O Concello conta cun novo remolque cisterna para o servizo de Vías e Obras
O vehículo, cun custo de case 15.000 euros, foi adquirido ao abeiro dunha subvención do Plan Concellos 2018 da Deputación
O Concello do Rosal conta xa cunha nova incorporación no seu parque de vehículos. O municipio acaba de adquirir un remolque cisterna para desempregar diferentes tarefas no servizo de Vías e Obras, un camión cun custo total de case 15.000 euros subvencionados a cargo do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.
Este novo remolque cisterna ten unha capacidade de 4.000 litros e está equipado con depresor e bomba centrífuga para presión, bésta lanza para amortecer, eixo con freo hidráulico, dúas saídas para máquina a presión, dous enroladores de mangueira, transmisión, unha mangueira de carga e esparexedor.
Con esta nova adquisición o Concello do Rosal continúa coa renovación do seu parque móbil de vehículos, incorporando outros novos para mellorar a atención dos distintos servizos públicos e actualizando algúns dos vehículos cos que contaba, como unha furgoneta que se empregaba tamén no servizo de Vías e Obras con máis de 20 anos de antigüidade e que sufría constantes avarías.
Concello de O Rosal
Unha unidade móbil de doazón de sangue visitará o Rosal o vindeiro luns 28 de decembro
Estará na Praza do Calvario de 10 a 14 e de 16 a 21 horas. Para preservar a saúde de todos e todas, as persoas interesadas en doar deberán pedir cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828
Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase de novo ata O Rosal antes de acabar o ano. O autobús estará instalado na Praza do Calvario o vindeiro luns 28 de decembro e atenderá ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
Na situación actual, na que necesariamente débense establecer medidas de prevención social encamiñadas a preservar a saúde de todos e todas, todas as persoas que desexen doar sangue deberán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para escalonar a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes, evitando esperas a aglutinacións de xente.
O Centro de Transfusión continúa extremando os protocolos de seguridade para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, en cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.
Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.
Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...
Concello de O Rosal
O Rosal festexa esta semana de Nadal co Apalpador, música e animación
A programación comeza este 23 de decembro con dobre sesión do Apalpador e Os Monifates na Praza do Calvario
Todas as actividades serán de balde e contarán coas medidas de seguridade necesaria
A programación de Nadal arranca no Rosal con música e animación polas rúas, coa visita do Apalpador para os máis pequenos e pequenas pero tamén cun concerto para público adulto. En total serán catro actividades de balde programadas para esta semana que contarán con todos os protocolos de prevención marcados polas autoridades sanitarias para garantir a saúde dos rosaleiros e rosaleiras. "Apostamos por unha cultura segura na que tomando todas as medidas de seguridade necesarias podamos manter actividades de lecer para pequenos e maiores coas que dinamizar as nosas rúas, fomentar a presenza de veciños e veciñas e potenciar o noso comercio local", salienta a rexedora, Ánxela Fernández.
A primeira actividade programada será este mércores 23 de decembro na Praza do Calvario coa visita dobre do Apalpador, que estará acompañado por Os Monifates e o seu peculiar carromato, co que percorren as vilas coa importante misión de amosar o rica e variada música e instrumentación da cultura galega nun formato orixinal que conta coa participación dun variado elenco de bailaríns en forma de marionetas. Haberá sesión ás 16.30 e ás 17.45 horas. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través da web do Concello cun máximo de 3 persoas por inscrición.
O sábado 26 de decembro a animación continúa. Pola mañá, a partir das 11.00 horas, Os Carunchos percorrerá as rúas do Calvario coa súa música tradicional na que mesturan temas cantados da tradición oral co repertorio de gaiteiros solistas.
Xa pola tarde será a quenda de Uxía e o seu 'Lume novo de Nadal'. A cantante chegará ás 20.00 horas ao Auditorio Municipal do Rosal para acender nestes tempos de incerteza un lume novo renovador a través de cantos tradicionais de Nadal para que axuden a todos os espectadores a coller novos folgos e revivir a alegría coa que se vivía este tempo antigamente. Un ambiente íntimo e doméstico sen moitos alardes técnicos para propiciar calor e proximidade, sempre seguindo as recomendacións e protocolos para garantir a seguridade de todos e todas. Necesaria inscrición previa na web do Concello.
A vindeira semana a programación continuará con máis actividades para todos os públicos. O luns 28 de decembro A Apalpadora de Iseo a Moura estará na Praza do Calvario ás 17h.
A programación preparada para este Nadal buscan tamén dinamizar o comercio local, levando aos rosaleiros e rosaleiras ás rúas e propiciando que realicen as súas compras no comercio de proximidade. Todas as actividades contarán con medidas de prevención como o aforo reducido, o mantemento das distancias de seguridade ou o uso de máscara, apostando así unha vez máis pola cultura segura.
Concello de O Rosal
|