1°campeonato España k4 500m
1°campeonato España k2 1000m
2. Roi Rodríguez (Piragüismo)
1º NElo Winte Challege de Portugal
1º Copa de España de Sprint Olímpico k1
1º Copa do mundo de sprint olímpico (Récord do mundo) k1
3. Brais Pereira (Judo)
Campión galego junior
Subcampión galego absoluto
Bronce sector nacional junior
Campión sector nacional absoluto
Sétimo Copa de Europa Junior A Coruña
Campión Liga Nacional Junior por clubs
Bronce liga gallega de clubes
MELLOR DEPORTISTA FEMININO ABSOLUTO
Iria Rodríguez (Triatlón)
3ª Campionato Galego Absoluto de Inverno, en natación 4x100 estilos
12ª na Copa de Europa Triatlón
2ª Copa de Europa Triatlón
1ª Campionato de España por clubs e por relevos
3ª Campionato de España de Acuatlón
47 Campionato do Mundo de Triatlón
1ª Campionato de España Triatlón por relevos
Elena Cañibano (Judo)
Subcampiona galega junior
Medalla de bronce Campionato de España junior
Sétima copa de Europa junior
Campiona galega liga por clubs
Subcampiona Copa de España junior
Campiona Copa de España junior
Campiona sector nacional absoluto
Zaida González (Ciclocross)
Gañadora da Copa de Galicia de Ciclocross
Subcampiona galega de Ciclocross
8ª Sub23 no Campionato de España de Ciclocross
11ª Sub23 no Ciclocross Internacional Chan de Xaxán
3ª no Campionato Galego de BTT-XCO
O Concello de Tui avanza na tramitación das autorizacións para a reforma do Centro Municipal de Piragüismo
O alcalde, o arquitecto redactor do proxecto e o director técnico do Kaiak Tudense reuníronse en Medio Ambiente
Na mañá de onte o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, xunto co arquitecto, Leandro Nogueira e o director técnico do Kaiak Tudense - Axuda Paramos, Esteban Alonso, mantiveron unha reunión en Pontevedra coa xefa do departamento de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Susana Ribadulla, co obxectivo de avanzar na tramitación das autorizacións necesarias para executar as obras de reforma do Centro Municipal de Piragüismo.
Trala presentación do anteproxecto, a Xunta de Galicia solicita agora a xustificación de certos aspectos, relativos á afección de Costas, como a vinculación da actividade das instalacións deportivas co proxecto proposto e a súa proximidade co rio Miño.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, tras a reunión de onte indicaba "que se abre unha xanela de esperanza no sentido de que se poida xustificar a reforma do centro de piragüismo no lugar onde está" considerando que o actual emprazamento é o lugar máis axeitado para este tipo de instalacións vinculadas á práctica deportiva no río.
A proposta de Diagnóstico e Plan de mellora do departamento de Urbanismo recolle a actuación en catro ámbitos
A próxima semana levarase a comisión informativa e a finais de mes a pleno habilitar o crédito necesario para a súa execución
Centrar e documentar os procesos de urbanismo actuando no ámbito normativo, nos sistemas de información, nos recursos humanos, e a organización e funcionamento do servizo é o obxectivo da proposta de Diagnóstico e Plan de Mellora do departamento de Urbanismo presentada pola empresa EOSA, que hoxe foi dada a coñecer polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, e o representante da empresa EOSA, Manuel Veloso.
Na súa comparecencia ante os medios do comunicación o alcalde, Carlos Vázquez Padín, reiterou a súa opinión de que "o gran problema do declive económico de Tui deriva do mal funcionamento do departamento de Urbanismo" polo que dicía a este asunto hai que darlle unha resposta áxil e eficaz, para deixar de expulsar investimento e rematar coa inseguridade xurídica que hai, en palabras do rexedor.
Apuntaba nese senso que entenderon que é preciso realizar un diagnóstico e proposta de mellora da actual situación deste departamento municipal para contar por unha banda cunha "foto fixa" da actual situación, e por outra cunha proposta e plan de mellora baseado en procedementos.
Abundaba o rexedor tudense en que o problema do departamento de Urbanismo é grave, hai carencias en tramitación que veñen de anos atrás.
Manuel Veloso da empresa EOSA explicou que o traballo que eles propoñen realizar busca centrar e documentar os procesos de urbanismo, polo que actuarán en catro elementos: o ámbito normativo, os sistemas de información, os recursos humanos, e a organización e funcionamento do servizo.
E rematarán plantexando actuacións de mellora. Precisaba que a metodoloxía que empregarán - de realizar o traballo - involucraría ao propio persoal do servizo. Primeiro buscarían ter unha diagnose da área e logo plantexarían actuacións de mellora.
Os traballos estenderanse ao longo de 3 ou 4 meses e contan cun orzamento de 13.800 € máis IVE.
Na súa comparecencia desta mañá o alcalde avanzou que a próxima semana levará de novo a comisión informativa habilitar o crédito necesario para realizar este diagnóstico, un punto que incluirá tamén na orde do día do pleno ordinario deste mes de marzo.
Tui celebra este domingo o Desfile Concurso de Entroido coa participación de 10 comparsas e preto de 850 persoas
Comezará ás 17.30 h realizando un percorrido polas rúas novas
Tui celebra este domingo o Concurso Desfile de Entroido logo de que tivera que ser aprazado o pasado día 5 polas adversas condicións meteorolóxicas. Participarán 10 comparsas das que 4 son de Tui, 2 de Salceda, 2 de Gondomar, 1 de Tomiño e 1 de Redondela, que levarán 13 carrozas e suman 850 persoas desfilando.
Comezará ás 17.30 h para realizar un percorrido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. O martes 5 é festivo local en Tui.
As encargada de abrir o desfile serán as comparsas de fantasía "Vinciocas" da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios e "LDanzia Paradise" da Asociación LDanzia, ambas de Gondomar. A continuación será a quenda de "O Borralliño" do Borraliño de Soutelo e "O Mundo de Shrek" da Asociación En Loureiro coma sempre da Picoña, ambas de Salceda. Proseguirá "Do Aloia até Marte" dos Scouts Alhoia, "Luces de Tomiño" da comparsas Luces de Tomiño, e "Trazos Festival" da Asociación Recreativa Cultural Trazos de Redondela.
Por último pecharán as tres comparsas que irán con acompañamento musical con música en directo, sendo as tres de Tui. Serán "Máis que unha feira" de Arume de Malvas, "O circo de Tui" de Lembranzas da Terra de Guillarei, e "El extraño mundo de la magia" do Entroido de Pexegueiro.
Repartiranse 5.600€ en premio, 400€ en trofeos, e 3.500€ en asignacións fixas por participación. Nos premios este ano introduciuse coma novidade a "concorrencia" na puntuación do Premio Xeral, na que se terá en conta o número de participantes, que se sumará a actualidade do tema elixido, o vestiario, a parodia, o acompañamento musical e a existencia ou non de carroza. Nesta categoría xeral haberá sete premios con trofeo e unha dotación económica que oscilará entre os 700€ e os 100€. Tamén se outorgarán seis premios en carrozas que oscilarán entre os 400€ e os 150€, catro en acompañamento musical dotados con entre 300€ e 150€, e un único premio en fantasía cun importe de 250€.
Mentres o xurado delibera e tras a entrega de premios actuará a orquestra Finisterre.
Restricións no tráfico
Debido á celebración do desfile concurso de Entroido haberá unha serie de restricións no tráfico. Así este domingo 17 de 14 h a 21 h estarán pechadas ao tráfico e non se poderá estacionar nas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo. Amais o tramo da rúa Ourense entre a rúa Lugo e a rúa Compostela estará pechada ao tráfico e non se poderá estacionar dende ás 10 h do domingo 17 ata ás 2 h do luns 18 de marzo.
Enterro do Bacallau
Tui despedirá o Entroido o próximo domingo, 24 de marzo, co Enterro do Bacallau no que participarán as dez comparsas que este domingo 17 entran a concurso, estando amais aberto a todos aqueles que desexen sumarse.
O Enterro sairá ás 19.30 h dende a Praza de San Fernando, percorrendo a rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, e Corredoira, onde fará unha parada para ler as coplas. Continuará logo polo mesmo percorrido que en anos anteriores pola praza da Inmaculada, Augusto González Besada, rúa Lugo e remate na traseira da Área Panorámica onde será queimado o bacallau.
Un centenar de nenos e nenas participarán este domingo na 4ª Xornada de Promoción do Bádminton en Tui
Celebrarase no pavillón do IES San Paio de 9.30 h a 14.30 h
Un centenar de xogadores e xogadores das categorías benxamín e infantil participarán este domingo, 17 de marzo, en Tui na 4ª Xornada da Copa de Promoción de Bádminton que se vai celebrar no pavillón do IES San Paio en Tui.
O alcalde, Carlos Vázquez, o concelleiro de Deportes, Eduardo Freiría, o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides e a presidenta do Club Bádminton Tui, Marisa Giráldez, deron conta hoxe de todos os detalles desta competición que naceu hai tres anos co obxectivo de promocionar o bádminton na provincia.
De 9.30 h a 14.30 h os xogadores e xogadoras, de clubs de toda a provincia, disputarán os partidos de dobles na que será unha xornada máis festiva que competitiva, e que para moitos será a primeira vez que participen nunha iniciativa destas características.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, felicitou aos organizadores do Bádminton Tui agradecendo o seu esforzo e animándoo a seguir adiante coa promoción deste deporte. O concelleiro de Deportes, Eduardo Freiría, destacou a traxectoria do club que na súa terceira temporada reúne xa a 120 xogadores de 5 a 17 anos, e a 18 adultos. O xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides, aludiu á progresión experimentada na provincia na práctica do bádminton, lembrando coma esta Copa Promoción naceu hai tres anos - con Marisa Giráldez coma madriña dicía - precisamente para promocionar este deporte.
Marisa Giráldez, presidenta do Bádminton Tui, lembrou os inicios desta competición que se puxo en marcha con moito esforzo, dicía, e coma conta xa tres anos despois con mellor infraestrutura que no seu comezo. Mañá pecharán a inscrición para a proba desta domingo en Tui pero avanzou que agardan chegar aos 120 participantes.
Tui será o escenario da VII edición de "No bico un cantar" que reunirá a preto de 500 nenos e nenas de Galicia e Portugal
A cita será o venres 7 de xuño ás 17.30 h na praza de San Fernando
Tui acollerá o venres, 7 de xuño, a sétima edición de "No bico un cantar" que congregará un coro de cincocentos nenos e nenas pertencentes a conservatorios profesionais e escolas de música de Galicia e o norte de Portugal. A presentación deste evento tivo lugar esta mañá en Santiago a cargo da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, a conselleira de Educación Universidade e Formación, Carmen Pomar, o director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e o director artístico desta actividade, Maximino Zumalave e o compositor Alexis Rozas.
Na presentación desta mañá o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, apuntou que Tui é unha das capitais da cultura galega e o segundo conxunto monumental de Galicia polo que "é un orgullo que un evento como este se celebre aquí, e que pensaran en Tui para representar a unión de Galicia con Portugal"
O concerto será o venres, 7 de xuño, as 17.30h na praza de San Fernando, previamente pola mañá haberá actividades lúdicas e culturais dirixidas aos 500 nenos que participan no evento.
O proxecto "No bico un cantar", do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, naceu no ano 2013 co obxectivo de dar a coñecer a poeta galegos dende un punto e vista musical. A edición deste ano toma o título de "Nenos e nenas cantan na Raia" facendo referencia a participación tamén de alumnado de dous centros musicais de Portugal
Interpretarán un total de cinco pezas, "San Campio, romaría galega", do poeta tudense Manuel Lago González musicado por Torres Creo, "Veira dó mar" de Pío Lino Cuíñas con música de Reveriano Soutullo e a terceira peza será a canción popular portuguesa "Oh rama oh que rama linda". En cuarto lugar poderá escoitarse por vez primeira a versión musical do poema de Xosé Maria Álvarez Blázquez, "No Rego do Prado" con música do xove compositor compostelán Alexis Rozas, que realizou expresamente para esta ocasión. O broche de ouro coma en edicións anteriores poráo o poema de Rosalía de Castro "Maio longo" pertencente a Follas Novas.
No evento participarán os alumnos e alumnas dos sete conservatorios profesionais dependentes da Consellería de Educación: o Conservatorio Profesional da Coruña, Xan Viaño (Ferrol), Xoán montes (Lugo), Ourense, Manuel Quiroga (Pontevedra) , Santiago de Compostela e Vigo. Ademáis dos alumnos e alumnas de 13 centros musicais, entre eles a Escola de Música Municipal de Tui, o Conservatorio de Música Elemental da Guarda, a Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal e a Escola de música da Asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas. Pola parte portuguesa ademais, convidouse a participar á Academia de Música da Fortaleza de Valença e á Academia de Música José Atalaya de Fafe.
Como responsable artístico contan co pianista e membro do Consello da Cultura Galega, Maximino Zumalave, e coa participación do grupo de metais Hércules Brass.
O Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade comeza co Trilho da Lampreia, o próximo sábado 16
Neste ano 2019 realizaranse sete percorridos polos municipios de Tui e Valença
Este sábado, 16 de marzo, comezará o Circuíto de Andainas e Trilhos Saudables da Eurocidade 2019. Contará con 7 percorridos de distintas intensidades, polos municipios de Tui e Valença.
A primeira cita será este sábado co Trilho da Lampreia que se celebrará a partir das 10.00 horas españolas, dende a igrexa de San Pedro da Torre, en Valença. Terá un percorrido de dificultade baixa e unha distancia aproximada de 6.5 quilómetros. Esta andaina estará limitada a 50 participantes.
Como nas edicións pasadas, será obrigatoria a inscrición previa, cun prezo de 6€ por persoa, a través do enderezo electrónico caminhadas.andainas@gmail.com
ou nos números de móvil 00351 916 531 313 / 0034 607 785 601
|