JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Horário do Ferry (de 25 a 30 de Dezembro)


A Finca de Fínola xa forma parte do patrimonio da Guarda

O Concello da Guarda ven de ultimar a adquisición da Finca de Fínola despois de realizar os trámites notariais na mañá do venres día 28 de decembro de 2018. O alcalde, Antonio Lomba, manifestaba, despois de asinar a escritura de compraventa, a súa satisfacción polo éxito desta operación que comezou a fraguarse a primeiros de 2018 e que considera moi importante para o presente e futuro da Guarda.

Coa compra desta finca A Guarda gaña un novo espazo público de 3.247,71 metros cadrados, entre os xa existentes da Alameda e do Centro Cultural. Esta parcela, en pleno casco urbano, poderá adicarse a espazos verdes e dotacionais, unha necesidade na Guarda dada a escaseza de chan público en relación a densidade de poboación, que mellorará, sen dúbida, a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio.

Deste xeito o Concello da Guarda ven de asegurar un espazo público libre, en pleno casco urbano, destinado ao lecer da veciñanza que nun futuro podería formar parte dunha ampla zona común formada pola Alameda, Fínola e o Centro Cultural.

Desta maneira as sucesivas corporacións municipais terán a oportunidade de decidir o uso máis conveniente deste espazo, tendo en conta os intereses xerais e sen necesidade de agardar polo desenvolvemento urbanístico desa zona, evitando a construción privada na finca obxecto da compra.

Neste momento a finca de Fínola está habilitada como aparcadoiro de vehículos no centro urbano, pero nun futuro próximo este espazo oferta distintas posibilidades, coma zona de esparcemento e dotacional, por exemplo, para a construción dun Auditorio, entre outras.

A finca de Fínola levaba 25 anos dentro dun PERI sen que se avistase, polas informacións que teñen os responsables municipais, o desenvolvemento urbano deste espazo a curto ou medio prazo. A parálise na urbanización deste chan por parte dos propietarios e a imposibilidade de executala dende o concello, ademais do prezo negociado, motivaron a decisión de mercado polo concello da Guarda por un importe de 280.000 €, menos dunha terceira parte do que se pagou a última vez que se vendeu.

Unha vez incorporado como chan público, dende o concello pode modificarse o uso deste terreo, mediante unha modificación puntual do plan xeral, para aquel que sexa máis conveniente para cubrir as necesidades da Guarda.

Concello de A Guarda


Un caderno divulgativo destaca a singularidade e valor patrimonial dos petróglifos do río Vilar (Pedornes-Oia)

A Asociación Costa dos Castros edita un caderno divulgativo sobre os petróglifos da contorna do río Vilar, na parroquia oiense de Pedornes, para dar a coñecer a singularidade e valor patrimonial dos gravados existentes nesta zona. Entre eles destacan tres que representan figuras de embarcacións, as únicas claramente definidas dos petróglifos galaicos con características que apuntan a modelos mediterráneos.

Cun marcado ton divulgativo, esta publicación quere dar a coñecer o valioso patrimonio arqueolóxico que existe na zona e, paralelamente, concienciar sobre a importancia da súa conservación.

No caderno faise unha descrición do lugar, un repaso pola historia dos principais achados arqueolóxicos na zona e, finalmente, se detalla o caso concreto dos petróglifos das embarcacións, coñecidos como Auga dos Cebros 1, Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.

Diversas fotografías, ilustracións, un mapa e unha ficha con información básica e de utilidade para visitar a zona complementan a información textual do caderno.

A publicación realízase coa colaboración da Deputación de Pontevedra (Ano da Lingua), a través das axudas para dinamización da lingua.

Os exemplares impresos distribuiranse polos centros escolares de Oia e na Oficina de Turismo.

Oia


A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 4 e sábado 5 de xaneiro

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o vindeiro venres 4 e sábado 5 de xaneiro.

Este autobús estará emprazado na Rúa Coruña(Ao Carón do Campo de Fínola) o venres 4 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas e o sábado 5 en horario de 10:00h ás 15:00h.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Concello de A Guarda


Antonio Lomba reúnese co Director da Axencia Galega de Infraestruturas

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, reuniuse este mércores día 26 de decembro de 2018 con Francisco Menendez, Director da Axencia Galega de Infraestruturas, e con José Manuel Cores Tourís, Delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, con varios puntos a tratar sobre diferentes obras e infraestruturas na Guarda e na Comarca do Baixo Miño.

Esta reunión prodúcese despois de ter solicitado previamente unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, ante a preocupación por diferentes proxectos estratéxicos para A Guarda.

En primeiro lugar o alcalde da Guarda abordou o tema das obras da autovía urbana entre Goián e Tui, neste senso, trasladou a súa preocupación polo atraso na licitación e execución da conexión do Polígono de Areas (Tui) coa Autovía A-52 e a redacción do proxecto de desdobramento do tramo entre Estás e a rotonda de Goián (Tomiño), compromisos que estaban previstos para este ano 2018

Francisco Menéndez explicou ao Alcalde da Guarda que a previsión é que no ano 2019 se licite e execute a conexión do Polígono de Areas en Tui coa Autovía A-52, un proxecto que ascende a 14 millóns de Euros. Tamén destacou que, de momento, non está redactado o proxecto de desdobramento da PO-552 entre Goián e Estás en Tomiño, que teñen previsto licitar entre finais de 2019 e principios de 2020.

O tramo intermedio comprendido entre Estás e Tui, aínda non está definido, paso previo para ser sometido a un informe de impacto ambiental. A pesar dos atrasos, Francisco Menéndez, sinalou que se manteñen os compromisos con esta infraestrutura que o alcalde considera prioritaria para A Guarda.

Outro dos temas da reunión foi o Acceso sur ao Porto da Guarda, cuxo proxecto de execución foi enviado pola Deputación ás consellerías que teñen que emitir informes e do que xa teñen coñecemento na de infraestruturas e mobilidade. Neste senso Francisco Menéndez dixo que non entra dentro das prioridades da Axencia posto que é unha vía interior que afecta a unha soa poboación para dar servizo ao Porto da Guarda. Así mesmo entende que sexa importante tanto para o concello como para portos de Galicia, dado as obras que se están levando a cabo na Rúa Concepción Arenal que ata o momento era a principal vía de acceso ao porto. Indicou tamén que apoian unha infraestrutura coma esta, pero a hora de falar da financiamento entende que se debe procurar que as fontes principais deben estar relacionadas coa finalidade do vial.

Antonio Lomba tamén trasladou a súa preocupación pola inseguridade viaria e peonil na Estrada de Circunvalación ao Monte Santa Trega, por unha banda indicou o edil que a circulación de vehículos é totalmente insegura dado o ancho dos carrís de circulación, dando lugar a que si se cruzan dous vehículos de gran tamaño (autobuses ou camións) un deles tería que saírse da vía e pisar unha beiravía que non existe. Neste senso dende a Axencia Galega de Infraestruturas declararon que o criterio que se segue a hora de actuar sobre unha estrada é a densidade de tráfico da vía e a concentración de accidentes da mesma, a este respecto, Antonio Lomba, trasladou a súa preocupación ante o aumento significativo do tráfico nesta vía na tempada estival polo acceso ás diferentes zonas de praias do municipio e a súa queixa por considerar un criterio para actuar na vía a concentración de accidentes.

Tamén destacou o alcalde da Guarda que dende o punto de vista da circulación de peóns é moi insegura, posto que non ten ningún tipo de beiravías. Francisco Menéndez manifestou que dende a Axencia Galega de Infraestruturas están a realizar un plan de sendas peonís, atendendo ás prioridades que marca cada Concello, e manteñen o compromiso que para o 2019 se realice unha proposta de construción de sendas peonís na Comarca do Baixo Miño. Neste punto, Antonio Lomba, adiantou que esta terá que ser unha das sendas que formarán parte desta actuación comarcal.

Concello de A Guarda


Aclaracións do BNG ao PP guardés sobre o novo acceso sur ao porto da Guarda

Anxo Baz: "Roberto, dirixa vostede a carta, non á miña persoa, se non ao Presidente da Xunta esixindo a execución do novo aceso sur ao porto da Guarda tan necesario"

Resposta do portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, ao candidato do PP da Guarda, Roberto Carrero.

Estimado Roberto Carrero:
Confésolle, que tiven que darlle varias lecturas a carta que vostede nos dirixe para saber que quería dicir, dada a súa tendencia aos panexíricos e mestura de temas sen sentido.
Procurarei ser o máis claro posible para aforrarlle tempo a vostede e, sobre todo, para que a veciñanza da Guarda saiba do que realmente debatemos, que é o que realmente lle interesa ao BNG.
1. O acceso ao porto da Guarda é unha infraestrutura fundamental para facer viábel o porto comunicándoo coa estrada de Circunvalación ao monte Trega, ámbalas dúas de titularidade autonómica.
2. Obras deste tipo son competencia da Xunta e iso non o discute ninguén, agás vostede. A Xunta de Galiza leva realizando mellora de acesos noutros moitos portos do país. Por que A Guarda é diferente?
3. Ante a parálise da Xunta de Galiza con este tema, a área de mobilidade da Deputación de Pontevedra dirixida polo BNG, elaborou un proxecto para a realización dese novo acceso ao porto da Guarda para darlle un pulo definitivo e facilitarlle a Xunta de Galiza a execución deste proxecto.
Sorpréndenos o despistado que anda vostede cando se atreve a propoñer que os cartos que o Concello vai investir en Concepción Arenal debían gastarse no acceso ao porto, e dicir, nunha obra que nin a propia Xunta se atreve a discutir que é da súa competencia. Repase as actas do Parlamento galego.
A sorpresa é maiúscula cando toda a Guarda sabe que o PP leva máis de de 20 anos prometendo esta obra en cada proceso de eleccións e nunca fixo nada, nin no Concello, nin na Deputación, nin na Xunta..
Sr. Carrero, de verdade, é vostede o candidato do PP á Alcaldía da Guarda ou simplemente se conforma con facer de parachoques do PP diante dos continuos incumprimentos da Xunta de Galiza co pobo da Guarda?
Resulta cómico Sr. Carrero, cando se refire a nós, como os socios do PSOE na Guarda. E dío vostede, que lle sacou as castañas do lume ao PSOE, cando tiveron a brillante idea de mercarlle a unha entidade bancaria a finca de Fínola, cando todos sabemos que o Concello pode ter eses terreos desenvolvendo o PERI número 5, vostede prefire despilfarraros cartos.
Sr. Carrero a carta debera enviarlla ao seu xefe, Sr. Feijoo, non a min, solicitando o financiamento e execución da obra, porque primeiro haberá que poñer os cartos e logo executala.
Déixese de palabrería barata e se hai alguén que lle faga algo de caso no PP, convénzao para que a Xunta execute o novo acceso ao porto dunha vez. É de xustiza.

BNG de A Guarda


Ignacia Cadilla, a terceira muller de máis idade de Galicia, cumpre 109 anos na Guarda

O alcalde do Concello da Guarda, Antonio lomba e a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente, visitaron este mércores a Ignacia Cadilla, que ven de celebrar o seu 109 cumpre anos.

Ignacia Cadilla recibiu aos representantes municipais, acompañada dos seus familiares e agradeceu a súa visita, recordando o paso das procesións pola súa rúa, que acostuma a ver dende as ventás da súa casa na Rúa Hernán Cortés.

Segundo comentou a súa familia, Ignacia ten moi boa saúde, aínda que o pasado mes tivo un pequeno susto, malia uns problemas de mobilidade, Ignacia e os seus familiares agardan celebrar os seus 110 anos o ano que ven. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, Ignacia é a terceira persoa de máis idade de Galicia.

A representación Municipal entregoulle unha placa conmemorativa, así como un ramo de flores e unha tarta, e desexaron poder volver visitala para darlle os parabéns nos próximos anos.

Concello de A Guarda


A Guarda pecha o 2018 con actividades para todas as idades

Continúa a programación de Nadal a Guarda con animación musical polas rúas, concertos, obradoiros de decoración, teatro, chocolatadas, pista de xeo, barferencia e moitas máis actividades que se estenden ata o 6 de xaneiro.

O Mércores 26 de decembro a Casa dos Alonso acolle o Obradoiro infantil "Decora o teu Concello" no que nenos e nenas da vila participarán na decoración de Nadal, nunha actividade de 2 horas de duración para un máximo 15 nenos e nenas, as inscricións xa están pechadas.

O Xoves 27 de decembro continúa a animación musical de rúa a cargo do grupo "Do Lusco ó Fusco" de 11:00h a 13:00h, unha maneira de dinamizar e incentivar as compras na vila, ademais contarase con chocolate quente de balde para todos os que visiten o Mercado da Praza de Abastos da localidade.

Xa pola tarde do xoves 27 de decembro ás 17:30h o Centro Cultural acolle a sesión de teatro "Tristán" a cargo da compañía Elegante Elefante, as entradas están dispoñibles dende o 17 de decembro no Centro Cultural. "Tristán" é un espectáculo visual dirixido ao público infantil dos 3 aos 12 anos, unha comedia xestual interpretada ao estilo dos debuxos animados onde as palabras se transforman en xestos e os personaxes falan nunha lingua inventada que é inmediatamente descifrada polo público e a música acompaña o ritmo dinámico da acción.

Tamén o xoves 27 de decembro a Cafetería Alameda acolle ás 20:30h a segunda Barferencia de Inverno 2018, onde contarase coa presenza de Brais Currás e Mar Cortegoso, que falarán sobre as Paisaxes de sal na Costa Atlántica, ámbolos dous participaron e coordinaron as escavacións arqueolóxicas realizadas recentemente nas Salinas do Seixal baixo o Proxecto "A Guarda, Mar de Sal".

O venres 28 de decembro o Centro Cultural da Guarda acolle a sesión "Route 66" de Teatro-Clown musical para adultos da Compañía Blues Grampas, unha compañía de teatro en clave de clown musical composta por dous recoñecidos actores de longa traxectoria e experiencia no panorama escénico galego: Juanillo Esteban e Carlos Sante. Inicio ás 21:00h, recollida previa de entradas dende o 17 de decembro no Centro Cultural da Guarda.

Para o sábado día 29 de decembro, a Charanga "Vaia Panda" será a encargada da amenización musical das rúas da vila entre as 11:00h e as 13:00h.

Tamén o sábado 29 de decembro ás 12:00h o Centro Cultural da Guarda será o escenario dunha visita moi especial para os nenos nesta tempada de Nadal, "O Apalpador". Neste espectáculo, para público familiar a partires dos 3 anos, creado a partir da tradición popular, un carboeiro que se alimentaba únicamente dos froitos do seu castiñeiro e que as xentes chaman o apalpador, conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas aos nenos e nenas que non teñen nada nas súas barriguiñas. Retirada previa de entradas dende o 17 de decembro no Centro Cultural.

Concello de A Guarda


Segunda oportunidade para ver o audiovisual "Memorias de Oia", que se proxectará na Semana Cultural de Mougás

A proxección irá precedida da interpretación dun poema musicado

O documental en vídeo "Memorias de Oia", que reúne testemuñas de persoas maiores do municipio nas que falan sobre as súas experiencias vitais, terá un segundo pase durante a Semana Cultural que organiza a Asociación de Veciños de Mougás.

Despois da súa estrea o pasado mes de novembro, durante a Semana Cultural de Pedornes, o próximo día 3 de xaneiro haberá unha segunda oportunidade para ver esta peza audiovisual que recolle a memoria viva de Oia. Será a partir de 18.40 horas no Centro Cultural de Mougás.

Elaborado por Samaín Producións, "Memorias de Oia" é unha compilación de vivencias e anécdotas coas que as persoas maiores de diversos lugares do municipio lembran e describen como era a vida en Oia nos seus anos mozos. Relatos sobre o traballo, dificultades na vida do día a día, festas e historias narradas polos seus propios protagonistas co obxectivo de revalorizar todo este patrimonio inmaterial e evitar que caia no esquecemento.

Para a súa realización, este proxecto contou cunha achega do Concello de Oia e máis cunha subvención da Xunta para a promoción do uso da lingua galega.

Poema musicado

O audiovisual irá precedido dun espectáculo arredor do poema "A nena Carmela", composto pola veciña de Mougás Ángeles Fernández Trigo (Mari) e que unirá poesía, canción e música. Os encargados de por voz e música aos versos de Mari serán Sofía & Juanjo.

Este espectáculo de fusión do talento local a través da música, o canto e a poesía desenvolverase xusto antes da proxección de "Memorias de Oia".

Concello de Oia


Un alumno de 6º de primaria do CEIP de Refoxos gaña o concurso de debuxo infantil "Os Reis Magos chegan a Oia"

O traballo gañador ilustrará o cartel da Cabalgata de Reis de 2019

O xurado do concurso de debuxo infantil "Os Reis Magos chegan a Oia" concedeu o primeiro premio a Mateo Gómez Giráldez, alumno de 6º curso de Educación Primaria do CEIP de Refoxos.

Pola súa banda, o segundo e terceiro premio recaeron en alumnado do CEIP Mestre Manuel García. Concretamente, en segundo lugar quedou Claudia Domínguez Salinas, de Educación Infantil (5 anos); mentres que o terceiro posto foi para Mario Seijo Domínguez, de 3º curso de Educación Primaria.

O Concello de Oia convocou o pasado mes de novembro un concurso de debuxo infantil aberto ao alumnado dos dous centros educativos do municipio. Baixo o título "Os Reis Magos chegan a Oia", aos participantes pedíaselles que ilustrasen, con técnica libre, a súa visión sobre os Reis Magos.

Este ano, os traballos recibidos caracterizáronse pola súa gran calidade e a variedade de técnicas empregadas: rotuladores, lapis de cores, acuarela ou collage, entre outras.

Do total de debuxos presentados ao certame, un xurado composto por un mestre de cada un dos colexios e máis un representante do Concello de Oia seleccionou as tres ilustracións gañadoras. Os autores recibirán diversos premios en recoñecemento ao seu bo facer.

Premios

En canto aos premios para os gañadores do certame, o debuxo vencedor ilustrará o cartel que anunciará a Cabalgata de Reis de 2019.

Ademais, os tres clasificados recibirán un diploma e máis un lote de libros.

A entrega de galardóns desenvolverase o día 5 de xaneiro despois da Cabalgata de Reis no pavillón do CEIP Mestre Manuel García.

Concello de Oia


O Concello de Oia organiza un obradoiro de envellecemento activo e saudable

As actividades desenvolverase en Torroña e Loureza os mércores entre xaneiro e xuño

O Concello de Oia organiza un obradoiro de envellecemento activo e saudable dirixido a persoas maiores de 60 anos. A actividade comezará o 16 de xaneiro e desenvolverase todos os mércores ata o mes de xuño.

O obradoiro incluirá traballos manuais, xogos, actividades de risoterapia e creación de contos, entre outras; co obxectivo de que as persoas participantes se relacionen, traballen aspectos cognitivos e, sobre todo, que se divirtan e pasen un bo rato.

As sesións impartirase nas Escolas de Torroña (de 16.00 a 17.15h) e na Abadía de Loureza (de 17.45 a 19.00h) e terán carácter gratuíto. As persoas interesadas poden inscribirse no Concello de Oia ata o próximo 10 de xaneiro.

A iniciativa conta coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais de Oia.

Concello de Oia


O Concello de Oia ofrece obradoiros infantís de instrumentos musicais, maquillaxe e doces dentro da Programación de Nadal

As actividades desenvolveranse nas parroquias de Loureza e Viladesuso

O Concello de Oia organiza varios obradoiros infantís dentro da Programación de Nadal no municipio, os cales se celebrarán nas parroquias de Loureza e Viladesuso nos meses de decembro e xaneiro.

O día 28 de decembro a Abadía de Loureza acollerá os obradoiros de elaboración de instrumentos musicais e maquillaxe. As actividades desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas e nelas poderán participar nenos e nenas a partir dos 4 anos.

Posteriormente, o 4 de xaneiro no Centro Cultural de Viladesuso haberá un obradoiro de elaboración de madalenas e galletas con decoración de Nadal. O horario desta actividade será de 10.00 a 13.30 horas e poderán participar nela pequenos a partir dos 7 anos de idade.

Ambos obradoiros son gratuítos, previa inscrición no Concello. Os prazos para apuntarse son os seguintes:

-Obradoiros de instrumentos musicais e maquillaxe (Loureza): inscricións ata o 27 de decembro.

-Obradoiro de madalenas e galletas (Viladesuso): inscricións ata o 2 de xaneiro.

Concello de Oia


O Nadal continúa esta fin de semana en Tomiño con contos, música e teatro para toda a familia

Migallas Teatro chega á vila co seu 'Cantacontos' e Educateatro Producións con 'Os tres porquiños', dous espectáculos de balde para os nenos e nenas

Tomiño segue a gozar dun Nadal de conto e cheo de diversión, entretemento e ofertas de lecer pensadas para o público máis novo e para o desfrute destas datas en familia. Tras unha semana de obradoiros, contacontos e na que se recibiu a visita da Apalpadora, a programación de Nadal continúa esta fin de semana con dous espectáculos de música e teatro para todos os públicos e de balde para nenos e nenas.

O sábado 29 Migallas Teatro desembarca no Mercado Municipal de Tomiño (17.00 h) co seu espectáculo 'Cantacontos', unha innovadora proposta na que contos tradicionais e de creación propia se mesturan para ser recontados con cancións, música ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Son todas historias nas que se contan unha realidade próxima aos máis cativos e cativas, como poden ser o medo a escuridade, o afán de posuír xoguetes, as mascotas, os celos... Un espectáculo de humor que reflicte a realidade cotiá cunha coidada posta en escena e no que os nenos e nenas participan de forma activa. A actividade será de balde.

O domingo 30 os protagonistas serán 'Os tres porquiños'. Educateatro Producións chega ao Auditorio de de Goián ás 18.00 h cun clásico da literatura infantil con toques de modernidade e chea de contidos educativos. Trátase dunha revisión da tradicional fábula adaptada ao novos tempos e que inclúe a dous novos membros, Xan e Xiana, dous exploradores moi afeccionados aos contos que entran no bosque para coñecer aos seus personaxes favoritos. Na súa viaxe, ademais de descubrir a historia, os tres porquiño bailarán ao ritmo de cancións cantadas en directo que buscan que os máis pequenos e pequenas reforcen coñecementos como os números, as cores ou as prendas de vestir. A obra, dirixida a nenos e nenas a partir de 2 anos, será de balde para os pequenos e pequenas e custará 3 euros para as persoas adultas. A venda de entradas será unha hora antes no despacho de billetes.

A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, convida a todo o mundo a participar nestas actividade e anima a nenos, nenas e maiores a desfrutar ao máximo posible dunha programación moi completa pensada para gozar en familia dunhas datas tan sinaladas.

Aninovo de lecer

A programación de Nadal continuará a vindeira semana coa Praza do Seixo coma punto de encontro. Os días 2, 3 e 4 de xaneiro nunha carpa situada diante da Casa do Concello os nenos e nenas a partir de 3 anos poderán subir a distintos inchables e participar no pintacaras e nos obradoiros organizados pola asociación Avelaíña, de A Guarda, para os que é preciso inscrición previa a través da web do Concello. Todas estas actividades son de balde e de 16.00 a 20.00 h.

O colofón final do Nadal será a tradicional Cabalgata de Reis, que sairá o vindeiro sábado 5 de xaneiro ás 16.30 h do Campo do Alivio. Carrozas e treboadas encherán as rúas de Tomiño de música e cor nun percorrido que rematará na Praza do Seixo coa recepción das Súas Maxestades aos nenos e nenas e música, reparto de agasallos e sorteo de tablets, bicicletas, patíns...

Concello de Tomiño


Tomiño acolle un curso de escaparatismo para que persoas emprendedoras e comercios locais melloren as súas ventas

Aínda quedan prazas dispoñibles para participar nesta actividade formativa de 36 horas de duración organizada pola Escola Eu Rural. O curso comeza o 14 de xaneiro

Tomiño acolle este mes de xaneiro o curso 'O ben feito ben parece', unha actividade formativa organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020, e que ten como obxectivo principal axudar a crecer e mellorar o comercio local, dando ferramentas á todas as persoas participantes para mellorar as ventas dos negocios e facelos máis competitivos e de éxito.

Centrado na comercialización de produtos tanto do sector primario como doutros sectores, este curso de 36 horas de duración impartirase os días 14, 15 e 16, 21, 22 e 23 e 28, 29 e 30 de xaneiro de 16.30 a 20.30 horas. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse de balde a través da web de Eu Rural (eurural.org), dirixíndose ao apartado denominado Escola e enchendo o formulario on line (http://eurural.org/formulario-o-ben-feito-ben-parece/).

Destinado a persoas emprendedoras e comercios locais, así como a calquera persoa interesada, este curso servirá para que todos e todas as participantes adquiran coñecementos vinculados ao escaparatismo, á presentación do produto, á paquetería comercial e ao visual merchandising. Ao longo do curso, as persoas participantes adquirirán as habilidades necesarias para desenvolver o escaparate perfecto, tendo en conta dende os puntos de atracción visual ou o tipo de decoración máis axeitada en cada negocio para visibilizar os produtos e favorecer as compras.

Escola Eu Rural

Este itinerario formativo nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

Co curso búscase completar a actividade realizada o ano pasado co itinerario 'Cos pés na terra', que puxo en marcha unha serie de actividades relacionadas coa produción primaria e coa posta en valor do sector agrogandeiro, e 'Coas mans na masa', que busca engadir valor ao sector primario a través da transformación e da conservación de alimentos.

Concello de Tomiño


Tomiño investirá máis de 4 millóns de euros na execución de obras no municipio durante 2019

O orzamento do Concello para o vindeiro ano ascenderá a máis de 7,3 millóns de euros, a cifra máis alta de toda a historia da vila

O Concello de Tomiño xa ten listos os seus orzamentos para 2019. O goberno local aprobará en pleno o vindeiro xoves 27 de decembro (20.30 h) os seus presupostos para o vindeiro ano, que ascenderán a un total de 7,3 millóns de euros, a cifra máis alta de toda a historia do municipio tomiñés. Trátase dun plan de investimentos moi ambicioso que contempla execución de obras por todo o municipio por valor de máis de 4 millóns de euros. "Investimos en obras máis que nunca e para poder facelo levamos traballando todo o ano buscando o financiamento necesario a nivel rexional, estatal e mesmo europeo", salienta o concelleiro de Facenda, Uxío Benítez.

Dentro destes orzamentos destacan os 670.000 euros destinados á mellora da mobilidade e seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da Praza do Seixo, coa que se procura transformar o núcleo do Seixo nun espazo público pensado para as persoas e no que a mobilidade peonil e sustentable sexa prioritaria, xerando maior calidade de vida urbana. Asemade, tamén se levarán a cabo importantes obras no otro núcleo urbano do municipio, como a reconfiguración de espazos públicos e usos no núcleo urbano de Goian, para o que se destinarán case 800.000 euros; a ampliación e mellora da accesibilidade na Alameda de Goián, no que se investirán máis de 600.000 euros en distintas partidas; ou a rehabilitación enerxética da escola obradoiro de Goián, cun presuposto de máis de 177.000 euros.

A maiores, o vindeiro ano executaranse numerosas obras noutras parroquias do municipio e realizaranse traballos de mellora dos camiños da localidade. Así, destinaranse 440.000 euros para o acondicionamento da contorna da praza de Figueiró; 350.000 euros para a mellora nas instalacións do campo de fútbol do Alivio; case 220.000 euros para a mellora da seguranza viaria na estrada de Estás; outros 180.000 euros para o acondicionamento da contorna da igrexa de San Xoán de Amorín; ou case 160.000 euros para a ampliación e mellora da estrada de Cristelos.

Ademais dos fondos propios que o Concello de Tomiño achegará para as obras que se executarán en 2019, parte dos traballos realizaranse grazas á consecución de proxectos financiados co Plan Concellos e co Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra, destinados a investimentos e a cubrir necesidades en materias de infraestruturas viarias, e a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Orzamentos para a cidadanía

Xunto coas obras previstas, que mellorarán a calidade de vida da veciñanza, o Concello de Tomiño tamén aposta nestes orzamentos por outros eixos de investimento, como a educación, a cultura, o medioambiente ou a cooperación transfronteiriza. Así, o goberno local continúa a aportar pola educación como eixo estratéxico, polo que os orzamentos para 2019 ten reservada unha partida de 60.000 euros para o Plan da Mellora dos Colexios do municipio, que inclúe programas tan destacados como o 'É Aprender', actividades extraescolares gratuítas para o alumnado, o apoio psicolóxico a menores do concello ou axudas a principios de curso para a compra de material escolar, entre outros.

Por outra banda, os presupostos tamén inclúen unha partida para o Plan de Compostaxe, destinada a acompañar as iniciativas de compostaxe colectivo promovidas pola Deputación de Pontevedra e que inclúen puntos de compostaxe comunitarios nos núcleos urbanos do Seixo e Goián e a presenza de dous mestres composteiros. O obxectivo principal deste proxecto é reducir a factura de Sogama ligada ao lixo do contedor verde. Nestes orzamentos tamén se inclúen os fondos conseguidos a través do programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea, para o desenvolvemento da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Tomiño-Cervera 2014-2030.

Un ano máis Tomiño aproba en tempo e forma os seus orzamentos municipais "síntoma da estabilidade política coa que se está a desenvolver o goberno municipal e garante do correcto e funcionamento ordinario do Concello, que non queda interrompido en ningún momento", recorda a alcaldesa de Tomillo, Sandra González.

Concello de Tomiño


O Mercado Municipal de Goián reabriu as súas portas renovado e especializado en produtos da terra

O proxecto de remodelación foi financiado pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e polo Concello de Tomiño

Un mercado renovado e especializado en produtos da terra que funcione como espazo comercial e lugar de encontro da veciñanza. Así é o novo Mercado Municipal de Goián, que abriu as súas portas este sábado 22 de decembro despois de ser remodelado como aposta do Concello de Tomiño polos dos produtos de proximidade. "Trátase dun mercado máis pequeno e máis modesto que o situado na Praza do Seixo, pero responde á vontade do goberno municipal de apostar polos produtores locais e os produtos de calidade, por unha atención profesional directa e personalizada e que axuda a fomentar o autoemprego no eido local", salientou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Tras unha reforma integral realizada polo mesmo equipo que remodelou o Mercado Municipal de Tomiño, recentemente distinguido pola Xunta de Galicia co primeiro Selo de Mercado Excelente de Galicia, este mercado situado no centro da localidade reabriu as súas portas como un espazo comercial no que prima a presenza de produtos da contorna e de alta calidade.

O proxecto foi realizado grazas a financiación da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e do propio Concello de Tomiño, no marco das axudas para a creación de Novos Espazos de Emprendemento Comercial (70.000 euros máis 35.500 de achega municipal), e vén colmar as expectativas da poboación desta parroquia que maioritariamente expresou o seu desexo de conservar o antigo mercado, no proceso participativo que o concello puxo en marcha antes da redacción deste proxecto de reforma.

Unha nova oferta chea de sorpresa

Catro postos conforman este novo espazo comercial, catro establecementos que veñen a aumentar a oferta comercial de Goián. Así, o público atoparase no novo mercado municipal os seguintes negocios:

" Alto da Aldea, unha carnicería-chacinaría que comercializa tenreira cachena, porco celta e cabra galega. As carnes proceden de animais criados na parroquia de Goián e transformados en embutidos no propio mercado, no obradoiro deste establecemento.

" A Videira, que pón á venda froitas e verduras cultivadas no Baixo Miño polos propietarios deste negocio, así como doutros vexetais procedentes doutras hortas.

" Peixería Estrela, que conta cun amplo surtido de peixes e mariscos da ría.

" Alce Tendaecolóxica, que ofrece produtos ecolóxicos, de proximidade e a granel, ademais de pequenas degustacións caseiras apostando sempre por unha alternativa máis sustentábel.

Concello de Tomiño


O desentullo da zona de cero de Paramos comezará na segunda semana de xaneiro

Onte o pleno aprobou por unanimidade a adxudicación dos traballos por vía de emerxencia

Na segunda semana de xaneiro comezarán os traballos de desentullo na zona cero de Paramos afectada pola explosión do pasado 23 de maio. Esta mañá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Obras, Antonio Castro, o arquitecto municipal, Pablo Rivas, o redactor do proxecto de desentullo, Francisco Valle, e o responsable da empresa adxudicataria, Ricardo Abal , visitaron a zona cero para estudar o plantexamento para iniciar a obra.

A próxima semana dedicarase a tramitación administrativa precisa coa presentación do plan de desamiantado, que deberá aprobar o ISSGA, e de Seguridade e Saúde, que debe informar o coordinador de Seguridade e Saúde e aprobar o Concello. A continuación comunicarase a apertura do centro de traballo e asinarase a acta de reformulo.

A segunda semana de xaneiro comezarán xa as obras propiamente ditas que terán un prazo de execución de dous meses.

Os traballos levaranse a cabo nunha área de 25 mil metros cadrados onde se retirará todo o entullo, se demolerán tres segundas plantas de vivendas con risco de desplome e se actuará sobre os muros que dan cara viais públicos.

A corporación municipal aprobou onte en pleno ordinario por unanimidade a adxudicación dos traballos por vía de emerxencia á empresa Demoliciones y Desamiantados de Galicia S.L. por importe de 753 mil euros. Tamén por unamimidade foi aprobada a moción para habilitar o crédito preciso para costear o desentullo por parte do Concello de Tui.

Concello de Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais