JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A mocidade tomiñesa organiza un Nadal solidario

O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia traballou arreo desenvolvendo numerosas iniciativas para unhas festas que non esquezan a ninguén

Nun Nadal atípico e complicado como o que nos tocou vivir este ano, o colectivo Voces Novas, Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, estivo traballando arreo ultimamente en varias iniciativas para conmemorar estas festas, onde tiveron claro que o importante era non deixar a ninguén atrás.

Durante as últimas semanas organizaron nos distintos centros escolares a redación e o envío de postais ás persoas maiores do Concello que viven soas ou en residencias de anciáns -As postais dirixidas aos usuarios das residencias foron entregadas polos propios nenos e nenas-, para que se sintan arroupados nestas datas tan sinaladas e saiban que a mocidade tomiñesa non se esquece deles.

Desde o colectivo tamén se encargaron de crear multitude de adornos natalicios que engalanaron a Praza do Seixo e o Mercado de Tomiño, onde participou tamén o alumnado de todos os centros de ensino do municipio. Desde a Concellería de Mocidade e Participación Infantil queren agradecer enormemente aos centros a súa implicación e esforzo nesta iniciativa. Na creación da decoración tamén participou o alumnado do programa EncáixaT, organizado polo Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), que se encargou de facer unhas tabliñas de madeira con felicitacións natalicias para decorar os centros de ensino e a Praza do Seixo.

A mocidade de Voces Novas tamén instalou no Mercado Municipal unha árbore dos desexos, no que as persoas poden pendurar nas súas pólas os seus desexos para o vindeiro ano. Entre as peticións máis destacadas, aos clásicos como saúde ou traballo este ano sumouse tamén o desexo de que a pandemia non demore en acabar, para poder volver a abrazar aos seres queridos. A árbore tamén está pensada para ser un punto de intercambio de ilusións e sorpresas. As persoas poden deixar ao seu pé unha cousa que xa non queiran e que pensen que lle pode gustar a alguén e coller no seu lugar algo que deixase outra persoa.

Outra das iniciativas do grupo que se levará a cabo este Nadal é a realización dun "autocine" o vindeiro 2 de xaneiro ás 20:00 horas, na rúa Daniel Calzado, onde se proxectará o filme "Solo en Casa". A intención é poder desfrutar do cinema natalicio en compañía creando un espazo de seguridade para todos e todas.

Concello Tomiño


Tomiño realizou 239 baleirados de fosas sépticas a través do seu servizo este 2020

A limpeza das fosas está subvencionada polo Concello e poden adherirse ao servizo aqueles usuarios que non puideron conectarse aínda á rede de saneamento

O Concello de Tomiño ofrece desde febreiro de 2017 un servizo de baleirado de fosas sépticas para aquelas familias que aínda non puideron conectarse á rede de saneamento, que supoñen preto do 40% da poboación do municipio, un problema agravado pola dispersión da poboación nun territorio moi extenso (106 km2).

Neste servizo están censados actualmente un total de 244 persoas, das cales 130 o utilizaron durante o presente ano. En total foron realizados 239 baleirados en 2020 fronte aos 167 do ano anterior, un 43% máis. O custo promedio que ten contratar unha empresa de baleirado adoita superar os 100 euros, pero coas bonificacións que o Concello ofrece aos usuarios adheridos a este servizo o custe do primeiro baleirado do ano cífrase en tan só 20 euros, pasando a 40 nos baleirados seguintes. No caso daqueles fogares que polas súas circunstancias non poidan facer fronte ao pago está contemplada a exención do pago do primeiro baleirado se así o estipulan os servizos sociais do Concello.

O tempo de demora medio desde que o usuario demanda a limpeza ata que se produce é de 4,5 días. Este tempo pode verse dilatado en función da demanda do servizo -que se leva a cabo os martes e xoves-, especialmente nas épocas de chuvia, onde é frecuente que a EDAR de Tomiño traballe ao límite da súa capacidade e sexa necesario empregar a EDAR de Guillarei.

Aumento da demanda polo confinamento

O confinamento domiciliario decretado durante os meses de marzo e xuño tivo como consecuencia un aumento da demanda do servizo debido ao maior tempo que as persoas pasaron nas súas vivendas, chegando a concentraren estes catro meses case o 50% do total de baleirados.

Para solicitar o Servizo de baleirado de fosas sépticas, o titular da vivenda debe dirixirse primeiro á empresa AQUALIA e pedir un certificado de non estar conectado á rede de saneamento, ou ben estar situado a máis de 50 metros da mesma (se está a menos é obrigatorio conectarse). Do mesmo xeito, debe pasar polo Concello para inscribirse no Rexistro de Fosas Sépticas e Pozos Negros do Concello e cubrir unha solicitude (de autorización para o baleirado) a primeira vez que se solicita o servizo.

Concello Tomiño


Tomiño presenta unha programación cultural de Nadal para gozar en familia con seguridade

Teatro, autocine e contacontos son algunhas das apostas para estas festas

Nestas datas festivas de gran importancia para todos e todas é importante que as nenas e nenos poidan desfrutar do Nadal, pero tamén é importante continuar extremando as precaucións nun contexto no que a pandemia continúa presente no noso día a día. É por iso polo que o Concello de Tomiño decidiu enfocar a súa programación de Nadal pensando nos máis cativos e cativas, para que poidan celebrar estas festas en espazos seguros nos que a precaución e o mais estrito cumprimento das normas de seguridade sexan o prioritario.

AS VIAXES DE PAIO E AURELIO, de Oviravai, o sábado 26 de decembro ás 17.30h no auditorio de Goián.

Espectáculo de música infantil no que a través das vivencias de Paio e Aurelio, un teixugo molón e un oso polar, iremos de viaxe ata o Polo Norte. A trama narra como Paio coñece ao oso Aurelio viaxando por Europa, como nace a súa amizade e como se axudan nos momentos difíciles. Todo isto dentro dun contexto de respecto absoluto a valores fundamentais como a natureza, a cultura, a reciclaxe, a amizade, o esforzo e o amor pola lingua.

CANTA, MIÑA PEDRA, CANTA de Xoán Curiel e Charo Pita, o luns 28 de decembro ás 11.30h na Praza do Seixo (en caso de choiva na primeira planta do Mercado Municipal). Todos os nenos e nenas asistentes serán agasallados cun libro da Editorial Galaxia.

Neste espectáculo musical, teatral e de narración oral, con elementos de participación activa, o actor e músico Xoán Curiel crea cancións propias e pon música ás cantigas recollidas polo autor, namentres que a actriz e contadora Charo Pita conta contos populares tamén de recollida do noso patrimonio inmaterial.

Os dous artistas fan un tándem en escena nunha proposta teatral infantil e para toda a familia.

Para rematar o ano 2020 o apalpador percorrerá as rúas de Tomiño para rematar no Mercado Municipal o 31 de decembro ás 12:00h e desexarnos un aninovo cheo de felicidade e comida. Este personaxe vive nas montañas do Courel e dos Ancares e o 24 e 31 de decembro percorre as vilas de toda Galiza para apalpar as barriguiñas e ver se nenos e nenas comeron o suficiente. Agasalla castañas e regalos de madeira.

Para comezar o novo ano 2021 temos AUTOCINE: o clásico de Nadal "SOLO EN CASA", o sábado 2 de xaneiro ás 20h na rúa Daniel Calzado. Mentres que nunha sala de cinema tradicional o espazo destinado ao estacionamento de vehículos e o auditorio atópanse fisicamente separados, esta modalidade de proxección consiste en unilos: a experiencia cinematográfica vívese dende o interior do vehículo. Esta actividade foi solicitada polos mozos e mozas de Voces Novas, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, petición que foi atendida polas concellerías de Mocidade e Cultura.

EN TODAS AS ACTIVIDADES é preciso reserva previa de entrada chamando ao teléfono 986622001 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal

Concello Tomiño




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais