JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Ferry-Boat suspende as súas travesías entre A Guarda e Caminha do 24 de decembro ao 5 de xaneiro

Debido a situación epidemiolóxica motivada pola pandemia da Covid-19 o servizo do Ferry-Boat entre A Guarda e Caminha quedará suspendido dende o xoves 24 de decembro de 2020 e o martes 5 de xaneiro de 2021, ambos inclusive.

Esta decisión está motivada polo estado de emerxencia declarado en Portugal e polo estado de Caminha en risco moi elevado de contaxios; polo estado de alarma en España, estando Galicia con certas dificultades de mobilidade; polas restricións perimetrais establecidas pola Xunta de Galicia; polas datas de Nadal e Aninovo e as recomendacións de evitar desprazamentos e xuntanzas e polas prohibicións de circulación entre concellos decretada por Portugal do 31 de decembro ao 4 de xaneiro.

Terminado este período de suspensión do servizo, revisarase a situación da evolución da pandemia da Covid-19 en Portugal e en Galicia para concretar a posta en marcha do servizo novamente.

Concello de A Guarda


Posición do BNG da Guarda sobre os orzamentos do Concello para o 2021

Anxo Baz " O PSOE nunca tivo vontade real de negociar nada con ningún outro grupo"

O debate creado nos últimos días polo Alcalde e polo grupo de goberno do PSOE da Guarda sobre a aprobación dos orzamentos, non pasan de ser unha mera cortina de fume para tapar o descrédito deste goberno e da súa falta de atención aos verdadeiros problemas que sufre A Guarda. Non debemos esquecer que levan sen presentar orzamentos desde o 2018 o que demostra o seu desleixo e ausencia de proxecto para este pobo.

O portavoz municipal do BNG Anxo Baz, manifestou " o PSOE nunca tivo vontade real de negociar nada con ningún outro grupo. A lei facilítalles levar adiante a súa proposta de orzamento sen cambiar absolutamente nada. De non presentar o BNG co PP unha moción de censura, cousa que todo o pobo da Guarda sabe que non vai ocorrer, os orzamentos quedarán aprobados automaticamente ao cabo dun mes despois de presentada a moción de confianza tal e como marca a lei".

Os orzamentos son o documento económico no que se sustenta un proxecto de pobo. Ao largo deste mandato as diferenzas do BNG co actual grupo de goberno foron notorias e manifestas en cuestións centrais para poder iniciar un proceso de transformación paulatino da Guarda en aspectos tan transcendentes como a mobilidade e a recuperación do espazo público para as persoas, as estratexias para diminuir a emisión de gases á atmosfera, a promoción e potenciación do comercio local, etc.

Os orzamentos presentados para o 2021 polo grupo de goberno non saen deste guión, esquecendo acordos plenarios como o proxecto de remodelación da praza de abastos ou reivindicacións históricas como a apertura da rúa Inguieros.

De teren o máis mínimo interese en negocialos con algún outro grupo, presentaríanos acompañados dunha proposta de inversións para o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A razón é simple, as inversións reais destes orzamentos rondan os 100.000 €, o plan Concellos supera os 600.000 €. Que grupo político cun mínimo de criterio vai negociar unha partida de 100.000 € e esquecerse dos 600.000€ que veñen do Plan Concellos?

A maiores o grupo de gobernos fai anuncios nos medios de comunicación de incrementos en partidas como a de emerxencia social nun 20%, que simplemente son falsos. No exercicio do 2020 adicouse para este concepto 14.820€ máis dos que aparecen nesta proposta de orzamentos. Desaparecen tamén partidas como a de emerxencia social do Centro de Información a Muller , a pesar de que no último pleno se aprobou por unanimidade incrementala.

Por todos estes motivos o BNG votou en contra destes orzamentos no pleno celebrado o pasado 18 de decembro. A presentación da moción de confianza por parte do Alcalde, leva a que estes orzamentos saian aprobados agora ou dentro dun mes, dado que o requisito para tiralos abaixo implicaría un acordo de gobernabilidade entre forzas políticas sin coincidencias mínimas, polo que anunciamos que nos absteremos no pleno do próximo 23 de decembro aínda sabendo que estes non son os orzamentos que precisa A Guarda. Cando menos remataremos cun debate ficticio no que o Alcalde e o grupo de goberno o único que pretenden e aparecer como vítimas e así disimular a súa incapacidade para xestionar o Concello de A Guarda.

Estamos convencidos que estamos diante dun goberno esgotado e sin ideas, o BNG continuará traballando coa sociedade guardesa para levar adiante un proxecto con capacidade para ilusionar ao pobo da Guarda máis cedo que tarde.

BNG de A Guarda


O BNG cualifica de trapallada do PP ofrecerlle a Alcaldía

Anxo Baz, considera que 'é momento de mirar cara adiante e traballar coa sociedade para saír desta crise, e aí estamos'

O Bloque Nacionalista Galego considera unha trapallada a proposta que brindou esta mañá o portavoz do PP, Roberto Carrero, ofrecendo a Alcaldía ao BNG, que vén confirmar as manobras contranatura que o PP aplica na política para intentar ter relevancia e xustificar a falta de iniciativa no concello da Guarda.

"A desesperación do PP chega a límites inimaxinábeis. Só así se pode entender que hai un ano esixía ao alcalde da Guarda a retirada das competencias de goberno ao BNG e agora propoña unha Alcaldía do BNG."

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, respostaba así sobre o tema ao ser preguntado pola veciñanza: "A cuestión non é ser alcalde, senón ter un modelo de concello para A Guarda, claro e definido. Queremos un goberno forte, decidido e transformador, como o que tratamos de poñer en marcha no tempo que estivemos no goberno municipal, góstelle ou non ao PP ou ao PSOE'.

O BNG non apoiou os orzamentos do PSOE porque van ser ineficientes e non recollen acordos plenarios para solucionar problemas concretos da veciñanza da Guarda; mais censura tamén que nos aspectos de calado e que definen un modelo de pobo, o PP estivo pegadiño ao PSOE e foi do seu brazo en temas como mobilidade e recuperación do espazo público para as persoas ou nas estratexias para diminuir a emisión de gases á atmosfera, aspectos que son fundamentais para difinir un modelo de pobo atractivo e dinamíco que impulse a economía local e lle dea calidade de vida aos seus veciños.

Anxo Baz, afirmou que 'non é momento de "inventos", é momento de atender ao pobo da Guarda que está a pasar por momentos moi duros, polo que toca traballar para saír desta situación con iniciativas que noutras vilas o BNG puxo en marcha con éxito'.

BNG de A Guarda


O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, acada a confianza da corporación municipal e consigue a aprobación dos orzamentos para o 2021

No día 23 de decembro, celebrouse no concello da Guarda o pleno no que se debatía a cuestión de confianza do alcalde vinculada a aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2021. Antonio Lomba acadou a confianza ao contar co voto favorable do grupo Converxencia Galega e a abstención do BNG, o PP votou en contra como xa fixera no pleno de orzamentos.

O alcalde durante a súa intervención pediu a confianza da corporación apelando a vontade do pobo da Guarda expresada nas eleccións municipais que deu o apoio maioritario ás forzas de esquerdas.

Coa confianza outorgada, Antonio Lomba, consigue levar adiante un proxecto de orzamentos que supón un avance para a localidade ao contar con máis de 1.150.000 € respecto do orzamento prorrogado co que se viña traballando. Como xa informara con anterioridade, este orzamento é totalmente imprescindible para atender as necesidades da veciñanza.

Durante a súa exposición, Antonio Lomba, expuxo as posibilidades de negociación do orzamento que os grupos da corporación non aproveitaron, argumentando que puideron poñer encima da mesa investimentos vinculados ao plan concellos da Deputación de Pontevedra, dada a escasa posibilidade de manobra do orzamento municipal, que tan só reserva 100.000 € para investimentos.

O alcalde da Guarda amosa a súa satisfacción por ter acadado a confianza do plenario xa que os intereses da cidadanía deben estar por riba de intereses partidistas e por riba de nimiedades que non conducen a ningún sitio. A mellora do benestar da cidadanía o é o proxecto e a idea en torno a cal xira a acción política do alcalde e do equipo de goberno. Segundo as súas propias palabras: " foi un exercicio de responsabilidade poñer a disposición da corporación o cargo de alcalde e o do equipo de goberno, antepoñendo os intereses da cidadanía por riba de todo."

Concello de A Guarda


Día 23 de decembro comeza a prestar servizo a nova empresa de transporte público, entre A Guarda e Vigo

A empresa Lugove foi a adxudicataria do novo contrato de transportes licitado pola Xunta de Galicia para o Baixo Miño dentro do PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA.

Hai que destacar que neste novo contrato hai algúns cambios importantes como unha mellor comunicación co CUVI e os hospitais ou unha liña circular entre O A Guarda e O Rosal. Ademais destas melloras haberá unha redución das tarifas para aquelas persoas que utilicen a tarxeta prepago de transporte e para a xente moza.

Nos itinerarios publicados pola Xunta hai un erro referido a A Guarda que se corrixirá nos próximos días. A parada A Guarda (Concepción Arenal, 87) non existe, e hai que substituíla por Rosalía de Castro s/n (Centro Cultural).

Toda a información dispoñible sobre novo plan de transporte, incluídos itinerarios, paradas e horarios pode consultarse na páxina web www.bus.gal. Ademais a empresa dispón dunha páxina web na que publicará os horarios www.lugove.gal.

Concello de A Guarda


A Guarda avanza na recuperación do Patrimonio Histórico con "Cada palabra conta"

O Concello da Guarda ven de instalar no antigo salón de plenos e as antigas dependencias de alcaldía o mobiliario específico para albergar o novo Arquivo Municipal, que se atopa arestora repartido en dous edificios, o Centro Cultural de A Guarda e a antiga Casa Consistorial, o que permitirá unificar nun so espazo todos o documentos que o concello ten arquivados, mellorando e optimizando á súa vez o servizo de consulta, tanto para o persoal municipal coma para o público xeral que precise consultar datos do arquivo.

A idea de dotar ao concello da Guarda dunha insfraetructura onde albergar o arquivo municipal non resulta novidosa, nace do historiador guardés Joaquín Miguel Villa Alvarez, doutor en Historia Contemporánea. A súa motivación inicial xunto coa do persoal do propio concello vai dar resposta á demanda cidadá de contar cun espazo onde albergar o patrimonio histórico da Guarda.

Nestes dous últimos anos, dende o concello de A Guarda e xunto coa estreita colaboración da Deputación de Pontevedra, recopilamos diferente material e en especial, dixitalizáronse libros e fotografías antigas de diferentes fondos privados que foron e son cedidas ao concello para a súa salvagarda. Non solo nos encargamos de custodialas nos nosos fondos, senón que son vertidas na plataforma ATOM da Deputación de Pontevedra para uso e desfrute da curiosidade da cidadanía.

O Arquivo Histórico Municipal debe desenvolverse como unha institución pública en beneficio de toda a poboación, ademais de que esta seguiría sendo a principal depositaria de documentación. Sen embargo, este arquivo terá una actitude proactiva ao estar aberto a recibir documentación de natureza privada ou semiprivada (arquivos familiares, de asociacións, colectivos, etc.). En calquera caso, este estara adscrito á rede do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, seguindo as súas pautas e empregando a normativa estándar na plataforma ATOM.

Estes novos módulos, cun orzamento total de 39,159.61€, foron instalados con cargo a unha subvención para o Equipamento e mellora das instalacións locais da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

A nova ubicación do arquivo conta con armarios equipados con estantes e bastidores para poder soportar as carpetas, reforzados para garantir una carga por estante de 100 Kg/m uniformemente repartidos, dispoñen de tope posterior e regulables en altura, con accesorios varios como suxeita libros, carpetas colgantes, etc.

Os armarios dispoñen de sistema de bloqueo xeral e elemento para evitar o acceso pola parte frontal, todos os paneis de peche e acabado teñen chapa de aceiro.

Concello de A Guarda


Cambio de horarios no Museo do Mar, no MASAT, na Biblioteca e na Oficina de Turismo da Guarda

Coa chegada das vacacións de Nadal o Concello da Guarda informa do cambio de horarios dalgúns servizos municipais coma o Museo do Mar, o Museo Arqueolóxico de Santa Trega ou a Biblioteca Pública Municipal.

Deste xeito dende o 24 de decembro e ata novo aviso o Museo do Mar estará pechado.

Dende o 24 de decembro e ata novo aviso Museo Arqueolóxico de Santa Trega estará pechado.

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda estará pechada os días 24 e 31 de decembro, así coma os sábados 26 de decembro e 2 de xaneiro e a semana do 4 de xaneiro ao 9 de xaneiro, abrindo novamente o día 11 de xaneiro no seu horario habitual.

En canto á Oficina Municipal de Turismo estará pechada do xoves 24 ao domingo 27 de decembro e do 31 de decembro ao 17 de xaneiro.

Concello de A Guarda


Actividades culturais e de Nadal
para rematar o ano na Guarda

" Os "Carteiros do Nadal" estarán na Guarda do 22 ao 23 de decembro para recoller as cartas dos nenos e nenas da vila.

" A programación conta con diversas actividades, sempre tendo en conta as medidas sanitarias vixentes e os aforos máximos para cada actividade, algunhas nas que é preciso realizar inscrición previa.

Continúa a programación de actividades do Nadal 2020 na Guarda e, coa chegada das vacacións de Nadal para os mais cativos, incorporaranse novas propostas, como "Os carteiros de Nadal", que recollerán as cartas dos nenos o martes 22, mércores 23 e xoves 24 decembro.

"Os carteiros do Nadal" estarán polas diferentes rúas da vila para que os nenos e nenas entreguen as súas cartas (22 e 23 en horario: 17:00h a 20:00h horas e 24 en horario: 10:30h a 13:30h). En caso de choiva esta actividade terá lugar no Centro Cultural.

O derradeiro evento do ano terá lugar o sábado 26 de decembro co Espectáculo infantil "Zona en obras" de Brais das Hortas. Contos, música, títeres, instrumentos con obxectos e moita interacción co público. O evento terá lugar no Centro Cultural ás 17:30 horas. Para asistir a este evento é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 21:00h) ou no enderezo electrónico culturaguarda@gmail.com

ACTIVIDADES PARA COMEZAR O ANO

E no mes de xaneiro, o sábado día 2 de xaneiro o Centro Cultural acolle ás 17:30h a obra de Teatro Infantil "O Crebanoces" de Larraitz Urruzola. Unha representación teatral infantil e familiar, duns 60 minutos de duración, inspirada no conto de Hoffmann. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky e está deseñado para ser interpretada tanto con formación musical como sen ela.

Os "carteiros do nadal" regresarán o sábado 2, luns 4 e martes 5 xaneiro ás rúas da Guarda(2 e 4 en horario: 17:00h a 20:00h e o 5 en horario: 10:30h a 13:30h). En caso de choiva esta actividade terá lugar no Centro Cultural.

O Martes 5 xaneiro terá lugar a Visita dos Reis Magos, que farán un percorrido polas diferentes rúas da vila, onde as luces que se repartirán entre os nenos os guiarán dende os balcóns e ventás das vivendas da vila. As luces, de fabricación local, xa se repartiron polos diferentes centros educativos da vila, para que os reis magos saiban onde teñen que deixar os agasallos, polo que teñen que deixalas colocadas nas fachadas das casas.

Máis actividades na Programación do Nadal 2020 na Guarda

o MERCADO DE NADAL
Na Praza de Avelino Vicente do 4 de decembro de 2020 ao 5 de xaneiro de 2021 coincidindo coa campaña de comercio e cultural adicada ao Nadal, en horario de 10:00h a 13:30 e de 16:00h a 19:00h

o VIDEOCHAMADAS COS REIS MAGOS
Os días 3 e 4 de Xaneiro os Reis Magos contactarán con todos aqueles nenos e nenas que o desexen, para participar nestas videochamadas é preciso que se inscriban nesta actividade dende o 15 de decembro acudindo ao Centro Cultural ou chamando ao 986 61 1850 en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 19:00h. Unha vez inscritos se lles proporcionará un código de acceso para ingresar na web: http://www.barafundaanimacion.com/videochamadas-nadal/ unha vez alí poderán concretar as súas citas cos reis magos.

PROGRAMACIÓN AXENDA DE NADAL:

DECEMBRO

MARTES 22, MÉRCORES 23 e XOVES 24 DECEMBRO
"Os carteiros do Nadal"
22 e 23 en horario: 17:00 a 20:00 horas
24 en horario: 10:30 a 13:30 horas

SÁBADO 26 DE DECEMBRO
Espectáculo infantil "Zona en obras" de Brais das Hortas
No Centro Cultural ás 17:30 horas. (inscrición previa)

XANEIRO

SÁBADO 2 DE XANEIRO
Teatro Infantil "O Crebanoces" de Larraitz Urruzola.
No Centro Cultural ás 17:30. (inscrición previa)

SÁBADO 2, LUNS 4 e MARTES 5 XANEIRO
"Os carteiros do Nadal"
2 e 4 en horario: 17:00 a 20:00 horas
5 en horario: 10:30 a 13:30 horas

MARTES 5 XANEIRO
Visita dos Reis Magos.
Os reis magos visitaran durante o día as diferentes rúas da vila.

MÁIS ACTIVIDADES

o MERCADO DE NADAL
Na Praza de Avelino Vicente do 4 de decembro de 2020 ao 5 de xaneiro de 2021 coincidindo coa campaña de comercio e cultural adicada ao Nadal, en horario de 10:00h a 13:30 e de 16:00h a 19:00h

o VIDEOCHAMADAS COS REIS MAGOS
Os días 3 e 4 de Xaneiro os Reis Magos contactarán con todos aqueles nenos e nenas que o desexen, para participar nestas videochamadas é preciso que se inscriban nesta actividade dende o 15 de decembro acudindo ao Centro Cultural ou chamando ao 986 61 1850 en horario de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 19:00h. Unha vez inscritos se lles proporcionará un código de acceso para ingresar na web: http://www.barafundaanimacion.com/videochamadas-nadal/ unha vez alí poderán concretar as súas citas cos reis magos.

Concello de A Guarda




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais